18.5.25

A reinvindicación dun clásico contemporáneo no Cortexo Cívico


Reproduzo o texto que lin no Cortexo Cívico de Pontedeume, organizado por Pepe Barro, desde a ventá da casa de Ramiro Fonte este pasado sábado 17 de maio. 

 

A palabra constrúese sobre a palabra. Escribimos a partir da lectura do que outras persoas escribiron antes. E lemos a partir do coñecemento dese fío invisible pero esencial que nos une coa nosa historia literaria. Esa lectura conforma tamén, de xeito irremediable, a nosa identidade.

A literatura galega vive hoxe un drama que está a pasar desapercibido: xa non se len os clásicos contemporáneos. É dicir, as autoras e autores que onte construíron unha obra imprescindible para o desenvolvemento da nosa literatura están hoxe desaparecidos das librerías e das axendas lectoras, e manter un catálogo desas características supón unha gran dificultade na súa viabilidade económica. Como sucede coa lingua, na literatura galega tamén se está a rachar o elo da transmisión da palabra, ese elo que fundamenta o que, culturalmente, somos.

A día de hoxe, a literatura galega carece dunha masa lectora crítica abonda como para manter o herdo da palabra máis alá da constante sucesión de novidades que configura o presente.

Unha desas voces, a dun clásico contemporáneo, é a de Ramiro Fonte. A súa voz está hoxe practicamente condenada ao desterro literario. A ese desterro que tamén dificulta a recontrución da súa memoria en Pontedeume.

Da memoria reconstruída na súa triloxía Vidas de infancia desde una intención alegórica: «Compórtome como ese fotógrafo alegórico que mergulla o papel na cubeta dos químicos», escribiu no terceiro volume, As pontes do ceo. «Para sermos xustos, incluso nas instantáneas que saen veladas vive un acontecemento», subliñaba liñas máis adiante. «A boa fotografía é invisible. Convéncete. A prosa da memoria tamén é invisible. Como o rostro da verdade».

Pero a súa voz, en cambio, non pode ser invisible.

Así que... viva este Cortexo Cívico que quere ser unha caixa de resonancias!

Eu servinlle unhas cantas copas a Ramiro Fonte cando traballaba como camareiro na hostelería da noite viguesa. Observábao desde o anonimato próximo á espreita das aves, sabendo que ao norde do seu canto voaban as aves frías. Eu lera Designium, que resoaba así:

Ao norte do meu canto as aves frías

por encontrar a noite

dos grandes solitarios.

O seu secreto templo

Os peiraos que baixan á memoria

Os xardíns que souberon

morrer en min en marzo sen acougo

Por unha copa de luz

Pola anterga estatua do silencio

A máis ousada das palabras

O seu fidel segredo.

 

Logo, cando, xa antes de rematar a carreira,  a miña vocación fixo que o xornalismo pasase a ser a miña actividade profesional, visiteino na súa casa e entrevisteino.

«A poesía sempre coxea de moitos pés. Faise de acertos e de erros», dixérame.

Será, pero a súa obra forma parte inequívoca dos acertos.

Máis tarde, tiven ocasión de recitar en varias ocasións con Ramiro, que vivía en Serafín Avendaño e era, segundo os seus propios versos, o mellor poeta da súa rúa.

Xa que logo, en homenaxe a el, remato a miña intervención lendo un fragmento dun poema meu, un poema que no seu día me situou como o mellor poeta da terraza en que o escribín.

 


Escribir poemas

nunha terraza coma esta

é un feito estraño, que

en boa medida me deixa espido

en plena rúa.

E non é que me importe

exhibir as miñas nádegas

pero moléstame

que me lean o pensamento

cando estou a escribir.

Non obstante, todo isto

prodúceme certa dependencia

desconcertante.

Un día máis, hai pouca xente

na terraza, cando menos

a estas horas.

Unha mesa está ocupada

por dúas mulleres con

expresión de fastío.

Agora chega un home

que se sitúa xusto detrás de min,

de tal xeito que non podo velo.

Teño coincidido con el e

habitualmente acomódase na mesa

de diante, de costas a min,

pero estes días anteriores

debeu sentirse incómodo

comigo detrás.

Agora, esborranchando

poemas, son eu

o que se sente vixiado.

 

 

 

Pontedeume, 17 de maio de 2025

15.2.24

O kiosko das almas perdidas

O peche definitivo do kiosko das o Almas perdidas, quizais o máis mítico dos bares vigueses, que se anunciou a principios de xaneiro na prensa, pon fin a un tipo de cidade que xa despareceu (quizais podería parecer que morreu con Abel Caballero 😅, pero non, foi antes e está relacionado co proxecto, en boa medida frustado, de «Abrir Vigo ao mar»).
Cando publiquei, en 1994, o meu libro de narrativa «Cemiterio de elefantes», en realidade, ía titularse «Almas perdidas», inspirado no nome do bar. O libro comeza ás 12,00 AM e remata (coa derradeira historia) ás 8,00 AM, xa ao mencer, percorrendo un Vigo nocturno que xa non existe e procurando unha estrutura narrativa que tentaba tirar abaixo, daquela, a fronteira entre a novela e o relato.
En «Cemiterio de elefantes» aparece un bar que está inspirado no Almas perdidas, aínda que non lle puxen ese nome; púxenlle Corazóns Solitarios. E non llo puxen porque o nome quixen poñerllo a un programa de radio ao que, a ese si, lle chamei Almas perdidas; o programa é un dos fíos condutores do libro.
«Cemiterio de elefantes» é un libro sobre a noite ambientado en Vigo que parte da miña experiencia como camareiro nocturno na voráxine dos 80 pero tamén da vocación noctámbula que me acompañou ao longo de toda a miña vida. En realidade, é un libro sobre a pulsión da noite e o desgaste que provoca nas persoas (de aí o novo título, «Cemiterio de elefantes«, que substituíu ao que pensara inicialmente).
O título que elixira para o meu libro era «Almas perdidas» e tiven que cambialo cando descubrín que exitía unha obra de teatro máis ou menos recente de Xosé Cermeño que tamén se titulaba así.
Agora, o peche do kiosko das Almas perdidas lémbrame que era o último bastión dunha cidade que desapareceu, ou que mudou como teñen que mudar todas as cidades, unha cidade caracterizada por unha zona portuaria chea de personaxes vivísimos e bastante deprimida que só permanece na memoria dos que a vivimos.
Adeus, Almas perdidas!

 

3.2.24

O ambicioso proxecto de Espazo Lectura en Gondomar

O proxecto que Espazo Lectura levou a cabo en Gondomar durante os últimos 16 anos é tan singular e poderoso que non existe nada igual nin en Galicia nin no Estado español. Díxoo o sábado a escritora, actriz e contacontos Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.

Díxoo na inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura. E é certo. O acto do sábado supuxo o remate da primeira fase do futuro proxecto do Museo do Conto creado hai dez anos por Espazo Lectura e que agora comeza a facerse realidade.

O proxecto do Museo do Conto, a cargo do arquitecto Vicente Pintos, é moi singular e ten moito máis que ver cun Centro de Dinamización do Libro e a Lectura que cun museo convencional; o seu perfil convérteo, atención, en vangarda da dinamización lectora en lingua galega.


O proxecto do Museo do Conto está situado nun terreo na parroquia de Donas, en Gondomar, entorno rural. Consta de 5 pequenos edificios, dos que 2 xa están construídos e en funcionamento, e nace do edificio inicial denominado «Casa da Lectura», con programación desde 2009.

A asociación Espazo Lectura deseña a dinamización desde 2008 (aínda que hai actividades desde 2006) a través do traballo desinteresado dun voluntariado que adoita rondar as 30 persoas que en 2009 recuperou unha escola infantil en desuso para convertela na Casa da Lectura.

Ao longo destes anos, Espazo Lectura apostou por unha programación estable, gratuíta e permanente, que case nunca é noticia, pero que ten unha enorme consistencia na práctica lectora, e a asociación foi capaz de renovarse permanentemente e atraer xente nova.


O voluntariado de Espazo Lectura foi quen de manter estable unha oferta de dinamización lectora infantil e para adultos gratuíta abraiante: 82 sesión de Contos en Cueiros (dinamización lectora para bebés); 397 sesións do Contomar (sesións de contacontos na biblioteca municipal);
336 sesións dos Mércores da Casa da Lectura (dinamización lectora aberta a outras disciplinas); 128 sesións do Lendo Contigo (club de lectura infantil); 74 sesións do Comando Le (actividade lectora pra adolescentes); 138 sesións do Sete Vidas (lectura de narrativa); 137 sesións do Lecturas Debuxadas (club de lectura de novela gráfica); 22 sesións do Daquelas que len (club de lecturas feministas); 12 Noites na biblioteca; 11 Fogueiras dos Versos (lectura poéticas arredora da fogueira en San Xoán); 16 Dar de Ler (lecturas en voz alta); ademais doutras moitas actividades como Noites Golfas, Club de Formación Lectora e Oficina de Formación (para autoaprendizaxe do voluntariado); obradoiros de ilustración; programación teatral; Sentada Lectora; Accións poéticas na rúa; xornadas escolares, para familias; actuacións relacionadas cos libros para os centros de ensino; e tamén concertos musicais da Banda dos Cueiros, un grupo de música infantil nacido da actividade lectora para bebés Contos en Cueiros que gravou un disco cos temas das sesións e realizou numerosas actuacións e algo moi importante: préstamo bibliotecario dentro do proxecto Meiga da Rede de Bibliotecas de Galicia, porque Espazo Lectura conta cunha biblioteca en lingua galega permanentemente actualizada grazas ás 17 editoras que son socias protectoras da asociación.

Polas actividades de Espazo Lectura pasaron un inxente número de escritoras/es ilustradoras/es, contacontos, espectáculos e todo tipo de dinamizadoras/es, que sempre foron e son retribuídos polo seu traballo profesional porque Espazo Lectura entendeu desde o principio que o voluntariado tiña que limitarse ás persoas, non profesionais, que manteñen o traballo da asociación pero nunca debía estenderse aos profesionais que son chamados para conformar a programación.


A primeira fase do proxecto do Museo do Conto foi financiado polo Concello de Gondomar e pola Deputación de Pontevedra  e no acto de inauguración participaron a presidenta de Espazo Lectura Beatriz Núñez; o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira,
o subdelegado do goberno en Galicia Abel Losada; a vicepresidenta Yaiza Peixoto; e a expresidenta Concha Costas. O acto tivo unha forte carga emotiva para todas as persoas que nalgún momento fomos partícipes do proxecto Espazo Lectura e esa emotividade está relacionada coa enerxía emocional que supón axudar a descubrir nos demais o proceso cognitivo da lectura; de feito, poucas veces teño visto expresar con tanta emoción o seu traballo como ás persoas que se entregan á dinamización lectora

Na actualidade, Espazo Lectura, con arredor de 1.500 actividades realizadas ata o de agora e o ambicioso proxecto de finalizar o Museo do Conto, supón un soporte enormemente simbólico para o libro e a lectura en lingua galega por iso nestes momentos desde Espazo Lectura estase prepar  tamén unha longametraxe documental para difundir como se foi conformando a asociación, o significado real de todo traballo feito ao longo dos anos e a súa proxección de futuro. 

Espazo Lectura non ten os medios da magnífica Fundación Germán Sánchez Ruipérez pero posúe un tesouro tremendamente valioso: a plusvalía humana que xenera o seu voluntariado e unhas ganas enormes de ser un modelo a imitar a favor da lectura. 

 




 

9.10.23

Un poema de «Ciudades» musicado

Teño que agradecerlles a Ángeles Fernández Martín e a J. Juan López Raya que me enviasen a ligazón a esta pequena e fermosa produción feita a partir dun poema meu de Ciudades, a tradución ao castelán de Cidades

Eles recitan con voz, música e canto ese poema, na súa tradución ao castelán («Entre todas las ciudades»), publicado actualmente por Kalandraka.

O certo é que «Cidades» foi sempre un libro afortunado. Publicado en 1996, tivo tres edicións diferentes (non reimpresións, senón edicións) en galego en Xerais; as dúas primeiras ilustradas por Pablo Otero «Peixe» e a terceira (a actual) ilustrada a partir das miñas propias fotografías.

Tamén tivo dúas edicións en castelán, e dúas editoras diferentes. A primeira, na editorial Espasa Calpe, coas ilustración de «Peixe», aínda que diferentes ás da edición orixinal; e a segunda (a actual) en Kalandraka, con ilustracións de Marc Taeger.



 

21.5.23

«Aí fóra», unha historia de ficción escrita en Instagram ao longo de 4 anos


O 9 de febreiro de 2019 comecei a escribir unha historia en Instagram. Fíxeno nunha conta privada, con moi poucos seguidores e sen darlle ningún tipo de difusión. Quería escribir con acougo, unicamente cando me apetecese e sen ningún obxectivo premeditado. Xa escribira Estado de malestar en Twitter e non quería volver a sentir ningún tipo de presión.

Baixo o título de Aí fóra, o relato está construído a partir dos monólogos que describen a evolución do estado de ánimo dunha muller confinada, afogada, pechada tras unha velux. As fotos a partir das que escribín a historia son todas reais, responden a unha sucesión cronolóxica, non teñen ningún tipo de filtro e están feitas desde o cuarto de baño da miña casa.

En marzo de 2020, sen pretendelo, o sentido da miña historia mudou radicalmente. A chegada da pandemia fixo que relatar a situación e o estado de ánimo dunha muller confinada se puidese interpretar doutro xeito, non só por parte das poucas lectoras e lectores que me seguían, senón tamén por min mesmo, como escritor, porque me rodeada unha realidade incerta na que o mundo enteiro estaba confinado. Non teño ningunha dúbida de que a partir dese momento a realidade cambiou o meu xeito de relacionarme coa historia e co personaxe. Creo que non me equivoco se digo que a realidade empequeneceu a ficción. E, desde logo, mudouna. Ignoro se para ben ou para mal.

 En todo caso, seguín escribindo, aos poucos, sen présas, ata o día exacto en que se cumpriron catro anos do incio da historia: o 9 de febreiro de 2023. En determindado momento do derradeiro ano de escrita, decidín facer pública a conta, que anteriormente era privada. Pero o máis importante é aclarar que en 2022 sucedeu algo que me obrigou a poñerlle fin á historia, que precipitou o remate. En ningún momento revelei na historia o que sucedera, pero quedaba patente tanto nas fotografías (de xeito moi evidente) como no texto (onde apenas estaba suxerido). O que aconteceu foi que se produciu a corta da árbore que estaba fronte á miña casa e que eu fotografaba desde a velux do cuarto de baño: un fermoso carballo.

Nas seis derradeiras imaxes, a árbore xa non existía. En total, relatei a historia ao longo de catro anos e de 60 post de Instagram coa súas respectivas imaxes. Desde o principio, a realidade actuou de xeito que condicionaba a ficción, aínda que, envidentemente, non tanto como nos últimos meses, cando a poda do carballo marcou completamente a historia e precipitou o final. Nese intre foi cando decidín poñerlle fin ao relato en canto se cumprisen os catro anos, porque a ausencia da árbore e baleiro do ceo non me permitían unha establecer relación lóxica e anímica entre o texto e a imaxe, é dicir, entre a protagonista e o castiñeiro.

En todo caso, foi unha experiencia de escrita francamente interesante, natural, moi pouco planificada, na que a realidade marcou o ritmo da ficción e na que o diálogo literario se estableceu sempre en función das imaxes.

7.2.23

Violencia machista

O asasinato machista de Baiona pon de relevo, unha vez máis, a brutalidade e a crueza adherida á cultura patriarcal. E tamén pon de relevo, unha vez máis, a resistencia criminal e feminicida de moitos homes que non están dispostos a asumir as premisas da igualdade como único xeito de relación xusta, racional e civilizada entre homes e mulleres. Esta vez, un profesor de matemáticas de Secundaria –e, novamente, a condición social ou formativa non determina a orixe da violencia machista– infrinxiu o máis despiadado dos asasinatos, non só matando á súa exmuller –avogada– senón incluso cometendo o crime diante dos ollos dos seus dous fillos, que dificilmente poderán esquecer o abominable feito do que foron testemuñas no resto das súas vidas.

É moi evidente que a violencia de xénero estivo sempre aí ao longo dos séculos, mesmo cun maior nivel de intensidade, aínda que non aflorase publicamente e fose silenciosamente asumida e agochada. E é moi evidente que os homes arrastramos ese putrefacto fedor pegado á pel como unha marca de xénero. Pero o feito de que hoxe exista ante ela máis rexeitamento social e unha sensibilidade de maior calado –aínda que claramente insuficiente– focaliza esa violencia e proxéctaa contra o noso día a día coma se fose un fenómeno novidoso, malia que non o sexa. Tamén é certo que as conquistas sociais do feminismo –como en xeral calquera tipo de conquistas sociais– provocan nos sectores resistentes a elas un efecto de oposición visceral que, ademais, atopa acubillo nas garras perversas da extrema dereita. 

A violencia machista é un fenómeno socialmente corrosivo e totalmente inadmisible e quen o xustitique, abeire ou renuncie a condenalo de xeito contundente está sendo cómplice da infamia, da vileza e, directamente, da súa propia ruindade. E moito máis, se a complicidade ten identidade masculina.


18.12.22

Unha proposta poética conceptual: «Poemas inmóbiles de movemento estático», poemario en libro e vídeo



O vindeiro mércores 21, Antón Lopo e mais eu presentaremos na Fundación Euseino? (Rúa México 37, Vigo) o meu novo libro, Poemas inmóbiles de movemento estático, publicado pola editorial Chan da Pólvora. O libro estará distribuido a partir dese día polas librarías e na web da editorial. 

Poemas inmóbiles de movemento estático navega nesa procura insatisfeita que tento levar a cabo con cada novo título, unha procura que me permita avanzar e disfrutar da literatura, e mergúllase no desalento, na frustración e na relación entre o corpo e a mente. O libro inclúe ao final unha nube conceptual que substitúe ao índice e un código QR que conduce a un longo videopoema no que recito o texto. (Ao final desta anotación reprodúcese un fragmento do vídeo).

Reproduzo os metadatos do libro que figuran no libro e na ficha de Chan da pólvora:  

«Poemas inmóbiles de movemento estático afonda na liña que Fran Alonso ven desenvolvendo desde hai anos sobre as posibilidades plásticas da poesía, característica que neste libro se converte nunha eclosión. Pero non debemos levarnos a engano. Baixo as formas escintilantes agáchase o desacougo dos poemas, talvez os máis escuros que escribiu o autor. O libro xira arredor dun ser de natureza incorpórea, engastadao ao individuo que escribe e aturdido no desalento do frío, no abatemento do corpo, no humus da frustración. O ser debeu perderse na reiteración das palabras, no labirinto dos conceptos, na confusa arañeira que prendeu coa erosión da engranaxe neuronal mentres o corpo do individuo que escribe se arrastra pola dor, polo desalento, polo desencanto e pola palabra para procurar unha identidade (dubidosa) na incerteza da esperanza».





18.10.21

Praia América, o topónimo denostado

Estou un pouco canso de escoitar como se denigra o topónimo Praia América. Si, o nome orixinal da praia era Lourido, seino. De feito, consérvase no Monte Lourido, lugar en que a praia comeza. E os topónimos «reflicten mil veces –dicía Álvaro Cunqueiro–, tanto como unha determinación significativa, un grao de amor e de amizade, e incluso de nostalxia, e sobre todo de posesión; é dicir, de cultura e de historia». Ben o sei, sinto paixón pola toponimia e, como escritor, aliméntome dela. Precisamente por iso, porque os topónimos reflicten tamén ese grao de cultura e de historia, gústame o topónimo Praia América. E non é un criterio gratuito. Argúese que que o nome foi inventado polo emigrante filántropo Manuel Lemos a finais dos anos 20 do pasado século. Probablemente Manuel Lemos, no seu proxecto empresarial de converter Lourido nunha praia atractiva para o turismo, propulsou definitivamente o cambio sen ningún tipo de intención cultural senón máis ben comercial. Pero, sen dúbida, non inventou nada. O lugar era coñecido xa entre os veciños como Praia América. A denominación, Praia América, estaba –ignoro en que grao– asentada na boca da xente de Nigrán. Por que? Porque cando a emigración castigou duramente o Val Miñor, como o fixo con tantas comarcas de Galicia, nas herdanzas deixábanselle as terras que estaban perto da praia –que eran areais improdutivos– aos fillos emigrados a América porque, loxicamente, non ían traballalas e as terras máis afastadas dos areais, moito máis ricas e produtivas, quedaban para os que non emigraran e continuaban a romper o lombo co traballo da terra. Daquela era o campo o o que daba o sustento e, en consecuencia, as terras máis fértiles eran as máis aprezadas. Logo, chegou o boom urbanístico e o declive da cultura rural e todo cambiou, perdendo valor as terras fértiles e disparándose os prezos das herdades lindantes coa praia. De aí que popularmente se lle chamase Praia América, pois as terras estaban en mans dos americanos, é dicir, dos galegos emigrados ás américas. 
Xa que logo, o topónimo Praia América terá apenas un século pero arrastra canda si unha enorme carga sociolóxica ligada á historia máis dolorosa e identitaria de Galicia e denostalo supón, en moi boa media, un terrible acto de desmemoria. 



3.9.21

Ler, escribir

Sorpréndenme as escritoras e escritores capaces de escribir en calquera momento. Véxoo tan admirable como envexable. Por desgraza, eu non son quen. Resúltame imposible, mal que me pese. Cando escribo, escribo. Quero dicir que cando escribo, non podo dedicarlle a miña atención a practicamente nada máis. A escrita requíreme unha concentración enorme, fidelizada, que desbota calquera outra actividade principal. Evidentemente, non todos os rexistros, xéneros ou formatos precisan da mesma intensidade tensional. Pero resúltame moi díficil crear literatura sen dedicarlle unha entrega case íntegra. Cando o fago, dilúome na escrita e, nese proceso, calquera cousa me molesta. En Douche a miña palabra non falei diso, aínda que é un libro sobre a escrita e sobre a lectura. Sobre a palabra, claro. Ignoro por que non falei diso. Se cadra non me pareceu importante contalo, que máis ten! Pero foi escrito dese xeito, tiránico, absorbente. Escribino nas miñas vacacións do mes de agosto, o único momento do ano en que na actualidade podo conquistar ese tipo de liberdade. Ora ben, teño que puntualizar algo moi importante: Douche a miña palabra era un libro que tiña xestante, na miña cabeza, coma se fose un longo embarazo, un embarazo que durou varios anos, pois hai moito tempo que desexaba escribilo. O desexo de escribir algo tamén é un instrumento relevante, que actúa coma un cronómetro, desencadea a paixón da escrita e faina fluír coma a frenética corrente dunha freixa. Aí é onde eu me atopo coa escrita. Nesa caída, vertixinosa, abouxante, case cega. Había moito tempo que todas as palabras que lles ofrezo ás lectoras e lectores neste libro empurraban dentro de min para saír. Madureceran e fervían. Se cadra, por iso fun quen de escribilo. Por iso, e porque supuña unha reflexión que me parecía importante: abordar, desde o ensaio e para o público infantil e xuvenil –pero non só–, o significado da palabra, da lectura, da poesía, da literatura, da lingua, da creación literaria. Pero, probablemente, de todos os significados, aglutinados por ese concepto enorme que é a palabra, o máis urxente para min era o da lectura. Porque, a estas alturas das nosas vidas, creo que todos os lectores e lectoras nos facemos unha pregunta crucial: como sería eu se non fose lector? Que tipo de persoa sería? Os escritores e escritoras temos a tendencia a pensar que a animación lectora non é un asunto que nos competa, na medida en que somos creadores, inventoras e inventores, artistas –no sentido máis puro do termo– e, daquela, a responsabilidade de que os nosos textos sexan lidos compételles a outras persoas, a outro tipo de profesionais. Pode ser, pero que sería dos nosos textos se non houbese lectores e lectoras? Existiriamos? Mesmo diría máis... escribiriamos? Porque, sen dúbida, o baleiro é moi doloroso, e diso sabemos moito quen escribimos en linguas minorizadas. Seguro que tivemos moitas veces a tentación de abandonar. Eu tívena, confésoo. Mesmo aínda que ás veces crea que non sería capaz. Ou si, quen sabe. Pero chegado a este punto pregúntome como canalizaría todas esas palabras que bailan alegres, organizándose, dentro da miña cabeza. Como lles daría saída. Se cadra, eliminándoas, sen máis. Pero ignoro se sería factible. Un non sempre domina o que ten dentro da cabeza. Agora son consciente de que o meu futuro literario consiste en abrirlle as portas a unha importante cantidade de proxectos creativos que, ao longo dos anos, teceron infatigablemente as miñas neuronas e que, por diversos motivos, nunca puideron atopar a liberdade que procuraban. Se cadra, logo de tanto tempo presos, vailles faltar a frescura dunha infancia e adolescencia que xa esqueceron e chegarán cun certo resaibo a cebola rustrida, pero, quen sabe, probablemente ofrezan máis enerxía calórica cando xa soltaron tanto zume. Ao longo de toda a miña vida creativa sentín unha estraña impotencia de non ser quen de contar todo o que desexo contar. Ora ben, o que un desexa contar non sempre é o que hai que contar. Así que se cadra debo aceptar que o tempo é o mellor editor que existe. E, no fondo, un bo aliado.  


23.12.20

Letras Galegas 2021: Xela Arias e a discutible decisión da Real Academia

En circunstancias normais, o nomeamento de Xela Arias para celebrar as Letras Galegas 2021 sería unha alegría enorme. Xela, ademais dunha persoa discreta, foi unha poeta enorme e de obra contida e precisa. 

E, non obstante, non podo máis que mostrar a miña perplexidade por este nomeamento, tan pouco oportuno, da Real Academia Galega, que se produce, ademais, desoíndo unha maioría de voces do tecido cultural galego. 

Pero, sen ánimo de estenderme nin de polemizar gratuitamente, aínda que si de explicar a miña indignación, vou expoñer os motivos destas afirmacións: 

 1) Habitualmente, a Real Academia toma esta decisión no mes de xuño. A estas alturas do ano (22 de decembro) xa non ten sentido ningún que a Academia dedique o 2021 a ninguén que non sexa Carvalho Calero. Nin as circunstancias provocadas pola pandemia permitiron unha celebración normal para Ricardo Carvalho Calero, que ve profundamente minguada a conmemoración da súa figura, nin o nomeamento de Xela Arias vai poder ser celebrado como correspondería.

2) Para que se publiquen estudos, divulgativos, pero tamén rigorosos, profundos e á altura das circunstancias, é preciso, en primeiro lugar, buscar autoras e autores, e concederlles tempo para a investigación e posterior escrita dos libros sobre a obra e a figura á que se lle dedican as Letras Galegas. É un proceso que as editoriais comezan habitualmente no verán, cos pertinentes encargos literarios. A maiores, o proceso de edición, como sabe calquera persoa vencellada ao mundo do libro, precisa un mínimo de tres meses (e é un prazo demasiado apurado, que require un gran esforzo suplementario) para poder levalo a cabo nun tempo tan xusto. En consecuencia, esta declaración tan á destempo evitará que se realicen estudos profundos, investigacións literarias e biográficas precisas, e traerá como consecuencia unha celebración incompleta e precipitada. Ademais, neste caso, Xela Arias é unha escritora con capacidade real para conectar coa sensibilidade da cidadanía, e tras esta decisión da Academia parte cunha enorme desventaxa marcada pola escaseza de tempo, nun momento ademais en que, por desgraza, a fin da pandemia aínda non está clara. 

 3) Lamentablemente non podo entender os motivos polos que non se prolongou o ano Carvalho Calero, aproveitando as dinámicas e refluxos xa creados e concedéndolle tamén ao autor de Ferrol a dignidade precisa para entendermos a súa figura, que non se puido traballar nos centros de ensino de primaria nin de secundaria. 

 4) E, finalmente, se a intención da Real Academia era non prolongar ao 2021 o ano Carvalho Calero non podo entender como se agardou ata o 22 de decembro para facer pública esa decisión de dedicarllo a Xela Arias, decisión que, de facerse pública con anterioridade, proporcionaba unha marxe moito maior para unha celebración apropiada á dimensión dunha poeta e muller como Xela Arias. 
De verdade non foi posible tomar esta decisión con anterioridade?

Só queda a esperanza de que, desde os ámbitos da cultura cidadá, fagamos todo o posible para impulsar e divulgar a figura dunha poeta radicalmente moderna, feminista, filla dun tempo que soubo comprender á perfección, íntegra e cunha vocación creativa que deu como resultado unha obra literaria de primeira magnitude.