1.2.04

Verbum

A recente polémica sobre o Verbum non fai máis que constatar unha realidade: que é un museo sen ambición que naceu demasiado apegado ao oportunismo político.

O do Verbum é un proxecto tolleito, eivado desde a súa propia concepción, que non soubo arrouparse no seu entorno e que na actualidade está absolutamente desaproveitado, aínda que as súas potencialidades poderían ofrecer múltiples posibilidades de actuación. Hoxe por hoxe é un museo morto, que mesmo carece dun motor para xenerar actividades culturais, e non actúa como dinamizador para Vigo, aínda que estea, ora ben, albergado nun contedor de luxo, da autoría de César Portela. O Verbum conta curiosamente cun Consello de Expertos formado por persoas de grande prestixio pero que resulta escasamente operativo. No pasado mes de setembro a organización do museo nin sequera contemplaba a posibilidade de recibir visitas docentes de grupos, e nada editara a ese respecto para favorecer a súa divulgación en ámbitos académicos. E, para o seu desprestixio, os erros de contido que se poden detectar nunha visita ordinaria ás súas instalacións foron publicamente denunciados por diversos profesores da Universidade de Vigo. A páxina web do Verbum, nunca actualizada, segue anunciando a súa próxima inauguración. Resulta evidente que este museo reclama a berros unha reforma integral de concepción, espírito e contidos para non malograr unha idea que, ben asentada, podería ser ben fermosa para a cultura galega.

Ningún comentario: