28.2.07

Flashes de Vigo

Samil coas Cíes ao fondo
Á noitiña, en Samil o mar convértese nun dondo pano de prata que estira os seus dedos cara ás Cíes.

Rúa Urzáiz
A rúa Urzáiz, un dos principais nervios urbanos de Vigo, dedicada á memoria do relevante político da cidade, conxuga actualidade e tradición e redescobre a súa identidade a partir dunha nova fisonomía.

A alameda
Cunha carta baixo o brazo, atravesando ese pequeno pulmón verde que é a Praza de Compostela, conexión entre a beiramar e o corazón da cidade, alguén se dirixe ao remodelado edificio de Correos, de Gómez Román.

O Sireno
O Sireno de Leiro, mergullado nos fondos de Rande, pescuda entre os galeóns afundidos os fabulosos tesouros procedentes das Indias que en 1702 o mar da nosa ría enguliu nos seus intestinos para sempre.

Encrucillada
Coa súa luz láctea, a lúa irradia a confluencia de Urzáiz, Colón e Príncipe, un lugar aberto que recuperou para o seu embigo a farola centenaria, fundida nos talleres El Nervión, que deseñara Jenaro de la Fuente.

Xardíns de Quiñones de León
Os cativos enredan entre os labirintos de buxos que exhiben os xardíns do espléndido Pazo Quiñones de León, edificado en Castrelos no século XVII. Os xardíns do pazo son un agasallo para os sentidos.

As Avenidas
Entre Luís Taboada e Montero Ríos sorpréndenos o brillo da arquitectura contemporánea, dialogando cos máis fermosos edificios históricos
e creando, para Vigo, novos espazos de referencia.

Os mariñeiros da Gran Vía
Esforzados e desbordantes, os mariñeiros da obra escultórica de Ramón Conde reinventan, arrastrando as redes, os volumes urbanos que gobernan a confluencia da Gran Vía con Urzáiz.

Bouzas
A pérgola deseñada por Jenaro de la Fuente en 1928 redimensiona agora a Alameda e o seu entrañable sabor marítimo, atraendo os arrecendos oceánicos do seu casco vello. O último sol da tardiña agarima en Bouzas o sorriso dun neno.

Rande
As embarcacións deportivas serpentean con amabilidade no escenario natural da Ría de Vigo, atravesando a ponte de Rande, un dos símbolos da cidade, e conquistando o lugar ao que viaxara o Capitán Nemo.
Coa forza da tormenta, o ceo eléctrico de Rande ábrelle á cidade as portas do milenio.

O Areal
No Areal respira unha rúa inventada polas factorías de salgadura e a aparición dos primeiros edificios burgueses, que definen aínda hoxe a súa identidade.

A Praza da Estrela
A escultura do Nadador, de Francisco Leiro, amplía, co seu xigantismo, a superficie da Praza da Estrela e define e pecha a vocación atlántica desta cidade aberta, dinámica e salgada que é Vigo.

Beiramar
A luz do mencer prende no porto a enerxía anónima e colectiva que modelou a identidade viguesa.
Baixo o ceo inflamado, a gran urbe espreguízase ao longo da ría.
No Berbés, a desaparecida sombra das redeiras tómalle o pulso ao mar desde un familiar arrecendo a salitre e sardiña.

Castrelos
Os ventos do outono arrastran, morriñentos, as primeiras chuvias sobre Castrelos.

Praza da Constitución
Ese sabor de cidade antiga e familiar agroma na Praza da Constitución.

Praza Elípica
O futuro abre novos espazos, con formas de vangarda e elipse, no corazón arrítmico da Praza Francisco Fernández del Riego.

Praza da Industria
As palpables texturas e estruturas dunha cidade que traballa teñen a rugosidade da corda e do cemento.

Rúa do Príncipe
O antigo corazón da cidade, entre atascado e entolecido, da bombea a súa fachendosa contabilidade con desesperación.

25.2.07

Ugia Pedreira na Habana

O venres pola noite acudín ao concerto de Marful en Vigo. Excelente, como non podía ser doutro xeito, malia a acusada afonía que Ugia trouxo consigo de Cuba a consecuencia dunha gripe. O éxito do grupo no García Barbón foi clamoroso. Aínda que non podo ofrecer imaxes dese concerto de Marful, si podo ofrecer, en cambio, imaxes dunha das actuacións de Ugia Pedreira na Habana. Estes dous curtísimos vídeos, que eu mesmo fixen coa cámara de fotos, pertencen a súa actuación no Patio de los Laureles, na Feira Internacional do Libro da Habana, onde saíu ao escenario unicamente coa súa voz e unha pandeireta.



23.2.07

Perplexidade

A verdade é que non sei se me noqueou máis o jet lag ou o feito de que o concello onde vivo, Gondomar, volvese inesperadamente a min a tantos quilómetros de distancia, cando respiraba o cálido ambiente das rúas cubanas. De feito, aínda trato de dixerir a miña perplexidade ante sucedido, sobre todo cun concelleiro –o de Cultura– polo que, á marxe das ideas políticas, sentía aprecio. Todo isto prodúceme unha profundísima tristeza ao tempo que unha aguda desconfianza ante o comportamento humano. E, con todo, creo firmemente na incorruptibilidade ante a ambición, sexa económica ou política. Como tamén estou convencido de que quen xoga con lume acaba queimándose. É a vida, que non perdoa. E así ten que ser.

15.2.07

Crónica desde La Habana

Antonte o ceo de La Habana precipitou unha intensísima chuvia tropical sobre as nosas cabezas. A moitedume que asistía á Feira Internacional do Libro da Habana refuxiouse nos túneles de entrada á fortaleza San Carlos de La Cabaña, o fermosísimo marco que acolle unha das citas máis importantes do mundo do libro de Latinoamérica. Ante a imposibilidade de conseguir un taxi (apenas había e se chegaba algún desaparecía voando), as escasas opcións para saír daquel lugar cara ao centro da Habana puxéronnos a volta complicada. O regreso ao centro da cidade pasa exclusivamente por atravesar un tunel baixo o mar. Coa roupa e o calzado absolutamente enchoupados, ao cabo dunha eterna espera logramos apañar unha guagua. Os días normais a saída da feira efectúase sen tantos problemas pero tampouco é doada. Dentro do autobús achegouse a falar connosco, nun máis que aceptable galego, un negro cubano que aprendera portugués nun curso da televisión. Posteriormente, no centro da cidade puidemos coller un taxi que nos transportou ao hotel para secarnos.
O feito de que o goberno cubano optase por Galicia como país convidado na edición de 2008 da Feira Internacional do Libro da Habana é unha cuestión de enorme importancia para a proxección internacional do libro e da cultura galega. De feito, está levantando moitísima expectación en Cuba e as persoas que formamos a delegación galega observamos un vivísimo interese xa nestes momentos. Todos os sectores culturais cubanos mostran por iniciativa propia a súa vontade de colaborar na presenza de Galicia o ano vindeiro e as posibilidades son moitas. O reto está agora en que sexamos quen de levar unha oferta cultural e unha programación que sorprenda e mesmo supere en interese a boa programación arxentina deste ano, que acudiu cunha nutrida delegación de 180 persoas.
Os distintos membros da delegación galega somos requeridos constantemente polos medios de comunicación (prensa, radio e televisiòn) e onte mesmo apareceu media páxina sobre nós no Granma. Antonte, Miguel Anxo Fernán Vello participou nunha tertulia do programa de máis audiencia da televisión cubana xunto cos escritores Wole Soyinka e Elena Poniatowska.
Ademais, o goberno cubano está dándolle un tratamento extraordinario á delegación galega. Antonte, por exemplo, fomos todos recibidos polo histórico líder Jose R. Fernández, coñecido entre os cubanos por gallego Fernández, vicepresidente do Consello de Ministros, reunión á que posteriormente se uniu Iroel Sánchez, presidente do Instituto Cubano do Libro, que lle agradeceu a Miguel Anxo Fernán Vello e a Neira Vilas (que viu o pasado ano) o seu traballo representando á AGE para conseguir ese nomeamento de Galicia como país convidado no 2008. A pasada semana, Miguel Anxo Fernán Vello e mais eu, tamén representando á Asociación Galega de Editores (a que iniciou, a través de Fernán Vello os trámites para que esta realidade sexa posible o vindeiro ano coa posterior e decidida cobertura institucional da Consellería de Cultura) fomos convidados a unha recepción con Raúl Castro no Palacio da Revolución.
Por outra banda, a afluencia de publico á feria é abraiante, moi especialmente tendo en conta as interminables colas que os cubanos fan para poder entrar, pagando, ao recinto. Este ano o país convidado é Arxentina e o mañá venres terá lugar o acto de entrega a Galicia da condición de Convidado de Honra 2008. Non só será emotivo para nós senón para todos os cubanos, que senten un especial vencello co noso país.
Este ano, a Feira está dedicada ao escritor cubano César López, xa que logo remato cos seus versos sobre a cidade da Habana:

Para explicar la ciudad es necesario conocer muchas cosas.
La hora exacta de la salida del sol.
(...)
La ciudad estaba en una nube y fue enlazada por extraños hombres
que hasta hacerla bajar fueron tirando.
(...)
Que la ciudad se teje en ella misma,
se enreda y se embrolla hasta que sus habitantes reconocen
que están viviendo y viviendo en ella.
Usted no puede tal vez imaginarlo.

9.2.07

Feira Internacional do Libro de La Habana

Até o día 19 Cabrafanada pastará pouca herba. Estaremos na Feira Internacional do Libro da Habana, onde Galicia será o país convidado no 2008. Imos preparar o terreo e coller o relevo. Todo un recoñecemento internacional para nós. Este ano, o país convidado é Arxentina. Se tecnoloxicamente me é posible, farei algunha crónica caribeña sobre Cuba. Até daquela.

As Illas Cíes



Os romanos dicían que nelas habitaban os deuses. Desde alí, nesa confusión que se produce entre a auga e o ceo, sentíanse máis perto do sol. As Illas Cíes son a boca da Ría de Vigo. A boca, e o seu sorriso. Desde a cidade, pode verse a inmensa silueta do arquipélago, como unha balea durmida, vixiando a entrada ao mar vigués e sorrindo cara a urbe. Nas Cíes, as augas son de cristal e prata, esas «ondas do mar de Vigo» que cantou Martín Códax no século XIII. No outro extremo da Ría, onde esta remata terra adentro, outra illa, a de San Simón, triste penitenciaria durante o franquismo, amosa aínda as sabas vexetais coas que arrolou unha das alfaias da literatura universal: a cantiga de Meendiño.
Monteagudo, Illa do Faro e San Martiño: eses son os nomes das tres illas que conforman o arquipélago das Cíes. Bosques, areais, acantilados, praias (unha delas nudista), un lago de auga salgada, dunas e grutas debuxan unha paisaxe que é Parque Natural desde 1980 e Parque Nacional desde 2002. A area é branca, a cor da auga milagrosa e os fondos mariños hipnotizantes. E, como legado, os deuses deixaron unha reserva de flora e fauna, sobre todo aves mariñas. A unha hora de travesía en barco desde Vigo, con servicios turísticos mínimos, o viaxeiro entrégase, lidibinoso, ao paraíso.

8.2.07

As buguinas do medo

O martes estiven falando de medo en Pontevedra, xunto con María Reimóndez, na presentación de O son das buguinas, un libro de Implicadas/as no Desenvolvemento publicado por Xerais. Pero é un medo distinto. María marchaba hoxe un mes á India, a seguir trabanllando en proxectos de cooperación de IND. Para quen queira saber máis, recoméndolle ler Usha e asociarse a IND, que é unha das poucas oenegués galegas que ten proxectos de cooperación propios.

6.2.07

Yann Tiersen

A través de The ghosts you draw on my back descubro este vídeo de Yann Tiersen, o cantante francés máis chic do momento. Aínda que Tiersen xa era autor dunha ampla discografía, fíxose coñecido a partir da banda sonora da película Amélie. A cultura francófona, sen dúbida unha das máis interesantes da historia, ten capacidade para popularizar cousas coma esas ou coma esta xenialidade.


3.2.07

Binda e a gran idea

Recomendouma hai uns días Agustín Fernández Paz. Fíxenlle caso e vina antonte coas miñas dúas fillas e, ante a miña sorpresa, onte a pequena díxome que quería vela de novo. Dura media hora.

1.2.07

Café libraría en Varsovia

Recentemente recibín algunhas fotos da miña estancia en Varsovia. Esta que reproduzo fixéronma nun dos varios cafés-librarías da capital polaca. Son lugares agradabilísimos, aos que se pode acudir a tomar un café, ler un pouco se a un lle apetece, conectarse á rede cun portátil ou mercar un libro. E serven unha pastelaría caseira deliciosa. E todo, dentro dun ambiente recollido e fogareño. A da foto é a Tarabuk da rúa Browarna. Mágoa que nós non teñamos lugares así.