4.9.08

Crise poética, na miña hemeroteca

Acababan os 80 e comezaban os 90

A poesía... ¿en crise?

«Iso da crise da poesía xa se dicía en Roma na época de Catulo e Ovidio», di Xosé Luís Méndez Ferrín, «son alarmismos, pero a poesía é eterna». A poesía é eterna, perenne, pero ¿cal é a situación da poesía nos nosos días? ¿Que pasa en Galicia nese difícil terreo da literatura?



Pero para falarmos de crise, palabra que a maior parte dos poetas rexeitan, hai que distinguir, se cadra, entre crise de mercado, crise de lectores, crise de creatividade, crise editorial ou crise intelectual. Demasiada crise para un xénero tan desprotexido pero tan visceral, tan falto de lectores coma posuidos dos adictos máis fieis. Para Román Raña está en crise a propia linguaxe poética: «antes, os movementos estéticos sucedíanse uns ós outros, pero a partir das avangardas os movementos poéticos estancáronse e non atopan o camiño renovador. Neste sentido, no século XIX o poeta era un guía, e cumpría un certo papel romántico. No século XX esa función desaparece, e a propia dificultade da linguaxe poética fai que os lectores deserten. É certo que a poesía nunca poderá ser un xénero maioritario, pero os poetas temos parte de culpa», confesa Román.
Claudio Rodríguez Fer asegura que non existe crise desde un punto de vista literario, pero si existe desde o punto de vista social ou sociolóxico porque hoxe a comunicación non pasa pola poesía de maneira masiva. Isto non quere dicir que a poesía actual sexa de inferior calidade. «Somos nós os que estamos en crise», di Xosé Vázquez Pintor, «nós e os lectores, sobre todo os lectores de poesía. Só unhas cantas persoas cun maior grao de sensibilidade do normal len hoxe poesía. Isto é un reflexo da nosa sociedade actual, triste e noxenta, falta de sensibilidade». Para Ramiro Fonte o concepto de crise arrinca da Revolución Francesa e do romantismo: neste tempo as grandes verdades póñense en entredito. Desde ese punto de vista teorizouse a crise do poético, pero o poético segue a ser posible. Ruptura e avangardismo compráceronse nese concepto de crise, pero a poesía segue adiante».
Para Manuel Rivas, hoxe fálase de crise ou de certa sequía porque anteriormente se pensou que estabamos nunha «década prodixiosa». Para o autor de «Ningún cisne», está claro que é un espellismo tanto falar de Idade de Ouro coma de crise. «Se cadra», di Manolo Rivas, «o maior gancho que a narrativa ten fai que a poesía quede un pouco escurecida, pero se cadra tamén lle vén ben o feito de que a poesía teña que tirarse un pouco ó monte e volverse clandestina. De tódolos xeitos, a poesía sempre foi unha flor prohibida e non podemos manexar criterios de éxito ó falarmos dela».
Xesús Rábade cre que a poesía goza de boa saúde, con excelentes perspectivas en toda Europa, gracias á súa novidade e forza comunicativa nunha pluralidade de rexistros varios e contrastados, e todos eles son válidos. Luís Rei Núñez di que é certo que hai menos poemarios nas librerías, en parte porque a maioría dos poetas cultivan con éxito a narrativa, pero aínda que a poesía é un xénero minoritario sempre ten a posibilidade de romper barreiras. «En Portugal, Eugenio Antonio de Andrade leva máis de 20 poemarios publicados con tiradas de 20.000 exemplares, e en España hai xente coma Rafael Alberti, que tamén é un poeta moi lido. Nese sentido, en Galicia tivemos un auténtico fito poético que foi Celso Emilio Ferreiro. Hai outras presencias que puideron ter recollido ese eco –Manuel María ou Uxío Novoneyra– pero non o fixeron. Estamos nun momento de transición e a poesía galega debe decantarse». Miguel Sande, que acaba de publicar o libro de poemas «A traxectoria caótica do péndulo» na colección Dombate declara: «...non sei exactamente se crise, pero entendo que a nova poesía galega, a que se está a editar agora, é unha poesía moi intimista e moi esteticista. Ese é o seu pecado. Eu, co meu libro tratei de me apartar desa expresión. Se cadra hai demasiada xente que fai uso do intimismo nuns tempos moi pouco propicios para esa expresión».
O editor Olegario Sotelo Blanco, que mantén na súa editorial a colección de poesía galega máis prestixiosa, Leliadoura, di que «me preocupa, desde unha posición de defensa da poesía galega, que os poetas deixen a poesía e pasen á narrativa, con resultados mediocres». Sotelo Blanco fala de certo estancamento da poesía e denuncia a falla de interese dos poetas por promocionar ese xénero: «nós tivemos problemas cando os libreiros organizaron varios recitais e de 14 poetas só apareceu un. E nós, desde o Premio Leliadoura e a colección de poesía, facemos un esforzo por sacar adiante este xénero. Nese sentido, quérolles facer unha chamada de atención ós poetas».
E a maior parte dos poetas falan de crise editorial: «o único lugar onde existe crise é nas editoriais, que por cuestións de marketing deixaron de publicar poesía», di o crítico Luciano Rodríguez, «pero trátase dunha falla de planificación editorial, porque a poesía nunca foi rendable e sempre foi editada. Hai editoriais que levan dous anos sen publicar ningún libro de poesía. Hai textos que os poetas teñen inéditos que son tan bos ou mellores cós publicados. Coido que asistiremos pronto a un rearme, vaise retomar a etiqueta de a onda da “nova poesía galega” porque os propios poetas están moi interesados en publicar».
¿Crise da poesía? Non, di rotundamente Lino Braxe. O que existe é unha falla de sensibilidade das persoas que levan as editoriais para facer que a poesía teña forza. Galicia. literariamente, sempre foi un país cunha grande capacidade para a poesía. A poesía nunca foi negocio, e as editoriais prefiren non publicala. O que existe é unha crise de valores que afecta á poesía. Na sociedade actual non hai solidariedade, non hai conceptos revolucionarios, sen embargo todos sabemos calar moi ben. Existe unha perda dos valores humanísticos e o sentido positivo da poesía está relacionado con todo iso. Hoxe prima o sentido negativo. A crise está no home e na sociedade, non na poesía. «Non coñezo ningún periodo histórico en que houbo crise na poesía», resalta Chus Pato, e en base á producción poética non se ve a crise por ningures».
Para Bernardino Graña tampouco existe crise, o que existe é un grande baleiro e desinterese nas editoriais. «Hai poemarios bos que non teñen saída, e iso é horrible. En Galicia sempre houbo moitos poetas, e nese sentido non temos nada que envexarlles ós poetas do resto do mundo, e se non comparamos cos portugueses, que fan un poemiña sen forza ningunha, ou cos españois, levamos ventaxa.
Paco Souto, un dos nosos poetas novos máis activos, promotor de numerosas iniciativas alternativas, di que «mercantilmente é un xénero pouco competitivo, especialmente nun país onde hai que buscar os lectores baixo as pedras», e engade que «a poesía é un virus do que a sociedade actual e a galega en particular parecen estar vacinadas».
Falar a partir da tradicional diferenciación por xéneros é difícil para a rupturista Margarita Ledo. «A linguaxe poética dáse tamén cando consigues outros niveis da linguaxe. Nese aspecto, como medio creativo non existe a crise. Hai crise como xénero comercial, pero daquela habería que falar de crise da literatura». Tampouco existe crise para Miguel Anxo Fernán-Vello, quen cre que «a poesía contemporánea é rica, viva e complexa». Para este autor a crise está, outra volta, na sociedade e no receptor: a poesía está separada do receptor por causas que teñen que ver coa sociedade: intereses económicos, ideolóxicos, etc.
En todo caso, e como Avilés de Taramancos di, a poesía sempre está en crise porque poesía, etimoloxicamente quere dicir agonía, loita para estar vivo e presente.


Fran Alonso, Diario 16 de Galicia, 31 de xaneiro de 1991

Ningún comentario: