10.10.11

Internet, mentiras, bulos, ficción, realidade ou... de que vai o meu libro «Ninguén»?

Un dos maiores atrevementos da narrativa contemporánea de última hora é ese acerto de habitar os territorios indefinibles e movedizos –e transitorios– entre a ficción e a realidade, entre a fábula e o tanxible, entre ilusión e a certeza; ese territorio que nas propostas narrativas máis avezadas se está a mesturar ata límites que destrúen completamente o noso concepto tradicional de ficción.

Falaba hai uns días, en Cabrafanada, de Anatomía dun instante, de Javier Cercas, un ensaio ou unha crónica (que non se sabe) que pode ser lida e intepretada como unha novela. E é que é unha novela. O Premio Xerais de Novela do 2010, Periferia, de Iolanda Zúñiga, tamén leva ao límite a construción dunha novela na que a ficción ten unha presenza mínima. O propio Javier Cercas abordara anteriormente ese tipo de indagación en Soldados de Salamina, incluíndose a si mesmo na propia novela, algo que fixeron máis recentemente o vasco Kirmen Uribe e o galego Cid Cabido. Aínda que, para min, son seguramente os narradores franceses os que falan con máis acerto desta tendencia, tamén hai algo en todo isto de retorno a Norman Mailer, a Capote, a Tom Wolf, aínda que con parámetros do século XXI e pasados por unha óptica posmoderna e fragmentaria.

Ao tempo, as lendas urbanas, o que nós tradicionalmente coñecemos como lendas urbanas, que levan moito tempo circulando especialmente pola nosa tradición oral, apoiáronse sempre nese xogo confuso entre realidade e ficción (e nos recursos da oralidade) para garantir a súa verosimilitude.

Precisamente agora, coa aparición das novas tecnoloxías e no contexto cibernético, a rede (e os videoxogos) potenciaron ata límites incribles esa confusión entre realidade e ficción e, en consecuencia, as lendas urbanas (das que os hoax forman parte, en boa medida) medraron a través desa nova prodixiosa vía que é Internet, botando man de novos recursos e da viralidade e facéndonos crer a todos que é verdade algo que realmente é mentira.

Ben, pois esa confusión provocada polos hoax constitúe o punto de partida desde o que se artella Ninguén.

Ninguén explora as os efectos, a través da rede, desa confusión cotiá entre ficción e realidade, narrando ou evidenciando situacións sobre as relacións humanas en contexto urbano que tamén teñen que ver coa nosa cotianidade de internautas e que nos acaban afectando a todos. Eis, en definitiva, uns puntos centrais do debate na narrativa contemporánea. E, ao tempo, explora os cambios das relacións humanas á luz da urbe e da tecnoloxía e sometidas a esas realidades.

O que sucede en Anatomía dun instante é que ese libro converte a realidade en ficción (a ficción aprópiase da realidade para facela súa sen modificala). Pero o que sucede na rede, pola contra (que é precisamente o que explora Ninguén), é que se converte a ficción en realidade (a realidade aprópiase da ficción para facela súa).

Iso é precisamente o que caracteriza eses hoax (bulos, mentiras) que a tod@s nos chegan continuamente aos nosos correos electrónicos ou á nosa páxina de Facebook. E cos que, nunha ou noutra ocasión, inevitablemente, picamos.

Os hoax, e as súas historias, conforman a columna vertebral de Ninguén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario