28.2.08

Imaxes da Feira do Libro da Habana

Imaxes da recén clausurada Feira do Libro da Habana, o primeiro gran salto internacional da cultura galega.






Entrada ao recinto fortificado de La Cabaña, onde se celebra a feira internacional do libro da Habana.










Gaiteiros das agrupacións de emigrantes da Habana percorren a feira.



Dedicatoria de Fidel Castro a Xosé Manuel García Crego como tradutor de Fidel Castro. A miña vida (Xerais, 2008).






Xosé Manuel García Crego entrevistado pola Televisión Cubana.


Marisa Núñez, autora de Cocholata, diante dun grupo de escolares cubanos.


Antón Riveiro Coello e Agustín Fernández Paz nos Escontros con Escritores do Pavillón de Galicia.


Luís Bará no acto de clausura da Feira do Libro.


O público follea e merca os últimos libros galegos cando a feira chega ao seu fin.


Estado das estanterías do estand de venda de libro galego nos últimos días da feira. Xa case sen existencias.


Rosa Aneiros saúda a Neira Vilas.




Suso de Toro e Xabier P. Docampo no aeroporto da Habana.

23.2.08

O recoñecemento de Galicia

A última tarde de hoxe, o libro galego estaba practicamente esgotado no estand dos editores da Feira do Libro da Habana. A venda de libro galego continúa imparable. Estamos quedándonos sen existenias e de moitos títulos xa non quedan exemplares. No marco da densisima programacion galega na feira, hoxe houbo varios actos importantes, pero sen dúbida o máis relevante foi o acto oficial de entrega do testemuño de cultura invitada a Chile. No acto estiveron presentes o Director Xeral de Creacion e Difusion Cultural, Luís Bara, o Ministro de Cultura cubano, Abel Prieto, o Presidente do Instituto Cubano do Libro, o responsable de cultura da chanceleria chilena e o embaixador chileno na Habana. Tamén estaba en primeira fila o Ministro de Cultura de Panamá. A satisfacción polo recoñeido exito da organizacion galega palpábase no ambiente e as autoridades cubanas mostraron reiteradamente o seu recoñemento e mesmo a súa sorpresa polo nivel acado. Pola feira adiante, comentase que a programacion galega foi a mellor dos ultimos anos, superando o alto liston que deixou Arxentina na edicion anterior. No acto, Luís Bara leu un fermoso texto da xornalista Carmen Vidal que puña en relacion a cultura galega coa chilena, texto que acolleron moi gratamente as autoridades dese país. Sen dúbida ningunha, a partir desta feira a presenza da cultura galega en Latinoamerica deu un paso de xigante. Que ninguén o dubide.
En Cuba, Galicia deu a coñecer a súa mellor cara, a da súa cultura milenaria, a dunha tradición cultural identitaria que nos avala e que nos permite reconocernos a nós mesmos e diante dos demais.
Esta noite ten lugar un dos actos mais esperados da feira: un concerto que con seguridade será memorable, onde os músicos galegos e os músicos cubanos van compartir escenario. Entre eles, estará Pablo Milanés. A súa celebración está a espertar moita expectación na cidade da Habana.
O unico que ensombrece a presenza galega na Feira do Libro da Habana son algunhas criticas rancias e pacatas dos que non queren ou non comprenden que a Galicia de hoxe debe estar no mundo e posicionarse nel a traves da súa propia cultura e da sua propia identidade. Algunhas desas criticas provincianas e reaccionarias das que nos chegan noticias van mesmo en contra do xigantesco esforzo e do impecable traballo realizado pola maior parte dos profesionais que forman parte da organización ou da delegación galega. É unha pena que dentro de Galicia haxa tantos miopes. Pola contra, fóra somos cada vez máis recoñecidos e valorados.

22.2.08

O vento do Malecón

O vento do Maleón tróuxonos en La Habana unha sorpresa que todos os cubanos afirman que esperaban: a dimisión de Fidel Castro, un acontecemento que centra a atención da maior parte das conversas no país. Mentres, a Feira Internacional do Libro da Habana continúa o seu ritmo multitudinario. Fidel é aínda o centro da atención e a proba é a imparable e continua venda de Fidel Castro, a miña vida, publicado por Xerais, que se converteu no libro máis solicitado do estand galego. Non é de estrañar, sobre todo tendo en conta que a edición cubana en castelán, que se vende no estand contiguo vende 400 exemplares diario na Feira do Libro. A edición galega presentarase o sábado aínda que, lamentablemente, sen Ignacio Ramonet, que se viu obrigado a cancelar a cita a causa dunha gastroenterite aguda. A Universidade da Habana tamén tivo que suspender o seu nomeamento como Doutor Honoris Causa.
A presenza galega na feira está a ser un éxito desde calquera punto de vista e todo transcorre razoablemente ben. O máis importante da Feira para nós é que confirma as posibilidades do libro galego no mercado exterior, algo que viñamos comprobando desde hai algúns anos coa aparición de diversas editoras que traballan nese sentido. Polo demais, o interese pola literatura galega queda patente estes días, así como unha grandísima curiosidade por coñecer a situación da lingua galega en función do seu devir histórico. A calor pegañenta do trópico fíltrase en todos os actos, en todas as presentaións, en todas as actuacións para facer que o público cubano vibre sorprendido coa nosa cultura. Ademais, os materiais preparados pola Consellería de Cultura teñen tal nivel de aceptación que é preciso restrixir a súa distribución.
A Feira está sendo un reencontro emocional da cultura galega coa cidade da Habana e aquí sorpréndese a cada paso da capacidade creativa dos escritoras e escritores galegos e do potencial da súa edición. A Feira continuará até o domingo pola tarde, aínda que se clausure oficialmente o sábado. O próximo ano será Chile o país convidado.

17.2.08

Camiño de Cuba

A partir de mañá cedo, Cabrafanada sae de viaxe con destino a Cuba, á Feira Internacional do Libro da Habana. Durante eses días, intentarei actualizar o blog, ofrecendo información sobre o desenvolvemento da feira, na medida en que me sexa posible, pero sen ligazóns, dada a extrema lentitude das buscas no país caribeño, segundo puiden comprobar anteriormente. Abaixo, reproduzo unha foto de 2007 nunha rúa da Habana, acompañado de Ugia Pedreira, cando aínda estabamos coa sesión preparatoria da edición da Feira deste ano, onde Galicia é país convidado de honra.
Na viaxe de mañá partimos un nutrísimo grupo de editores, escritores, músicos, ilustradores, etc. Galicia exporta a súa cultura, mal que lle pese a algúns. Ora, antes non abrían a boca se era Fraga quen viaxaba a Cuba, por certo nun charter privado, aínda que en vez de levar a cultura galega á illa levase aos seus políticos e a xornalistas. Só quería o voto emigrante. E, por certo, España foi país convidado no 2001 co goberno de Aznar e ninguén se escandalizou daquela. Pero sempre hai quen pensa que a literatura galega non está facultada para acudir a citas coma esa.


Charla no IES Alexandre Bóveda

O pasado xoves dei unha charla sobre Cartas de amor na fermosa biblioteca do IES Alexandre Bóveda, cun público interesado e moi atento. Ademais de estar presentes varios grupos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, tamén acudiron a escoitarme os membros do Club de Lectura do IES que tamén leron Cartas de amor e que están colleitando moitos éxitos e descubrindo o pracer da lectura. Por certo, tamén fixeron un certame de cartas de amor.




14.2.08

Publicitar a lectura

O blog de Espazo Lectura publica, entre outras cousas, un curioso e interesante anuncio publicitario sobre o fomento da lectura rescatado de Youtube, cun enfoque moi diferente ao habitual. De Espazo Lectura xa enlazamos en Cabrafanada, en ocasións anteriores, o blog do Contomar.

13.2.08

Unha tarde en Silleda

Tampouco puiden, aínda, enlazar Trafegando ronseis, o blog de Anxo e de Gracia, moi especialmente logo da longa e agradable tarde que pasei no Istituto de Silleda, compartindo co seu compacto, estimulado e preguntón grupo de alumnas e alumnos un bo feixe de horas. Primeiro, a través dunha charla e recital en torno a Poetízate, intercambiando cos rapaces visións sobre a poesía. E, un par de horas depois, e xa con algunhas nais incorporadas ao acto, creando no mesmo espazo un club de lectura sobre Territorio ocupado (un libro, por certo, publicado hai xa dez anos, nada máis e nada menos).


Blogs de opinión radiofónica

Tanto lío coa miña conexión adsl a través de telefónica, ademais rebelarme contra o colonialismo empresarial, fixo que esquecese falar aquí de dous excelentes blogs de opinión radiofónica. O primeiro, Apertas ao lonxe, é da xornalista arxentina Débora Campos, que escribe desde Bos Aires, deitando nese blog "verbas tecidas cada xoves no Diario Cultural". O segundo, Das orixes de marzo, é o blog que constrúe Helena González desde Barcelona, "para catar e debater a cultura desde o feminismo". Tamén os luns, no Diario Cultural da Radio Galega. Magnífica amiga e abandeirada incasable da cultura galega, é tamén imprescindible interesante coñecer o seu traballo no Centre Dona i Literatura.


10.2.08

Morreu a sardiña

En Gondomar xa morreu a sardiña. Onte á noite procedín a dar lectura pública, como notario, ao seu antipático testamento, que está a disposición de quen o queira ler, en pdf. Hoxe, o retrasado entroido gondomareño colapsou a vila de visitantes.

7.2.08

O anxo literario

Grazas a Ramón Nicolás, un dos máis entregados investigadores e críticos da literatura galega, coñezo este interesantísimo vídeo onde aparecen unha serie de creadores falando sobre a propia creación. O escritor e ex-publicista francés Frédéric Beigbeder, Fernando Arrabal, Christophe Ferré, o escultor Fernando Botero, Zoé Valdés, a nicaraguana Claribel Alegría, Igor Marojevic, Dimitri Savitski e Eduardo Manet explican os motivos polos que afrontan a escrita.


Sen rede

Logo de permanecer sen rede desde o sábado, porque seica a forte ventada causou danos na miña conexión, Cabrafanada pode por fin actualizarse novamente. Ao final, parece lóxico que, se desaparece a rede, tamén desaparezan os carteiros, que son un símbolo decimonónico. Incluso deberiamos pedirlle a FENOSA (que o intenta teimudamente) o corte do subministro no rural, para recuperar o espírito que sempre presidiu a Galicia anterga.
Volvo axiña.