25.4.11

Postal desde o Sant Jordi

O sábado, o ceo de Barcelona, contra todo prognóstico, estaba bastante despexado. Ademais, víase ben que as ameazas de chuvia non asustaron a ninguén e as rúas do centro estaban ateigadas de xente desde primeira hora da mañá. O día adiviñábase intenso, logo da decepción da cidade polo partido do mércores. Daquela, os que non eramos de Barcelona perdemos, sobre todo, a oportunidade de ver unha apoteósica celebración que xa se sentía nas horas previas ao partido na Praza de Cataluña. Pero o que non logrou o Barça, logrouno Sant Jordi, vencendo o mítico dragón e reafirmando a furiosa potencia da cultura catalana. Nas rúas do centro de Barcelona, as respiracións tocábase, entrecruzábanse ata fusionarse, e o osíxeno que se respiraba era quente, mesto, compartido. Unha librería anunciaba máis de douscentous autores, en distintas franxas horarias, asinando no Sant Jordi. Pero ningunha das outras librerías importantes desmerecía esa oferta. O 23 de abril en Barcelona, dedicarse á pracenteira tarefa de follear libros é practicamente imposible. Eu, afortunadamente, os días previos fixen as oportunas visitas as librerías que máis me interesaban. No Sant Jordi, o segredo é deixarte levar por unha tsunami humana que te enchoupa do ambiente e che explica, sen concesións, todo o que unha nación con vontade de reafirmarse culturalmente é quen de conseguir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario