19.2.04

Hábitos alimentarios

Hai uns días fun coa miña filla ao estanque do Castro para ver os patos. Iamos ben aprovisionados de pan pero, para frustración da nena, os animaliños non mostraban ningún interese por el cada vez que lles botábamos un anaco á auga. Afeita á avidez dos parrulos de Castrelos, sentiuse decepcionada. Os patos achegábanse ao pan, examinábano e, finalmente, ignorábano con indiferencia. De alí a uns minutos, e logo de varios intentos vans para engordar aos anátidos, chegou unha nai acompañada dun neno. Non traían pan pero, ante a nosa sorpresa, a muller sacou do bolso un paquete de gusanitos, que o neno abriu e comezou a botarlles á auga. En cuestión de segundos, toda aquela tribo de desgraciadas aves acuáticas lanzouse sobre os gusanitos, disputándoos ferozmente entre eles. A miña filla miraba para o neno con envexa mentres eu, abraiado, matinaba nas evidentes consecuencias do cambio de hábitos alimentarios que caracteriza o noso tempo. A vindeira xeración de patos vai ter graves problemas de colesterol.

Ningún comentario: