31.8.16

A forza dos soños

Probablemente nunca tería chegado á lecura da novela Sueños de piedra se non fose pola recomendación da miña filla. As autoras deste libro, escrito a dúas mans, son Iria G. Parente (1993) e Selene M. Pascual (Vigo, 1989). Sueños de piedra é unha desas novelas que gabeou exitosamente polas redes sociais, recomendada polos lectores e lectoras e os principais booktubers e blogueiros para conquistar, sobre todo, un público adolescente. 

 A novela conta as aventuras de tres personaxes que viaxan xuntos para intentar cumprir os seus propios soños, atoparse a si mesmos ou descubrir o sabor da liberdade. O caprichoso príncipe Arthmael, unha moza que foxe da prostitución e que responde ao nome de Lynne e un mago patán son os personaxes que dan vida a unha historia chea de acción, de intriga e de aventuras. Pero, moito máis alá da aventura, o principal logro desta novela é a abraiante profundidade psicolóxica dos personaxes e a súa modulación. A través dos seus comportamentos desfilan os medos, as contradiccións, o desexo, o amor, a frustración, o sexo, os complexos, a construción da personalidade e o valor dos soños do ser humano, moi especialmente nesa etapa de procura e conformación que é a adolescencia. Sobresae a feitura do personaxe de Lynne, tan vivísimo e real, cos seus lóxicos conflitos psicolóxicos que abren o camiño na novela ao tratamento de temas como a violencia machista, a prostitución, os roles de xénero, o papel do corpo, a posesión e os dereitos das mulleres. 

As autoras exhiben, ademais, dous acertos técnicos: o emprego da primeira persoa, que alternan os dous personaxes principais (Arthmael e Lynne) e a narración constante en presente. Sen dúbida, unha novela recomendable para todos os públicos.

16.8.16

A Serra do Galiñeiro, un órgano vital

O pasado 17 de abril tiven a oportunidade de ler o Manifesto da VI Andaina pola Serra do Galiñeiro, que escribín a petición da Plataforma, á que lle agradezo esa oportunidade para poder sumarme desde a palabra a unha reivindicación imprescindible. Logo da miña lectura, Manolo Pipas ofreceunos un pequeno recital poético.
Aínda non publicara o manifesto en Cabrafanada e que mellor estes días, cando o lume devora os nosos montes, para facelo, poñendo así as miñas palabras na defensa do noso patrimonio natural e contra a política forestal suicida de Alberto Núñez Feijoo.
As fotos son de Sechu López. O manifesto pode descargarse en pdf nesta ligazón.





Manifesto da VI Andaina pola Serra do Galiñeiro

Ventos lendarios son os que fecundan as eguas salvaxes dos curros, ventos que pulsan as pólas dos piñeiros. Os cabalos galopan ariscos e libres. Salvaxes e fermosos. Retumba debaixo deles o estrepitoso tambor da montaña. Con estas palabras, ou moi semellantes, describía Eliseo Alonso, que en vida foi veciño desta Serra, os latexos dos montes que hoxe pisamos, os latexos milenarios e riquísimos que só a torpeza e a perversión da política se negan a protexer, roubándolles o rango que teñen de seu: o de órganos vitais. Si, esta serra é o corazón dos nosos vales, as súas vísceras, un enorme tesouro da natureza.
Máis abaixo, entre regatos ruadores, dícía tamén Eliseo Alonso,  escóitase a canción de pan dos vellos muíños fariñeiros.
Escóitase, claro, porque esta Serra do Galiñeiro non é só o corazón que nos fai vivir, non é só o pulmón que nos fai respirar, non é só o ril e o fígado que nos depuran; tamén é o ventre que atesoura no seu interior un inmenso patrimonio cultural, antropolóxico, xeolóxico, histórico e arqueolóxico.
Desde a ventá da miña casa, a Serra do Galiñeiro descóbrese cunha forma sospeitosamente coñecida. Cada vez que, engaiolado, desde a ventá, dirixo a mirada para aquí, creo descubrir nos xeitos da montaña aquela abraiante serpe que, a ollos do Principiño, tragou un elefante.
Si, esta Serra, na que Victoriano Taibo foi testemuña, desde a escoliña de Morgadáns, do golpe militar do 36 que o ía humillar e desterrar, tamén ten formas literarias.
A montaña é natureza, é vida, e tamén é literatura.
Certo, eu creo distinguir ben a serpe dentro do elefante que debuxou a imaxinación de Saint Exupery. Ou non será unha serpe? E logo non será a forma rebelde dunha egua? E logo non será un urro feito caliza? Se cadra, un día, logo da súa morte, Saint Exupery seguiu sucando os ceos terrestres e unha desas mañás de luz acusadora que nos ofrecen os días de outono planeou sobre Peinador. Porque Vigo, desde o aire, non é a cidade, chea de rúas que levamos impresa na retina. Nin sequera é a ría. Vigo, desde o aire, é a Serra do Galiñeiro. Iso é o que de verdade se ve. Iso.
O brillo da mica nas rochas.
A fortaleza do seixo.
A contundencia da magnetita.
Os berros petrificados das armas da Auga da Laxe.
O rincho das burras.
O silencio ancestral das mámoas.
A ollada acuosa e melancólica das vacas.
A sabedoría inmemorial das pontellas e os camiños.
A viveza engaiolante das brañas.
O manto incógnito das matogueiras.
A impermeabilidade da saramaganta.
A canción enxebre do breixo.
A poeira wagneriana dos curros.
O agurgullar da auga nos muíños, presas e levadas.
As voces cantareiras da Touba do Brión.
O repenicar do merlo azul.
O eco abisal das covas.
A abraiante inmensidade da paisaxe.

Todo iso é o que unha ollada de aviador literario como Saint Exupery pode ver desde o aire.
Eiquí síntese ben o que é un home, dixo Uxío Novoneyra medíndose co Courel. Tamén podería terse referido á Serra do Galiñeiro. Ou á Serra da Groba.
Dóenos a Serra do Galiñeiro. Dóenos porque é o noso presente e queremos que sexa tamén futuro. Non en van, os dous Institutos de Gondomar levan nomes vencellados a estas terras montesías: Auga da Laxe e Terra de Turonio.

Aquí, lamentablemente, séntese ben o que é o desleixo e a cobiza, berramos nós, e por esa razón estamos hoxe pisando amorosamente este chan na Serra do Galiñeiro, o noso órgano vital, ese lugar que nos permite seguir vivos. Facémolo precisamente por iso, porque queremos seguir vivos, porque queremos gozar e perpetuar os recursos naturais, ese ben íntimo e social que é paisaxe, a dureza do seixo, a rúbrica dos petroglifos, a liberdade dos cabalos salvaxes, a perpetuidade das mámoas, as cores do breixo, o acougo dos muíños, a beleza indómita dos curros...
Precisamente por iso queremos, esiximos, que esta Serra sexa declarada Parque Natural. Xa é tempo.

Hoxe, a cidadanía do Val Miñor, a cidadanía de Vigo, a cidadanía da Louriña, a cidadanía do Baixo Miño, participamos nesta VI Andaina pola Serra do Galiñeiro, sobre todo, porque non queremos ser cómplices.
Non queremos ser cómplices da transformación da bondade dos recursos naturais en maldade para abastecer a opulencia; non queremos ser cómplices da especulación irresponsable; non queremos ser cómplices da queima, verán tras verán, das nosas fragas e da destrución das especies arbóreas que viron nacer a antiga Gallaecia; non queremos ser cómplices de que se autoricen as actividades de impacto; non queremos ser cómplices da destrución da biodiversidade e dos ecosistemas; non queremos ser cómplices das políticas medioambientais destrutivas ou neglixentes. Non. Non queremos, non.
Nós estamos aquí porque consideramos que a Serra do Galiñeiro é o noso órgano vital, un órgano vital que nos permite vivir, que nos permite respirar, que nos permite depurarnos, que nos permite gozar, que nos permite rir e, sobre todo, que nos permite sentirnos parte desta natureza inmensa e xenerosa que nos acolle desde o día en que nacemos.
Hoxe queremos sacar do máis dentro de nós ese instinto telúrico que cada persoa leva canda si. Ese que nos une á terra e que nos fai corresponsables da conservación da natureza. Deixémolo libre, porque ese instinto ten a forza do magma volcánico e a paixón da terra da que saímos e á que volveremos.
Queremos que a Serra do Galiñeiro medre e nos faga medrar a nós. Queremos ver como transpira, sentila levedar e acompasar a ela a nosa respiración. Queremos querela, coidala e respectala como ela nos quixo, coidou e respectou a nós durante séculos.
Queremos xa, sen máis demora, que a Serra do Galiñeiro sexa declarada Parque Natural.

Dicía anteriormente que a montaña é natureza, é vida, e tamén é literatura. Por iso quero rematar coa lectura dun poema.




Terrae
                                    
As placas da corteza
terrestre son lugar tamén
en propiedade. Planeta
solar de viñas e nabos,
labradío biolóxico con forma
de esfera, tectónica, cebola,
rotación do sacho que sacha
na terra basáltica e granítica,
vida lúa, asfalto de castaña
con veas de árbore milenaria,
hai un proceso de fotosíntese que
renace na eclipse do rego,
abre na semente e no ozono,
no escaravello da pataca e
cantos millóns de anos cantos
segundos luz fixeron falta
farán para que os océanos
iluminen o froito das estremas,
entanto somos hidrosfera,
universo campesiño e primario de
civilización patria, enxebreza da
emoción en níquel que trae e leva
as mareas nunha identidade cos
mica feldespato lingua de placas,
nitróxeno, a herdanza do millo que labra
atmosferas sulfatadas no infinito da te
rra, cun aradiño de pau, cun aradiño
de pau.



Serra do Galiñeiro, Parque Natural.
Moitas grazas.