21.7.07

A extrema dereita do PP

Acebes, que se está a converter no símbolo da ultradereita do PP, impúxolle o seu equipo a Piqué e este dimitiu. ¿Alguén se atreve agora a negar que Acebes lle impuxo a Alberto Núñez Feijoo a súa sorprendente volta atrás no consenso do decreto do galego no ensino?

19.7.07

Chuvia

A ver se remata por fin este mes de abril e se achega o verán.
Xa teño ganas, sobre todo porque me entra auga nas sandalias.

16.7.07

Blogueiros en A polo ghit

Tres blogueiros participan este ano na segunda edición de A polo ghit, o concurso da Radio Galega e Vieiros para elixir a canción do verán. Son Infixo (clarinete e asubío), O funambulista coxo (voz e guitarra) e Curioso impertinente (caixón e edú). Do primeiro, Noli Moo, aínda que ten o seu blog desatendido debido á súa entrega á política local de Salvaterra, sabemos que formou parte das Arroutadas poéticas. Do segundo, David Rodríguez, aínda conservamos o magnífico sabor de boca que nos deixou a súa eficaz vocación literaria en O bambán, a obra gañadora do I Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Do terceiro, Felix Rodríguez, sabemos que ademais dun bo gaiteiro e ex-profesor de gaita, é un experto coñecedor do panorama musical galego, como podemos ver no seu blog.

12.7.07

Berlín

Berlín, o poemario de María Lado, está dispoñible en audio (descargable en mp3) ou pdf en A regueifa plataforma. O libro fóra publicado en 2005 polo Galicia Hoxe. É un poemario tan sinceramente espontáneo e entrañable como todos os de María, agora recreado con vocación de spoken word desde a colaboración musical de Fanny + Alexander. Recoméndovos vivamente que o escoitedes. Paga moito a pena.


9.7.07

Cemiterio de elefantes

Acaba de saír publicada a 6ª edición de Cemiterio de elefantes, revisada por min e actualizada conforme a normativa ortográfica vixente. O libro publícase no formato canónico da colección Narrativa de Xerais. Cemiterio de elefantes é para min como unha especie de viveiro persoal ao que a miña obra sempre retorna para identificarse e medrar. Este é o texto que leva na contracuberta:



En
Cemiterio de elefantes a protagonista é a noite, a noite como sinónimo de maxia, de complicidade, de vida, de esperanza, de encanto, pero tamén de erosión, de soidade, de clandestinidade, de anonimato, de silencio e de frustración. Cunha estrutura singular e ubicado no espazo xeográfico de Vigo, este libro cóntanos –con frescura, humanidade e ironía– historias nocturnas e urbanas cargadas de melancolía e humor que nunca nos deixan indiferentes. As páxinas de Cemiterio de elefantes percorren con acidez a paisaxe nocturna, a través de certa estética radiofónica. Na súa escrita húmida refúxianse noctámbulos, camareiras, travestis, estudantes, taxistas, varredores, persoas solitarias, insomnes, xornalistas... que gozan ou sofren o efecto devastador da noite descubrindo as entrañas da cidade. Espazos literarios e personaxes de Fran Alonso como Almas perdidas, Corazóns Solitarios e a Señora Lola naceron neste libro, cuxa trama comeza ás 12.00 AM, cando a noite cae sobre Vigo, e remata ás 8.00 AM, co amencer dun novo día.

6.7.07

Carlos Blanco

Hoxe, a miña crónica no suplemento Luces de El País é sobre Carlos Blanco. Titúlase «A respiración de Carlos Blanco». Por certo, actúa esta noite ás once no Bar Pénjamo, na praia de Patos (Val Miñor).

3.7.07

O decreto do galego / El decreto del gallego

Feijoo di que o PP aposta polo bilingüismo harmónico nas aulas. ¿Que é o bilingüismo harmónico? ¿Que se indique que o 30% das asignaturas deben ser impartidas en galego e, en consecuencia, o 70% en castelán, como ocorría até o de agora? ¿Que en realidade nin siquera se cumprise ese 30%, como viña sucedendo até o de agora, porque o anterior decreto se incumplía sistematicamente en moitos centros?
¿O feito de que a metade das asignaturas se impartan en castelán (50%) e a outra metade en galego (50%), como establece o novo decreto, parécelle a Núñez Feijoo unha imposición do galego? ¿E o que sucedía até o de agora, que o 70% das asignaturas se impartisen en castelán, non lle parecía imposición ao PP?

Propoño que a rede se mobilice a favor do novo decreto, pois é preciso contrarrestrar o discurso reaccionario, mentiroso, alarmista e perverso do PP.

Feijoo dice que el PP apuesta por el bilingüismo armónico en las aulas. ¿Que es el bilingüismo armónico? ¿Que se indique que el 30% de las asignaturas deben ser impartidas en gallego y, por consiguiente, el 70% en castellano, como sucedía hasta ahora? ¿Que en realidad ni siquiera se cumpliese ese 30%, como hasta ahora, porque el anterior decreto se incumplía sistematicamente en muchos centros?
¿El hecho de que la mitad de las asignaturas se impartan en castellano (50%) y la otra mitad en gallego (50%), como establece el nuevo decreto, le parece a Núñez Feijoo una imposición del gallego? ¿Y lo que sucedía hasta ahora, que el 70% de las asignaturas se impartiesen en castellano, no le parecía imposición al PP?
Propongo que la red se mobilice a favor del nuevo decreto, pues es preciso contrarrestrar el discurso reaccionario, mentiroso, alarmista y perverso del PP.


_________________

NOTA IMPORTANTE: Este post está redactado seguindo a filosofía do novo decreto do galego (proporción 50%-50%). Se o redactase seguindo a filosofía do anterior decreto, vixente até hai uns días, este post estaría redactado maiormente en castelán (70%) e unha pequena parte en galego (30%). O espírito deste post, para Nuñez Feijoo, é unha imposición.

NOTA IMPORTANTE: Este post está redactado siguiendo la filosofía del nuevo decreto del gallego (proporción 50%-50%). Si lo redactase siguiendo la filosofía del anterior decreto, vigente hasta hace unos días, este post estaría redactado mayormente en castellano (70%) y una pequeña parte en gallego (30%). El espíritu de este post, para Núñez Feijoo, es una imposición.

1.7.07

O pregón, enteiro

Ante a solicitude dalgunhas persoas que deixaron comentarios, publico o pregón enteiro. A primeira parte –a que faltaba– é a máis ficcional. Pode lerse no post anterior, xa completo.