29.8.08

Tempos dixital

Tempos dixital é un paso máis na consolidación de Tempos Novos, unha revista xa veterana. Ademais, a versión dixital bota man dos recursos que lle proporciona a rede, como os formatos audio. Unha das grandes ventaxas do dixital é que se pode baixar o interesantísimo Protexta en pdf. Boa información para o verán que remata.

21.8.08

Informática

A nosa é unha sociedade profundamente tecnolóxica. A contemporaneidade occidental confórmase, de xeito inevitable, a través da tecnoloxía. Por sorte, a sociedade tecnolóxica benefícianos, porque en moitos sentidos as súas prestacións apórtannos unha boa dose de liberdade. Tamén é certo (e de aí poderían proceder os totalitarismos do futuro) que unha sociedade tecnoloxizada é unha sociedade susceptible de ser permanentemente controlada e, sobre todo, discreta e sixilosamente vixiada.

Outras veces, o problema é que cando a tecnoloxía está sometida ás leis do mercado, estas instauran a súa tiranía, que ten moito máis que ver coa ansia de facturación das grandes multinacionais que coas propias necesidades da cidadanía. É o que está a pasar cos usuarios dos ordenadores, sometidos a unha ditadura consumista, moito máis acusada no ámbito laboral que no doméstico.
A proba de que vivimos baixo o ditado dunhas leis de mercado que operan contra nós está na vida fugaz que teñen os ordenadores persoais. Calquera persoa que adquira un ordenador (por moito diñeiro que invista nel) ten que saber que ao cabo de cinco anos ese aparato será considerado vello e mesmo obsoleto. Esa consideración nada ten que ver co seu funcionamento, pois adoitan ser máquinas excelentes, produto da precisión tecnolóxica actual. O feito de que un ordenador quede obsoleto en cinco anos (cando, con seguridade, funcionaría durante moitos anos máis sen merma das súas prestacións) está directamente relacionado coa voraz renovación industrial do software con fins comerciais. Os programas son redeseñados constantemente, en realidade con melloras escasamente perceptibles, pero con propiedades que os fan moito máis pesados, de forma que as novas versións requiren ordenadores con moita máis memoria. As multinacionais da informática introducen rapidamente estas novas versións no mercado, de tal xeito que obrigan ao usuario a renovarse se quere traballar nun sistema compatible co seu contorno.
E entanto esta voráxine do derroche nos obriga a botar ao lixo magníficas máquinas, non existe ningún Tribunal da Libre Competencia que sexa quen de pararlle os pés á perversión insaciable das multinacionais.

11.8.08

Só son sons

Só son sons, o primeiro traballo de 2uS, formado por Fernado Abreu e Pablo Carrera é unha estupenda música de calidade para este verán. Experimentando e con vocación innovadora, a concepción musical destes profesionais é un proxecto co,mpacto, alegre e atrevido. Edita Falcatruada.

7.8.08

Coñecéndome aínda máis

Isto dos ruxe-ruxes son cousas simpáticas. A través deles acabas sabendo cousas de ti mesmo que descoñecías. Xa contei en Cabrafanada (foi en 2004) cando se correu por Vigo a voz de que eu era propietario dunha libraría. A consecuencia dese ruxe-ruxe e, ante o meu abraio, un individuo que eu non coñecía de nada foi visitarme á editorial para solicitarme un posto de traballo na devandita libraría.



Agora, con moito retraso (¡varios anos!), acabo de dar cun comentario, tamén do ano 2004 (debeu ser un ano especialmente importante para min), no vello blog dunha amiga, e ademais miñorana, que agora está en Blogaliza. O Anónimo autor do comentario (chamado Rafa) informa de cousas sorprendentemente agradables sobre min mesmo. Grazas, rapaz, por manterme informado.
Antes de nada, debo dicir que lle agradezo o adxectivo "patético" para a miña narrativa, pero nunca fun tan ambicioso; gustaríame que me saíse sempre patética, pero non o dou conseguido. En todo caso, grazas. Polo demais, comparto perfectamente o de que a miña poesía é bochornosa. De feito, a min mesmo me acalora. Niso, non discuto.
Ora, se do anterior era plenamente consciente, o de que son accionista de Xerais e de Promocións Culturais Galegas é algo que descoñecía. Agradézolle moito ao anónimo que me informe do caso, pois así paso correndo polas respectivas empresas a cobrar os dividendos, a ver se con ese impulso logro rebaixar algo a miña hipoteca. Lástima que non o soubese antes, pois xa debín deixar de cobrar moitos cartos. Claro que, como o comentario é do 2004, ignoro se sigo sendo propietario das accións ou xa as vendín. Non sei se o Anónimo estaría disposto a informarme. Quedaríalle moi agradecido. Incluso lle regalaría un dos libros de Chus Pato ou de Xabier Cordal que eu editei. De Yolanda Castaño, síntoo pero non podo; nunca tiven o pracer de ser o seu editor. Grazas por informarme; vales un mundo, rapaz.