29.6.08

Todopoderoso fútbol

Non vin o partido nin consultei ningún medio de comunicación. Non falei con ninguén que o vise e ninguén me comentou o resultado. Ao meu arredor non había máis ca natureza e árbores e, malia todo, souben inmediatamente quen gañara. ¿Hai algunha cousa no mundo hoxe con maior capacidade de mobilización social? Pois eu, nisto, declárome en fóra de xogo.


25.6.08

Intervencións en Youtube de Radio Barullo

Os premiados blogs de O Segrel do Penedo, tras a miña participación no Club de Lectura da Biblioteca, introduciron no seu Radio Barullo tres momentos da miña intervención ou da intervención dalgunhas lectoras, que reproduzo a continuación.





23.6.08

Unha noite entre libros

A noite na biblioteca resultou fantástica. Non hai máis que ver no blog de Espazo Lectura o que recolleron os informativos da TVG. Gondomar fixo dos libros e da biblioteca unha casa íntima, entanto as nenas e nenos durmían entre libros que lles acomodaban os soños.

19.6.08

Durmir na biblioteca

¿A quen non lle apetecería pasar unha noite na biblioteca? Espazo Lectura faino posible, cun programa de actividades atractivo e entretido. Haberá que facer un seguimento, a ver como vai a noite dos libros.

17.6.08

Remata a tempada de charlas

Hoxe, cunha intervención nas aulas no CEIP Chans, de Bembrive (Vigo), sobre O brillo dos elefantes, remato (creo) a tempada de charlas e encontros en centros de ensino sobre os meus libros. O luns estiven e nunha das bibliotecas escolares máis fermosas e activas, O segrel do Penedo, do IES de Fene, compartindo a tarde cos integrantes do Club de Lectura, que leron Cartas da amor. Curiosamente, unha nena, Laura, pediume que lle asinase por segunda vez un libro que xa lle asinara no 2006. Sería simpático volver a asinarllo dentro duns anos por terceira vez. O xoves da semana pasada participei durante toda a mañá, xunto con Yolanda Castaño, na Semana da Poesía que organizan, con moito voluntarismo e moitísimo mérito os alumnos e un grupo de profesores do IES Lamas das Quendas de Chantada, e á última hora ceei en Peinador coas intregantes do Club de Lectura o IES de Mos, que leron e comentaron Poetízate. Coa charla desta mañá no CEIP de Chans (magnífica impresión produciume ese centro) o curso escolar esgótase.
A presentación de abaixo é do Club de Lectura do Segrel.





15.6.08

Sanxenxo

Estes días recibín os enlaces ao blog Bibliomanía, da biblioteca do IES Sanxenxo, que é a que organiza un certame literio moi orixinal. No certame participan os centros de ensino da comarca e consta de dúas fases: a primeira é de selección e realízase en cada centro de ensino; a segunda é a definitiva e nela, previamente citados, todos os rapaces e rapazas concursantes teñen que escribir un relato nun prazo de tempo de dúas horas a partir dun texto previo que se lles entrega. Este ano, os textos entregados foron un fragmento dun conto meu e outro dun texto de Elvira Pérez, que presidiu o xurado nesta edición.
Posteriormente ao fallo en cada unha das categorías, realízase un acto de entrega dos premios, nesta ocasión conducido por Pista Catro, que estiveron magníficos. Previamente á entrega, dei unha pequena conferencia no auditorio de Miraflores. A librería Nós, de Xaime Corral, é unha fiel colaboradora na organización deste orixinal certame. Os textos premiados serán editados nun volume pola Biblioteca do IES de Sanxenxo.




14.6.08

Vigo, concerto de sirenas

Onte venres, as sirenas dos barcos atronaron cos seus berros doloridos a cidade de Vigo durante máis de media hora. Coma se fose o lamento profundo das baleas, que viaxase atravesando o mar, a urbe viviu onte un impresionante concerto mariño que as buguinas dos barcos lle ofreceron a toda a poboación espreguizada ao longo da ría. O petroleo (ben en forma de chapapote ou ben en forma de carburante) é quen, unha vez máis, de erguer as voces máis atronadoras.

7.6.08

Por que lexitimamos o fascismo?

Por que lexitimamos o fascismo?
Que futuro queremos?




En 1991 escribín este artigo (agora extractado), para a prensa.
Nada cambiou, excepto que o racismo chegou ao poder e lexitímase desde as institucións.


A extrema dereita e a nova orde política

O forte ascenso da extrema dereita de Le Pen (pateticamente reflexado nas recentes eleccións parciais francesas nas que a Fronte Nacional, intimamente vencellada ó crecemento do racismo en Europa, superou ó Partido Socialista Francés) encánase precisamente no rego dos últimos acontecementos políticos mundiais.
Logo da caída dos réximes socialistas, a nova orde mundial dá pé ó enfrontamento norte-sur ou máis exactamente, o enfrontamento entre os países desenvolvidos e os países pobres. Mentres no mundo árabe o integrismo apaña adeptos apresuradamente dentro dunha corrente islamizadora, Europa reacciona con violencia e coas urnas (votando á extrema dereita) contra os inmigrantes deses países, na súa maioría árabes ou turcos.
Ó tempo que Europa e todo occidente sente a ameaza do integrismo e o novo enfrontamento mundial –Estados Unidos deixou ben claro na guerra do Golfo quen decide–, o maltratado mundo árabe reacciona defendéndose con ese fundamentalismo que non dista moito desoutro integrismo racista –francés–, triunfador nas urnas galas.
Europa xa non teme ó leste senón ó sur. Por iso vota racismo: para impedir que lle sexa arrebatado o seu nivel de vida.

3.6.08

Pulso agresivo

Máis que interesante, este agresivo pulso entre La Voz de Galicia e La Región. Hai rumores de que quen está poñendo nerviosa á Voz é este señor, debido a estas confidencias.
Sexa como sexa, está claro que veñen malos tempos, tamén para a prensa galega. E os xornais gratuítos tamén axudan a debilitar o papel da prensa tradicional.
Por sorte, hoxe a rede facilitou unha mulplicidade de fontes e recursos na transmisión da información que fai moito máis difícil o control e o monopolio desde os medios tradicionais.