27.4.07

Programa de actividades do Cultur.gal (1)

CULTURGALPazo da Cultura de Pontevedra
Do 10 ao 13 de maio

Páxina web do Cultur.gal
AXENDA DE ACTIVIDADES
[Os horarios das actividades recollidos neste programa poden estar suxeitos a alteracións de última hora. A entrada a todas as actividades é de balde, a excepción dos espectáculos que terán lugar no Auditorio, cun prezo moi asquible. Paralelamente a estes actos, as editoriais galegas representadas na feira organizarán sinaturas de libros e presentacións de novidades, que se anunciarán coa debida antelación no propio recinto].


ACTIVIDADES PARA O PÚBLICO INFANTIL

XOVES 10 DE MAIO
10.00-14.00 Curtametraxes infantís e xuvenís. Espazo: Sala de proxeccións.
10.00-11.00 / 11.00-12.00 Pasa corredores animados. Percorrido guiado pola feira mediante xogos dinámicos. Espazo: Recinto feiral.
10.30-11.30 / 12.00-13.00 Titiricircus. Espectáculo de títeres da compañía Tanxarina. Espazo: Salón de actos.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
11.00-14.00 Experimentar coa dobraxe cinematográfica. Espazo: Clúster do Audiovisual Galego.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-18.00 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
18.30-21.00 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.

VENRES 11 DE MAIO
10.00-14.00 Curtametraxes infantís e xuvenís. Espazo: Sala de proxeccións.
11.00-12.00 / 12.30-13.30 Pasa corredores animados. Percorrido guiado pola feira mediante xogos dinámicos. Espazo: Recinto feiral.
11.00-12.00 / 12.30-13.30 Os xigantes. Espectáculo teatral da compañía Miro Magariños. Espazo: Salón de actos.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-18.00 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
18.30-21.00 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.
20.00-21.30 Programa en directo do Xabarín Club da TVG. Espazo: Auditorio.

SÁBADO 12 DE MAIO
11.00-12.30 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
11.00-14.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
11.30-12.30 ¿E se o cantamos? Comedia do grupo Migallas que combina cancións infantís e escenas breves. Espazo: Salón de actos.
12.30-14.00 Obradoiro de cestería. Para rapaces de máis de 8 anos. Espazo: Foro infantil.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-19.30 Conta contos. Con Paula Carballeira. Espazo: Foro infantil
17.00-18.30 Actuación de Mamá Cabra. Espectáculo musical baseado en poemas de autores galegos de literatura infantil. Espazo: Salón de actos.

DOMINGO 13 DE MAIO
11.00-12.30 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
11.00-12.30 / 12.30-14.00 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
11.00-14.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
12.00-14.00 Actuación do grupo Na virada. Músicas de autor sobre textos de poetas galegos e outras populares da área galego-luso-brasileira. Espazo: Salón de actos.
12.30-14.00 Obradoiro de cestería. Para rapaces de máis de 8 anos. Espazo: Foro infantil.
16.00-20.00 Ludoteca. Obradoiros e xogos cooperativos. Espazo: Ludoteca.
16.00-17.30 / 18.00-19.30 Escola Sinsal. Obradoiro de Tecnoloxía e Historia do son e taller de música. Para maiores de 12 anos. Espazo: Escola Sinsal.
16.30-18.00 Obradoiro de separadores de libros e libretas. Espazo: Foro infantil.
18.30-21.00 Obradoiro de maxia infantil. Para rapaces de 8 anos en diante. Espazo: Foro infantil.

Programa de actividades do Cultur.gal (2)

ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
XOVES 10 DE MAIO
12.00 Pregón. Espazo: Café literario.
16.00-21.30 Curtametraxes e documentais galegas. Proxeccións en sesión continua. Espazo: Proxeccións
16.00, 18.00 e 20.00 Longametraxes galegas. Proxección de De profundis, de Miguelanxo Prado. Espazo: Salón de actos.
16.00-21.30 Experimentar coa dobraxe cinematográfica. Espazo: Clúster do Audiovisual Galego.
17.30-21.30 Oportunidades e desafíos para a cultura galega na internet. Coas mesas redondas “Creando raiceiras dixitais. Como se dixitaliza e publica o noso patrimonio cultural” (17.45) e “Cultura para a rede. Ideas para o futuro” (18.50). Péchase a xornada cunha entrevista (20.00) do editor Víctor Freixanes a Francis Pisani, un dos gurús das tecnoloxías da información. Espazo: Seminario II.
18.00-19.00 Lonxa cultural. Presentación de Misturados, disco en directo de Cristina Pato + Mutenrohi (Zouma Records). Espazo: Café literario.
19.00 Recital poético. Espazo: Café literario.
20.30 Palabras contadas. Presentación da exposición. Con Camilo Franco e Magín Blanco. Espazo: Café literario.
21.00 Pezas escénicas de Mofa e Befa. Espazo: Auditorio. Espectáculo de pago (entradas á venda no posto de información).

VENRES 11 DE MAIO
10.00-14.00 Xornadas técnicas sobre Internacionalización. Organizada pola Asociación Galega de Editores. Espazo: Seminario I.
16.00-21.30 Curtametraxes e documentais galegas. Proxeccións en sesión continua. Espazo: Proxeccións de arredor de 40 títulos.
16.30-21.30 Xornadas técnicas sobre Internacionalización. Organizada pola Asociación Galega de Editores. Espazo: Seminario I.
18.30-19.30 Lonxa cultural. Presentación do disco Engado de Xosé Lois Romero para Nova Galega de Danza (Falcatruada). Espazo: Café literario.
20.00-21.00 Homenaxe a María Mariño. Espazo: Café literario.
20.00 Concerto do grupo Malvela. Espazo: Salón de actos.
20.00 Xabarín Club. Emisión en directo do programa da TVG. Espazo: Auditorio.

SÁBADO 12 DE MAIO
11.00-21.00 Curtametraxes e documentais galegas. Proxeccións en sesión continua organizadas pola Axencia Audiovisual Galega. Espazo: Proxección de arredor de 40 títulos.
11.00-14.00 Acción grafitti. Creacións en directo do grafiteiro arousán Sekone, muralista e ilustrador do colectivo Dios ke te crew. Espazo: Entrada do Pazo.
12.00 Mesa redonda: A gratuidade do libro de texto. Coa participación de representantes de libreiros, editores e administración. Espazo: Seminario I.
12.00-13.00 Recital poético. “Prestidixitador e outras accións”, a cargo de Antón Lopo. Espazo: Café literario.
12.30-14.00 Premios da Asociación de Artes Gráficas. Entrega de premios e concerto de música clásica. Espazo: Salón de actos.
13.00-14.00 Pai Música. Presentación de Rompendo a marea, do dúo Setesaias. Espazo: Café literario.
16.00-18.00 Acción grafitti. Creacións en vivo de Sekone, muralista e ilustrador do colectivo Dios ke te crew. Espazo: Entrada do Pazo.
17.00 Mesa redonda: A adaptación literaria ao cine. Participan Manuel Castelao, Pancho Casal, Pere Roca e Antón Dobao. Coordina: Manuel González.Espazo: Café literario.
18.00 Presentación do videoxogo ELE (Efecto Ligado á Extinción), de Continental Producións.Espazo: Clúster do Audiovisual Galego.
19.00-20.00 Lonxa cultural. Presentación do disco Galegoz de Revolution Dance (Ouvirmos). Espazo: Café literario.
19.00-21.00 Festicultores Troupe. Música de pasarrúas. Espazo: Recinto feiral.
20.00-21.00 Recital poético. “Poetas galegos: das cantigas aos nosos días”, a cargo de Eva Veiga e o grupo Ouriol. Espazo: Café literario.
21.00 Longametraxes galegas. Proxección de De bares, de Mario Iglesias, Espazo: Salón de actos.
21.00 Concerto de Concha Buika. Espazo: Auditorio. Espectáculo de pago (entradas á venda no posto de información).

DOMINGO 13 DE MAIO11.00-21.00 Curtametraxes e documentais galegas. Proxeccións en sesión continua. Espazo: Proxeccións.
12.00-14.00 Acción grafitti. Creacións en vivo de Sekone, muralista e ilustrador do colectivo Dios ke te crew. Espazo: Entrada do Pazo.
12.00 Mesa redonda: Ilustradores e editores. Espazo: Café literario.
13.00 Recital. Textos literarios para nenos e mozos. Espazo: Café literario. 16.00-20.00 A animación cinematográfica. Exhibición de técnicas de capturas de movemento. Espazo: Clúster do Audiovisual Galego.
16.00-18.00 Acción grafitti. Creacións en vivo de Sekone, muralista e ilustrador do colectivo Dios ke te crew. Espazo: Entrada do Pazo.
17.00-18.00 Recital poético. Espazo: Café literario.
18.00-20.00 Festicultores Troupe. Música de pasarrúas. Espazo: Recinto feiral
19.00-20.00 Lonxa cultural. Presentación do disco Polo Aire!! de Quempallou (Zouma Records). Espazo: Café literario.
20.00 Pai Música. Presentación dos discos Funkatronic, de Moon Cresta, e do debut de Cornelius. Espazo: Café literario.
21.00 Concerto de Marful + Corpo de baile. Espazo: Auditorio. Espectáculo de pago (entradas á venda no posto de información).

Programa de actividades do Cultur.gal (3)

EXPOSICIÓNS PERMANENTES

BDbanda. Exposición de orixinais dos artistas máis destacados da banda deseñada galega. Golfiño en portada. Selección de 15 capas da revista infantil Golfiño e dos bosquexos previos realizados polo artista Fausto Isorna.

A ollada do desexo. Escolma de 69 fotografías realizadas entre 1933 e 1973 polo escritor Eduardo Blanco Amor.

Will Eisner
. 20 paneis nos que se homenaxea ao chamado creador da novela gráfica.

Palabras contadas. Instalacións e xogos audiovisuais baseados nos microrrelatos do escritor Camilo Franco.

Implicadas na pobreza

A miña colaboración de hoxe no suplemento de cultura de El País trata sobre a ONG galega Implicadas/os no Desenvolvemento, dirixida pola escritora María Reimóndez, que opera na India e en Etiopía.

24.4.07

PATTI (in excelsis deo), por Xoán Abeleira

Superadas as dificultades das pantasmas exipcias (vestidas de tecnoloxía enredante) que atentaron contra a integridade deste post, a continuación, reproduzo un interesantísimo, longo e persoal artigo sobre Patti Smith que me enviou Xoán Abeleira. Por certo, ademais de reinvindicar a poesía catalana, Patti Smith acaba de sacar un novo disco, así que está de actualidade.

No intre en que Patti Smith concibiu iste verso: “Xesús morreu polos pecados de alguén, mais non polos meus”, liberou a Humanidade do Pecado de Cristo. Disque Xesús morreu, en efecto, o venres pasado por mor da nosa maldade e pra redimi-lo mundo de toda a súa maldade. Pero non foi así. A morte de Xesús non erradicou o pecado do mundo nin as causas polas que seguimos a pecar niste mundo. O seu calvario, o seu espantoso via crucis foi un suplicio inútil. En qué cambiaron os homes que seguen torturando os homes como o torturaron a Il? En nada. Ó contrario: o sacrificio de Xesús, inmolándose naquela cruz que pareceu gañarse a pulso, asombrou por sempre o ceo primixenio no que nos ollabamos, deitando sobre nós o cachón do seu sangue. Pero mil novecentos setenta e cinco anos despois chegou Patti Smith coa súa lírica eléctrica e liberounos do Maligno coa pureza dun verso. Por iso eu creo nela e non en Xesús.



© Steve Klein

Cando Patricia Lee Smith era pequena en Pitman, New Jersey, preguntoulle un día á súa mestra qué significaba a palabra Tíbet. A mestra respondeulle que era “unha rexión de China”, e quixo saber ónde sentira esa palabra. “En soños”, retrucou ela. A mestra non deu creto, porque a mestra ignoraba que a cativa Patti Lee, igual que William Blake, vía os anxos coma quen ve un esquío nun alerce. Logo a nena debruzouse nun Atlas e descubriu que o Tíbet non era “unha rexión de China”, senón un país de sabios e de santos que os chineses invadiran –prohibindo a súa cultura, a súa fe, a súa lingua, como fan tódolos invasores. Entón decidiu escribir unha redacción contando ó mundo a verdade... Anos despois, ó abrir un disco dela, podes achar unha foto na que aparece sorrindo, moi humilde, a carón dun tibetano moi humilde que sorrí: o Dalai Lama.
A primeira vez que sentín a Patti Smith
foi nas mans de Teresa. Teresa era a rara da clase. A punkie da clase. A solitaria da clase. A rebelde da clase –e moitos adxectivos máis. Era tan, tan contraria á gazmoñería universal que, só por amola-las pijas de Mirasierra, era a única en bailar cos máis feos da clase, e, inda por riba, deixábase cotifar –dous actos de incrible compaixón que acordaban en min unha incrible tenrura... Teresa, ademais, amelaba o piano, e un día invitoume cas súa –normalmente en penumbra. E, pra demostrarme cánto aprendera xa, interpretoume unha canción que falaba dun triángulo amoroso: We three. Logo, cando vin na portada de Horses a célebre foto de Robert Mapplethorpe, decateime de que Teresa vestía, falaba, pensaba, sentía coma aquela rapaza con trazas de home.

Patti Smith, a Andróxina. A que non se depila. A que non se maquilla xamais. A min paréceme un ser insufriblemente erótico. Hai xente que non nos comprende. A nós: os que estarrexemos, os que estarrixamos véndoa acachoar. Ah, pero non é pra comela cando rompe a cantar Redondo Beach (“unha praia na que unha muller ama a outra muller”) e fai ise ttt-ttt-ttt-ttt-ttt estalando a lingua entre os dentes? Non é como pra adoptala –ou pedirlle que te adopte– cando se pon a bailar coa absoluta inxenuidade dunha muller-nena? Xaora.
A delgadeza de Patti Smith é unha delgadeza mística, mais tamén revolucionaria, pois, zangoneando un día polo seu París interior, á procura da sombra de Baudelaire, Patti viu unha pintada que rezaba: Viva a Anarquía. E daquela decidiu devir nise “i” acentuado.
“Nunca fodín moito co pasado, pero fodín a mazo co futuro”. O primeiro poemario de Patti Smith era unha Torre de Babel dedicada ó Futuro. Agora o Futuro dedícalle a ela tódolos seus poemas (babélicos).
Se o amor é –como semella ser– un “cárcere de amor”, que as miñas cadeas sexan as trenzas de Patti Lee. E a estación da miña Paixón, o seu verán caníbal. Porque “só aquiles que sufriron, comprenden a dor,/ e por iso tenden a súa man./ o trebón que nos fire/ tamén nos fertiliza...”
Ela é a única poeta –ou, se o prefiren, a poeta máis poeta– do folk/pop/rock. Hai moitos, si: Dylan, Cohen, Reed... –ou, se o prefiren, Brassens, Brel, Ferré...– ou, se o prefiren, Aute, Llach, Sabina... Pero iles casan máis ben coa idea que temos nós do cantante autor. Por exemplo: Aute é moito máis poeta cando escribe cancións que cando compón versos. Coma Dylan. Coma Cohen –e xa non digamos Sabina. Son –quitando se cadra Ferré– facedores de cancións que aspiran a poetas, aínda que ás veces o consigan. Pero Patti non. Patti é poeta sempre. Cando canta o seu enxame de Gloria(s) e cando escribe os seus Augurios de Inocencia. De feito ela, a diferenza dos cantautores, é unha poeta que entrou –abríndoo e espallándoo– no labirinto da música. E, de feito, pra ela cantar e recitar son unha mesma cousa: a Alquimia de Rimbaud.
A altura da imaxinación poética de Smith advírtese nesta estrofa d’Un lume de orixe descoñecida: “a morte vén varrendo/ polo vestíbulo/ coma un traxe de señora”. Fíxense que non di “cun traxe de señora” senón “coma un traxe de señora”. Unha comparación que, ó meu xuízo insán, cóntase entre as máis marabillosas da historia da Literatura. Créanme: tan só unha poeta real/mente surreal pode respirar así: “a morte vén varrendo/ polo vestíbulo/ coma un traxe de señora/ a morte vén cabalgando/ pola autopista/ co seu traxe de domingo// a morte vén conducindo/ a morte vén reptando/ a morte vén/ e eu non podo facer nada...”
En 1978, no Rock Garden de London, Patti a Contorsionista fixo “a ponte” cara á atrás, abríndose de pernas e expoñendo a súa cona, coma o cadro de Courbet. Foi un momento “de entrega absoluta, de abandono absoluto” a ise “pobo non dividido” que é quen debería ostenta-lo Poder.
A escrita de Patti Smith é máis ben unha es/crica: ti, muller poeta, es unha crica disposta sempre a recibir e concibi-lo milagre. O seu é un logos spermatikos: “Eu non considero a escrita coma un acto sosegado e íntimo, senón coma un acto verdadeiramente físico. Cando estou na casa escribindo, diante das teclas, póñome coma tola. Bulo coma un mono. E, ás veces, mesmo chego a humedecerme, a correrme nas bragas escribindo...”
Space Monkey. Cando eu era adolescente, non podía aturar esa canción tan heavy. Un conxunto sonoro de tamaña intensidade que me desacougaba a feito. Agora, se me pedisen que elixise a canción rock por antonomasia, escollería ise despegue á lúa que comeza: “he says, oh man, I don’t get the picture. this is no picture. this is just... this just-a... this just-a... this is my jack-knife. this is my jack-knife. this is my jack-knife. this is my jack”, e remata nun agrúúúú.
Nigger: hai uns días, o alcalde de New York prohibiu oficialmente o uso desa palabra na cidade. Algo así como “negraco”. Pero Patti a Ferreira (Smith), a xamana que danza descalza, deulle a volta a ise termo despectivo o día da súa Pascua: “érguete negro, ocupa o teu verdadeiro lugar. érguete negro, si, tamén cómpre redefinir esta palabra.” Nigger pasou daquela a ser sinónimo de persoa libre, de resistente libertario que –como dixo o Paul Weller dos Jam– “non quere nada do que esta sociedade lle dá”. E, se con aquela frase sobre Xesús coa que iniciara a súa carreira, Patti Smith nos redimira a todas e a todos do concepto do pecado, co seu rock N roll nigger puxo en valor tódalas e tódolos marxinados do devir da Humanidade. Coma o propio Xesús –di ela. Coma Jackson Pollock. Coma a miña avoa –di ela. Coma ise negro-de-merda-xenial que foi Jimi Hendrix. E, abofé, coma ela mesma, que endexamais deixou de ser unha salvaxe iluminada á marxe da sociedade.

19.4.07

De Utrecht a Pontevedra

Escribo este post expres desde Utrecht, en Holanda, a onde acudín a dar unha conferencia convidado polo Instituto Cervantes. A cidade é pequena e coqueta, con canles semellantes aos de Amsterdam. Hoxe chega tamén Lino Braxe, que tamén participará comigo no acto público. Retorno o sábado pola noite e o vindeiro domingo pola mañá estarei asinando libros na Praza da Ferrería de Pontevedra, con motivo do Día do Libro.

14.4.07

Sen palabras

Esta é unha das fotos máis significativas que fixen nos últimos tempos.

A cita do Cultur.gal

Onte venres fixemos en Pontevedra unha nova presentación do Cultur.gal, esta vez cun importante avance de actividades. A Feira do Libro e da Industria Cultural, que se celebrará do 10 ao 13 de maio no céntrico Pazo da Cultura de Pontevedra terá entrada gratuíta e será unha cita ineludible para poñerse ao día do que se está a facer hoxe na creación galega: libros, discos, vídeos, novas tecnoloxías... Entre as actividades que xa se poden ir dando a coñecer figuran unha actuación de Mofa e Befa para o venres 11 co seu último e inesquecible espectáculo, un concerto de Marful para o domingo 13 co seu completo Salón de Baile, unha gravación en directo do Xabarín Club, un concerto de Concha Buika que tamén se integra no Cultur.gal o sábado 12, animación no recinto feiral a cargo dos Festicultores durante o sábado 12 e o domingo 13, a presentación diaria de discos de música galega, sinatura de libros, mesas redondas, debates, proxeccións de películas, curtametraxes, exposicións, unha homenaxe a María Mariño, programación infantil específica con grupos musicais como Mamá Cabra, Migallas, Na Virada, e os títeres de Tanxarina, ludoteca para os máis pequenos, talleres, obradoiros, café literario... e isto é só o comezo. ¿Hai alguén que se queira perder semellante oferta?


9.4.07

No silencio cósmico

Outra vez venteou a morte. Esta vez fíxoo sobre o editor Carlos Díaz, cuxa desaparición me colleu ausente. Non sei se no silencio cósmico ao que marchou se poderán facer preciosísimas edicións artísticas ou haberá chuletóns de boi. Se fose así, alí estará el, dando conta de ambos os dous nobres labores. Unha aperta infinita, Carlos.

6.4.07

Cabrafanada

Contei nunha entrevista que Cabrafanada é un tópónimo existente na zona do Val do Tamuxe. Efectivamente. Creo lembrar, cando o descubrín, que se escribía separado: Cabra Fanada. Ben, pois, á marxe do topónimo, no que a min se refire, Cabrafanada non naceu neste blog, senón nun relato, titulado «Depende de nós», e publicado no ano 2001 no libro infantil Contos para levar no peto. Xa que logo, reproduzo a parte do relato onde se fala dese territorio chamado Cabrafanada:

Todo aquilo era ridículo. Moitas cousas que lle estaban a pasar non lle cadraban, pero agora non tiña ganas de pensar nelas. O que de verdade lle apetecía era ir falar coa Xirafa, unha boa amiga que vivía nas aforas da cidade, nun lugar tranquilo chamado Cabrafanada. Así que colleu o tranvía que a deixaba máis perto de alí. Quería visitala porque era a súa mellor amiga. Estaba segura de que nunca se esquecería dela, a pesar dos seus problemas de memoria. As amizades levábaas sempre prendidas no corazón.
(...)
Ela observou detidamente o pescozo da súa amiga Xirafa, recortado contra os edificios da cidade, que se albiscaban ao fondo. Sentíase feliz. Sempre que visitaba á Xirafa tiña a sensación de que logo retornaba coas enerxías renovadas, coa alma chea de forza e de luz, perfumada, e co corpo tan relaxado coma se a penas lle pesase. Era exactamente o que se di unha boa amiga, a Xirafa.