26.4.10

Lobo

Lin hai pouco esta curiosa e fermosa novela. De frases longas coma o inverno, narra a vida dun lobo e é a primeira novela dun inglés licenciado en filosofía que se dedica a dar clases de piano.


9.4.10

Lonxa literaria

Hai bastantes días que tiña pendente facer un comentario sobre a ridícula subvención concedida á Lonxa Literaria de Moaña, unha asociación pioneira na creación de clubs de lectura en Galicia. Curiosamente fun eu, con Males de cabeza, o primeiro escritor en abrir a súa liña de sesións dos clubs de lectura con presenza dos autores, hai nove ou dez anos. Posteriormente tamén participei na súa tertulia xuvenil, con O brillo dos elefantes, se non lembro mal. E mesmo colaborei na fermosa actividade ¨O conto viaxeiro¨, a través da que implican a todos os escolares do concello. A concesión dunha subvención de 83 euros a unha asociación cunha traxectoria coma esa constitúe unha feísima desconsideración a un traballo cidadán exemplar.
E, desde logo, non ten ningunha lóxica alegar que non se axustou ás bases da convocatoria, pois a concepción das subvencións de diñeiro público para estas iniciativas debe estar sempre ao servizo do traballo e das ideas pioineiras da sociedade civil e non ao revés. As que están a crear dinámicas interesantes e imitables son este tipo de iniciativas e suponse que as subvencións se convocan para poñerse ao seu servizo. En caso contrario, ¿que sentido teñen? De feito, a traxectoria da Lonxa Literaria de Moaña é amplísima, impecable, pioneira, e ten o mérito e a lexitimidade de ser a responsable de prender o lume dos clubs de lectura en Galicia, o que debería ser moi de agradecer, especialmente para unha institución pública. Aquí pode lerse unha descrición do seu labor. Se non se apoia institucionalmente este tipo de iniciativas, ¿como esperamos conseguir unha sociedade lectora?

5.4.10

Uxío Novoneyra: cronoloxía

Esta é a cronoloxía que elaborei para o final do libro Folerpas de Novoneyra, unha biografía sobre o poeta do Courel publicada na colección Merlín (Xerais). Os enlaces de maior interese sobre Novoneyera na rede, están tamén aquí.


CRONOLOXÍA DE UXÍO NOVONEYRA

1930: Uxío Novoneyra nace o 19 de xaneiro en Parada do Courel no seo dunha familia labrega acomodada.

1936: Prodúcese o levantamento militar contra a Re­pública que provoca a Guerra Civil española. O tío de Novoneyra, Manuel Novo, que era alcalde de O Cou­rel pola Fronte Popular, vese obrigado a agacharse na casa familiar de Novoneyra durante tres anos.

1945: Aos quince anos, Uxío trasládase a Lugo durante o período escolar para estudar o bacharelato.

1948: Comeza a escribir por esta época. No instituto, coincide con Manuel María. En Parada instálase María Mariño, que intima coa familia de Novoneyra.

1949: Uxío remata o bacharelato en Lugo e marcha a Madrid, onde se matricula como oínte en Filosofía e Letras.

1950: Novoneyra vive en Madrid, cidade moi marcada pola dureza do ambiente de posguerra. Etapa de lecturas e aprendizaxe autodidacta; faise usuario asiduo da Biblioteca Nacional. Uxío dá o seu primeiro recital na universidade e publica algúns poemas en revistas literarias.
1952: Volve a Galicia para facer o servizo militar, on­de volve coincidir con Manuel María. Grazas a el, No­voneyra entra en contacto co galeguismo e coñece a intelectuais como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, García Sabell, Fermín Bouza-Brey e Carlos Maside.

1953: Debido a unha pleurite, vese obrigado a regresar ao Courel, onde permanecerá ata 1962. Novoneyra es­cribe Os Eidos entre 1952 e 1954.

1955: Publícase Os Eidos na editorial Galaxia, cun prólogo de Ramón Piñeiro. O libro está dedicado ao pintor Carlos Maside, co que o poeta mantén unha forte amizade.

1957: Uxío Novoneyra atrévese a falar en galego nun recital poético no Círculo Mercantil de Compostela, ante a sorpresa do público.

1958: Morre en Lugo o poeta Luís Pimentel, ao que Novoneyra se sentía unido. Ese mesmo ano morre outro amigo: o pintor Carlos Maside.

1960: Uxío Novoneyra envíalle varias cartas a Ramón Otero Pedrayo falándolle de María Mariño e solicitándolle un prólogo para Palabra no tempo.

1962: Novoneyra marcha novamente para Madrid e, durante estes anos, traballa colaborando na radio e na televisión, en programas literarios. Comeza a súa in­tensa relación con membros do grupo Brais Pinto, fundado en 1958. En Madrid vive a experiencia dunha cidade marcada pola loita antifranquista e o activismo estudantil. A cidade revive un clima de rebeldía. Novoneyra mantén unha amizade moi fonda co pintor Reimundo Patiño e os dous permanecen atentos aos movementos culturais máis renovadores.

1964: Fúndase a UPG en Compostela.

1966: Novoneyra publica Elexías do Courel e outros poemas (1966, E. Rialp, Madrid), editado en versión bilingüe galego-castelán. Retorna ao Courel debido á enfermidade dos pais.

1968: Escribe os poemas «Letanía de Galicia» e «Vietnam Canto».

1971: Morre o pai de Uxío Novoneyra, José de Parada.

1973: Casa con Elba Rei. Ese mesmo ano morre a nai de Novoneyra.

1974: Publica Os Eidos 2. Letanía de Galicia e otros poemas, na editorial Galaxia, ilustrado con debuxos de Laxeiro.

1976: Nace a súa primeira filla, Branca Petra.

1979
: Publica en Brais Pinto os Poemas caligráficos, pro­logados por Reimundo Patiño. Novoneyra é un mi­to entre os escritores novos.
1981: Nace o seu fillo Uxío. Publica en Xerais Os Ei­dos. Libro do Courel, revisado, recompilado e depurado. Novoneyra xa é considerado un clásico.

1982
: É nomeado presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

1983
: Nace o seu fillo Arturo. Trasládase de xeito definitivo a Santiago de Compostela, onde vivirá o resto da súa vida. Ferrín publica De Pondal a Novoneyra.

1985: Reedítase, ampliada e completa, a edición de Os Eidos. Libro do Courel (Xerais, 1985).

1986: Publícase, a cargo da Deputación de Lugo, o poe­mario Muller pra lonxe, de temática amorosa.

1987: Tradúcese Os Eidos ao éuscaro, que se publica en versión bilingue, (Bazterrak Os Eidos, editorial Pamiela), traducido por Koldo Izaguirre.

1988: Ve a luz Do Courel a Compostela (1956-1986), na editorial Sotelo Blanco.

1990
: Sae do prelo Os Eidos na colección Biblioteca das Letras Galegas, de Xerais, en edición anotada e comentada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.

1991: Publícase Tempo de elexía na editorial Vía Láctea, que é unha reedición revisada de Elexías do Courel e outros poemas. Ese mesmo ano, sae tamén o seu primeiro libro destinado ao público infantil: O cubil do Xabarín (Edelvives).

1992
: Dá á luz o segundo libro infantil, Gorgorín e Cabezón, ilustrado por Quintana Martelo e Vázquez.

1994: Publica Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras en Espiral Maior, con gravados de Carlos Crego.

1995: Dáse a coñecer o libro Camelio xaponés (Consorcio da Cidade de Santiago), no que participa.

1996: Ten lugar o Encontro de Escritores Novos en Compostela, convocado pola AELG. Algunhas desa intervencións e a posterior de Novoneyra dan lugar a un vivo conflito xeracional que marcará a poesía desa década.

1998: Publica o poemario Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (Concello de Betanzos). Tamén sae en Noitarenga Dos soños teimosos e en Edelvives o seu terceiro libro infantil: Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín.

1999
: Uxío Novoneyra falece o 30 de outubro en Compostela. Publícase o libro Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas (Hércules).