11.9.07

O gastrónomo

O gastrónomo estaba francamente anoxado. Pediu a conta para marchar canto antes. Co enfado, comezaba a revolvérselle o estómago. Naquel restaurante eran uns simples traficantes de comida e iso el non o soportaba. El, Cordón de Ouro da Gastronomía Hispánica. Para empezar, desde a última vez que estivera alí non fixeran nada por renovar a carta. Pedira un dos pratos máis delicados, lacón con grelos e nata feitos na súa propia xelatina, recheos con pasas gratinadas e servidos con culi de perdiz aromatizado de lombarda e castañas do Courel, e estaba francamente mal preparado. Pareceulle especialmente deleznable o exceso de cocción nas patacas, pero tamén lle desagradou o desproporcionado das gornicións. E, por se fose pouco, discutíranllo. A el, que era Pano de Ouro da Escola de Hostelería de Bordeaux. Así que, case sen probar as canas de nata e menta con chocolate quente que pedira de postre, pagou e saíu do local. O enfado alteráralle o sangue e sentía incómoda a dixestión. Por veces odiaba a súa profesión. Había cousas que eran moito máis do que un Mestre Asador da Cahine des Rotisseurs coma el podía soportar. Meteuse no coche coa intención de afastarse de alí canto antes. Pero polo camiño foise sentindo peor. O enfado provocáralle náuseas, cada vez máis frecuentes, e logo unhas terribles arcadas. Cada vez que se lembraba do intolerable exceso de cocción nas patacas, sentía a molestia da comida a fedellarlle no ventre. Coa rabia, estaba empezando a descompoñerse. De súpeto, non puido aguantar máis. Quixo parar o coche para saír, pero non lle deu tempo. Cando se deu conta xa o vomitara todo sobre o volante. Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo, pensou.

Ningún comentario: