30.11.08

Marcos Valcárcel



Homenaxe a Marcos Valcárcel

Marcos Valcárcel (AELG)

O blog de Marcos Valcárcel

Marcos Valcárcel (Praza das Letras)

Marcos Valcárcel, por Xosé M. González en Xornal.com

Marcos Valcárcel, por Miguel Anxo Fernán Vello

Entrevista a Marcos Valcárcel (Cristina Huete, El País, novembro 2008)

Entrevista a Marcos Valcárcel, por Manuel Vidal Villaverde (Galicia Hoxe).

Entrevista a Marcos Valcácel, por Antonio Nespereira (La Voz de Galicia)

Entrevista a Marcos Valcárcel: "O galeguismo foi crítico coa prensa do país"

Falamos galego: En Positivo (unha iniciativa de Marcos Valcárcel)

Historia de Ourense

Con Marcos Valcárcel, por Perfecto Conde


Os ríos de Ourense, cantados polos nosos poetas



Roteiro de "A esmorga" de Blanco Amor
, por Marcos Valcárcel


Artigo de Márcos Valcárcel
no último número de ANT


26.11.08

Autorretrato (4)

Un lustro son cinco anos e Cabrafanada comezaba a encherse de arañeiras. Pasa o tempo e resistímonos a aceptalo. Resístome a aceptar que hoxe é igual ca onte, aínda que temo que mañá será aínda máis distinto. Non é que calquera tempo pasado fose mellor; trátatase simplemente de que a ese individuo que son eu se lle enmarañan as arañeiras no pelo sen que cheguen a distinguirse realmente unhas do outro. O problema das arañeiras é cando penetran, a través dos oídos, dos orificios do nariz, e se instalan nos cuartos da mente. Daquela, as ideas avanzan lentas, porque tropezan con esas teas tan fina e sutilmente tecidas, porque ralentizan o fluxo cerebral, porque entoldan a visión, aínda que un se vexa coa mesma ollada de sempre. Se cadra, ese individuo da fotografía precisa varrer as arañeiras para recoñecerse, para enxergarse, pero tamén se cadra non deixa de ser un engano. Se cadra, do que se trata é de aprender cal é o punto de cruz co que se tecen as arañeiras e sacarlle partido. Se cadra nin sequera as arañairas son quen de deter o tempo e a cuestión está en ser máis rápido que o propio tempo, en anticiparse a el. En anticiparse, vello.


23.11.08

Palabras (podadas)

Un dos meus pesadelos é resumir os artigos de prensa (de opinión, entrevistas,etc) cando acabo de escribilos (excepto que vaian publicarse nun libro, como me sucedeu con Un país a medio facer, onde en vez de resumir os aumentei). Nos medios escritos hai que axustarse aos caracteres previamente acordados e non queda máis remedio. Non é malo, sinceramente. Simplemente, é un pesadelo, un labor duro e difícil, unha eterna resistencia a renunciar ás palabras. E, con todo, para un escritor, é un exercicio tan fundamental como necesario: así apréndese a sintetizar, a condensar, a intensificar. Eu sempre escribo os artigos por exceso, sempre me sobran moitos caracteres (ás veces, moitísimos) e logo teño que cortar. Esa tarefa da poda é durísima, pero ao mesmo tempo é unha escola para aprender quedarse co esencial e desfacerse do máis superfluo. Para que se poida ver (a quen lle interese), como é o traballo, enlazo a miña columna de A Nosa Terra desta semana, titulada precisamente Palabras, e pego a continuación en Cabrafanada Blog o texto orixinal, todo o texto que eu tiña antes de enfrontarme á inevitable tarefa da síntese.

Palabras

As persoas levamos un estraño artefacto na boca: a palabra. A palabra, para o ser humano, éo todo. En realidade, palabra e ser humano son unha mesma construción. A civilización constrúese con palabras. As palabras nunca son inocentes e denótano todo das persoas: a forma de ser, o estado de ánimo, a ideoloxía, a situación social…
Os escritores traballamos coas palabras. Se o que estamos a facer é crear unha obra literaria con ambición e con proxecto creativo, as palabras que usamos non son palabras calquera. Son palabras persoais, íntimas, queridas, próximas, ou tamén odiadas, afastadas, denostadas, pero que sempre acarrean unha connotación significativa para nós. As palabras elixidas buscan disparar, acertar, conmover, inquedar. Mesmo agachar. As palabras non se elixen aleatoriamente. Como editor, dígolles aos correctores que o teñan en conta. Por exemplo, «acender», para min é unha palabra estraña. Non a lembro na miña infancia. A miña avoa sempre falaba de «prender»: prender a luz, prender o televisor... E, de súpeto, prender, con ese sentido, desapareceu da lingua cotiá e literaria. Para min é unha palabra querida, que me remite á infancia, á aprendizaxe da oralidade.
As palabras poden ser tenras, suaves, difíciles, ásperas, abruptas, montañosas, ferintes…Hainas que producen arrepío. A min prodúcemo a palabra «poetisa». Sei que é de curso legal, pero é coma se levase soterrada unha mina debaixo das letras. Tamén me cansan as palabras tópicas. Hai palabras bonitas que perden a súa fermosura de tanto loala. Son palabras como «vagalume, «bolboreta», «agarimoso». Si, ho, son bonitas, pero non é para tanto. ¡Temos outras! Reivindicalas tanto aseméllase á estética extemporánea deses bodegóns hiperenxebres ateigados de mesas rústicas.
As palabras tamén poden estar enfermas: penso na palabra «demócrata», por exemplo. Toda a xente quere cubrirse con ela, tirándolle das letras con tanta forza que se deteriora. Logo, hai palabras que tapan outras. Ao dicir que Obama é un tipo de «color», tapamos o que se ve claramente: que é negro. E, tamén, hai palabras que remiten a unha época ou a un momento, como «talante» ou como a propia sonoridade da palabra «obama», que agora connota esperanza pero, ¿qué connotará dentro duns anos?

Fran Alonso

19.11.08

Cabrafanada xa ten un lustro

Cabrafanada xa ten un lustro. Acaba de cumprir cinco anos: un lustro. Foron cinco longos anos desiguais, a distintos ritmos, pero cinco longos anos posteando desde aquel día de novembro de 2003 en que decidín crear un blog, toda unha peripecia que xa teño relatado. Creo que non me equivoco se afirmo que fun o primeiro escritor galego que abriu un blog. Hoxe, cinco anos despois, sei que Cabrafanada cumpriu unha etapa. É unha etapa que remata, que precisa rematar.
Ao longo destes cinco anos, a palabra (que foi o que me impulso a abrir o blog) foi perdendo peso en Cabrafanada. Por unha banda, debido á canseira, ao esgotamento de alimentar un becho insaciable coma este; tamén á falta de tempo, co recurso ás imaxes. Pero, por outra, tamén debido á aparición de YouTube, con todo o seu atractivo e con todo o que significa, no marco dese interesante camiño que está a levar a que os blogs se convertan en pequenos (pero poderosos) instrumentos multimedia.
En calquera caso, cabrafanada non desaparece. Simplemente, ralentizará, no futuro (aínda máis) a súa periodicidade (se é que chega a manter certa regularidade) pero, sobre todo, fará un esforzo para adaptarase aos novos tempos, por empregar as novas tecnoloxías ao servizo da miña causa, que non é outra que a da miña condición de escritor, xa que baixo esa condición abrin Cabrafanada hai cinco anos.
Xa que logo, durante todo este tempo (e mesmo despois) emitirei desde cabrafanadablog.blogspot.com, entanto o enderezo tradicional cabrafanada.blogspot.com sofre as reformas precisas que o convertirán nunha plataforma web.
Sexa como sexa, non me queda máis que agradecerlles aos lectores e lectoras de Cabrafanada estes cinco anos de apoio e paciencia. Moitas grazas, de verdade.
Eu continúo, pero doutro xeito.





(Esta imaxe inferior roubeilla a Selva de Esmelle. Grazas, Selva).

Traslado por reformas

A partir de hoxe, e cando cumpre cinco anos de existencia, Cabrafanada entra nun proceso de reformas que o levará a converterse nun caderno web. Xa que logo, durante todo este tempo, Cabrafanada continuará a súa actividade desde aquí.

16.11.08

Un país a medio facer

Un país a medio facer é o título do meu próximo libro, que estará nas librerías dentro de quince ou vinte días. Sairá publicado na colección Crónica de Xerais e os seus contidos pertencen ao ámbito do xornalismo.



Este é o texto que leva na contracuberta:
Un país a medio facer busca as claves da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos a través das voces dos protagonistas. Hai 20 anos, as casas de ladrillo sen recubrir constituían, na opinión de Manuel Rivas, unha boa metáfora de Galicia. Mentres Rivas comezaba a destacar, un Suso de Toro irreverente aseguraba que había que cuspir sobre o retrato de Otero Pedrayo. Cando menos, iso din nas entrevistas. Algunhas delas foron contestadas e, globalmente, reflicten a cultura dun país que buscaba obsesivamente a súa normalidade. Apenas pasaran algo máis dunha ducia de anos desde a fin da ditadura, remataban os 80 ou albiscábanse os desinhibidos 90. A través de entrevistas feitas naquela época, reconstrúese agora o pulso cultural dun tempo en que Galicia era un país a medio facer e vivía ese feito de xeito obsesivo. Logo, o libro salta no tempo e viaxa, vinte anos despois, a unha Galicia que parece normal. ¿É normal? ¿Que cambiou na cultura galega nestes vinte anos?

11.11.08

Webquest e club de lectura

Enviáronme un webquest de Cartas de amor. Curioso e divertido.
Por certo, a pasada semana estiven falando deste libro en Lugo, nun club de lectura de Implicadas no Desenvolvemento que se celebrou organizado conxuntamente por A cova da terra, un lugar máxico e fermoso onde aínda é posible soñar.

10.11.08

Marcos Valcárcel

Aínda non tivera a oportunidade de reproducir o texto da cea homenaxe a un dos blogueiros (¡e tantísimas tantísimas cousas máis!) máis interesantes e infatigables de cantos existen: Marcos Valcárcel.



CEA HOMENAXE a MARCOS VALCÁRCEL .
Ourense, Sábado 29 de Novembro de 2008 , ás 21:00 horas, Restaurante San Miguel.
RETIRADA DE TARXETAS:
As tarxetas para a asitencia á Cea poderanse retirar en Ourense, desde o venres día 7 de novembro, en tres lugares: No Liceo, na Casa da Xuventude e no Restaurante Sanmiguel. O custo da cea é de 30 euros.
Para aquelas persoas de fóra de Ourense que queiran asistir, habilitamos unha conta de Caixa Galicia (2091 0400 88 3040045410 ) na que poden facer o ingreso desa cantidade indicando o nome do participante. Posteriomente, o mesmo día da Cea pódese retirar a tarxeta no restaurante co resgardo da transferencia.
Dada a previsión dunha nutrida concurrencia, rógase efectuar estes trámites canto antes, e en calquera caso, pecharanse as listas de asistencia o día 25 de novembro.

INVITACIÓN ABERTA:
A Cea Homenaxe está aberta a todas as persoas interesadas, polo que che pedimos fagas extensiva a invitación a quen consideres oportuno.

Unha cordial aperta e moitas grazas a todos.

César Ánsias / Xoán Fonseca / Benito Losada / José Carlos Martínez-Pedrayo
Eustaquio Puga / Xosé Ramón Quintana / Xosé Trebolle / Afonso Vázquez-Monxardín

5.11.08

Canalciencia.com

Por desgraza, temos que laiarnos pola desaparición dun dos proxectos web en galego máis sólidos e interesantes da rede: canalciencia.com
O pasado 31 de outubro, Canal Ciencia (1999-2008, ISSN 1988-7264) deixou de lanzar información ao ciberespazo. Con seguridade, o esgotamento do voluntarismo apagou nove anos de luz.
En calquera caso, non cabe máis que darlle os parabéns ao seu responsable durante todos estes anos, Alberto Cifuentes, que traballou entregada e desinteresadamente unindo os ámbitos da divulgación científica e da lingua galega.
Nun país máis avanzado que o noso ningunha institución permitiría que morrese unha iniciativa coma esta. ¿Que opinan ao respecto a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a Consellería de Innovación e Industria?