21.1.04

Pintadas

Ao principio de Doutor Marañón, a rúa á que acudo diariamente a traballar, apareceu unha pintada: «Na vida ha que forçar para ser alguem». A verdade é que para unha frase escrita desde a vocación marxinal e contracultural que se lle supón á literatura dos muros e das paredes, paréceme dunha filosofía pésima. Sobre todo, porque as connotacións da palabra «forçar» non son un alarde de honestidade nin remiten precisamente ao outro mundo posible que reivindica o movemento antiglobalización. Pola contra, os que se abren paso na vida «forzando» son os tránfugas, os corruptos, os insolidarios.

Con todo, recoñezo que hai pintadas maxistrais. Eu son un fervente admirador das boas pintadas, porque no seu conxunto son reflexo dun tempo. Seguramente esta da rúa Doutor Marañón tamén o é; dun tempo que ensalza o egoísmo como valor estético.

Unha das mellores pintadas que lembro apareceu, cando eu era aínda adolescente, na rúa Hernán Cortés. Consistía naquela inesquecible frase de «Por un Madrid libre y con salida al mar». Realmente, gustaríame saber quen foi capaz de concentrar tanta ironía en tan poucas palabras.

Ningún comentario: