14.5.09

O nomeamento de Anxo Lorenzo reabre a esperanza

O nomeamento do profesor da Universidade de Vigo e sociolinguista Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística é unha moi boa noticia para a lingua galega, e reabre a esperanza nunha situación crítica para o debate sobre a normalización do galego, crispado e manipulado polo PP durante a campaña electoral. Especialista en planificación lingüística, experto no asunto do cargo para o que é nomeado e irreprochable defensor da lingua galega, Anxo Lorenzo ten que enfrontarse a unha difícil situación de derrogación do decreto. Non dubido de que a súa aceptación do cargo supón un acto de valentía ao tempo que un revés para os sectores antigaleguistas do PP e para certa asociación de cuyo nombre no quiero acordarme. De feito, para contentalos, hoxe mesmo Feijoo fixo ridículas declaracións para a galería.
Unha das maiores dificultades para o novo responsable de Política Lingüística será o seu propio xefe, o Conselleiro de Educación, que sintoniza cos bilingües en español, tal e como se pode ver nesta interesante análise de Xornal.com e tal e como se pode entrever no meu post anterior. Segundo os medios, Anxo Lorenzo recibiu de Feijoo garantías de libre actuación. Esperemos que sexa así. En calquera caso, polo ben da lingua, esperemos que teña moita sorte e que algúns lle boten unha man, por riba de intereses partidistas. A lingua é de todos. E só entendéndoo así lograremos devolverlle o papel que lle corresponde. Eu, o domingo, tamén estarei na manifestación para defender o que é de xustiza.

Actualización 23:06 h. Vexo que a man que lle botan é, coma sempre, ao pescozo. ¡Que triste que lle chamen "verdugo" e "lobo con pel de ovelliña" antes mesmo de que tome posesión! Un día haberá que analizar nun estudo rigoroso o dano que lle fai á perpeción social da lingua a instrumentalización política das organizacións que, teoricamente, a defenden. Eu, hoxe, brindo polo nomeamento de Anxo Lorenzo. E se o PP non lle dá marxe de manobra, ten na súa man a posibilidade de dimitir e quedaralle a fachenda de quen foi valente e o intentou nas circunstancias máis difíciles. E o domingo irei á manifestación, e non precisamente seducido polos convocantes senón a pesar deles.

2 comentarios:

  1. É unha vergoña ler determinadas declaracións. Así da gusto, facendo amigos. semella que algúns non se decatan que é o galego o que corre perigo. non haberá asuntos dabondo cos que meterse con Feijoo?

    ResponderEliminar
  2. Anónimo15/5/09

    Totalmente de acordo contigo.

    ResponderEliminar