8.4.15

Unha aposta pola creatividade como metodoloxía pedagóxica

No pasado mes de decembro publicouse na revista EduGa un artigo que sobre o ensino que me foi solicitado partindo dun punto de vista persoal. O artigo arrinca da miña experiencia de estudante –como neno e adolescente– para viaxar ata a miña experiencia de pai –que supón un segundo encontro coa escola–, así como a miña experiencia de escritor que visita anualmente un elevado número de centros de ensino. O artigo supón unha aposta clara pola asunción da creatividade como metodoloxía pedagóxica. Reprodúzoo a continuación.

Eu creo, ti creas, el crea

As persoas que non somos profesionais da educación adoitamos viaxar dúas veces á escola. A primeira vez, a viaxe é unha inmersión; a segunda unha aproximación. A primeira vez, claro, é cando somos cativos e nos toca asistir como alumnos e alumnas. A segunda vez é cando somos nais e pais, e nos toca acompañar o proceso educativo das nosas fillas e fillos. E, entre a primeira e a segunda viaxe descubrimos a distancia enorme que o tempo, coma un caracol paciente, foi marcando desde o punto de partida ao punto de regreso.

No meu caso, ademais, teño a oportunidade como escritor de visitar arredor de vinte centros de ensino distintos por ano, de todos os niveis posibles, desde Educación Infantil a Bacharelato, sen excluír a Universidade. E o que máis agradezo desa circunstancia é o contacto directo e constante que me ofrece co ámbito docente. E tamén que me permite tocar coas miñas mans a enorme diferenza de calidade educativa que existe entre o ensino privado e o público, claramente a favor deste último, malia os absurdos prexuízos e os ridículos mitos existentes na sociedade e malia o grave descoido dotacional ao que, desde instancias públicas, se somete o ensino público, que é o que ofrece oportunidades a todos e vela por unha educación cívica dirixida a nivelar o benestar social e a desigualdade.


Ás veces, a memoria, ese animal voluminoso que tanto condiciona os nosos movementos, tira de min cara ao estudante que fun. Daquela, os meus ollos viran dentro das cuncas, ollando cara ao interior, e redescúbrome. Redescúbrome naquel neno curioso, creativo e rebelde que fun; naquel mozo inquedo e inconformista que se sublevaba contra un sistema escolar que sentía esmagador. Os tempos eran distintos, abofé. E aqueles tempos non foron demasiado xenerosos nas aulas, cando menos para min. Non o foron, por exemplo, nas mans daquel profesor que batía en nós, unha e outra vez, coa vara dunha percha a fin de manternos aterrorizados durante toda a hora. Non o foron, por exemplo, nunha agoniante xornada que comezaba ás nove da mañá e teoricamente remataba ás seis da tarde (co xantar no centro incluído) pero na práctica remataba ás oito porque a maior parte dos días a clase enteira era obsequiada con dúas horas de propina como castigo colectivo, sen que ninguén o impedise. O profesor, claro, liscaba á súa casa porque quedabamos nas mans de «educadores» aos que se lles encargaba o cometido de vixiarnos. Aqueles tempos tampouco foron demasiado xenerosos, por exemplo, no rostro dun profesor de Educación Física (materia daquela chamada Ximnasia) que nos guindaba landras contra o corpo e que apagaba os seus cigarros nos nosos brazos. En fin, aqueles tempos non foron demasiado xenerosos por tantos despropósitos como eu persoalmente vivín ao longo dos catro centros educativos (en moito maior medida nuns ca noutros, evidentemente) polos que pasei durante a miña infancia e adolescencia (dous na EXB e dous no BUP), especialmente nos anos setenta.

Se cadra é por iso polo que sinto unha enorme envexa das miñas fillas. Sinto envexa das súas circunstancias, do seu profesorado, en xeral, eficaz e voluntarista, e dun ensino integrador que as acolle, aínda que, loxicamente, con carencias e moitos retos.

Por iso, sen dúbida, o ensino público (o que de verdade me interesa, o que de verdade debería interesarlle á sociedade), xa tan afastado do que eu vivín na miña infancia, debe asumir un novo enfoque docente no xeito de encarar o futuro. E, moi especialmente, no xeito de encarar ese novo futuro dunha sociedade dixital no que as persoas van ter que abrirse camiño por si mesmas, con enorme autonomía, nun mercado laboral no que a iniciativa persoal, a orixinalidade e a inventiva van ser factores decisivos.

Do que se trata é de asumir un novo enfoque pedagóxico. De convocar para a docencia un gran enfoque –en xeral– ausente. Ao meu ver –e ao de algúns pedagogos e profesores aos que sigo–, o ensino público debe apostar, decididamente, pola creatividade. E, para iso, a creatividade ten que abrirse paso entre as pautas regradas do coñecemento máis metódico, empírico e racional.

A memoria condúceme de novo ao pasado e a un pésimo profesor de Literatura que tiven no bacharelato. Aquel profesor –que, ironicamente, tiña o mesmo nome, en masculino, ca un personaxe referencial da tradición literaria española– reducía a literatura, desposuída da palabra, a unha simple relación de nomes de autores, títulos e datas de publicación. E niso consistían as súas clases e os exames, que sempre tiñan forma de test. Aquel adolescente que era eu, que xa sentía un enorme interese pola literatura, adormecía nas súas clases, insulsas, apáticas e desmotivadoras. Supoño, claro, que sempre debín parecerlle un alumno moi pouco aplicado. Nunha ocasión, o profesor solicitou voluntarios para realizar un traballo individual sobre un tema concreto que non lembro. Un traballo escolar sobre literatura elaborado ao meu xeito na casa era unha das poucas cousas que me podían interesar. Xa que logo, lin, investiguei, reflexionei, redactei e entreguei o meu traballo, escrito con verdadeira paixón por un adolescente que sabía o que quería na vida pero non atopaba quen llo mostrase. Ao cabo de varios días, aquel profesor felicitoume en público por ter entregado un traballo tan bo malia que sen dúbida –dicía el– tiña que ser copiado. Felicitoume, así e todo, pero insistiu diante de toda a clase no feito de que el non acreditaba en ningún momento en que eu puidese facer un traballo así. Evidentemente, un burócrata do ensino da literatura coma el era incapaz de confiar na creatividade das persoas. A súa visión aséptica da arte e da capacidade ficcional do ser humano traizoábao.

Hoxe, tantos anos despois, pregúntome como é posible que a miña curiosidade e a miña vocación sobrevivisen a todo iso. Só atopo unha explicación: tiña que ser moi forte. Tiña que estar impulsada pola imparable forza da creatividade, tan reprimida desde a escola naquela época.

E hoxe, tantos anos despois, a cada paso que dou nos centros de ensino sei que a paisaxe é ben distinta e atópome con verdadeiros profesionais que transmiten con devoción o amor polos libros e pola literatura, profesionais que saben espremer atractivos zumes literarios cos textos para facelos máis saborosos, profesionais que empregan os poderosos recursos das bibliotecas escolares galegas nas que un profesorado apaixonado e voluntarista bombea sangue do seu propio corazón converténdose en verdadeiros doadores da palabra.


Naturalmente, coa reivindicación da creatividade, non estou a propoñer que o ensino público se apoie nela para encher a sociedade de escritores. Non, non se trata diso. É máis, eu sempre digo (mesmo nas charlas que dou diante do profesorado interesado en estimular o alumnado desde a literatura) que non debemos obsesionarnos con crear escritores senón que o importante é crear lectores libres. Os escritores nacen de aí. Da liberdade que nos concede a lectura. Pero, ademais, non debemos obsesionarnos con iso porque a creatividade non só é a base da literatura. Nin sequera é unicamente a base das disciplinas humanísticas. Tamén é a base da investigación científica, da iniciativa empresarial, das artes escénicas, das artes plásticas, da innovación tecnolóxica... Do progreso, en definitiva. A creatividade impúlsao todo. E non o digo eu. Dino os estudos máis rigorosos das mellores universidades do mundo.

Cando escribín o meu libro xuvenil Cartas de amor, entrevistei a unha inmigrante uruguaia que acababa de chegar chamada Karen. Eu quería escribir un relato sobre a inmigración desde o punto de vista dunha adolescente que se ve obrigada a integrarse nun sistema educativo distinto do seu. Detrás da personaxe do meu libro está Karen, unha persoa real, que hoxe en día xa é nai. Karen díxome hai oito ou nove anos que o que máis lle custaba asumir no seu proceso de integración escolar era un sistema de estudo –o noso– baseado na memorización que fomentaba moi pouco a iniciativa, a creatividade e a capacidade de investigación do alumnado. En relación con iso, dicía que notaba un gran contraste entre a capacidade crítica e a madurez dos adolescentes uruguaios e a dependencia e a inmadurez dos adolescentes galegos. Eu non teño ningunha dúbida de que un ensino polarizado exclusivamente na memorización, que ignora a creatividade, fomentará en moita maior medida a aparición de estudantes acríticos, con escasa capacidade para tomar a iniciativa. A innovación nunca estará moldeada polas súas mans. O pasado ano tiven na miña casa, durante todo o curso escolar, unha estudante americana ao abeiro dun programa de acollida estudantil. Gabbi, a adolescente americana, que procedía de Portland, ratificou coas súas palabras, ao longo do ano, as mesmas opinións que algúns anos antes me transmitira Karen.
Curiosamente, chámame a atención comprobar como en xeral o profesorado de educación infantil realiza un enorme esforzo por fomentar a creatividade nunha idade en que se acepta maioritariamente que os cativos e cativas precisan da imaxinación para a súa construción persoal. Logo, a medida que van subindo de nivel educativo esa conciencia docente que pon en valor a creatividade vai perdéndose progresivamente, coma se o coñecemento fose contrario á capacidade de soñar e de realiarse persoal e culturalmente a partir da fantasía. En que punto desbotamos a creatividade das nosas vidas en nome da razón?

Ora, son consciente de que un cambio de orientación dese calibre non pode depender da vontade do profesorado, que ten que se enfrontar a currículos e programas inexorables. O cambio ten que estar apoiado por todo o sistema educativo e por unha nova consideración no marco da lexislación educativa. A tarefa debe ser tamén impulsada desde o consenso baixo a responsabilidade da Administración pública.

Agora vénme á memoria aquel personaxe de A Náusea, de Jean Paul Sartre (un libro que só devorei na adolescencia e nunca máis esquecín), que se formaba de xeito autodidacta lendo unha enciclopedia por orde alfabética e o seu coñecemento só alcanzaba naquel momento ata determinada letra do alfabeto. O sistema pode ser moi metódico e moi racional pero é profundamente ridículo e inútil.

Con seguridade, a excelente acollida que o meu libro Poetízate ten nas aulas se debe, precisamente, á súa vocación por transmitir a poesía como unha ollada rebelde e crítica sobre o mundo, desgramaticalizada, desposuída da forma e chea de significado subxectivo. Porque a transmisión da poesía non pode ser unha lección para aprender senón un xeito de percibir a vida que foxe da racionalidade e que é capaz de expresar non só a beleza senón tamén outras moitas cousas como a rabia, a incerteza, a impotencia, o desexo, o medo, a dúbida, a indignación, a rebelión... e todo iso que é especialmente relevante durante a adolescencia.
Hai pouco lin unha entrevista con Zovana Ivcevic –investigadora da Universidade de Yale e coordinadora dun estudo sobre potenciación da creatividade– na que aseguraba que é unha equivocación reprimir as reaccións persoais e exercitar a mente para que sexa obxectiva. Ela argumentaba que é unha equivocación porque a razón e a emoción deben estar integradas nos procesos de aprendizaxe. A imaxinación, a innovación e a creatividade son factores clave para avanzar e xerar riqueza, defendía cunha contundencia que nos pode parecer revolucionaria pero que resulta completamente tanxible. Na Universidade de Yale téñeno claro. E nós?

Sempre que me é posible realizo coas miñas fillas, unha tarde á semana, dous obradoiros: un literario e outro científico. No científico apáñome como podo, pois non posúo grandes coñecementos. Pero, a cambio, observo que, –ademais de elas esperaren esa tarde con devoción– a creatividade estimula enormemente a súa sede e desexo de coñecemento e de investigación, de experimentación. E, en definitiva, de aprender, de medrar cultural e intelectualmente.

O cambio tecnolóxico está a impulsar unha nova sociedade dixital, con novos retos, algúns aínda descoñecidos. Preparémonos. E, sobre todo, preparémolos. No futuro só unha sociedade creativa será unha sociedade de oportunidades. E só as persoas creativas serán capaces de construír esa nova e esperanzadora sociedade onde todos e todas teñamos cabida.