30.7.09

Cordas do Sol

Cordas do Sol, outro grupo caboverdiano que me cativou naquel país de músicos. Pareceume unha banda tan extraordinaria que ao meu regreso paseille unha copia do CDD a Uxía e a Xurxo Souto, que o pincharon na Radio Galega.



20.7.09

Domicilio virtual de Fran Alonso

Acabo de inaugurar unha web persoal,á que se accede a través do dominio www.franalonso.eu ou do enderezo cabrafanada.blogspot.com. Ademais, manteño o meu blog no enderezo que estaba ultimamente: cabrafanadablog.blogspot.com

Esta web, que se denomina "Domicilio virtual de Fran Alonso", está completamente feita por min, nun intento de superar os vellos modelos web e apostar polas tecnoloxías participativas. A plataforma base é a dun blog, que remite, na procura de información, a unha complexa arañeira composta, basicamente polas actuais posibilidades que ofrecen as redes sociais. Forman parte desta arañeira: 5 blogs, 4 canais de Yotube, 1 páxina de facebook, 9 páxinas de twitter, 1 álbum de picassa e 1 album de fotolog, 2 páxinas de googles pages e 2 páxina de google sites. A porta de entrada (Home), como xa indiquei, é o enderezo www.franalonso.eu ou o vello enderezo de Cabrafanada, que permite enlazar, xa que o meu dominio persoal non o permite.

Trátase de propoñerlles aos meus lectores e lectoras un novo tipo de web, máis participativo, máis actualizado, máis útil e vivo,onde as redes sociais teñen unha parte fundamental e onde a información rula constantemente, e onde se emprega o vídeo (a través de youtube) como ferramenta de coñecemento.

O Domicilio virtual de Fran Alonso ofrece información en sete linguas (galego, castelán, catalán, inglés, polaco, alemán, polaco e portugués),así como numerosos vídeos, fotografías, recursos didácticos, textos meus (algúns inéditos), información sobre cada un dos meus libros, críticas e recensións, reflexións literarias, enlaces web con toda a información existente de cada un dos libros, entrevistas comigo nos medios, etc. Trátase dunha web persoal, ao servizo da difusión dos meus libros, doada, persoal, primando o acceso aos contidos sobre o deseño e realizada desde a humildade das miñas propias posibilidades e das ferramentas que as novas tecnoloxías poñen ao noso servizo.

Recoñezo que logo dun ano traballando neste novo espazo, quedei esgotado. A partir de agora, ireina ampliando, con novas seccións, con moita tranquilidade. Espero que vos guste ou, cando menos, que sexa útil.

19.7.09

Nace Falantes

Nace FALANTES, Movemento polos dereitos lingüísticos. Longa vida e moitas iniciativas coma estas.
Por certo, alguén debería organizarse para inundar os medios de cartas a o director, como fan os que están contra o galego.
¿E non hai ninguén que se anime a facer camisetas con este texto?:
¿Ti tamén estás contra o galego?

Directas e con denuncia implícita.
Por certo, de que o manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade volveu a duplicar os seus apoios esta semana, informa Brétemas. Os que están contra o galego, en cambio, só son catro, aínda que subvencionados polo Club Financiero e as FAES.

16.7.09

Profecía cumprida

Publicado en ANT a principios de febreiro de 2009.

PP


Se o PP gañase as eleccións á Xunta e puidese gobernar, nada sería igual que na época Fraga. O que entraría de cheo en Galicia é a longuísima sombra de Federico Jiménez Losantos que, desde a COPE, a emisora da Igrexa Católica, se parapeta no inmobilismo da extrema dereita española e remite a Acebes.
Ese é o partido «renovado» dun Alberto Núñez Feijoo sen personalidade que, incapaz de impulsar unha liña propia, se dobrega aos postulados máis rancios de Madrid. A entrevista que o citado xornalista lle fai na COPE (inserteina no meu blog) evidénciao.
Así as cousas, semella aínda unha posibilidade moi afastada que Galicia ou o Estado español poidan dotarse dunha dereita cívica, racional, moderna, liberada dos seus propios prexuízos e dos da historia. O PP nin sequera foi capaz de condenar o franquismo, de buscar un modelo propio lonxe das herdanzas da ditadura e, como se pode ver en Madrid, está demasiado ocupado en controlar, mesmo a través de escoitas telefónicas, as discrepancias internas. É o modelo de Esperanza Aguirre, o de Acebes, o de Jiménez Losantos e agora tamén o de Alberto Núñez Feijoo. Ese Núñez Feijoo que afirma sen rubor que suprimirá as galescolas (coma se as galescolas non fosen unha opción de libre elección) é un exemplo da intransixencia do PP con respecto ao galego, intransixencia que nin sequera Fraga Iribarne foi quen de asumir no seu día. O grave é que non é posible o debate porque se cuestiona a propia realidade, manipulada.
Agora, o PP en Galicia está radicalizado, borrou calquera inclinación galeguista, abandeira a galegofobia de Corina Porro, súmase á causa manipuladora de Galicia Bilingüe e preséntase como unha opción de futuro desoladora.

FRAN ALONSO

13.7.09

'Males de cabeza' protagoniza a primeira tese en galego en Polonia

O meu libro Males de cabeza, publicado por Xerais en 2001 na colección Narrativa, converteuse en obxecto de estudo da primeira tese presentada en galego nunha universidade polaca. Joanna Włodarczyk defendeu a súa tese de licenciatura na titulación de Estudos Culturais (especialidade de Estudos Ibéricos) na Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Varsovia o pasado día 18 de maio, baixo a dirección do doutor Gerardo Beltrán. A tese foi presentada baixo o título de "Vocabulario cosmofrán: referencias e autoreferencias na obra de Fran Alonso e as súas implicacións na tradución ao polaco de Males de cabeza". Aínda non tiven oportunidade de lela, pero teño moitísimas ganas. Joanna Włodarczyk tamén traduciu Males de cabeza ao polaco, así como un relato de Cartas de amor ("To, o co nigdy nie pytałeś"), que tamén estará a disposición dos visitantes do novo espazo web que abrirei axiña.
Así mesmo, Karolina Franaszczuk publicou recentemente na revista polaca Policromía o artigo "Tłumaczac Frana Alonso ("Traducir a Fran Alonso").

12.7.09

Linguas amables

O 18 de outubro de 2004 (Goberno Fraga) publiquei a seguinte columna de opinión en La Voz de Galicia, titulada "Linguas amables":

Os responsables políticos do novo Plan de Normalización Lingüística insisten reiteradamente en que o galego ten que ser unha lingua “amable”. Nesa “amabilidade” teiman tamén algunhas voces de comentaristas que se expresan sempre en castelán. Eu, por suposto, estou convencido de que ningunha política lingüística pode ser nunca plantexada en termos de confrontación; e tamén sei, como filólogo, que as linguas, salvando os tópicos, non poden ser “amables”, pois esa é unha cualidade humana da que as linguas carecen. Potencialmente, todas as linguas son exactamente iguais e somos as persoas as que lles imprimimos os nosos valores e as nosa ideoloxía. Pero xa que se insiste tanto na necesidade desa “amabilidade” do galego, quixera dicir que a min, como galego-falante, me gustaría observar tamén a personificación da amabilidade na outra lingua, o castelán, coa que convivimos día a día, por veces invandínonos espacios aos galego-falantes que non existen para a lingua galega. Esa sensación de invasión, francamente, eu nunca a sentín ao revés, é dicir, cando era castelán-falante, lingua na que fun educado.
Así que, se puidese sumarme a esa equivocación de atribuirlle cualidades humanas a unha lingua, diría que me gustaría que o castelán fose máis amable comigo, por exemplo, no ámbito da banca; ou no ámbito xudicial; ou no ámbito da informática; ou cando a publicidade me apabulla en castelán, incluso na TVG; ou cando vexo que ninguén se atreve a presentar o seu currículo vitae en galego por medo a ser rexeitado no mercado laboral; ou cando só atopo vídeos e DVDs en castelán pero non en galego para as miñas fillas; ou cando, e isto é moitísimo máis grave, me vexo na obriga, como me sucedeu, de cambiar a miña filla, galegofalante, de centro escolar, porque lle tocou unha profesora galegofóbica, que incumpre as súas obrigas docentes sen que a Consellería de Educación, compracida no marco desta escola desgaleguizadora, faga nada por evitalo.
E gustaríame que o castelán fose máis amable comigo cando cos seus sons se afirma, a estas alturas da historia, que o galego non é válido como lingua de cultura nin como lingua de valor universal. E é que, como dicía Octavio Paz, hai quen é cosmopolita vivindo nunha aldea dos Andes e hai quen é un perfecto provinciano vivindo no corazón de Nova York.


O artigo publicouse integramente pero sen o derradeiro parágrafo. Todo sigue igual. Seica non pasan os anos.

6.7.09

Manifesto veciñal contra a moción de censura

Os veciños e veciñas de Gondomar estamos indignados. Estamos moi indignados. E así o vimos manifestando na rúa, durante toda esta semana, desde que se fixo pública a escandalosa moción de censura.
Calquera que sexan as nosas simpatías políticas, calquera que sexa a nosa orientación ideolóxica, os veciños e veciñas de Gondomar temos o deber de mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante todo o que está a suceder no concello, con esta moción de censura inxustificable e absurda que só busca saciar os intereses particulares daquelas persoas que a promoven.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir outra vez que a trapallada e a ilegalidade volva ao urbanismo do Concello; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir, baixo ningún concepto, que resucite o espírito da corrupción que no ano 2006 levou á detención de dous concelleiros do PP; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que o caos e a desobediencia legal retornen a un concello que no período anterior estivo gobernado por un alcalde ao que os xuíces condenaron a ano e medio de cadea.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que catro concelleiros tránsfugas, que só procuran o seu propio beneficio, dean un golpe de man, desoíndo as ordes do partido que os vai expulsar, e traicioando aos que os votaron a quen se deben en primeiro lugar.
E, sobre todo, os veciños e veciñas de Gondomar non podemos aceptar a inmoralidade de que acceda á alcaldía unha persoa que xa cometeu graves ilegalidades urbanísticas mesmo antes de acceder ao cargo. Un alcalde debe ser unha persoa íntegra, alguén que, co seu comportamento exemplar e gran sentido cívico, se convirta nun intachable xestor, guiado pola eficacia e pola honradez fronte aos recursos públicos. Os concelleiros son cargos electos ao servizo da cidadanía e están obrigados a servir democraticamente e con xustiza as persoas ás que representan.
Xa que logo, esta moción de censura parécenos un farsa irresponsable, unha comedia triste e patética e, sobre todo, un acto de malversación da política, pois a política ten como misión servir ao pobo e en ningún caso empregala en beneficio propio nin comerciar con ela ningún tipo de favores.
Os veciños e veciñas de Gondomar non queremos ser partícipes do discurso perverso e manipulado dos concelleiros que dán este golpe de man, desprezando as súas obrigas co pobo e o seu deber cívico, así como o sentido dunha democracia que os habilitou para ser hoxe o que son. Non queremos ser partícipes dos comportamentos dunha oposición que botou abaixo toda a acción de goberno no Concello, que fixo gala dun incansable afán destrutivo, e agora, logo de fomentar a confusión e o desgoberno, pretende presentar unha moción de censura para facerse co poder, baixo a escusa de que a confusión e o desgoberno os fomentaron outros.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar apelamos á responsabilidade dos partidos políticos Partido Popular, PSOE e BNG e dos seus militantes e votantes, para que todos esixan, connosco, que se faga xustiza e se desista dunha moción de censura que só vai traer enfrontamentos e tensión ao noso concello.
Todo o mundo en Gondomar sabe que esta moción de censura non é democrática, que responde a intereses alleos ao verdadeiro sentido do servizo público. Todo o mundo sabe que a acta de concelleiro non é unha parcela privada, senón que hai que exercela democraticamente, con responsabilidade e respondendo ao sentido dos votantes que a outorgaron. Todo mundo sabe que os tránsfugas, se fosen consecuentes, deberían marchar para a súa casa en canto deixan de representar ao seu partido.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar esiximos que o actual goberno municipal esgote o seu mandato, que os tránsfugas abandonen os seus cargos e volvan ás súas casas, deixando que os seguintes candidatos ocupen os seus postos e que permitan dunha vez por todas que a xustiza, a democracia, e a honradez se instale, definitivamente, en Gondomar.

Gondomar, sábado 4 de xullo de 2009

5.7.09

A araña e mais eu



Reproduzo os textos da folla de novidades de Kalandraka:

Sinopse:
Un día alegre, de súpeto, una araña gorda e fea... brincou desde o ceo
para aterrar no meu corpo.
A descarada, primeiro explorou unha deda do meu pé, avultada coma un kiwi. Logo, subiu aos meus nocellos, rugosos como a pel dunha mandarina.



O libro:
Un álbum de gran beleza artística e literaria, ideal para
todos os públicos, dende os primeiros lectores ata os
adultos, pola delicadeza coa que as palabras percorren
a xeografía do corpo humano na figura dunha nena,
comparando cada parte cunha froita, a través da súa
forma, tamaño e textura. O recurso da araña,
considerado socialmente como un animal pouco
agraciado, proporciona un sutil contraste e mesmo un
certo toque de humor, facendo partícipes os lectores
das sensacións que percibe a protagonista do relato
ante o itinerario que realiza o insecto. Esta obra ofrece
un achegamento visual e poético ao corpo humano.

4.7.09

A cultura do medo en Gondomar

O xoves, en Gondomar, na manfiestación contra a moción de censura, fun testemuña dun feito propio do século XIX, que non crería que fose certo se non chega a ser porque o vin cos meus propios ollos: a muller de Manuel Núñez, o candidato de Move Gondomar e un dos responsables da moción de censura, apuntaba nun caderno, desde o balcón da súa casa na Alameda, o nome das persoas que participaban na manifestación. En 2009 e facendo gala da cultura do medo!!!!

Onte venres,varios centos de coches engalanados con bandeiras de "moción=corrupción" e sen deixar de pitar percorrimos durante dúas horas e media practicamente todas as parroquias do concello, propiciando un espectáculo abraiante.

3.7.09

Vídeos das protestas veciñais en Gondomar

Os veciños de Gondomar protestan pola Moción de censura contra o goberno do BNG que presentaron o PP, Move Gondomar e catro concelleiros tránsfugas do PSOE. A plataforma veciñal percorre as rúas con asubíos e cacerolas baixo o lema "moción = corrupción".









Cara a unha radio sen pluralidade

Os comentaristas de opinión do programa Diario Cultural da Radio galega foron despedidos por "motivos económicos". Sóubeno a través dun correo de despedida de Helena González e outro de Débora Campos, e en ambos os dous casos, o despedimento inminente" se produciu logo das súas derradeiras intervencións: "Galeguismo cordial" e "Caladiños": "Mándanos estar caladiños. Non opinar. Nada dicir. E farémolo se así garantimos a pervivenza dese milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego".