31.3.07

A vida secreta de María Mariño

Sobre o día 13 de abril estará nas librarías o meu novo libro, A vida secreta de María Mariño. O libro publícase na colección Merlín, de Xerais. Este é o texto que figura na contracuberta:

A través das entretidas páxinas deste libro, o escritor Fran Alonso vainos contando a vida e a obra de María Mariño como se fose unha novela. Mesturando a realidade e a ficción, desvélanos a extraordinaria figura desta poeta desde o mesmo día en que naceu. De Noia ao Courel, pasando polas difíciles circunstancias da Guerra Civil, A vida secreta de María Mariño describe a personalidade dunha muller e dunha obra literaria de grande altura. O libro, que inclúe unha cronoloxía e unha antoloxía poética, é de lectura agradable, amena e desenfadada.

¿Quen era María Mariño?

María Mariño (Noia 1907 – Parada do Courel, 1967)
Debeu ser unha muller dunha forte personalidade, dunha vontade inquebrantable e dun carácter arrebatado. De feito, a súa poesía é tan arrebatada como arriscada, tan silenciosa como locuaz, e por veces tan extraordinaria como deslumbrante. Eu, a verdade, non podo dar por válidas as afirmacións de Uxío Novoneyra de que comezou a escribir a partir de 1957, cando xa vivía no Courel. Se cadra comezou moito antes, e Novoneyra nin sequera o soubo. Pero, en todo, caso, se non foi así, esta muller xa escribía case desde nena cada vez que miraba, cada vez que pensaba, cada vez que reflexionaba e cada vez que lía. A súa escrita supón unha actitude vital ante a existencia, tan profunda, tan arraigada na súa persoa que, en casos como o seu, vida e palabra, vida e escrita, son decidamente indisociables. Pagou o pato de ser muller, sen dúbida, e de contrario a súa obra sería moito máis extensa e moito máis recoñecida. De feito, custoulle atopar un editor para o único libro que viu publicado en vida. Conseguiuno coa axuda inestimable de Uxío. Pero, en todo caso, levaba a escrita tan interiorizada, tan diluída no seu sangue, que ela mesma era pura palabra, palabra no tempo (nese tempo sobre o que reflexionou con tanto acerto), e a súa palabra hoxe volve a nós, a través do tempo (sobre todo desde o seu, inequivocamente, mellor libro, Verba que comeza), e retorna con toda a potencia e a agudeza que ela encarnaba.
María Mariño foi escritora a pesar do seu tempo, e iso dío todo dela, do seu carácter e da súa ineludible vocación.

Un poema de María Mariño cantado por Uxía.

Fotos de María Mariño (pequena fotobiografía)

Reutilizando a información que empreguei para escribir o libro infantil A vida secreta de María Mariño, que publicou Xerais, aproveito agora para ofrecer en Cabrafanada unha pequena fotobiografía sobre María Mariño.


María Mariño Carou naceu nunha casa da Rúa Cega de Noia o día 8 de xuño de en 1907. Nestes momentos, cando se lle dedica o Ano das Letras Galegas, está a piques de se cumprir o centenario do seu nacemento. Os seus pais eran Xosé Mariño Pais, zapateiro, e Filomena Carou Lado, costureira. María foi a cuarta dos cinco fillos do matrimonio.





María Mariño pertencía a unha familia que tiña unha posición social lixeiramente máis elevada da media, pero viviu inmersa en continuos problemas económicos. Todos os irmáns tiveron que poñerse a traballar na súa infancia ou mocidade. En 1920, a súa irmá Concha, casada cun mariñeiro vasco, emigrou a Euscadi.





En 1926, cando tiña 19 anos, a súa familia trasladouse a Escarabote (Boiro). O traslado obececeu ao feito de que a súa tía Consuelo Carou –que traballaba no servizo doméstico do Pazo de Torres Goiáns– herdou, xunto co seu home (o mordomo), o devandito pazo, ao morreren os seus propietarios sen descendencia.




O traslado ao Escarabote fixo que María Mariño puidese visitar con frecuencia a rica biblioteca do Pazo de Torres Goiáns –hoxe en estado de abandono–, onde tivo acceso a moitos e, seguramente, enigmáticos libros. No ano 1936, decidiu trasladarse a Sopelana, no País Vasco, onde residía a súa irmá Concha. Durante a Guerra Civil, en 1937 viviu alí o cerco de Bilbao, feito que a marcará e que fará que, tempo despois, escriba un libro aínda inédito: Los años pobres, Memoria de guerra e posguerra. Posteriormente, regresou á casa materna de Escarabote.




En 1939, María Mariño casou en Escarabote con Roberto Pose Carballido, un mestre compostelán de 24 anos. Ela tiña 32 e a diferenza de idade entre eles fai que falsifique a súa data de nacemento, dando lugar a unha confusión que perdurará até os nosos días. En 1945, o seu home foi destinado a Elatxobe, no País Vasco, onde ela quedou embarazada. Ao rematar o curso escolar, regresaron a Noia. O neno, que naceu na zona mineira de Lousame, morreu aos dous meses de nacer.
En 1946 trasladáronse a Romeor do Courel, o novo destino de Roberto Pose, levando canda si a Filomena, a nai de María. Con todo, morreu aos poucos meses, e foi enterrada en Romeor. A proximidade das mortes (previamente morrera tamén o seu irmán Emilio) provocoulle a María Mariño unha profunda depresión.
En 1947, por recomendación médica, solicitaron un novo destino en Parada de Moreda, tamén un lugar do Courel pero mellor comunicado.





En Parada residiron na casa-escola que se pode ver nas fotografías. Eles vivían no piso superior e na planta baixa estaba ubicada a escola. A proximidade da casa familiar de Uxío Novoneyra fixo que establecesen unha intensa relación de amizade coa familia, moi especialmente coa nai e a irmá de Uxío e, posteriormente, co propio poeta.




En Parada do Courel, María Mariño e mais o seu home Roberto, trabaron amizade con algúns veciños. Permaneceron nese lugar até a morte de María, aínda que ela desexou durante moito tempo un traslado para A Coruña. A foto inferior é do arquivo de Visitación Vila, veciña de Parada do Courel.




En 1954, durante unha longa estancia de Manuel María na casa de Uxío Novoneyra, María Mariño coñece ao poeta de Monforte e establece unha relación de amizade con el.




Segundo Uxío Novoneyra, María Mariño comezou a escribir no ano 1957, primeiro en castelán e logo en galego. Con todo, é posible que comezase antes dese ano. En 1957 principiou o proceso de escrita de Palabra no tempo. Abaixo, a súa sinatura.




Esta é unha das fotos máis coñecidas de María Mariño. Foi realizada na solaina da casa de Uxío Novoneyra e nela aparecen, de esquerda á dereita, María Mariño, Uxío Novoneyra (detrás), Saleta Goy, Manuel María e Roberto Pose. A foto fíxoa o desaparecido libreiro Antón Patiño Regueira (propietario da libraría viguesa Librouro), segundo relatou o propio Manuel María.




En 1963 editouse o primeiro e único libro que María Mariño viu en vida. Acolleuno a luguesa editorial Celta, prologado por Ramón Otero Pedrayo, a quen a poeta noiesa non chegou a coñecer. A axuda de Uxío Novoneyra foi fundamental para que o libro vise a luz. Sobre María Mariño recaeu a desconfianza sobre a súa condición de muller nunha época en que non estaba ben visto que as mulleres escribisen. E ela sufriuno nas súas propias carnes.
Palabra no tempo é un libro de procura, de indagación, que se recrea na paisaxe, na infancia, en Noia, na lembranza da nai, e nos propios medos; un libro que rompe a fronteira da lingua para levar un paso máis alá a capacidade expresiva da poesía.




En 1965, María Mariño púxolle punto final á escrita de Más allá del tiempo, un libro que nunca se publicou até este 2007, redescuberto pola editorial Alvarellos en edición de Helena González. Mesturando poesía con prosa, este libro bota luz sobre algúns aspectos importantes da obra e da personalidade da poeta. Ela solicitáralle un prólogo a Anxel Fole, que nunca se escribiu.
En 1966 diagnosticáronlle a María Mariño unha leucemia, o que provoca que se poña a escribir enfebrecidamente, contra o tempo, un novo poemario, Verba que comeza, sen dubida ningunha a súa mellor obra, a máis profunda, radical, íntima e persoal. Remátouno en marzo de 1967 e morreu dous meses despois, en maio de 1967, cando estaba a piques de cumprir os 60 anos.





A sepultura de María Mariño está no cemiterio de Seoane do Courel, onde foi enterrada e trasladada a pé no cadaleito desde Parada.




Verba que comeza non se publicará até 1992. As escasas referencias á súa obra, o descoñecemento da súa vida, o seu afastamento do mundo cultural e a confusión en torno ás súas datas de nacemento, unido ao decisivo feito de ser muller, teceran en torno á súa figura unha desafortunada mitificación a través da que mesmo se chegou a cuestionar a súa existencia como persoa e como poeta.




A súa Obra completa non se publicou até 1994, na colección Biblioteca das Letras Galegas, de Xerais, en edición da profesora galego-catalana Victoria Sanjurjo.

O aumento da xornada lectiva

Indígname a posicións das ANPAS no conflito do novo horario lectivo proposto pola Consellería de Educación para os meses de xuño e setembro. Indígname porque me parece que están a adoptar unha postura cómoda para os pais e as nais pero pedagoxicamente perxudicial para os nenos e nenas. Indígname que se pretenda outorgarlle ao ensino o papel de «garderías» ou «aparcadoiros» dos cativos. É certo que a reducción da xornada neses dous meses ocasiona unha morea de problemas domésticos e que cómpre buscar solucións. Sen dúbida. Seino ben, pois eu tamén teño na casa ese problema coas miñas fillas e e vémonos obrigados a buscar solucións de emerxencia. Pero iso non xustifica que nos desfagamos do problema (que ten que ver coas necesidades familiares da sociedade contemporánea) botándollo enriba ao profesorado e ao horario lectivo. Mal favor lle facemos á pedagoxía. Que os rapaces poidan quedar nos centros escolares, sen dúbida, podería ser unha solución, pero agrandando a xornada lectiva, de ningún xeito. Vendo a postura das ANPAs o que me pregunto é con que lexitimidade se atreverán a solicitar no futuro melloras na calidade do ensino, sobre todo se agora están a demostrar que a cuestión da calidade do ensino ten para elas menos importancia que o feito de solucionar o problema de «aparcamento» dos pequenos. A miña postura hai tempo que a deixei clara.

30.3.07

Un adeus derradeiro

Un derradeiro adeus entrañable para Xosé Manuel Freire, que marchou abrazado á morte logo de deixarnos a lembranza da súa amizade e da súa vitalidade. En numerosas ocasións acudín ao seu programa literario en Radio Ecca en Vigo, que se emitiu os sábados pola mañá até que o corpo lle aguantou. Locutor radiofónico, profesor en Pontevedra, e crítico literario no Faro de Vigo e no semanario A Nosa Terra, Xosé Manuel botoulle un pulso á morte desde a pócima da esperanza e o embruxo da cultura. O pasado ano formou parte do xurado do Premio Merlín de Literatura Infantil. Un abrazo derradeiro, colega.

Volver aos 16

Emocionante coma sempre, esta obra mestra, esta inesquecible canción devólveme, coa forza dun imparable furacán, aos meus 16 anos, a onde retorno vital e inxenuo, fascinado e aturdido ante o mundo, que daquela se abría diante de min, con tanta ilusión e con tantos enigmas.

28.3.07

Documentación

Para min, que aposto en firme pola capacidade potencial de arquivo e documentación que posúen os blogs, este novo enlace sobre a miña obra, que xa está incorporado á columna dereita de Cabrafanada, constitúe unha auténtica fonte de recursos. A páxina inclúe artigos meus sobre literatura, textos de presentacións, críticas e reseñas sobre os meus libros, entrevistas e pequenas traducións. Parabéns ao valioso traballo que está a levar a AELG no seu Centro de Documentación a través do material que lle proporcionamos os escritores e escritoras.

27.3.07

Misterios da informática

Enviáronme este simpático enlace, que desvela algúns dos máis importantes misterios da informática no que respecta ao funcionamento do rato dos ordenadores, aclarando cal é o sistema co que, grazas ao rato, a frecha se despraza pola pantalla.

25.3.07

As Garotas

Cando se presentou no CGAC o Proxecto Edición acudín alí exclusivamente para conseguir o disco das Garotas. Para facerse con el había que mercar o catálogo da exposición, que o traía incorporado. Logo, cando saíu o disco singularizado, volvín mercalo, así que teño o mesmo cedé en dúas versións. Só por escoitar o tema (en realidade todo o disco é un tema único) «Vou ter a túa voz», xa paga a pena mercalo. Para quen non o teña, recoméndolle vivamente achegarse ao CGAC, para ter a oportunidade de coñecer o hip hop provocativo, directo e ao tempo poético de Paola e Sofía, As Garotas da Ribeira.

23.3.07

Señora Carme

O mércores pola tarde estiven a traballar man a man coa Señora Carme na primeira das sesións que temos previstas. Todo un pracer, coñecer a esa muller de voz profunda e dolorida, de 83 anos, que está a gravar un disco en solitario logo da súa experiencia en Malvela. Confeso que é para min unha verdadeira honra poder contribuír coa miña palabra escrita nun disco tan emocionante, que se está a preparar en Casa de Tolos baixo a man eficaz de Uxía e Segundo Grandío e que vai contar con magníficas colaboracións. O mellor para definilo é dicir que será un disco conmovedor.

21.3.07

5 motivos para ler poesía

O manifesto que escribín, por encargo da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, para o Día Mundial da Poesía 2007, que se celebra hoxe mércores 21 de marzo, xa se pode ler en varios lugares da rede. Titúlase 5 motivos para ler poesía. Ás doce da mañá estarei na Coruña, lendo o manifesto no mercado de San Agustín.

16.3.07

Lupe Gómez, a provocación libertaria

A miña colaboración no suplemento cultural Luces de El País de hoxe, venres 16, é sobre Lupe Gómez. Titúlase Lupe Gómez, a provocación libertaria.

Con Isaac Díaz Pardo

Os métodos que están a empregar para acurralar a Isaac Díaz Pardo son militares. Xa que logo, lanzo ao ciberespazo un berro de apoio e a miña solidariedade con el e cos traballadores/as do IGI. Das inxustificables formas da nova directiva despréndese que o fin xustifica os medios. ¿Esa é a nova filosofía que pretenden para o Grupo Sargadelos? Pois coa figura de Yolanda Castaño non van conseguir lavar a súa imaxe, cada vez máis opaca.
Con Isaac.


14.3.07

Che Comandante, de Nicolás Guillén

Estes días pasados, intentando colocar nas miñas sobrecargadas estanterías algúns libros que trouxen de Cuba, atopei tres edicións moi especiais que merquei na Feira. Son pequenos libriños grampados, de oito páxinas, con cuberta e contracuberta en cartolina, publicados con absoluto esmero pola Fundación Nicolás Guillén. Teñen unha tirada moi limitada (150 exemplares), dirixida a un público moi especial, e están editados nun fermosísimo papel e cun coidadoso tratamento tipográfico. Un deses libros reproduce o poema Che Comandante, de Nicolás Guillén. O curioso é que ese fermoso poema de Guillén (un autor que, por certo, está moi presente na miña propia poesía) traducino eu ao galego hai dez anos, a petición de Xosé Manuel García Crego, a fin de publicalo na revista (daquela en papel) Terra sen amos. De feito, o poema saíu no múmero 6 da revista, novembro de 1997. Agora, con tal motivo, decidín recuperar a tradución e reproducila en Cabrafanada.





CHE COMANDANTE

Non porque caeses
é menos alta a túa luz.
Un cabalo de lume
terma da túa escultura guerrilleira
entre o vento e as nubes da Serra.
Non por calado es silencio.
E non porque te queimen,
porque te disimulen baixo terra,
porque te agachen
en cemiterios, fragas, gándaras,
van impedir que deamos contigo,
che Comandante,
amigo.

Cos seus dentes de xúbilo
Norteamérica ri. Mais de súpeto
axítase no seu leito
de dólares. Encístaselle
a risa nunha máscara
e o teu grande corpo de metal
sobe, espállase
nas guerrillas coma tabáns,
e o teu ancho nome ferido por soldados
alumea a noite americana
coma unha estrela súbita, caída
no medio dunha orxía.

Ti sabíalo, Guevara,
pero non o dixeches por humildade,
por non falares de ti mesmo,
che Comandante,
amigo.

Estás en todas partes. No indio
con feitura de soño e de cobre. E no negro
revirado en escumosa multitude,
e no ser petroleiro e salitroso,
e no terrible desamparo
da banana, e na grande pampa das peles,
e no azucre e no sal e nas cafeeiras.
Ti, móbil estatua do teu sangue como te derrubaron
vivo, como non te querían,
che Comandante,
amigo.

Cuba sábete de memoria. Rostro
de barbas que clarexan. E marfil
e oliva na pel de santo raparigo.
Rexa a voz que ordena sen mandar,
que manda compañeira, ordena amiga,
tenra e dura de xefe camarada.

Vémoste cada día ministro,
cada día soldado, cada día
xente paisana e difícil
cada día.
E puro coma un cativo
ou coma un home puro,
che Comandante,
amigo.

Pasas no teu esvaído roto, esfarelado traxe de campaña.
O da selva, como antes
foi o da Serra. Medio espido
o poderoso peito de fusil e palabra,
de ardente vendaval e demorada rosa.
Non hai acougo.

¡Saúde Guevara!
Ou mellor aínda desde o cavorco americano:
Agarda por nós. Partiremos contigo. Queremos
morrer para vivir como ti viñeches morrer,
para vivir como ti vives
che Comandante,
amigo.

11.3.07

Normalización Lingüística

Non hai dúbida: a polémica obra de títires que a empresa Mekané Didáctica puxo en marcha no Verbum para favorecer a concienciación dos rapaces e rapazas a prol do galego constitúe unha metedura de pata de primeira liña e denota moi pouca sensibilidade por parte dos seus responsables con respecto ao que debe ser a normalización lingüísitica. As persoas que militamos na defensa da lingua galega tamén debemos mostrar a nosa discrepancia. É máis, as persoas que defendemos o galego sempre fuximos da confrontación porque sufrimos os seus efectos a diario, e sabemos que promovela non beneficia en nada á normalización lingüística nin á convivencia. A retirada da obra Os Barballocas, os salvadores da língua é unha boa nova para tod@s. Curiosamente, a súa programación foi permitida e asumida polo Concello de Vigo, gobernado polo PP, que demostra día a día a súa falta de criterio.
Desde logo, as persoas que montaron este proxecto teatral ignoran cal é o camiño e o sentido da normalización lingüística do galego, e o argumento da obra en cuestión é dun simplismo patético que, non se pode negar, mostra actitudes discriminatorias cara aos castelán falantes. As persoas que defendemos o galego e o falamos consciente e orgullosamente na nosa vida diaria sabemos que en ningún caso existen linguas boas e linguas malas, que todas son iguais por natureza (aínda que, por condición, ante a lei o galego siga sendo discriminado a cotío), como tamén sabemos que non existen persoas boas ou malas por falar nunha ou noutra lingua.
Xa que logo, súmome á condena sobre os desacertados contidos da obra infantil de Mekané Didáctica.
Ademais, as linguas son simplemente un instrumento de comunicación e a canle expresión dunha comunidade determinada ao que tempo constitúen un dos máis ricos patrimonios culturais do universo, incluída a lingua galega, a pesar dos provincianos que aínda hoxe pensen o contrario e afirmen que non é válida como lingua universal de acceso ao saber planetario. Sexa cal sexa a lingua que unha persoa fale, constitúe unha barbaridade que discriminala por ese feito.
Xa que logo, a denuncia pública feita por esa asociación ligada ao PP e chamada Vigueses por la Libertad ten lóxica. Ora, esa asociación é precisamente das que noutras ocasións crean discordia, confrontación e militan contra os dereitos dos galego-falantes e contra a propia lingua galega, respondendo ao espírito de crispación creado polo aznarismo. Sería moi positivo que esta asociación ampliase as suas denuncias exactamente coa mesma contudencia (non me explico os motivos polos que non o fan) a todos aqueles casos en que os dereitos dos galego-falantes son sistematicamente violados, desde o incumprimento do decreto de normalización lingüística nos centros de ensino que habilita aos alumnos para ter igual competencia nas dúas linguas, até o rexeitamento do galego nos xulgados (a min, por exemplo, impedíronme cubrir o Libro de Familia en galego en Vigo cando naceu a miña filla), sen esquecer a cotiá discriminación que sofren os galego-falantes nas entrevistas de traballo, por poñer tres exemplos simples. E, nese camiño, os Vigueses por la libertad, aínda teñen moito traballo que facer se queren convencernos de que son unha organización democrática e plural e que lles interesa de verdade a liberdade de tod@d e non só a súa. Por desgraza, en xeral carecen de credibilidade porque a súa liña aseméllase demasiado a outras.

9.3.07

Entrevista a Carlos Casares

Respondendo á iniciativa que nos formula Marcos Valcárcel, autor dun dos blogs máis interesantes da cibercultura deste país, recupero unha entrevista que lle fixen a Carlos Carlos Casares no Diario 16 de Galicia hai quince ou dezaseis anos. Aquelas eran unhas entrevistas moi breves, que eu realizaba para a contraportada do xornal. Como o único que conservo é precisamente unha fotocopia da contraportada e nesa páxina, desgraciadamente, no aparece a data, no sei exactamente o día en que foi publicada, aínda que con certeza é do ano 1990 ou 1991.





Carlos Casares Mouriño, escritor, é autor de novelas como Os mortos daquel verán ou Xoguetes para un tempo prohibido. Ademais, é tamén o director dunha editorial histórica: Galaxia.

O libro do que estea máis satisfeito.
—Aínda que é difícil de dicir, tal vez de Ilustrísima e de Os escuros soños de Clío.
—Un libro que lle gustaría publicar na súa editorial.
—Todos os grandes novelistas europeos do século XIX.
—Un escritor.
—Flaubert e Eça de Queirós.
—Un título.
—Madame Bovary.
—Un mestre.
—Tolstoi, como novelista.
—Algo que lle revolta o estómago.
—A intolerancia.
—Algo que lle produza vergoña allea.
—A ignorancia atrevida.
¿A que idioma lle gustaría que o traducisen?
—Ao inglés, porque non estou traducido a ese idioma.
¿Que eliminaría da cultura galega?
—A incultura.
¿Que lle falta á cultura galega?
—Máis cultura.
¿Que faría de novo se volvese a nacer?
—Probablemente vivir máis no estranxeiro.
¿Aceptaría ser Conselleiro de Cultura?
—Non.

6.3.07

Ataque Escampe

Hai tempo que quería reproducir aquí o único vídeo que existe en YouTube de Ataque Escampe, o grupo onde toca Samuel Solleiro (a guitarra e o violín). A canción do vídeo, «O ourizo», resultou o ano pasado gañadora do primeiro Certame de Canción de Autor, Utopía Son, que convoca o Café Uf de Vigo, e que tan boas lembranzas persoais me trae. Naquel Café Uf gañei algúns dos meus primeiros premios de poesía con poemas que posteriormente foron publicados na revista As follas de Sísifo, que editaba o propio café. Naquel local, que aínda pervive no Vigo de hoxe, vivín a mediados dos 80 varias redadas durante as que a policía nos poñía contra as paredes do local e nos cacheaba. ¡Tempos!

Aínda que a patética luz tenebrosa do vídeo non permite distinguir nada, na foto de abaixo pode verse a Solleiro, guitarra en man, á esquerda.

Pero a gran noticia hoxe é que A Regueifa Plataforma acaba de editar na rede o primeiro disco de Ataque Escampe, titulado Ed wood e a invasión dos paraugas asasinos. Parabéns. Podedes baixalo de balde, auténtico rock da serie B. Por certo, excelente o seu «Tango do Sintasol». Tamén está moi ben «Ana e o caracol» e «Mira», que é un poema de Chus Pato. O texto de presentación do disco é de Mario Regueira. Ataque Escampe está formado por Roi Vidal, Miguel Mosqueira, Samuel Solleiro e Alex Charlón. Para os miñoranos, a final de ano actuarán no Marrucho de Baiona e no Clandestino da Ramallosa. Para os vigueses, moito antes, o 5 de maio, en Contrabajo.







4.3.07

Dous poemas

Hai algún tempo atopei na rede un poema meu da época dos Oestrimnios. Se cadra non é tan antigo, pero non lle anda lonxe. O poema, titulado Pasaba Mondoñedo, foi publicado por Ediciós do Castro en 1989 na antoloxía «Concurso Nacional de Poesía O Facho (1978-1989)», tras quedar finalista nese certame. Posteriormente, recollino no meu libro Subversións. Por outra banda, na web de Bibliolaxe pode lerse outro poema meu, aínda inédito (non édito en papel, que na rede xa está), titulado A Volta dos Nove, que trata, efectivamente, sobre o tema ao que fai referencia o título. O poema foi escrito para formar parte dun proxecto discográfico.

2.3.07

Cultur.gal

A AGE presentou hoxe en Santiago de Compostela un evento cultural de gran trascendencia: o Cultur.gal, a Feira do Libro e da Industria Cultural que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 ao 13 de maio deste 2007. Será unha gran cita con toda a produción da industria cultural galega e posibilitará que os visitantes merquen calquera libro, disco, vídeo ou produto cultural que se estea a comercializar en galego nestes momentos. O Cultur.gal contará, ademais, cunha intensa programación en que haberá sinaturas de libros, concertos, proxeccións de cine e vídeo, debates, actividades infantís, talleres, cafés literarios, etc. Na presentación de hoxe interviñeron a Conselleira de Cultura, a Directora Xeral de Comercio, a Conselleira de Educación, o alcalde de Pontevedra e Alfonso Sanmartín, presidente da AGE. O director do Cultur.gal é Roberto Pérez Pardo. Será, sen dúbida, unha cita para non perderse.

1.3.07

Imaxes da Habana

O mar arremete contra o Malecón de La Habana como
unha luz carnavalesca.




En Cuba, o tempo vístese coa lentidude dun caracol
e detense para contemplar a vida.




Aprendimos a quererte
desde la histórica altura
donde el sol de tu bravura
le puso cerco a la muerte.
Hasta siempre, Comandante.




O sol caldea o Malecón,
que é un enredo de risas
para os adolescentes.






Coche americano con condutor cubano.




A Revolución pervive nos mercadiños de libros vellos.








O eterno encanto de La Habana Vieja.




Cuba si, Patria o muerte.




A Tribuna Antiimperialista
desde o coche.




Temporal no Malecón.




Hemingway e Fidel atrapados en
La Bodeguita del Medio.




Veciñanza habaneira.