27.12.11

«Transición», o meu novo poemario

Ao abrigo de Transición amarran poemas que erguen a voz e loitan, versos que non esquecen nin un só nome, poemas de sombras, de fuel; pero tamén poemas que xogan a ser música, que desfán as sílabas en compases, xogo que Fran domina con delicia, e tamén poemas onde o lector percorre a casa, os ruídos das portas dos veciños, poemas con vistas a ese Vigo que se deita como un animal adormecido. Transición é un libro de moitas caras pero, sobre todo, de moitas falas. 

 Por iso eu recomendo, se se me permite, ler Transición sempre con voz, pronuncialo en alto, porque  é un poemario que pide saír pola boca. É para ler en pé no cuarto ou sentado baixo as sombras dunha tarde no xardín, pide chegar coma un fío recitado para os amigos fronte ao mar, para o amante no leito, para os condutores dos vitrasas, para as mulleres que berran os nomes dos peixes nas prazas. Transición quere a vida e non dubida en pedila a berros.

maríalado

Transición é un poemario que contén un CD con poemas na miña voz e na de María Lado.

26.12.11

21.12.11

Cambiará Internet o noso xeito de ler e triunfará a microliteratura?

Foro de Fervenzas Literarias (1)
O encontro que mantiven durante uns días con lectores e lectoras de Ninguén, respondendo ás preguntas que me facían, obrigoume a algo que me gusta facer e para o que case nunca teño tempo: reflexionar sobre a literatura e sobre como entendo eu o feito creativo. E obrigoume a facelo en voz alta; é dicir, escribíndoo. Como non son moitas e como é un tipo de reflexión que me comprace, por se pode ser de interese para alguén máis, vounas ir reproducindo en Cabrafanada.


—Cando dis que "«Ninguén» tamén é un intento de abordar e asumir esas novas formas de expresión (e de ficción) que están aparecendo en Internet e que no futuro" cres que no futuro cambiará o xeito de ler tal e como o coñecemos dende agora? que se imporán unhas lecturas tipo facebook e twitter e microliteratura polo estilo? Están en peligro de extinción esas novelas de 500 e 600 páxinas, por exemplo?
Gracias polo teu tempo.

EusebioM. 
 
—Ola Eusebio:
Eu creo que o xeito que temos de ler, con Internet, xa está cambiando. O correo electrónico, os hipervínculos na rede, as páxinas web, os foros, as roldas de correo e, proximamente ou xa mesmo, o ebook están mudando a forma en que abordamos a lectura, que é moito máis vertical, moito máis selectiva, moito máis transversal, en xeral menos profunda, e se sitúa no plano da literacidade electrónica. Ademais, vivimos nun mundo en que a lectura é moito máis complexa, porque leva mensaxes ocultas, porque hai que saber interpretar o contexto, porque as palabras son forzadas ata que perden o seu valor, etc. É dicir, que ademais hai que ler entre liñas. Nese sentido, hai un libro sensacional de Daniel Cassany, que nos abre os ollos con todo isto e explica moi ben como temos que ler hoxe en día. Está publicado en Anagrama e titúlase «Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea».
Evidentemente, eu creo que isto vai determinadar tamén novos hábitos e formas de abordar a escrita, a ficción, e vaina condicionar e en ningún caso pode ser inocente. Eu intento navegar, desde a creación, nesa nova realidade, entre eses novos retos, aínda que coa conciencia de que pertenzo a unha xeración que naceu na cultura do papel e que, daquela, só vai poder asumir moi parcialmente ese cambio. Ese será un cambio que chegará protagonizado polas xeracións máis novas, que non terán que facer un esforzo de adptación, como é o meu caso, senón que o asumirán de xeito natural. Ora, non se trata tanto de que facebook ou twitter condicionen a extensión da escrita, que non creo que iso suceda, porque seguirá habendo ficción con todo tipo de extensión, senón máis ben que as novas plataformas de escrita e lectura van conlevar novas formas de expresión que se levarán á literatura. En calquera caso, se cadra dentro duns anos facebook nin sequera existe e perde o peso que ten hoxe. Nestes momentos é unha rúa moi concurrida, pero na rede todo dá a volta rapidamente. Non me refiro tanto a esas redes sociais concretas como en xeral ás novidades que a rede, que é unha realidade brutal e incipiente para a ficción e para a lectura, vai imprimir na forma de asumir o proceso creativo.
Un saúdo.

19.12.11

Cabo Verde afundiuse no mar, Cesária


«A vida, agora, citoume alí, na procura de mellor sorte. Mañá meterei esta carta nunha botella e botareina ao mar de Ponta do Sol. É a nosa despedida, Zé. Despedímonos de ti. Marcho cos teus fillos. E eu, coma ti, tampouco volverei. Para min, Cabo Verde afundiuse no mar. Adeus para sempre, Zé».


«Sodade», para a viaxe máis longa, a que non ten retorno, a da perda definitiva.


As voces da África máis intimista, sensual e contemporánea, con Salif Keitia e Cesária Évora.


Ceumar, que lle ofreceu ao público de Uxía este tema no fermoso concerto da Universidade, remata evocando a Cesária.



Pero a voz quente da Mae Velha quedará eternamente connosco, sempre disposta ao regreso.

15.12.11

17 de decembro, A Coruña e Vigo, día Lugrís


Recibo de Xurxo Souto, esta mensaxe trasatlántica, á que lle engado o programa de A Nave das Ideas:

17 de DECEMBRO, A CORUÑA E VIGO, DÍA LUGRÍS
A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Así nolo di co seu talento a pintura de Urbano Lugrís. Dous pontóns de amarre no mesmo océano.
Para significar unha vez máis esta revelación, o vindeiro sábado 17 de decembro celebrarase –simultaneamente- en Vigo e na Coruña a Acción Urbano.  Xornada cívico-bohemia, en honra do gran mestre.
O Orzán, o Berbés e un único manifesto en botella polos camiños do mar a prol da creatividade e da arte galega.
Sábado 17 de decembro. Percalinópolys e Xouba City ( isto é A Coruña e Vigo na terminoloxía do pintor) unidas outra vez pola vida, pola bohemia, polo talento abisal de Urbano Lugrís profeta do atlantismo.

A CORUÑA
O fato de enxarmantes da Coruña autedonimámonos "IN NAVE CIVITAS"  ( por su posto ti es membro de honra). Imaxinamos un acto en catro tempos:
1.  Ás 20 horas: “Obradoiro submarino”. Xuntanza no palco da música de Méndez Núñez para decorar paraugas con debuxos de peixes. Así, se chove, facemos da necesidade virtude.                                                                                    
Saída  da manifestación atlántica presidida, con toda pompa e esplendor,  polo son dos gaiteiros “Os Vicentes de Elviña”.
2.  "Camarote Lugrís". Intervención  pictórica rápida na rúa  Mantelería, diante do recanto que ocupaba o estudo de Lugrís.
3. "Balada do Porto de Os". Estrea no Borrazás, café moi querido por Lugrís, dunha rapsodia insipirada no poema do mesmo nome, composta por Marcos Aboal e Lourenzo Castro.
4.  Na Coiraza do Orzán, lectura e lanzamento -en botella- do manifesto, dirección ribeira do Berbés.


VIGO
DESCRICIÓN BREVE DA HOMENAXE
O acto que será conducido en Vigo pola Nave das Ideas está previsto para a xornada do 17 de decembro como unha forma de reclamar un día das Artes Galegas. Dividimos a xornada en dúas partes diferenciadas.

Xornada matutina.
- Roteiro Urbano Lugrís. 
Da man de Carlos L. Bernárdez organizamos un roteiro pola cidade de Vigo que nos levará por lugares de importancia na vida e na obra de Lugrís. Durante o percorrido realizaranse paradas estratéxicas (Pinacoteca, Ribeira de Vigo, etc.) para finalmente rematar coa lectura do manifesto no límite do peirao da cidade onde se botará unha botella ao mar como feito simbólico. 

Xornada Vespertina
Conferencia e xornada multidisciplinar
Na nave das ideas non queremos adecuarnos a unha homenaxe formal na que, logo do roteiro, gabamos a figura de Urbano Lugrís nunha conferencia. Nós queremos algo máis. É por iso que preparamos un completo programa que agardamos poida dar un enfoque moito máis amplo e fondo.

Nas instalacións do museo vigués do Verbum crearemos un espazo no que terán lugar de xeito simultáneo os seguintes actos:
- Conferencia do pintor Antón Patiño e Carlos L. Bernárdez arredor da figura de Urbano Lugrís.
- Exposición de reproducións de cadros de Lugrís.
- Creación artística a cargo do grupo Amálgama
- Poesía urbana. Hip-Hop a cargo de AÍD
- Recital sobre Urbano. A cargo de María Lado, Ledicia Costas e Lara Domínguez.

13.12.11

A protesta que presentei onte contra o Valedor do Pobo

Onte á noite interpuxen unha queixa no Valedor do Pobo (a través deste enderezo de internet: http://www.valedordopobo.com), que quero facer pública e reproducir aquí:


Cal é o motivo da súa queixa?
O MOTIVO DA MIÑA QUEIXA É O RECENTE DICTAME DO VALEDOR DO POBO A FAVOR DA PROTESTA PRESENTADA POR PEDRO LARRAURI, COORDINADOR DE UPyD EN VIGO, REFERIDA AO LIBRO DE TEXTO DE VICENS VIVENS DE 5º DE PRIMARIA. ESE DICTAME NON RESPECTA O ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA NO PUNTO ONDE DI QUE "O GALEGO É A LINGUA PROPIA DE GALICIA" E, ENTENDENDO QUE O VALEDOR DO POBO NON IGNORA UN FEITO TAN OBVIO,  RESULTA EVIDENTE QUE ESE DICTAME FAVORABLE SE FIXO AÍNDA SABENDO QUE O DEMANDANTE NON TIÑA RAZÓN.
XA QUE LOGO, PRÉGOLLE QUE RECTIFIQUE A SÚA DECISIÓN, PIDA DESCULPAS Á EDITORIAL E AOS CENTROS DE ENSINO AFECTADOS E PROCEDA, EN CONSECUENCIA, A SOLICITAR (E, NESTE CASO, EXECUTAR)A INMEDIATA DESTITUCIÓN (DIMISIÓN) DO VALOR DO POBO; É DICIR, A SÚA PROPIA.
COMO PAI E COMO DEMANDANTE, ASEGÚROLLE QUE TEÑO UNHA FILLA EN IDADE ESCOLAR EN 5º DE PRIMARIA QUE UTILIZA ESE LIBRO DE TEXTO E NON QUERO BAIXO NINGÚN CONCEPTO QUE SE LLE CENSURE UN FEITO QUE RECOÑECE O PROPIO ESTATUTO GALEGO: "O GALEGO É A LINGUA PROPIA DE GALICIA". POR PARTE DO VALEDOR DO POBO, ESTA RESOLUCIÓN CONSTITÚE UN ACTO DE CENSURA EXECRABLE. PROCEDA, POR FAVOR, COA MIÑA DEMANDA.


Contra que órgano da Administración da Comunidade Autónoma, Concello, entidade ou empresa pública desexa presentar a súa queixa?:
CONTRA O VALEDOR DO POBO

Poña aquí calquera outro dato que considere de interese:
O VALEDOR DO POBO VÉN DEMOSTRANDO DÍA A DÍA A SÚA INTOLERANCIA COS DEREITOS DOS GALEGO-FALANTES A TRAVÉS DAS SÚAS RESOLUCIÓNS. ESTE FEITO DEBE SER TOMADO COMO ANTECEDENTE DA RESOLUCIÓN CÓMPLICE COA PROTESTA PRESENTADA POR PEDRO LARRAURI, COORDINADOR DE UPyD EN VIGO.


12.12.11

«Ninguén» convertido en «Libro Sagrado» na India

Un lector de Ninguén a quen no coñezo persoalmente fíxoche chegar estas fotos do meu libro, que sacou nunha viaxe recente á India. As fotos son simpáticas, exóticas e fermosas e contemplar o meu libro Ninguén, como obxecto, pousado en paisaxes urbanas ou en mans de persoas nunha xeografía tan distante é unha satisfacción pracenteira e insólita. Desde Cabrafanada, quero darlle ás grazas á persoa que mas enviou, xa que non o puiden facer persoalmente.
 

8.12.11

A disposición dos lectores de «Ninguén» no foro de Fervenzas Literarias

Recentemente, a páxina sobre cultura e literatura galega Fervenzas Literarias renovou a súa web. Nesa nova etapa que iniciaron, solicitáronme que estivese, durante 20 días, a disposición dos lectores e lectoras que queiran facerme preguntas sobre Ninguén. Xa que logo, quedo a disposición de todas aquelas persoas que o desexen, para contestar a todas as cuestións que queiran plantexarme, ata o 22 de decembro. O foro de Fervenzas Literarias pódese consultar neste enlace.
Nestes primeiros días, respondín un par de preguntas que se poden ler no propio foro.