23.1.12

A veciñanza segundo Bruno Bozzetto

A miña amiga María Pazos mandoume hai uns días, a través de Twitter, o enlace a un vídeo de Bruno Bozzetto sobre a veciñanza que lle lembrou o meu libro Ninguén. O vídeo gustoume moito. Grazas, María.




16.1.12

Sitio distinto

Unha das creacións culturais e televisivas máis singulares e atractivas do noso pasado recente: o Sitio distinto de Antón Reixa e os Resentidos.

6.1.12

A miña homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Dous textos sobre el

Desde Cabrafanada quero unirme á despedida de Isaac cun sentido adeus. Como persoal homenaxe a súa figura reproduzo dous textos da miña autoría sobre el.
O primeiro é a laudatio que me tocou facer na Noite da Edición de 2006 cando foi nomeado Presidente de Honra da Asociación Galega de Editores. O texto pódese ler ou descargar neste enlace.
O segundo é a entrevista que lle fixen en 1991 e que reproduzo no meu libro Contesta ou disparo, que tamén se pode descargar integramente.

Isaac Díaz Pardo

«Hai quen está interesado en
que non se lembren as cousas»


Responsable do complexo Sargadelos e de Ediciós do
Castro, Isaac Díaz Pardo é un dos grandes mecenas
da cultura galega.

—Séntese satisfeito co xeito en que o tratou a vida?
—Non. Máis ben sempre rexistrei fracasos.

—Quédalle moito por facer?

—Quédame moito pero xa non teño tempo.

—Non ten confianza no futuro?
—Ningunha. Teño xa 71 anos e estou na antecámara
de desaparecer. Non teño ilusión ningunha polo
futuro.

—Que faría se fose presidente da Xunta?

—Nunca o pensei, pero trataría de poñer Galicia ao
servizo dos galegos e non dos intereses estranxeiros.

—Estamos a perder a memoria histórica?
—Estou absolutamente convencido. Pero perdémola
porque hai quen está interesado en que non
se lembren as cousas.

—A autodeterminación é un dereito dos nosos pobos?
—Nos nosos tempos, en que prevalece a democracia,
afloran os feitos culturais diferenciados
por enriba dos estados, que xeralmente están feitos
na cama conxugal. No caso do estado español,
mentres Isabel e Fernando estaban na cama, facían
tamén un estado.

—Os libros ou a cerámica?
—Os libros.

—Dígame algo que lle moleste.
—Eu mesmo. Ser como son.

—Dígame algo que lle agrade.
—Xa son vello para esperar o que máis me agrada.


3.1.12

Un poema de «Transición» na voz de María Lado e na miña

Poema «Vivo non vivo en paz viva», do libro con CD Transición, de Fran Alonso (Ed. Franouren, 2011). Voces do CD de Fran Alonso e María Lado.



 

O libro inclúe un CD, editado con licenza Creative Commons, onde María Lado e mais eu recitamos oito poemas do libro; un libro, por certo, que sae agora á luz pero que rematei hai tres anos.
Transición é un libro de busca, de experimentación, de colaboración, de entrega, de intervención, conducido polo adn da palabra, pola procura da súa esencia, pola súa posta en valor como elemento aglutinante. Os poemas teñen rexistros bastante diversos. A partir da páxina 74 inclúese Balada solitaria, que nunca fóra publicado en Galicia (unicamente en Portugal), e que é un dos referentes dos que parte Ninguén.





















A ilustración é un agasallo persoal que me fixo hai algúns anos o ilustrador Lázaro Enríquez.




2.1.12

A exemplar loita contra Autobuses de Calo dunha traballadora que quixo ser nai

A través de facebook, e vía Alfonso Pato, coñezo este vídeo, que dá conta da exemplar loita dunha traballadora e nai contra os abusos laborais cometidos pola empresa Autobuses de Calo. Paga a pena velo. Galicia Confidencial denuncia que sufriu unha agresión na empresa.







Cando a manipulación política converte os bulos en verdade


Foro de Fervenzas Literarias (2)
O encontro que mantiven durante uns días con lectores e lectoras de Ninguén, respondendo ás preguntas que me facían, obrigoume a algo que me gusta facer e para o que case nunca teño tempo: reflexionar sobre a literatura e sobre como entendo eu o feito creativo. E obrigoume a facelo en voz alta; é dicir, escribíndoo. Como non son moitas e como é un tipo de reflexión que me comprace, por se pode ser de interese para alguén máis, vounas ir reproducindo en Cabrafanada.


—Fran, quería preguntarte polo tema dos "hoax" que aparecen entre relato e relato en Ninguén. Dis que os hoax son os bulos que corren pola rede. Pero tamén sufrimos os hoax a través dalgúns medios de comunicación, que as veces nun exercicio de ficcion intentan colarnos noticias por realidades, mesmo onte mesmo co valedor do pobo. Como ves como xornalista e escritor o paso dos hoax do mundo da ficción e da rede ao mundo real?
Moitas gracias.

—Ola Eusebio:
Coñécense como hoax (en inglés), ou tamén bulos, esas cadeas virais que circulan pola rede e que partindo de información falsa ou manipulada intentan conseguir a credibilidade do lector ou lectora. Os hoax naceron de xeito case simultaneo á rede, pero xa existían, ligados á oralidade, antes de que existise á rede. Eu lembro algúns que me contaban de neno (que nos contabamos de nenos), como o da famosa man negra, que tanto medo nos metía. Eu sempre pensei que o divertido «baterman» de Suso de Toro estaba inspirado nesa man negra. Son historias falsas ligadas á tradición oral que na rede se reconverten, que atopan unha canle de expresión cunha potencia expansiva enorme e unha capacidade vírica impresionante, e que, iso, si persiguen outros fins (facer dano, desprestixiar marcas ou persoas, vinganzas, recopilar enderezos electrónicos, desestabilizar etc, etc.). Algúns simulan tan francamente ben a realidade que os cremos ou, en todo caso, que nos fan dubidar. Hai unhas horas acabo de ver unha información en facebook que advirte sobre a perigosidade dunha aplicación de cumpreanos e, sinceramente, sen investigalo non sei se é verdade ou mentira. Teñen esa capacidade xenial de desconcertarnos. 

O caso é que, como ben dis, moitos deses hoax filtráronse como información verídica en medios de comunicación importantes. Hai hoax contrastados (poden consultarse na rede) que foron emitidos como noticias en xornais, emisoras de radio e de televisión; por exemplo, por diarios como El País ou cadeas de televisión como a CNN.

Ora, o que ti tamén plantexas, e paréceme moi interesante, é a manipulación da información, a súa descontextualización (como é o caso do ditame do recente Valedor do Pobo), para intoxicar, crear un estado de opinón favorable a determinados intereses, para defender determinadas ideoloxías (sempre rancias e conservadoras), etc. Efectivamente, vivimos nun momento en que a palabra, como elemento verbal de comunicación, como adn da interrelación e a comprensión humana, foi desposuída, arrebatada, e perdeu todo o seu valor. Desde o uso sistemático de eufemismos (como chamarlles «mercados» aos multimillonarios que agora controlan o mundo) ata a terxiversación, a descontextualización, a desemantización, o baleirado, a absorción, etc... o poder emprega hoxe tácticas que teñen que ver coa modificación e maleabilidade do discurso para desorientar a cidadanía, confundir e conseguir os seus obxectivos, que nada teñen nada que ver nin coa realidade nin co ben social. Hoxe a palabra xa non é verdade. A verdade foille arrebatada á palabra polo poder e, desde o meu punto de vista, é a manipulación máis grave, contemporánea e perigosa de todas cantas vivimos. Dese xeito chegou Hitler ao poder e iso non deberiamos esquecelo. E, en Galicia, os medios de comunicación teñen un discurso histórico ocultista que non conecta cos intereses do país nin coa súa cultura senón co poder, co perfil dunha minoría, tamén co espello da metrópole (cal perversa madriña de Brancaneves) e a súa actitude cotiá é a de agachar o discurso que afecta á identidade e á idiosincrasia de Galicia. 

Por iso, moito máis grave que a actitude perversa dese triste infeliz que é o Valedor do Pobo paréceme a actitude silenciosa e ocultista dos medios de comunicación galegos e o feito de que tomaren partido sempre (tamén co asunto do Valedor do Pobo, non hai máis que repasar os titulares) co discurso dun poder (bastante impotente) que é o que lle dá as costas á singularidade que nos conforma como galegos. Xa que logo, é evidente que o discurso que empregan os medios, o que emprega Galicia Bilingüe, o que emprega o Valedor do Pobo, o que emprega UPyD, o que emprega esa nova e agresiva xeración de políticos galegos do PP que agora nos goberna é o discurso da negación, da ocultación, da falsificación da realidade; de tal xeito que dese discurso manipulado, moldeado á súa medida, xorde unha nova realidade, unha nova verdade que é falsa e, daquela, é un hoax, pero que é efectivo porque está a confudir e aturdir á cidadanía. Un hoax viral que ameazan con estender e que nós debemos desenmascarar.