Amosando publicacións coa etiqueta Fran Alonso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fran Alonso. Amosar todas as publicacións

24.6.26

«Cáncara», a novela sobre a detención da vaca Pinta; con Sara Vila e Xosé Lois Vilar

 

 

Reproduzo o vídeo da presentación da miña novela «Cáncara», que conta a detención da vaca Pinta en Baiona en 1983 por orde do alcalde da vila, Benigno Rodríguez Quintas. A presentación tivo lugar na libraría Cartabón o 22 de maio, con Sara Vila e Xosé Lois Vilar. O vídeo foi gravado polo fotógrafo José Gorís. 

5.5.26


Reproduzo aquí a entrevista que me fixeron en Nós TV sobre a miña novela Cáncara, que parte do suceso real acontecido en outubro de 1983 cando o alcalde dunha vila mariñeira ordena apresar e deter unha vaca por pastar herba pública e a Policía Municipal condúcea ao calabozo do Concello. 

A noticia da detención da vaca, que logo pasou a ser coñecida como vaca Pinta, percorre o mundo, e publícase no «New York Times» e no «Washington Post». 

A partir deste feito insólito, escribín unha novela sobre o poder, ateigada de humor, que reconstrúe os feitos reais. «Cáncara» é unha novela que serpea entre a fábula, a crónica, a lenda, a sátira, a memoria e a narrativa contemporánea, converténdose nunha historia que afunde as súas raíces na crítica social e que se conforma como unha radiografía das transformacións sociopolíticas actuais

27.12.25

Terrae (videopoema)


 

Videopoema que fixen hai catro meses, neste 2025, a partir do poema «Terrae», do meu libro Transición (2011).

14.11.25

A palabra como fogar: na casa de Xela Arias


 

Alegreime inmensamente de que se propuxese escribir o texto e poñer a miña voz para este vídeo sobre Xela Arias da serie «Na casa delas». Agradecidíisimo. Reproduzo tamén o texto orixinal, que tiven que resumir un chisquiño para axustalo ao tempo do vídeo.



XELA ARIAS

LUGAR: GRANXA ESCOLA BARREIROS (SARRIA)

Outro espazo: Casa familiar da Vilerma.

 

As persoas habitamos espazos e tempos. Espazos que sempre están en relación cun tempo. E ese tempo, o tempo de Xela Arias na Granxa Barreiros, en Sarria, foi o de apalpar a vida; o de tenteala e facela súa, apropiarse dela.

«Tiña eu antes de ti dúas mans para apaña-lo mundo» diralle Xela moitos anos despois ao seu fillo no poemario Darío a diario.

O 4 de marzo de 1962 Xela Arias naceu para apañar o mundo brincando entre as hortas e as aulas da Granxa Escola Barreiros, onde o seu pai, Valentín Arias, impartía  clases e a súa nai, Amparo Castaño, se ocupaba do servizo de comedor. A institución fora fundada en 1948, baixo agochados principios galeguistas e republicanos, por Antonio Fernández.

No espazo daquela insólita escola unitaria, tan insual en tempos complicados do franquismo, Xela pasou os seus tres primeiros anos de vida nun ambiente de liberdade. Era esa liberdade inaugural e inconsciente que logo lle ditou os referentes da súa maternidade cando se dirixía ao seu fillo:

 

«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuíres».

 

Que queda en nós, persoas adultas, deses tres primeiros anos de vida? Lembranzas, apenas. Pouso, moito. Determinación? Se cadra.

Cando Xela contaba con tres anos, o seu pai aceptou un novo traballo en Lugo, e cando aínda tiña sete outro traslado levouna a Vigo, a cidade coa que empatizou e que acabou por configurar a súa obra literaria.

Pero aquela Xela Arias urbana, autora de Denuncia do equilibrio e das letras das cancións do grupo rock Os Desertores, que se identificaba moito máis con Lou Reed que cos poetas galegos do seu tempo, mantiña nos seus versos malia todo, como indicou a poeta Olga Novo, a memoria dos bóvidos que fixera seus na parroquia de Ortoá, onde se ubicaba a Granxa Escola Barreiros:

«Vencen cabalos alaranxados os rebumbios das frases / cortadas», sentenciou nun dos poemas.

Esas referencias á animalidade acomodáronse tamén no título do seu poemario Tigres coma cabalos, urbano e intenso.

Non se pode negar que a traxectoria de Xela Arias é indisociable da cidade de Vigo: «Desde os 7 anos vivo en Vigo e a miña cultura é urbana», escribiu; aínda que tamén puntualizou: «O urbano non é parte de min senón unha circunstancia da vida».

E, ás veces, as circunstancias da vida determinan a través dos espazos, como a determinou tamén a Granxa Escola. «O medio fórmanos», asegurou tamén Xela Arias.

De feito, ata a súa primeira adolescencia retornaba coa familia nas vacacións, non xa a Barreiros senón á casa da Vilerma, a escasa distancia de alí, onde nacera Valentín Arias. A aquel espazo de liberdade onde aprendera a andar, aprendera a apañar o mundo, e quen sabe!, se cadra aprendera tamén, inconscientemente, a definir o poema.

Porque ao final, as palabras foron para ela un espazo, un espazo de definición, de autoafirmación, de rebeldía e de procura que aprendeu a pronunciar, por vez primeira, nos silencios e nas paisaxes natais.

Era ese espazo iniciático que a devolvía aos afectos, igual que a palabra, igual que o verso, igual que o poema derradeiro do seu libro derradeiro, Intempériome:

 

Incéndiate

         á calor da observación.

 

E repasa logo a ollada

no pouso

dos afectos.

18.10.25

Discurso Premios Xerais 2025

 


DISCURSO DE APERTURA DOS PREMIOS XERAIS 2025

Museo do Mar de Galicia

11 de outubro de 2025

 

FRAN ALONSO

DIRECTOR DE XERAIS

Bo día:

Benvidas, benvidos, benvides. Moitas grazas por acompañarnos. Celebramos hoxe unha nova edición dos Premios Xerais. Pero hoxe, sobre todo, celebramos o 40 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil. Seguramente non me equivoco se digo: o aniversario dun premio que ao longo destes 40 anos se converteu na espiña dorsal da nosa literatura infantil. Foron 40 anos de esforzo colectivo e mancomunado; 40 anos de arelas; 40 anos de ilusión; 40 anos de expectativas. Son 40 anos alentando a literatura infantil e xuvenil galega; 40 anos facendo historia, facendo historias; 40 anos de acompañamento, acaroado ao pé dunha literatura infantil e xuvenil en estado de abrente, que daquela, e ao longo de toda a década dos 80, cando se creou o premio Merlín, librara unicamente 101 títulos, como refiro con máis detalle nese artigo titulado “40 anos de camiño” que tedes na revista conmemorativa depositada sobre as vosas cadeiras.

O veredicto do Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil naquela primeira edición de 1986 enchía de esperanza o camiño, sementábao para que abrise, sachando nas estremas a cada nova edición, para ensanchalo e que medrase coa forza dun proxecto editorial anovador e impetuoso e dun tempo desexoso de cambios. A gañadora da edición inaugural foi unha muller: a escritora Úrsula Heinze, coa novela titulada A casa abandonada, un libro que vendeu case 9.000 exemplares.

Desde aquela, o Premio Merlín, como a colección que o abeiraba, filtrouse entre as mesas das aulas e as mochilas dos estudantes, filtrouse entre os andeis das bibliotecas, filtrouse por debaixo da portas das librarías, filtrouse por debaixo das portas das casas e das familias e, sobre todo, filtrouse, coma ese sol discreto que racha a néboa, nos soños dun país capaz de erguer unha cultura de seu, imaxinativa e poderosa, crucial na construción dunha sociedade lectora. E esa capacidade para filtrarse, para enchoupar unha sociedade, quedou rexistrado coma unha radiografía, e continúa a facelo, nas faíscas que prenden na ollada dunha nena ou neno que remata e pecha un libro, nese sorriso cómplice e imperceptible da lectura que aniña para sempre, e coma un faro invisible, dentro dunha cabeciña cativa e mol, balizando os marcos que guiarán o seu futuro.

Por certo, algunhas desas cabeciñas que no seu día leron na escola os libros premiados nas primeiras convocatorias do Merlín, fosen da autoría de Úrsula Heinze, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, ou outra, tamén foron quen, anos despois e tecido parte do periplo da vida, de gañar o Premio Merlín, respondan aos nomes de Érica Esmorís, Andrea Maceiras, Antonio Manuel Fraga, María Canosa, Ledicia Costas ou a outros.

Xa que logo, o círculo está completo… pero nunca… pechado.

O círculo continúa aberto porque en Xerais traballamos desde o agarimo á literatura infantil e xuvenil, desde a reivindicación da súa dignidade, da súa dimensión… xigantesca.

Estabamos en 1986, e dez anos despois da súa creación, en 2006, o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil desprendeuse do segundo apelido para se converter nunha cita unicamente para a literatura infantil. En realidade non se trataba dun divorcio, senón dunha rica convivencia de feito. A traxectoria do galardón bifurcábase, creándose tamén o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

En Xerais non dubidamos de que tanto a literatura infantil como a xuvenil serven para facernos máis felices e tamén, tamén, máis conscientes. E, por suposto, máis dialogantes. Porque como dixo Bernardo Atxaga citando a Salinger no seu Alfabeto sobre a LIX, os nenos e nenas nunca falan cos adultos do que verdadeiramente lles importa.

A literatura infantil e xuvenil serve, por exemplo, para compartir as preocupacións universais de Samira e sentir tenrura por ela; por Samira, unha nena palestina que naceu nun libro infantil do escritor Ghazi Adebl-Qadir e que hoxe, probablemente, estará morta; estará, con bastante certeza, abrasada entre as cinzas do que noutrora foi un libro e hoxe son borralla que conforma a pegada brutal do xenocidio que Israel comete impunemente en Palestina, ese xenocidio que devolve o ser humano aos trazos máis primitivos e feroces da animalidade, onde a lectura e o respecto nin sequera teñen cabida.

Pero, para a sorte do coñecemento humano, Samira resucita en cada biblioteca que alberga o libro de Ghazi Adebl-Qadir, en cada páxina en que latexa o seu corazón, en cada lectora ou lector que a revive. Ese tamén é o milagre da literatura, ese que, por fortuna, non se pode borrar.

En fin, regresemos ao Premio Merlín, porque non quixera deixar de atribuírlle outro mérito, non menos importante: o de facer posible que as nenas e nenos galegos puidesen ler, fabular e soñar na súa propia lingua logo do ermo da longa noite de pedra. E, sobre todo, medrar cos sons, coas palabras e cos referentes que esa lingua lles proporcionaba.

Si. Ao longo de todos estes anos, o Premio Merlín creou lectoras e lectores, creou ilusión e tamén creou na infancia ese vencello imprescindible... co idioma que nos define e identifica, creou ese veludo agarimoso, esa alfombra máxica que nos permite voar.

Non cabe dúbida de que o Premio Merlín deu, deunos, dá moitas alegrías, pero tamén bateu con adversidades. Unha das adversidades coas que tristemente bateu a literatura infantil e xuvenil galega foi a dos prexuízos pola lingua en que se expresa.

 Como editoras e editores sabemos que precisamente por iso, a súa defensa require un esforzo maior. E require a complicidade do profesorado, das bibliotecarias e bibliotecarios, das lectoras e lectores… e a complicidade das librarías.

Desde Xerais só concibimos as librarías como aliadas. E, ademais, queremos crer que aliadas… do libro galego. As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros (e digo tratar no sentido tradicional, que outra cousa non é a venda senón un trato: de concordancia e conformidade, entre a libreira/o e a lectora ou lector)… das persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros, repito, agárdase esa sensibilidade especial que provoca a empatía do que é xusto (esa empatía que tamén provoca, por certo, a venda). As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros precisan esa luz na conciencia que os leva a defender o que é propio, o que é de todos. Ese ben sobre o que temos unha responsabilidade compartida.

O pasado ano, desde Xerais, propuxemos na Asociación Galega de Editoras que se trasladase ás administracións públicas e tamén á Federación de Librarías de Galicia a necesidade de crear unha nova liña de axudas ou subvencións. Unha nova e, estamos seguros, nestes momentos estratéxica liña de subvencións por parte da Xunta de Galicia. Pero, atención, non solicitamos que esa liña de axudas fose para as editoras. Tampouco para a escritoras e escritores. Solicitamos que esa nova liña de subvencións beneficie ás librarías e que se faga en función da súa facturación sobre a venda de libros en lingua galega. A maior venda de libros en lingua galega, maior contía na axuda pública. Non temos ningunha dúbida de que é unha medida xusta, necesaria e crucial nun momento en que o libro galego factura unicamente o 8% do total dos libros vendidos en Galicia.

A día de hoxe temos coñecemento de que esa medida xa forma parte de propostas e negociacións e temos a confianza de que ninguén se vai opoñer a unha medida coma esa. Quen podería opoñerse a unha subvención que unicamente suma e non resta? Non si?

Ás veces pode semellar anacrónico falar de xustiza ou de conciencia en tempos en que os mercados son os únicos actores que impoñen o ritmo ao que respira o planeta. Pero… que sería da literatura sen conciencia? Que sería de Palestina sen conciencia? Que sería dos perseguidos e marxinados sen conciencia? Que sería da democracia… se non a defendemos desde a conciencia?  E… que sería do libro galego se non partimos da conciencia de unir as nosas voces e as nosas demandas?

O ano pasado, co Premio Nacional de Poesía que recibiu Materia, de Yolanda Castaño, editado por Xerais, salientabamos a excelencia da poesía galega, con catro Premios Nacionais gañados nos últimos seis anos. Esta semana, a alegría acaba de dárnola Samuel Merino, elixido como gañador do Premio Nacional de Poesía Viva entre máis de 500 candidatos, un autor que onte recitou Manual de camuflaxe en galego no Thyssen.

Pero este ano é obrigatorio salientar a excelencia da literatura infantil e xuvenil galega. No Premio Lazarillo, convocado pola OEPLI para obras de literatura infantil e xuvenil nas catro linguas do Estado, foron premiadas 11 obras en lingua galega durante os últimos 25 anos. A proporción é abraiante para unha poboación tan pequena coma a nosa.

Editamos historia, editamos historias, editamos boas historias. Grazas por escribilas. Grazas por recomendalas. Grazas por prescribilas. Grazas por vendelas.

Editamos porque cremos na empatía, cremos no diálogo, cremos no futuro. Aínda que ás veces editemos libros que nos gustaría non ter que editar, como Lume. Análise social dos incendios forestais, escrito polas investigadoras Elvira Santiago, Carmen Rodríguez e Ariadna Rodríguez, que chegou ás librarías o mes pasado. Sen dúbida, é un libro que queima na pel, pero que supón unha reflexión necesaria que achega solucións a ese esquecemento ao que está sometido o rural, onde o lume prende con tanta voracidade.

Ás veces, as apostas editoriais son necesarias, como a que fixemos coa serie Heartstopper, traducida ao galego por Nee Barros, dentro desa liña de visibilización que mantén Xerais a prol dos contidos LGTBIQA+. É unha sorte que o Premio Xerais de Novela 2025 camiñe nesa mesma dirección. As de Heartstopper son historias que conquistaron e conquistan a ilusión de moitos adolescentes de todo o planeta que non queren un mundo monolítico e reivindican o dereito á súa orientación sexual e identidade de xénero.

Este ano temos un Premio Merlín extraordinario: Erin e o lobo, de Érica Esmorís. Unha novela simbólica, que provoca unha lectura enfeitizada, durante a que as palabras cobran valor ao seren pronunciadas en comunidade. Por fortuna, tamén temos un extraordinario Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras. E celebramos que ela non estea hoxe aquí. Celebrámolo porque está no respouso imprescindible para afrontar esa experiencia extraordinaria que debe ser traer un novo lector ao mundo: o seu primeiro fillo, que se chamará Alén. O corvo sobre a neve é unha novela fantástica na que a aventura e a literatura se dan a man nun mundo dominado pola Intelixencia Artificial.

O Premio Xerais de Novela 2025 chega da man de Abril Camino, que se estrea na nosa lingua -na súa lingua- (benvida!) baixo o título Mulleres que viven xuntas, unha novela marcada pola paixón amorosa entre dúas mulleres nos difíciles tempos do franquismo e a represión.

Aínda que non o dixen ata o de agora, elas tres son hoxe as protagonistas; elas tres centran hoxe a nosa atención; elas tres son hoxe o presente e o futuro da literatura galega. Xa que logo, para as tres, moitas grazas.

Por fortuna, a literatura renóvase en cada lectura e xa agora intuímos que Alén quere vir ao mundo, cando menos, para desfrutala. A vida non deixa de ser unha ousadía, ás veces cruel, coma este ano cando abandonou ao escritor Carlos Taboada, tan prematuramente. Carlos acababa de publicar connosco O caderno de Roque no mes de xaneiro. Nos últimos meses tamén faleceron o escritor Bernardino Graña (os seus libros de poemas sementaron as raizames fundacionais da editorial) e o dramaturgo Manuel Lourenzo, a quen acollemos na colección de Clásicos.

É xa o intre de darlles voz ás protagonistas deste ano. Pero antes, queremos compartir os nosos agradecementos. Por suposto, ao xurado, pola súa xenerosidade e por asumir un papel tan comprometido. E tamén, para comezar debemos agradecer o importante apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, así como a cesión que nos fai deste espazo: grazas a ese apoio podemos poñer nas vosas mans estes exemplares de agasallo dos tres libros gañadores dos Premios Xerais 2025. Hoxe, en representación da Xunta de Galicia acompáñanos Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, a quen lle agradecemos a súa presenza e o seu interese.

Tamén queremos agradecerlles a súa presenza á presidenta de GALIX, Irene Penas; á representante da Federación de Librarías de Galicia, Celia Fernández; así como á representante da Real Academia Galega, Ana Boullón. Comprácenos o seu acompañamento institucional, igual que nos comprace o de Alicia Soria, responsable da área Infantil e Xuvenil do Grupo Anaya.

E non debemos dar por rematada esta intervención de apertura sen o recoñecemento a todas as persoas que fan posible este acto: a Sara Vila pola coordinación dos Premios Xerais; a todo o equipo da editorial pola súa sensibilidade e a súa entrega; á nosa rede comercial e de promoción, que lles dá vida aos libros levándoos ás mans das lectoras, lectores e aos centros de ensino; ao estudio de gravación de Casa de Tolos que está a retransmitir en directo este acto; a Manuel G. Vicente, que leva moitos anos fotografando estes premios; á empresa AT SERVICIOS, que nos acompaña cada ano nas montaxes dos Premios Xerais e do Culturgal; ao persoal de Albarín Catering, e á dirección e todo o equipo do Museo do Mar pola hospitalidade e atención.  

Coa proximidade do ano 2026, que festexará con xustiza a obra de Begoña Caamaño, neste 2025, a celebración das Letras Galegas ten un significado moi especial: aquel que recoñece o papel e o valor das mulleres na poesía oral popular, a figura das cantareiras e, claro, das pandeireteiras.

Precisamente por iso, ao remate do acto teremos unha actuación ben asisada: a de Adonairare, un grupo de música tradicional galega, no que as cantareiras e pandeireteiras nos ofrecen o mellor da nosa tradición oral. A elas, moitas grazas por acompañarnos nesta festa, a festa da palabra, a que pode ser escrita nun papel pero que, moito antes, naceu elaborada e pronunciada desde a oralidade. Música e poesía, da man. Moitas grazas.

Agora si, por fin, cédolle a palabra á xornalista Susana Pedreira, que temos a fortuna de que nos acompañe poñendo a súa valiosa profesionalidade ao servizo destes Premios, conducindo novamente este acto.

Moitas grazas.

9.10.23

Un poema de «Ciudades» musicado

Teño que agradecerlles a Ángeles Fernández Martín e a J. Juan López Raya que me enviasen a ligazón a esta pequena e fermosa produción feita a partir dun poema meu de Ciudades, a tradución ao castelán de Cidades

Eles recitan con voz, música e canto ese poema, na súa tradución ao castelán («Entre todas las ciudades»), publicado actualmente por Kalandraka.

O certo é que «Cidades» foi sempre un libro afortunado. Publicado en 1996, tivo tres edicións diferentes (non reimpresións, senón edicións) en galego en Xerais; as dúas primeiras ilustradas por Pablo Otero «Peixe» e a terceira (a actual) ilustrada a partir das miñas propias fotografías.

Tamén tivo dúas edicións en castelán, e dúas editoras diferentes. A primeira, na editorial Espasa Calpe, coas ilustración de «Peixe», aínda que diferentes ás da edición orixinal; e a segunda (a actual) en Kalandraka, con ilustracións de Marc Taeger.



 

3.9.21

Ler, escribir

Sorpréndenme as escritoras e escritores capaces de escribir en calquera momento. Véxoo tan admirable como envexable. Por desgraza, eu non son quen. Resúltame imposible, mal que me pese. Cando escribo, escribo. Quero dicir que cando escribo, non podo dedicarlle a miña atención a practicamente nada máis. A escrita requíreme unha concentración enorme, fidelizada, que desbota calquera outra actividade principal. Evidentemente, non todos os rexistros, xéneros ou formatos precisan da mesma intensidade tensional. Pero resúltame moi díficil crear literatura sen dedicarlle unha entrega case íntegra. Cando o fago, dilúome na escrita e, nese proceso, calquera cousa me molesta. En Douche a miña palabra non falei diso, aínda que é un libro sobre a escrita e sobre a lectura. Sobre a palabra, claro. Ignoro por que non falei diso. Se cadra non me pareceu importante contalo, que máis ten! Pero foi escrito dese xeito, tiránico, absorbente. Escribino nas miñas vacacións do mes de agosto, o único momento do ano en que na actualidade podo conquistar ese tipo de liberdade. Ora ben, teño que puntualizar algo moi importante: Douche a miña palabra era un libro que tiña xestante, na miña cabeza, coma se fose un longo embarazo, un embarazo que durou varios anos, pois hai moito tempo que desexaba escribilo. O desexo de escribir algo tamén é un instrumento relevante, que actúa coma un cronómetro, desencadea a paixón da escrita e faina fluír coma a frenética corrente dunha freixa. Aí é onde eu me atopo coa escrita. Nesa caída, vertixinosa, abouxante, case cega. Había moito tempo que todas as palabras que lles ofrezo ás lectoras e lectores neste libro empurraban dentro de min para saír. Madureceran e fervían. Se cadra, por iso fun quen de escribilo. Por iso, e porque supuña unha reflexión que me parecía importante: abordar, desde o ensaio e para o público infantil e xuvenil –pero non só–, o significado da palabra, da lectura, da poesía, da literatura, da lingua, da creación literaria. Pero, probablemente, de todos os significados, aglutinados por ese concepto enorme que é a palabra, o máis urxente para min era o da lectura. Porque, a estas alturas das nosas vidas, creo que todos os lectores e lectoras nos facemos unha pregunta crucial: como sería eu se non fose lector? Que tipo de persoa sería? Os escritores e escritoras temos a tendencia a pensar que a animación lectora non é un asunto que nos competa, na medida en que somos creadores, inventoras e inventores, artistas –no sentido máis puro do termo– e, daquela, a responsabilidade de que os nosos textos sexan lidos compételles a outras persoas, a outro tipo de profesionais. Pode ser, pero que sería dos nosos textos se non houbese lectores e lectoras? Existiriamos? Mesmo diría máis... escribiriamos? Porque, sen dúbida, o baleiro é moi doloroso, e diso sabemos moito quen escribimos en linguas minorizadas. Seguro que tivemos moitas veces a tentación de abandonar. Eu tívena, confésoo. Mesmo aínda que ás veces crea que non sería capaz. Ou si, quen sabe. Pero chegado a este punto pregúntome como canalizaría todas esas palabras que bailan alegres, organizándose, dentro da miña cabeza. Como lles daría saída. Se cadra, eliminándoas, sen máis. Pero ignoro se sería factible. Un non sempre domina o que ten dentro da cabeza. Agora son consciente de que o meu futuro literario consiste en abrirlle as portas a unha importante cantidade de proxectos creativos que, ao longo dos anos, teceron infatigablemente as miñas neuronas e que, por diversos motivos, nunca puideron atopar a liberdade que procuraban. Se cadra, logo de tanto tempo presos, vailles faltar a frescura dunha infancia e adolescencia que xa esqueceron e chegarán cun certo resaibo a cebola rustrida, pero, quen sabe, probablemente ofrezan máis enerxía calórica cando xa soltaron tanto zume. Ao longo de toda a miña vida creativa sentín unha estraña impotencia de non ser quen de contar todo o que desexo contar. Ora ben, o que un desexa contar non sempre é o que hai que contar. Así que se cadra debo aceptar que o tempo é o mellor editor que existe. E, no fondo, un bo aliado.  


28.8.21

Vigo

 

Reproduzo un texto sobre Vigo que me solicitou o xornalista Alfonso Armada para unha reportaxe.


O que máis me impresionou sempre de Vigo é o seu corazón. Un corazón non radial, que non está no centro, senón en todas e cada unha das súas periferias. Porque Vigo é unha cidade pluricardíaca, forte, cunha banda sonora polifónica que emite un forte aturuxo metálico. E é que Vigo sobre todo é resistencia, algo que moi poucas cidades europeas atesouran. Adoita falarse de caos urbano para definila, pero probablemente sexa ese caos o que a ordena e o que a racionaliza nas partes e na totalidade. Se cadra por iso, Vigo é unha cidade emocional, unha urbe que non provoca indiferencia. E ao tempo, Vigo é beleza, é ría, é brétema que trae acougo ao verán e estrés ao inverno, estrés que asusta aos foráneos. Cidade insólita, Vigo. Pero se algo a define é esa palabra que o fútbol vigués puxo de moda: afouteza.

2.12.16

Poetic@, na corda frouxa. En... 2ª edición?

Hai mes e medio, parte da programación de Poétic@ deixou de funcionar debido a unha actualización automática do software. Ese feito obrigoume a revisalo e actualizalo, un proceso, por certo, con custes que se cadra sitúa unha obra dixital de ciberpoesía coma esta nunha... 2ª edición? Probablemente se poida considerar así. Entre outros motivos porque, ademais de actualizar a programación, aproveitei para facer pequenos cambios. Algúns son pouco relevantes, como o de incorporar á portada a información do galardón que recibiu (Premio Gala do Libro Galego ao Mellor Proxecto Literario en Internet). Pero algún outro foi relevante e afecta á navegación, que agora é moito máis áxil: fixen desaparecer a miña longa introdución, é dicir, o limiar, ao que agora só se pode acceder a través dunha ligazón, pero non a través da navegación páxina a páxina.
Entretanto, publicouse unha recensión relevante sobre o libro, relevante porque aparece nun ámbito especializado en Literatura Electrónica: Proxecto Le, recensión que agradezo desde aquí.
No pasado mes de xuño publicouse un artigo meu sobre Poétic@ no semanario Sermos Galiza; unha valoración persoal sobre a súa recepción pública e crítica que partiu dunha iniciativa da AELG. Aproveito este momento para ofrecer en Cabrafanada unha versión que actualicei lixeiramente xa no mes de setembro, que tamén se pode descargar en pdf nesta ligazón.



Poétic@, na corda frouxa

Pasou máis dun ano desque publiquei Poétic@ na web, unha forte aposta persoal, de literatura electrónica, tan novidosa como arriscada. Así que agradezo este oportuno convite que se me fai desde a AELG e Sermos Galiza para falar do libro. Poétic@ é un libro de poesía electrónica e transmedia, de acceso libre (www.poetica.gal) que foi concibido e escrito desde a curiosidade, a intuición e a experimentación. Conduciume ata ela o meu interese por investigar, innovar, e un certo gusto por escribir desde a corda frouxa, posición na que tamén, certo, sinto inseguridade. 

Nunca un libro de poemas (Poétic@ é, en definitiva, un libro de poemas) me roubou tantas horas, esforzo e dedicación. A cambio, agasalloume unha prolongada conxuntivite a causa do exceso de horas diante pantalla, transgredindo os lindes razoables do descanso. E deixoume a boa experiencia de traballar con Kris Darias, programadora imprescindible para resolver cuestións técnicas.
A recepción crítica de Poétic@ apenas xerou debate literario, se ben a concesión do Premio ao Mellor Proxecto Literario na Rede que se lle outorgou hai un mes na Gala do Libro Galego reavivou a súa actualidade. E aínda que facer visible Poétic@ resultoume bastante máis difícil do que contaba, recoñezo que xoga ao meu favor, fronte a outros creadores que se desenvolven exclusivamente no ámbito da literatura electrónica, o feito de ter ás miñas costas un aval de 25 anos de traxectoria literaria e, sobre todo, moitos títulos publicados en papel. Ora ben, en strictus sensus, chama a atención que Poétic@ fose recibido unicamente con dúas recensións críticas –á que en outubro de 2016 se lle suma a publicada en Proxecto.le) e non atopase oco en ningún suplemento literario de revistas ou xornais. É dicir, que foi menos recensionado que a reedición do meu libro Silencio e moito menos que os meus recentes Contos nerviosos. Tamén é significativo que Poétic@ non fose citado en case ningunha das panorámicas críticas que revisaron o pasado ano literario 2015. A miña proposta para presentalo no Culturgal, por primeira vez de forma física, a través dun recital multimedia tampouco foi aceptado pola organización.
 Un ano despois, pregúntome, intrigado, como tería sido a recepción do libro se o publicase exclusivamente en papel. E digo isto porque entendo que este comportamento está estreitamente ligado ao que sucede coas publicacións que empregan soportes alternativos e ao lóxico desconcerto que provoca Poétic@ con respecto ao tratamento que se lle debe outorgar.
Probablemente cabe dentro desa interpretación o feito de que só 36,65% das visitas a Poétic@ procedan do Estado español e que un 15,79% procedan dos Estados Unidos, así como que o 61% das visitas pertenzan a menores de 34 anos, o 15,50 % teñan entre 35 e 44 anos e a franxa de idade á que eu mesmo pertenzo supoña unicamente o 12,50% das visitas.
Malia existiren traballos pioneiros anteriores, o certo é que a nosa literatura apenas dera pasos significativos nese sentido. A literatura electrónica aséntase e procede das literaturas anglófonas (as que teñen o poder de irradiar a cultura cara ao resto do mundo) e de sociedades tecnoloxicamente innovadoras. Nas linguas peninsulares, a súa existencia é tímida. E, con todo, intúo que a nosa concepción da literatura vai mudar no futuro próximo. A realidade é que a Internet das Cousas comeza a acompañarnos na nosa vida diaria, os aparellos intelixentes modifican os nosos xeitos de ocio, a narración multimedia apoderouse das formas de contar actuais, a robótica e a biotecnoloxía teñen a forza dunha bola de neve e a intelixencia artificial cambiará, probablemente, a nosa relación co feito literario. Booktubers, redes sociais e plataformas de lectura nos teléfonos móbiles están xa a mudar radicalmente os hábitos de lectura dos nosos adolescentes. E se a sociedade está a transformarse tan vertixinosa, sen apenas darnos tempo a que nos decatemos, a literatura non vai saír indemne de todo isto.


25.11.15

A dimensión da violencia de xénero

Resúltame francamente difícil escribir sobre a violencia de xénero.
Paréceme un problema tan sumamente grave e tan profundamente doloroso, dunha dimensión tan xigantesca, que sinto o constante perigo de expresar ideas banais, de quedarme no obvio, de non ser quen de traspasar o máis superficial, de non ir máis alá do tópico.
Así o expresei, literariamente, naquela Carta a unha muller maltratada que escribín en 2012 a petición de Sara Vila, xornalita do Diario de Pontevedra.

En consecuencia, hoxe, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, prefiro reproducir o poema «vivo non vivo en paz viva», publicado no meu libro Transición (2011). O poema aborda a brutalidade da violencia de xénero, desde a creación poética, botando man dunha brusca ruptura do ritmo, da palabra e da sintaxe que procura un paralelismo coa propia violencia real.



vivo non vivo en paz viva
denigrada muller na oblicua dor 
do teu corpo vivo
non vivo en paz
cando a eclipse te afunde na heca
tombe o teu corpo con mans de ma
cho vivo non vivo en paz vivo
morto vivo a morte viva
en corpo propio
muller diana da histo
ria como residuo
a paz imposible vive en ti
vivo non vivo en paz ela
sepulcro condena lousa mal
pende que pende fende tra
po espera que nega corpo vive to
do cando eclipse anal te afunde dor
pene que pene sistemas 
cu linos e relinos no teu cor
po escrito teu xordo vivo 
non vivo en paz viva
con rabia de labio en rabia 
de femia túa ti futuro teu escrito
na pel papel pulverizada en teu 
de ti e volvo bile de vida viva 
de viva paz a prol 
en ti mu
ller











19.10.15

As claves do Vigo portuario en intersección cos meus propios libros. Paseo o sábado 24 de outubro

O vindeiro sábado 24 de outubro ás 11,30 h. da mañá terá lugar un paseo literario pola cidade de Vigo que eu mesmo guiarei. O paseo está organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e, aínda que é gratuíto, é preciso inscribirse previamente. Ao longo do traxecto, tratarei de ir desentrañando diversas claves do Vigo portuario en intersección cos meus propios libros, acompañándoo de diversas lecturas de textos nos que vida, cidade e literatura se entrecruzan. Percorreremos a paisaxe do Vigo portuario, ese no que o mar, a pesca, a industria, a marxinación e o futuro se dan a man intimamente e fan da nosa cidade un lugar do mundo.
Tomando como punto de partida a rúa García Barbón e rematando no barrio de San Francisco, exploraremos o Vigo portuario guiados polos personaxes e localizacións dos meus libros, tanto de narrativa como de poesía. O percorrido guiaranos polos escenarios, reais e literarios, que conectan á cidade coa ría e co atlántico, nese microespazo tan singular que define o perfil dunha cidade que naceu e medrou grazas ao mar e á actividade económica que se desenvolveu a partir del. Será un cóctel de cidade, vida e literatura aprehendida cos ollos dalgúns personaxes como a Señora Lola, que traballa facendo tortillas para os obreiros logo de cruzar a ría a diario.
Anímate a acompañarnos!

Día: Sábado 24 de outubro
Hora: 11,30 horas
Saída: Rúa García Borbón (ao pé das escaleiras que soben a Alfonso XIII)
Prazas: 50 persoas
Prezo: gratuíto
Inscrición:  actividades.snl@vigo.org

As persoas que desexen incribirse deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org a partir do día 10 de outubro até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.

8.4.15

Unha aposta pola creatividade como metodoloxía pedagóxica

No pasado mes de decembro publicouse na revista EduGa un artigo que sobre o ensino que me foi solicitado partindo dun punto de vista persoal. O artigo arrinca da miña experiencia de estudante –como neno e adolescente– para viaxar ata a miña experiencia de pai –que supón un segundo encontro coa escola–, así como a miña experiencia de escritor que visita anualmente un elevado número de centros de ensino. O artigo supón unha aposta clara pola asunción da creatividade como metodoloxía pedagóxica. Reprodúzoo a continuación.

Eu creo, ti creas, el crea

As persoas que non somos profesionais da educación adoitamos viaxar dúas veces á escola. A primeira vez, a viaxe é unha inmersión; a segunda unha aproximación. A primeira vez, claro, é cando somos cativos e nos toca asistir como alumnos e alumnas. A segunda vez é cando somos nais e pais, e nos toca acompañar o proceso educativo das nosas fillas e fillos. E, entre a primeira e a segunda viaxe descubrimos a distancia enorme que o tempo, coma un caracol paciente, foi marcando desde o punto de partida ao punto de regreso.

No meu caso, ademais, teño a oportunidade como escritor de visitar arredor de vinte centros de ensino distintos por ano, de todos os niveis posibles, desde Educación Infantil a Bacharelato, sen excluír a Universidade. E o que máis agradezo desa circunstancia é o contacto directo e constante que me ofrece co ámbito docente. E tamén que me permite tocar coas miñas mans a enorme diferenza de calidade educativa que existe entre o ensino privado e o público, claramente a favor deste último, malia os absurdos prexuízos e os ridículos mitos existentes na sociedade e malia o grave descoido dotacional ao que, desde instancias públicas, se somete o ensino público, que é o que ofrece oportunidades a todos e vela por unha educación cívica dirixida a nivelar o benestar social e a desigualdade.


Ás veces, a memoria, ese animal voluminoso que tanto condiciona os nosos movementos, tira de min cara ao estudante que fun. Daquela, os meus ollos viran dentro das cuncas, ollando cara ao interior, e redescúbrome. Redescúbrome naquel neno curioso, creativo e rebelde que fun; naquel mozo inquedo e inconformista que se sublevaba contra un sistema escolar que sentía esmagador. Os tempos eran distintos, abofé. E aqueles tempos non foron demasiado xenerosos nas aulas, cando menos para min. Non o foron, por exemplo, nas mans daquel profesor que batía en nós, unha e outra vez, coa vara dunha percha a fin de manternos aterrorizados durante toda a hora. Non o foron, por exemplo, nunha agoniante xornada que comezaba ás nove da mañá e teoricamente remataba ás seis da tarde (co xantar no centro incluído) pero na práctica remataba ás oito porque a maior parte dos días a clase enteira era obsequiada con dúas horas de propina como castigo colectivo, sen que ninguén o impedise. O profesor, claro, liscaba á súa casa porque quedabamos nas mans de «educadores» aos que se lles encargaba o cometido de vixiarnos. Aqueles tempos tampouco foron demasiado xenerosos, por exemplo, no rostro dun profesor de Educación Física (materia daquela chamada Ximnasia) que nos guindaba landras contra o corpo e que apagaba os seus cigarros nos nosos brazos. En fin, aqueles tempos non foron demasiado xenerosos por tantos despropósitos como eu persoalmente vivín ao longo dos catro centros educativos (en moito maior medida nuns ca noutros, evidentemente) polos que pasei durante a miña infancia e adolescencia (dous na EXB e dous no BUP), especialmente nos anos setenta.

Se cadra é por iso polo que sinto unha enorme envexa das miñas fillas. Sinto envexa das súas circunstancias, do seu profesorado, en xeral, eficaz e voluntarista, e dun ensino integrador que as acolle, aínda que, loxicamente, con carencias e moitos retos.

Por iso, sen dúbida, o ensino público (o que de verdade me interesa, o que de verdade debería interesarlle á sociedade), xa tan afastado do que eu vivín na miña infancia, debe asumir un novo enfoque docente no xeito de encarar o futuro. E, moi especialmente, no xeito de encarar ese novo futuro dunha sociedade dixital no que as persoas van ter que abrirse camiño por si mesmas, con enorme autonomía, nun mercado laboral no que a iniciativa persoal, a orixinalidade e a inventiva van ser factores decisivos.

Do que se trata é de asumir un novo enfoque pedagóxico. De convocar para a docencia un gran enfoque –en xeral– ausente. Ao meu ver –e ao de algúns pedagogos e profesores aos que sigo–, o ensino público debe apostar, decididamente, pola creatividade. E, para iso, a creatividade ten que abrirse paso entre as pautas regradas do coñecemento máis metódico, empírico e racional.

A memoria condúceme de novo ao pasado e a un pésimo profesor de Literatura que tiven no bacharelato. Aquel profesor –que, ironicamente, tiña o mesmo nome, en masculino, ca un personaxe referencial da tradición literaria española– reducía a literatura, desposuída da palabra, a unha simple relación de nomes de autores, títulos e datas de publicación. E niso consistían as súas clases e os exames, que sempre tiñan forma de test. Aquel adolescente que era eu, que xa sentía un enorme interese pola literatura, adormecía nas súas clases, insulsas, apáticas e desmotivadoras. Supoño, claro, que sempre debín parecerlle un alumno moi pouco aplicado. Nunha ocasión, o profesor solicitou voluntarios para realizar un traballo individual sobre un tema concreto que non lembro. Un traballo escolar sobre literatura elaborado ao meu xeito na casa era unha das poucas cousas que me podían interesar. Xa que logo, lin, investiguei, reflexionei, redactei e entreguei o meu traballo, escrito con verdadeira paixón por un adolescente que sabía o que quería na vida pero non atopaba quen llo mostrase. Ao cabo de varios días, aquel profesor felicitoume en público por ter entregado un traballo tan bo malia que sen dúbida –dicía el– tiña que ser copiado. Felicitoume, así e todo, pero insistiu diante de toda a clase no feito de que el non acreditaba en ningún momento en que eu puidese facer un traballo así. Evidentemente, un burócrata do ensino da literatura coma el era incapaz de confiar na creatividade das persoas. A súa visión aséptica da arte e da capacidade ficcional do ser humano traizoábao.

Hoxe, tantos anos despois, pregúntome como é posible que a miña curiosidade e a miña vocación sobrevivisen a todo iso. Só atopo unha explicación: tiña que ser moi forte. Tiña que estar impulsada pola imparable forza da creatividade, tan reprimida desde a escola naquela época.

E hoxe, tantos anos despois, a cada paso que dou nos centros de ensino sei que a paisaxe é ben distinta e atópome con verdadeiros profesionais que transmiten con devoción o amor polos libros e pola literatura, profesionais que saben espremer atractivos zumes literarios cos textos para facelos máis saborosos, profesionais que empregan os poderosos recursos das bibliotecas escolares galegas nas que un profesorado apaixonado e voluntarista bombea sangue do seu propio corazón converténdose en verdadeiros doadores da palabra.


Naturalmente, coa reivindicación da creatividade, non estou a propoñer que o ensino público se apoie nela para encher a sociedade de escritores. Non, non se trata diso. É máis, eu sempre digo (mesmo nas charlas que dou diante do profesorado interesado en estimular o alumnado desde a literatura) que non debemos obsesionarnos con crear escritores senón que o importante é crear lectores libres. Os escritores nacen de aí. Da liberdade que nos concede a lectura. Pero, ademais, non debemos obsesionarnos con iso porque a creatividade non só é a base da literatura. Nin sequera é unicamente a base das disciplinas humanísticas. Tamén é a base da investigación científica, da iniciativa empresarial, das artes escénicas, das artes plásticas, da innovación tecnolóxica... Do progreso, en definitiva. A creatividade impúlsao todo. E non o digo eu. Dino os estudos máis rigorosos das mellores universidades do mundo.

Cando escribín o meu libro xuvenil Cartas de amor, entrevistei a unha inmigrante uruguaia que acababa de chegar chamada Karen. Eu quería escribir un relato sobre a inmigración desde o punto de vista dunha adolescente que se ve obrigada a integrarse nun sistema educativo distinto do seu. Detrás da personaxe do meu libro está Karen, unha persoa real, que hoxe en día xa é nai. Karen díxome hai oito ou nove anos que o que máis lle custaba asumir no seu proceso de integración escolar era un sistema de estudo –o noso– baseado na memorización que fomentaba moi pouco a iniciativa, a creatividade e a capacidade de investigación do alumnado. En relación con iso, dicía que notaba un gran contraste entre a capacidade crítica e a madurez dos adolescentes uruguaios e a dependencia e a inmadurez dos adolescentes galegos. Eu non teño ningunha dúbida de que un ensino polarizado exclusivamente na memorización, que ignora a creatividade, fomentará en moita maior medida a aparición de estudantes acríticos, con escasa capacidade para tomar a iniciativa. A innovación nunca estará moldeada polas súas mans. O pasado ano tiven na miña casa, durante todo o curso escolar, unha estudante americana ao abeiro dun programa de acollida estudantil. Gabbi, a adolescente americana, que procedía de Portland, ratificou coas súas palabras, ao longo do ano, as mesmas opinións que algúns anos antes me transmitira Karen.
Curiosamente, chámame a atención comprobar como en xeral o profesorado de educación infantil realiza un enorme esforzo por fomentar a creatividade nunha idade en que se acepta maioritariamente que os cativos e cativas precisan da imaxinación para a súa construción persoal. Logo, a medida que van subindo de nivel educativo esa conciencia docente que pon en valor a creatividade vai perdéndose progresivamente, coma se o coñecemento fose contrario á capacidade de soñar e de realiarse persoal e culturalmente a partir da fantasía. En que punto desbotamos a creatividade das nosas vidas en nome da razón?

Ora, son consciente de que un cambio de orientación dese calibre non pode depender da vontade do profesorado, que ten que se enfrontar a currículos e programas inexorables. O cambio ten que estar apoiado por todo o sistema educativo e por unha nova consideración no marco da lexislación educativa. A tarefa debe ser tamén impulsada desde o consenso baixo a responsabilidade da Administración pública.

Agora vénme á memoria aquel personaxe de A Náusea, de Jean Paul Sartre (un libro que só devorei na adolescencia e nunca máis esquecín), que se formaba de xeito autodidacta lendo unha enciclopedia por orde alfabética e o seu coñecemento só alcanzaba naquel momento ata determinada letra do alfabeto. O sistema pode ser moi metódico e moi racional pero é profundamente ridículo e inútil.

Con seguridade, a excelente acollida que o meu libro Poetízate ten nas aulas se debe, precisamente, á súa vocación por transmitir a poesía como unha ollada rebelde e crítica sobre o mundo, desgramaticalizada, desposuída da forma e chea de significado subxectivo. Porque a transmisión da poesía non pode ser unha lección para aprender senón un xeito de percibir a vida que foxe da racionalidade e que é capaz de expresar non só a beleza senón tamén outras moitas cousas como a rabia, a incerteza, a impotencia, o desexo, o medo, a dúbida, a indignación, a rebelión... e todo iso que é especialmente relevante durante a adolescencia.
Hai pouco lin unha entrevista con Zovana Ivcevic –investigadora da Universidade de Yale e coordinadora dun estudo sobre potenciación da creatividade– na que aseguraba que é unha equivocación reprimir as reaccións persoais e exercitar a mente para que sexa obxectiva. Ela argumentaba que é unha equivocación porque a razón e a emoción deben estar integradas nos procesos de aprendizaxe. A imaxinación, a innovación e a creatividade son factores clave para avanzar e xerar riqueza, defendía cunha contundencia que nos pode parecer revolucionaria pero que resulta completamente tanxible. Na Universidade de Yale téñeno claro. E nós?

Sempre que me é posible realizo coas miñas fillas, unha tarde á semana, dous obradoiros: un literario e outro científico. No científico apáñome como podo, pois non posúo grandes coñecementos. Pero, a cambio, observo que, –ademais de elas esperaren esa tarde con devoción– a creatividade estimula enormemente a súa sede e desexo de coñecemento e de investigación, de experimentación. E, en definitiva, de aprender, de medrar cultural e intelectualmente.

O cambio tecnolóxico está a impulsar unha nova sociedade dixital, con novos retos, algúns aínda descoñecidos. Preparémonos. E, sobre todo, preparémolos. No futuro só unha sociedade creativa será unha sociedade de oportunidades. E só as persoas creativas serán capaces de construír esa nova e esperanzadora sociedade onde todos e todas teñamos cabida.


22.7.14

A fenda que nos fende

Reproduzo un artigo da miña autoría, centrado na creación literaria, que me foi solicitado desde a AELG para a súa publicación no semanario Sermos Galiza.


A fenda que nos fende 

Ás veces pregúntome por que escribo. Non é que me interrogue sobre os motivos que me levaron á escrita senón sobre os que me impulsan a seguir escribindo. Os primeiros, probablemente, son máis persoais. Escribir non deixa de ser unha procura de identidade que nos axuda a situarnos ante nós mesmos e ante o mundo. E, se cadra, un desexo de parar o tempo.
Os motivos que me impulsan a seguir escribindo son máis complexos. En Galicia adoitamos escribir desde as marxes, loitando contra a invisibilidade e contra a indiferenza da administración. Abordamos o proceso creativo cando remata a nosa xornada laboral, abrindo unha nova xornada centrada na escrita. Escribimos roubándolle o tempo ao lecer, ao descanso, ao sono, ás persoas ás que queremos, á amizade... Construímos a nosa obra literaria co vento en contra. Acudimos a numerosas citas e requerimentos de xeito voluntarista e ás veces nin sequera atopamos comprensión cando expresamos as dificultades. Tragamos a nosa decepción. E batemos cos nosos propios fracasos, que non adoitamos recoñecer. Afrontar a escrita nesas condicións resulta esgotador. Sen dúbida, a vocación é unha chamada profunda, abisal, que vén dalgún lugar remoto para aflorar cunha forza salvaxe. 
Pero o que máis me preocupa é esa fenda enorme que se abre entre nós e a sociedade. Esa fenda que non ten nada que ver coa calidade do que escribimos senón coa lingua en que escribimos. Esa fenda que nos dilúe e nos encolle día a día. Esa fenda que nos apodrece e nos devora. Esa fenda ante a que baixo ningún concepto podemos permanecer impasibles.





29.12.13

Mexada

 Mexar é como escribir un bo poema. Ao rematalo, séntese un alivio inmenso, un alivio enorme que o corpo necesita imperiosamente. A poesía, que é subversiva, flexible coma o chicle, ten propiedades diuréticas; alivia porque é un magnífico tranquilizante sen prospecto. En doses altas, crea adicción ou alerxias. A súa capacidade subversiva ou as súas reaccións alérxicas permíntennos deitar unha ollada interpretativa, inqueda e oblícua sobre o noso tempo. E seguir mexando.

25.11.13

Dez anos de Cabrafanada. O meu blog cumpre unha década e testemuña un tempo vertixinoso

O meu blog, Cabrafanada, cumpre dez anos. Cun nome procedente da toponimia galega (Cabra Fanada é un tópónimo rexistrado no Val do Tamuxe) este blog foi creado en novembro de 2003 en Blogger, onde permanece na actualidade. O meu perfil dá conta da súa data de creación. Desde aquel día de novembro en que naceu Cabrafanada, bastante a cegas, cando os blogs eran aínda unha estraña anécdota no ciberespazo galego e había que manexarse en linguaxe html e nun inglés técnico, daquela bastante extravagante, para conformar o seu deseño, ata hoxe, o ciberespazo mudou de xeito considerable. 

Aos tres anos do seu nacemento, os blogs avanzaban incansablemente. Cando Cabrafanada cumpriu os 5 anos, algo mudara considerablemente a nosa relación coa rede: a aparición de Youtube (creado en 2005), que propulsou un novo xeito de entender a comunicación web. Logo, os blogs foron popularizándose e o seu acceso foi facéndose cada vez máis sinxelo e cotián. Tamén chegaron os readers ou sindicacións RSS (o de Google chegou, arrasou e desapareceu) que facilitaron considerablemente o seguimento das fontes máis interesantes. E tamén chegaron as redes sociais (Twitter, Facebook e Tumblr no 2007) e volveron cambiar a nosa relación coa web, que se fixo moito máis dinámica e participativa, relegando os blogs, en boa medida, a un segundo plano. 

Aproveitando o seu potencial, construín a miña propia (e complexa) web con recursos gratuítos de socialización de contidos, aínda que a día de hoxe está desfasada debido aparición de dispositivos de lectura multiplataforma e a renovación das tendencias no deseño. Hoxe, os blogs están nun segundo plano xa que a súa lectura depende en boa medida da difusión dos seus contidos a través das redes sociais, máis inmediatas, rápidas e dinámicas. Con todo, hoxe por hoxe, os blogs fornecen contidos ás redes sociais, son unha das súa principais fontes de alimentación e, sen eles, perderían moito na profundidade dos contidos. A maiores, os blogs continúan a ser un fantástico arquivo documental

Malia que creei e deseñei o meu blog Cabrafanada en Novembro de 2003 a miña primeira anotación lanceina o 5 de xaneiro de 2004. O seu lanzamento tivera bastante impacto e a noticia fora recollida en varios medios de comunicación. Certo é que Cabrafanada nunca foi unha bitácora regular. En determinados períodos absorbeume con máis intensidade e noutros períodos presteille unha atención despreocupada. Desde logo, nunca quixen converterme nun esclavo do meu propio blog, pero tamén recoñezo me proporciounou momentos moi graticantes e, sobre todo, que me abriu a portas a outra dimensión do coñecemento e da comunicación. Ao longo destes dez anos relicei 809 anotacións, o que dá unha media de 80 por ano. Cabrafanada mudou varias veces de aspecto, de deseño, tentando evolucionar, incorporarse aos cambios, sen aletargarse. Pero ás veces adormeceu.

Pero o máis importante, o que eu máis valoro destes dez anos de Cabrafanada é que para min se converteu na miña persoal testemuña dunha década intensa, dun tempo vertixinoso, cheo de cambios, de incertezas, de dúbidas e de emocionantes descubrimentos ao abeiro da progresión tecnolóxica; converteuse en testemuña dun tempo apaixonante, tanto que descoñezo absolutamente a onde nos pode conducir. Quen me dera poder estar aquí dentro de cen anos para comprobalo!

En calquera caso, eu trato de ser optimista por natureza, confío na humanidade e teño a certeza de que avanzamos cara adiante, cara un mundo cada vez mellor, malia que neste momento vivamos un retroceso brutal, contra o que debemos rebelarnos. Pero a poderosa e opulenta minoría que hoxe oprime á maior parte da humanidade debe saber que non se pode ir contra o progreso comunal, contra a razón, contra a liberdade, contra a xustiza social, contra a maioría. A opresión nunca dura indefinidamente. Os tempos serán chegados. 

Moitísimas grazas a todas as persoas que o seguiron durante toda unha década. Moitas grazas aos meus lectore e lectoras, que fixeron posible que este blog exista. Cabrafanada sigue adiante. Coma ata o de agora. 






17.3.13

Guía didáctica de «Cartas de amor»

Guía didáctica de Cartas de amor elaborada polo IES Pino Manso (O Porriño).






21.11.12

Debate sobre «Ninguén» no Club de Lectura o IES de Poio


No club de lectura do IES de Poio mantiveron un debate, que gravaron e publicaron en mp3 arredor do meu libro Ninguén. Reproduzo a anotación do seu blog ao respecto.

NINGUÉN de FRAN ALONSO: Primeira sesión en audio

Esta mañá tivemos a primeira posta en común sobre Ninguén de Fran Alonso, no grupo 1 do club de lectura de 2º de bacharelato.
Tralo "ruído" inicial, a conversa foinos levando cara adiante e dun "non entendo nada" chegamos a extraer conclusións e compartimos puntos de vista:



O autor envíanos o seguinte enlace para comprender mellor a súa obra, sera convinte que lle botemos unha ollada.

30.10.12

«Posta de sol»: Un conto breve con humor

Hai cousas que, cando un as ve, dan ganas de fotografalas. Ás veces intento reter algunhas imaxes coa cámara porque sei que teñen interese literario. Hai imaxes que, só con miralas, cóntanche unha historia. Outras veces o que me sucede é que capturo unha imaxe e algún tempo despois esa imaxe pídeme timudamente un relato.
Hai uns meses quedei extasiado cun cartel que vin diante dos meus ollos. Non dubidei nin un momento en que tiña que fotografalo. Non podía deixar de apropiarme daquela imaxe. Hai un par de semanas escribín un relato breve a partir daquela foto. Sinceramente, creo que aquela imaxe estaba pedindo a berros unha historia, así que a escribín.
Agora pode lerse aquí, para quen o desexe. É un conto con moito humor. Creo que non podía ser doutro xeito.

Tanto a foto como o conto breve están en tumblr e poden lerse neste enlace.