10.1.08

Uxío Novoneyra

No blog Dis ti! ao que facía referencia no post anterior dei cun documento sonoro interesantísimo. Trátase dun vídeo con imaxe fixa (excepto a circulación dos textos) de Uxío Novoneyra. O vídeo procede da páxina web que se xestiona desde Barcelona e que reivindica o Día das Letras Galegas 2010 para Uxío Novoneyra. O máis relevante é que os vídeos recuperan a voz de Uxío recitando os seus propios poemas: «Letanía de Galicia» nun deles e «Vietnam canto» no outro.
Eu vin recitar a Uxío Novoneyra en varias ocasións e mesmo participei con el nalgúns actos poéticos, pero o que teño máis gravado na memoria foi un recital que ofreceu no auditorio de CaixaGalicia en Compostela, supoño que no ano 1987 ou 1988. Moi poucos meses despois (¿ou se cadra foi antes?) naquela mesma sala acudín a un recital de Ronseltz durante o que o grupo leu o seu irónico «Novoneyra en Nova York».
Agora, estes vídeos permítenos recuperar para a colectividade a voz profunda, intensa e entregada de Uxío.






Ningún comentario: