26.7.10

Iugoslavia

Viaxei por primeira vez a Iugoslavia antes da guerra que asolou os balcáns. Debeu ser nos anos 1984 e 1985. Xa non vivía Tito, pero só había catro anos que desaparecera. Con todo, a súa imaxe era omnipresente en todo o país. A foto do seu rostro estaba nos valados, nos escaparates, nos bares, nas rúas, nos tranvías.
A primeira vez que fun fíxeno en tren, con Interrail, e entrei pola fronteira austríaca. A segunda, en coche, pola fronteira húngara, cando ese país aínda era unha república socialista. Atravesei o que hoxe é Croacia, Bosnia, e Eslovenia. O que máis me sorprendeu, daquela, de Croacia, foi o sorprendente parecido da súa zona rural (case todo) con Galicia.
Só volvín a Iugoslavia a través da lectura, para intentar asimilar a brutalidade que Slavenka Drakulic nos presentou no seu Coma se non existise, un libro contundente e decisivo para entender o conflito humano. Teño ganas de volver, aínda que me interroga a incerteza do que atoparei alí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario