26.12.08

Somos un país, normal. ¿Somos un país normal?

Un país normal. Na procura dun país normal. ¿Somos un país normal? ¿Qué un país normal? ¿É anormal buscar a normalidade? ¿Cal é a normalidade dun país pouco normal?
Esas interrogantes que fai Vieiros e ás que eu tamén intentei darlles resposta son algunhas das formulacións que eu plantexo para o debate en Un país a medio facer.
Somos un país, normal. Normal, somos un país. ¿Algún portugués se pregunta se Portugal é un país normal? ¿É normal que nolo preguntemos nós? E, sobre todo, ¿eramos menos normais hai vinta anos ca hoxe? Na foto, sacada do meu libro, Cid Cabido e mais eu hai case vinte anos.


24.12.08

Magnífica noticia

Unha condena esperada, sen dúbida. Magnífica noticia. Pode ser apelada, pero este é un estupendo precedente. Quen a fai, que a pague...

21.12.08

Un país que é unha potenzia

¿Quen é Carlos Blanco? ¿Quen é ese individuo que o pasado ano presentou na TVG o programa Somos unha potenzia e hai bastantes máis era unha voz entusiasta que vibraba cos partidos de fútbol no programa Galicia en goles da Radio Galega?

Conversa con Carlos Blanco, 2007 (De Un país a medio facer)


Cando eu entrei nisto de escribir, aos 27 anos, había que se poñer á cola e esperar a que morresen todos os demais ou colocarse baixooapadriñamento dos escritores xa establecidos para que me prologasen, me presentasen, me animasen e me desen as cuartillas para poder ir avanzando nun sistema literario de funcionarios. Eu tiven que manexar unha ética e unha moral distintas para conseguir que a miña obra estea onde está hoxe.

Suso de Toro, 1990 (De Un país a medio facer)

19.12.08

Entrevista en Vieiros

O pasado luns, Marcos S. Pérez publicou en Vieiros unha entrevista comigo a raíz da saída do meu último libro, Un país a medio facer. A entrevista inclúe, ademais, os dous vídeos promocionais que eu mesmo gravei falando sobre os contidos do libro e que afondan nun pasado recente dna cultura galega imprescindible para entender o desenvolvemento da cultura galega hoxe.

16.12.08

Un país nos cortellos

"En Monte Alto houbo unha tradición moi curiosa duns grupos que se denominaban «heavys de cuchiqueira». Vigo e A Coruña son cidades, pero —asegura Xurxo Souto— aparece a leira en calquera momento. «En Monte Alto», continúa relatando, «había moitos cortellos dos porcos. Eu tiña uns amigos que tocaban nun grupo chamado Atila e ensaiaban nun cortello dos porcos, pero, claro, só podían empezar a ensaiar despois do sanmartiño".

Conversa con Xurxo Souto, 1990 (De Un país a medio facer)


—¿É vostede un radical?
—Se ser radical significa un intento intelectual de chegar á raíz dos problemas e das cousas, desde logo, que me gustaría ser radical. O que pasa é que ás veces a miña intelixencia e a miña ousadía teórica probablemente non mo permitan.


X. L. Méndez Ferrín, 1991 (De Un país a medio facer)


14.12.08

Un país na Gran Enciclopedia Gallega

Saír na Gran Enciclopedia Gallega é ben fácil. Os Resentidos levamos nela varios anos e non ten mérito especial. O que non é tan fácil é a batalla que sostemos para defender o galego como soporte lingüístico.

Antón Reixa, 1990 (De Un país a medio facer)


É certo que existe un escoramento cara a unha tradición de novela culta, pero é que o lector adulto en galego é un home que vén da cultura, e iso produce un tipo de literatura. Na medida en que o libro se popularice haberá cada vez máis temas. De feito agora está saíndo a novela negra, a novela light ecousas que antes eran impensables porque non existía ese público.

Víctor Freixanes, 1989 (De Un país a medio facer)


11.12.08

'Cartas de amor' xa está editado en español

Cartas de amor, en castelán, está xa nas librerías, publicado pola editorial Algar, na súa colección Algar Joven. No último número da edición impresa da revista Que Leer (que, por certo, cambiou de propietarios) inclúese unha entrevista comigo feita por Ramón Nicolás ao fío da tradución de Cartas de amor. Reprodúcese máis abaixo.



9.12.08

Literatura galega pola paz

Mañá 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.
O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz, entre os que teño o pracer de atoparme para recitar un poema escrito a iniciativa de Suso Jares. Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e a agrupación dos Mestres da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo (e-Trad), interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.

A Consellaría de Educación viguesa realizou, para esta ocasión, unha edición conmemorativa do texto da Declaración proclamada polas Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948 que será entregada aos asistentes ao acto.

8.12.08

Rematou o Cultur.gal

Tras catro días intensos, rematou o Cultur.gal. O balance é moi positivo e as conclusións xa foron axeitadamente salientadas en Brétemas. Desde o momento da inauguración, durante a que tiven a responsabilidade de representar, en nome da AGE, ás diferentes industrias culturais a través do Consello Asesor do Cultur.gal, a feira recibiu 35.000 visitantes, cantidade que triplicou as doce mil persoas que a visitaron o pasado ano en Pontevedra. Con toda seguridade, este evento vivirá nos próximos anos un crecemento imparable que servirá, como xa serve, para aproveitar as sinerxias dos distintos sectores da industria cultural galega e acabar cos probemas de invisibilidade. Onte non se respiraba máis que optimismo entre os expositores. As fotos son da páxina web do Cultur.gal.













































Un país que se renova

“Eu sempre tiven o afán de coñecer outras músicas, e ademais quedei farta do boom da música celta.
(...)
Coido que falta seiva nova, creatividade, xente que veña con forza e sen prexuízos a facer música en galego, creando algo propio, recoñecible como galego, que non ten por que ser gaita”.

Uxía, 1991 (De Un país a medio facer)


“Ramón Piñeiro, que era un paisano terrible, acolleume un libro de poemas en Galaxia que se chamaba Seiva nova. E un día en que a policía nos mallou a paos en Madrid, nunha manifestación, refuxiámonos nun portal e alí convenceume de que eu non era poeta. El daquela xa tiña na man o primeiro capítulo do que logo ía ser A nosa cinza”.

Xavier Alcalá, 1992 (De Un país a medio facer)


6.12.08

Un país que se rebela

“Os escritores teñen que matar os pais todos os días, e polas mañás cuspirlle ao retrato de Otero Pedrayo antes de lavar os dentes”.

Suso de Toro, 1990 (De Un país a medio facer)


“Eu creo que é máis definitorio para entender a Galicia de hoxe o que está a pasar no Xanadú, no Porriño, un sábado pola noite que, se cadra, unha reunión do Consello da Cultura Galega, do que formo parte”.

Manuel Rivas, 1990 (De Un país a medio facer)

3.12.08

Un país na cuberta

A cuberta de Un país a medio facer é un deseño excepcional (como a maior parte dos seus) de Miguel Vigo. A cuberta representa a imaxe dun país que vivía obsesivamente o feito de querer ser normal ao tempo que descubría as feridas no seu propio corpo. O feísmo aínda non se chamaba "feísmo", pero Galicia quería a toda costa mudar o pelexo, cubrir o ladrillo con mampostería ou con pedra máis elaborada. A nosa, era a pel dun país que retiña aínda o sabor dos longos anos da represión. O libro abre cunha cita de Manuel Rivas de maio de 1990 que pertence a unha das entrevistas do libro:

"En Galicia hai un esqueleto, hai uns cimentos, pero fáltalle a alma, falta habitala con plena consciencia, completar a obra, poñerlle as súas paredes e prender un lume dentro. Esas casas están aí porque a xente non conseguiu os medios suficientes para acabalas ou renunciou a ter unha casa de seu. Espero que para Galicia o final da metáfora sexa distinto".