25.10.10

Cemiterio de elefantes

Esa ficción baseada en Cemiterio de elefantes leva moito tempo na rede. Non coñezo aos seus creadores nin os obxectivos con que foi feita. Supoño que para pasalo ben. Vese que o conseguiron. Parabéns.

18.10.10

20 anos arroutados

O venres estarei de viaxe fora de Galicia, así que sinto ben non poder acudir a celebración destes 20 anos arroutados, cheos de sentidiño, cosmopolitismo, virtuosismo, arroutada e paixón. Millóns de parabéns, Diplomáticos. Estou certo de que vai ser un concerto memorable. Estarei alí, aínda que de corpo ausente. Coa tropa da tralla.

6.10.10

Implicadas e o infanticidio feminino

A ONG galega Implicadas no Desenvolvemento inicia hoxe unha campaña coa que pretende visibilizar o problema do infanticido feminino na India, especialmente no distrito támil de Salem onde cada ano 200 nenas son asasinadas polas súas comunidades nunha forma extrema de violencia de xénero. O labor de Implicadas no Desenvolvemento coas comunidades dese distrito a través de activistas támiles, comezou en 2007 e agora intensifícase:

O infanticidio feminino é unha práctica que consiste en matar ás nenas que acaban de nacer ou ben mesmo abortar os fetos femininos (feticidio feminino) debido ao baixo valor que as mulleres teñen nunha sociedade dada. A preferencia por ter un fillo xustifícase de moitas maneiras e está afianzada noutro tipo de prácticas discriminatorias.

O infanticidio feminino é a expresión máis extrema da desigualdade de xénero, na que se combina unha visión das mulleres como entes dependentes, a incapacidade de tomar decisións sobre o seu propio corpo e sexualidade e a propagación dunha cultura de culto ao varón extrema.



4.10.10

O Cairo en Taxi

Hai pouco lin Taxi, de Khaled Al Khamissi. Un libro distinto dentro da tradición árabe, que se converteu nun éxito en Exipto. A súa lectura é como percorrer O Cairo en taxi. Moi recomendable para os afeccionados ás literaturas periféricas, ás lecturas sociolóxicas ou aos que vaian viaxar a Exipto.