17.1.14

A recuperación de Samil

A constante teimosía con que a area, temporal tras temporal, intenta recuperar o que era seu pon en evidencia a destrutiva e equivoca urbanización que se levou a cabo en moitas praias galegas. 

Estes días, o paseo de Samil apareceu invandido pola area. Durantes anos, iso sucedeu incansablemente en Praia América, ata que se iniciaron os tímidos traballos de recuperación que hoxe lle devolveron certa dignidade á praia. Con todo, as dunas de Gaifar nunca poderán xa ser recuperadas. Tampouco o Samil da miña infancia. Aqueles piñeirais aos que iamos merendar sentados sobre a area (e que permanecen vivos nos contos de X. L. Méndez Ferrín) desapareceron irremediablemente baixo a política irresponsable de urbanización dos espazos naturais que moitos concellos levaron a cabo (con algúns personaxes de lembranza tan nefasta como o vigués Agustín Arca). A praia da Ladeira, en Baiona mesmo se privatizou para construír un camping.

Afortunadamente, hai moitos anos recuperouse en Vigo a praia do Vao (a mellor da cidade, sen dúbida) grazas á inciativa do concelleiro Suso Costas, e hoxe é un exemplo dun espazo natural rexenerado, que equilibra razoablemente o uso para o esparcimento coa preservación da natureza.

Ás veces os intereses urbanísticos e ás veces unha errada e perigosa forma de entender o «embelecemento» dos espazos naturais levaron a estragar as praias nunha acción que se podería comparar, salvando as distancias, coa febre que escachizou o patrimonio arquitectónico vigués nos anos do «desarrollismo». Evidentemente os abusos acaban pagándose e o partido político que durante os anos 80 e 90 deu vía libre á urbanización desmedida quere agora dar pasos atrás.

En contraste, as autoridades en Europa non se preocupan de que a cidadanía poida aparcar os seus vehículos a pé de praia senón de que, aínda que deban camiñar para chegar a elas, os espazos preserven toda a súa beleza natural.
En Vigo xa vai sendo hora de que a area de Samil recupere o que sempre foi seu, o lugar onde estivo durante séculos. A cidade merece unha praia rexenerada e repectuosa, con area e piñeirais, á altura da fermosura da paisaxe que a ría ofrece. Unha praia como a que eu puiden gozar na miña infancia.