31.1.11

Vinte anos publicando: 1991-2011

Este é un ano moi especial para min. Cumpro vinte anos desde que publiquei o meu primeiro libro: Tráiler, a novela coa que gañei o Premio Blanco Amor. Esa novela e, sobre todo, ese premio, non só me permitiron irrumpir dun día para outro no ámbito literario senón que supuxeron o impulso necesario que todos os escritores precisamos para nos reafirmar como tales.

Evidentemente, Tráiler non é o primeiro texto que escribín. Levaba escribindo desde os 14 anos, nese lento proceso que é a aprendizaxe da escrita, e publicara algúns relatos e poemas en revistas literarias, que en 1992 recollín en A lúa no probador. Mesmo Persianas pedramol e outros nervios, o meu primeiro poemario, publicado en 1992, foi escrito antes que Tráiler, aínda que despois da publicación da novela continuei a darlle voltas á feitura do poemario.

Este ano celebro o vinte aniversario: pasaron vinte anos e pasaron tamén vinte títulos e algunhas traducións. E, desde Tráiler, que escribín nun vello e aparatoso ordenador con wordperfect (que, por certo, merquei cos cartos do Premio Curuxa do Humor), tamén pasou por min a era dixital. Desde 2003 existe o meu blog Cabrafanada e desde 2009 o meu Domicilio Virtual.

Ao longo destes vinte anos, escribín sen a dedicación que me gustaría: escribín roubándolle tempo ao sono, ao ocio, aos amigos, á familia, etc, etc.
Pero foron vinte anos intensos, completos, que valoro moi positivamente e que quero agradecerlles especialmente, aos meus lectores e lectoras.
Para celebralo, este ano é a miña intención editar en pdf un ou dous libros de artigos da miña autoría, que anunciarei oportunamente e que se poderán descargar libremente do meu Domicilio Virtual.

Pero, ademais, chego a este 2011 coas pilas recargadas e, sobre todo, recollendo os froitos de varios anos de traballo. En breve (dentro de 20 días) estará nas librarías o meu próximo libro, O meu gato é un poeta (un libro-disco-web) do que falarei proximamente.

Máis avanzado o ano sairá en Xerais o meu próximo libro de Narrativa, Ninguén, un conxunto de relatos que falan de como cambiaron as relacións entre as persoas á sombra da cultura urbana e das novas tecnoloxías.

E, máis adiante, darei á luz un libro de relatos infantís, que rematei hai algún tempo e que supoñen unha nova liña no que publique ata o de agora.

A maiores, Transición, un novo poemario espera pacientemente o seu turno de saída.

Evidentemente, estes libros foron escritos ao longo dun demorado período de tempo e xúntanseme, como dicta a fortuna con acerto, no ano do meu vinte aniversario como escritor con obra publicada.

Pois iso; penso celebralo dando novos libros para o prelo. Porque esa é a vocación máis antiga da que teño conciencia dentro de min.

24.1.11

Gondomar, un volcán da deturpación da política

Na súa historia recente, por desgraza, o Val Miñor non se caracterizou por unha acción política civilizada e racional a favor da súa cidadanía. Pola contra, as potencializades turísticas da zona, unidas a un desenvolvemento urbanístico incontrolado e salvaxe fomentaron a corrupción, a chegada dunha clase política falta de escrúpulos, os intereses persoais, a malversación, o despilfarro público, a falta de xestión, etc, etc, etc. Os tres concellos do Val Miñor (uns en mellores condicións, outros en peores) están a pagar na actualidade as consecuencias desa utilización da política e dos recursos públicos en función de beneficios persoais.

O Concello de Gondomar, por desgraza, é un paradigma exemplar desta situación. Carente dos recursos turísticos de Baiona e Nigrán, cun urbanismo históricamente menos desenvolvido e cunhas enormes potencialidades para se converter nun concello fundamentado na industria (Polígono da Pasaxe, Vincios) e nos servizos, non obstante, en Gondomar, non se puxo en marcha unha política planificada e racional destinada a gobernar para servir á cidadanía e á súa a calidade de vida (o BNG pretendeu claramente sentar as bases para conseguilo pero a moción de censura non lle deu tempo á levala á práctica nin a que se poidan valorar resultados).

As noticias que Gondomar transmitiu ao mundo están relacionadas coa corrupción, a coacción, a ilegalidade e as ameazas: o seu anterior alcalde (Carlos Silva), inhabilitado por unha sentencia; varios dos seus anteriores concelleiros, collidos in fraganti pola policía mentres recibían diñeiro dun construtor nunha trampa preparada polo xulgado, e, a última, unha moción de censura sen pés nin cabeza propiciada por tránsfugas do PSOE, polos independentes de Move Gondomar e polo PP, que colocaron na alcaldía a un títere deste último partido que non exerce e é sistematicamente substituído polo tenente alcalde. Trátase dun goberno municipal de conveniencia, inconexo e con múltiples leas internas.

En realidade, Gondomar é un concello cunhas potencialidade enormes. Pero, para iso, precísase dun goberno municipal que, con carácter continuado, e fronte ao turismo desenfrenado e masivo de Baiona e Nigrán, sexa quen de ofrecer riqueza patrimonial, calidade medioambiental, recursos alternativos, tranquilidade, un urbanismo controlado e racional, revalorización paisaxística, oferta cultural, etc, etc, imitando a acertadísima política de revalorización do patrimonio natural e cultural que impulsou Álvarez Areces en Asturias e que tantos éxitos lle está a dar a esa Comunidade Autónoma, ou por botar man de exemplos máis próximos, o BNG en Allariz e a Alternativa Veciñal en Oleiros, onde (neste último concello) a calide dos servizos de saúde e urxencias municipais, os innumerables quilómetros de rutas para camiñar e carrís bici, a rede de bibliotecas públicas (unha por parroquia), os servizos sociais, etc, etc., elevaron de xeito natural o prezo da vivenda debido a cantidade de xente que desexa trasladarse a vivir a ese lugar.

Recentemente, a empresa Vía TV gravou un vídeo, que circula pola rede no que entrevista a Manuel Núñez (o «independente» de Move Gondomar), a Alfonso de Lis (o tránsfuga do PSOE) e a Antonio Araúxo, líder do BNG e fugaz ex-alcalde. A ausencia de actual alcalde títere (Martín Urgal) é moi significativa.

Por certo, a «guerra de blogs» da que se fala no vídeo non chega a tal categoría pois o uso das novas tecnoloxías por parte dos grupos políticos en Gondomar (e do Concello) é absolutamente primario e aínda non se estableceu unha comunicación fluída coa cidadanía nese sentido, a excepción de determinadas iniciativas civís

16.1.11

Unha anécdota en Túnez

Os sucesos que están a ter lugar en Túnez e que amedrentan a todo o Magreb tráenme á memoria unha anécdota que me sucedeu durante unha viaxe a ese país en 1992. Daquela xa gobernaba Ben Alí e o seu rostro estaba impreso en numeresos carteis na rúa, aínda que con menor intensidade que o de Hassan II en Marrocos. Aquel día eu viaxaba nun tren desde o centro do país á capital, que está no norte. Nun determinado momento da viaxe, entrou no vagón un home que sentou ao meu lado. Logo de saudarme cordialmente, comezou unha animada conversa e, pouco despois, interesouse por min: de onde viña, que estaba facendo no seu país, se me gustaba Túnez, que opinaba sobre o Alxeria, sobre Marrocos, e sobre a situación política dos tres países, etc, etc, etc. A min, que estaba afeito a viaxar polo Magreb, non me estrañou nada esa curiosidade, moi habitual cos estranxeiros entre os cidadáns árabes.
Case ao final da conversa preguntoume pola miña profesión. Xornalista, díxenlle eu que daquela traballaba no Diaro 16 de Galicia. Vaia, dixo con certa retranca, os xornalistas sodes persoas perigosas. E ceibou unha gargallada. A continuación eu pregunteille pola súa. Daquela meteu a man no peto da chaqueta (levaba chaqueta, malia a calor) e sacando unha placa que me mostrou díxome: policía secreta.


(Foto extraída do xornal Público)

7.1.11

Comprar, tirar: a historia secreta da obsolescencia programada

Comprar, tirar: a historia secreta da obsolescencia programada. Un documental que se emitirá este domingo 9 de xaneiro ás 22 horas en TVE e que se poderá comentar en directo a través de facebook.
A directora do documental, Cosima Dannoritzer, falará cos internautas o luns 10 de xaneiro. Desde os anos 20 fabrícanse produtos para que teñan unha duración limitada.


Comprar, tirar, comprar. Avance




(Mil grazas, Ioli, polo enlace).


O texto de presentación do documental:

Una reveladora historia que explica por qué los productos que compramos duran cada vez menos. ¿Existen bombillas eternas? ¿Cómo se puede usar un chip para 'matar' un producto cuando llegue a un determinado número de usos? Éstas y otras muchas preguntas encuentran respuesta en este reportaje, en cuya realización participa RTVE y otras televisiones europeas.

Ya en 1928 una revista publicidad afirmaba que "un artículo que se niega a estropearse es una tragedia para los negocios", y para un sistema basado en un ciclo de producción, consumo y despilfarro.

En los años 30 del siglo XX los fabricantes de bombillas se pusieron de acuerdo para limitar la duración de las bombillas. A partir de ese momento, otros productos duraderos desaparecieron, como las medias de nylon a prueba de carreras, y otros aparecieron con fecha de caducidad programada, como impresoras y iPods.

El documental ha sido rodado en Cataluña, Francia, Alemania, EE.UU. y Ghana, un país africano que se ha convertido en el vertedero de la 'basura electrónica' de Occidente.

Cosima Dannoritzer es una realizadora y guionista alemana que ha trabajado para televisiones de Alemania, Reino Unido y España. Ha dirigido documentales como 'Si la basura pudiera hablar', un retrato de Barcelona a través de sus cubos de basura.

También ha dirigido para TVE la película 'Amnesia electrónica', en la que echa un vistazo a sus memorias personales, archivadas en formatos digitales que van cambiando, que amenazan la transferencia de esta información a las generaciones futuras.

3.1.11

O fotógrafo fotografado

A maior parte das veces, os fotógrafos teñen rostros descoñecidos. Eu, que sempre estou botando man do traballo meu colega Manuel G. Vicente, decido, por unha vez, renderlle unha pequena homenaxe. Xa era hora. Con el viaxei en diversas ocasións, con el comparto amizade, con el fixen Territorio ocupado, A casa da duna, A araña e mais eu. Esta foto fíxolla Xosé Manuel Moo.
Ademais, agora, acaba de abrir un blog, moi recomendable.

O seu currículo pode verse en diversos lugares da rede.