25.1.09

Un país raro

"Un país raro", así define Galicia a escritora Lupe Gómez no Galicia Hoxe deste domingo, cando fala de Un país a medio facer. Reproduzo parte do seu artigo, publicado baixo o título "Hipopótamo amoroso" no suplemento "Lecer":

O escritor galego Fran Alonso sempre nos sorprende coas súas achegas orixinais, coa súa escrita diferente. Agora agasállanos co seu libro de entrevistas Un país a medio facer, no que aparecen persoas como Manolo Rivas, Suso de Toro, Antón Reixa, Uxía Senlle, Ugía Pedreira... Un feixe de entrevistados que nos dan visións raras e interesantes de Galicia. Porque Galicia non é un país normal, senón que é un país raro, pequeniño e inmenso. Fran Alonso é un hipopótamo que sabe facer fotos cunha cámara dixital de alta definición. Cun punto de vista nidio, elegante.

Resultan interesantes e dinámicas as súas entrevistas. Facilitan e alegran a lectura porque non son conversas intelectuais e difíciles, senón que falan de todas as cousas con emoción e claridade. O país raro está cheo de fendas, interrogantes, claroscuros, dúbidas, enerxía, forza, medos.

A cultura galega está "aberta por reformas", como di o programa que Xurxo Souto ten na Radio Galega. É unha xanela aberta pola que poden entrar e saír moitas cousas, porque as potencialidades son amorosas.

Moitas grazas, Lupe, pola túas palabras azuis.


18.1.09

Los Chichos

Aos 19 anos vivín unha tempada en Madrid. Naquela época, decidira romper cun sistema de ensino mediocre e abafante e abandonei os estudos e a miña casa familiar (sen conflicto, por certo, porque os meus pais sempre intentaron respectar as miñas decisións). Primeiro traballei uns meses en condicións moi duras en Santiago de Compostela e logo marchei a Madrid. A partir das miñas vivencias no barrio de Aluche, naquela época escribín un pequeno texto sobre Os Chichos que logo reescribín un par de veces. Os Chichos era a música que se escoitaba naquel barrio cando comezaban os oitenta. Eu, publicamente, aínda non era escritor, pero levaba aniñando canda min esa vocación desde a infancia. E escribía, por suposto. Dez anos despois, reencontreime cos Chichos cando viaxei cos camioneiros para escribir Tráiler. Esta é a banda sonora da novela. O machismo exacerbado das súas letras reflicte a atmosfera da obra. Socioloxicamente son tan significativas que alguén debería estudar a súa influencia.






9.1.09

Palestina

Ao asesino: "Se vises o rostro da víctima
teríalo pensado, lembrarías a túa nai na camara
de gas, liberaríaste da razón do fusíl
e cambiarías de idea: ¡así se recobra a identidade!


A outro asasino: Se lle deses ao feto
trinta días, cambiarían os prognósticos:
remataría a ocupación e ese bebé
non lembraría o tempo do sitio,
medraría san e sería un mozo
que iría ao instituto cunha das túas fillas,
e estudarían a historia da Asia antiga,
e xuntos caerían nas mallas do amor
e enxendrarían unha nena (que sería xudea de nacemento).
Así que dime: ¿que estás a facer?
¿Convertindo a túa filla en viúva
e a túa neta en orfa?
¿Que foi da túa familia errante
e como liquidaches tres paxaros dun tiro?


Á morte: Sabemos de que tanque
viñeches. Sabemos que queres. Dá a volta
a medio facer. Descúlpate ante soldados e oficiais,
dilles: descubríronme dous noivos axexándoos.
dubidei, e devolvín a noiva
cos seus... desfeita en pranto.


A paz é a elexía a un mozo co corazón destrozado polo lunar
dunha muller, non por unha bala ou por unha bomba.


Mahmud Darwix
(2002)




Aquí permaneceremos
sobre os vosos peitos coma un muro,
famentos, sedentos, desafiándovoos,
recitando poemas,
enchendo as rúas coa nosa carraxe e a nosa protesta,
enchendo as cadeas co noso orgullo
e facendo que os nosos fillos unha e outra vez
enxendren xeracións vingadoras.


Porque non tezo a lá
porque a diario son víctima
de ordes de detención
e a miña casa branco das visitas da policía
para rexistrar e "limpar",
porque non podo mercar unha folla de papel,
gravarei todos os meus segredos
nunha oliveira
no patio da miña casa.
Gravarei a miña historia
e os capítulos da miña traxedia
e as miñas queixas
na laranxeira e nas tumbas dos meus mortos.
Gravarei o número do recibo
da nosa terra expoliada
e o lugar da miña aldea e os seus lindes
e as casas dinamitadas
e as miñas árbores derrubadas
e cada flor do campo esmagada
e os nomes dos que foron mestres
en consumir os meus nervios e o meu alento,
e o nome das cadeas
e de todo tipo de esposas
que amarraron as miñas mans
e o historial dos meus gardiáns
e cada insulto que me guindaron á cara.
Gravarei: "Kafr Qasim, non esquezo".
Gravarei: "Deir Yasin, a túa lembranza prendeu en min"
Gravarei: "Chegamos ao cumio do drama,
a nosa traxedia rillou en nós
pero
chegamos ao cumio".
Gravarei todo o que me conta o sol
e o que me susurra a lúa
e o que me conta unha laverca
onda o pozo que os amantes abandonaron.
Para lembrar
seguirei sen descando gravando
todos os capítulos da miña traxedia
e todas as etapas do desastre
desde o principio até o fin.
Alá, nunha oliveira
no patio da miña casa.

Tawfiq Zayyad (1978)

7.1.09

Léolo



Declarei hai tempo nunha entrevista que esta era a mellor película dos últimos setecentos ou oitocentos anos. Reafírmome. Lástima que o seu director, Jean-Claude Lauzón non poida facer máis, porque se matou nun accidente de aviación. O seu eco brutal resoa nas páxinas de Males de cabeza e Subversións como un estigma (marabilloso) do que non son quen de librarme.

4.1.09

Entrevista no Galicia Hoxe

O xornal Galicia Hoxe publicou onte unha entrevista comigo feita por Paloma Calvo. A entrevista céntrase na saída de Un país a medio facer pero tamén na publicación en castelán de Cartas de amor.