Amosando publicacións coa etiqueta Portugal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Portugal. Amosar todas as publicacións

8.11.16

Un sopro de aire fresco en portugués slam: «Nómada», de Joana Cabral

Hai bastantes anos descubrín e merquei Nómada, de Joana Cabral, nalgunha libraría portuguesa. Lina de inmediato. Lamentablemente, nunca poiden localizar a segunda e, que eu saiba, derradeira novela desta autora, A cabra urbana. Publicada en 2007, está descatalogada desde hai tempo e non volveu publicar ningunha outra. Tampouco ela, Joana Cabral, deixou demasiada pegada da súa prensenza en ámbitos literarios, apenas unhas migallas de Polgariña perdida na fraga escura. Ás veces teño a intuición de que podería ser unha escritora espectral vencida polas brétemas da decepción.

Nómada (2004) é un desas novelas tan desenfadadas e tan afastadas do canon da literatura portuguesa que, se callar, naceu condenada a pasar desapercibida nun país con tendencia ao academizante. Fresca, escrita nun portugués slam (do que aprendín moito vocabulario da rúa) nace coa vocación de reflectir o fastío e a estupidez das clases acomodadas en Lisboa desde a visión dunha rapariga rebelde e desencantada que decide fuxir da rutina nunha aventura á beira da ilegalidade. Unha especie de Thelma e Louise, pero menos efectista e máis apegada á terra. Gostei moito.

11.7.16

O partido, desde a Feira do Libro de Braga

A Feira do Libro de Braga, que se celebra estes días na Avenida Central, quedou absolutamente deserta esta tarde, minutos antes de comezar o partido Francia-Portugal. Desde había xa horas, a inmensa maioría das persoas que paseaban polas rúas ou mesmo as que entraban nas casetas da Feira, a follear ou curiosear nos libros, acudían enfundadas nas cores da bandeira portuguesa ou co rostro pintado de verde e vermello.
De tal xeito, a Feira, que pecha habitualmente ás 23 horas (cunha franxa horaria xenerosísima que procura o encontro cos lectores e lectoras) detivo completamente a súa actividade, deixándoa en suspenso. As casetas pecharon, a programación anulouse e todas as persoas marcharon a ver o partido. Co país paralizado ante os televisores, coma noutras cidades, a cidadanía de Braga citouse na Praça do Conde Agrolongo, lugar onde o Concello instalou unha pantalla xigante para o visionado do encontro. Portugueses residentes e portugueses emigrantes en Francia, retornados para disfrutar das súas vacacións, compartían, con sensacións diferentes pero o mesmo desexo, o seguimento do partido desde unha praza absolutamente ateigada. O aire vibrou cunha forza tan enérxica que foi quen, mesmo, de facer sucumbir a maxia dos libros. Á miña beira, os músicos de Bomboémia, aos que lles susperanderan o concerto programado para a mesma hora na Feira do Libro, ollaban, perplexos, para toda aquela masa posuída pola bola. Así é o fútbol.




5.9.11

Vídeo sobre «A aranha e eu»

Este vídeo, creado a partir de «A aranha e eu» está feito por Ana Patrícia Cal para a unha materia da Licenciatura de Ciências da Educação da Universidade de Lisboa.

5.4.11

Homens da Luta, volve o espírito de abril a Portugal?

A través do blog Querquellequer descubrín hai un par de semanas este fantástico vídeo de Homens da Luta, un tema combativo («E o povo, Pá?») para estes duros tempos de crise.

A banda está liderada por Neto e Falâncio, e son os candidatos portugueses á Eurovisión este ano, grazas á votación do público, e punto de remate habitual das movilizacións contra os recortes da crise. Constitúen unha especie de reencarnación do espírito dos Cravos, tematicamente actualizados para estes tempos de globalización financeira. Teñen un único disco editado, titulado A cantiga é uma arma (2010).



En 2009 foron detidos pola policía por interromper a toma de posesión do primeiro ministro socialista José Sócrates e anteriormente levaran a cabo múltiples accións semellantes. En 2007, como se pode ver no segundo vídeo, invadiron por sorpresa un plató de televisión onde se emitía un programa en directo, ante a desesperación do presentador. Algo semellante fixeron nun partido da selección portuguesa, sempre baixo o lema de «a luta continua».

Outra das súas accións foi replicar á canción «Parva que eu son», de Deolinda, un grupo de música tradicional portuguesa, con outra canción, que difundiron pola rede, titulada «Que esperto que eu sou». Curiosamente, a de Deolinda tamén era dunha canción crítica coa problemática social das xeracións máis novas en Portugal.

Este ano 2011 foron vencedores do Festival da Canção co tema «A luta é alegria». Como pode verse no terceiro vídeo, os Homens da Luta están a se converter en verdadeiros símbolos da loita contra a crise e do espírito da conciencia cívica en Portugal. Unha especie de recuperación do espírito de abril, aínda que tamén reciben críticas e acusacións de facer demagoxia. Unha desas críticas procede do xornalista e escritor Miguel Sousa Tavares, un supervendas en Portugal, de quen eu lin un par de libros (No teu deserto, novela moi digna pero un tanto espiritosa que conta unha viaxe por Alxeria semellante a outra viaxe que fixen eu en 1985, e Ismael e Chopin, un relato infantil). Sousa Taveres, que é un escritor contrario ás redes sociais, declarou que «os demagogos aparecem sempre nos momentos de crise» e que «as cousas non se resolven na rúa». En calquera caso, a resposta non se fixo esperar, e os Homens da Luta xa sacaron hai unhas semanas unha canción para satirizar o escritor. O seu espírito combativo é imparable.






.

30.10.06

Caligrama fotográfico


Hai pouco descubrín na rede este significativo caligrama fotográfico elaborado por Renato Roque a partir dos textos de Balada Solitaria. Hoxe decidín traelo a Cabrafanada para poder mostralo. O fotógrafo portugués Renato Roque, con quen teño a sorte de compartir a co-autoría do meu poemario Balada solitaria, ten un blog que recomendo visitar de cando en vez.

15.6.05

Portugal

O meu colega, o fotógrafo Renato Roque, envíame este poema de Eugénio de Andrade:

AS AMORAS
O meu país sabe a amoras bravas
no verão.
Ninguém ignora que não é grande,
nem inteligente, nem elegante o meu país,
mas tem esta voz doce
de quem acorda cedo para cantar nas silvas.
Raramente falei do meu país, talvez
nem goste dele, mas quando um amigo
me traz amoras bravas
os seus muros parecem-me brancos,
reparo que também no meu país o céu é azul.

Eugénio de Andrade, 1923-2005

13.1.04

Un blo lisboeta

A miña amiga Sara Costa puxo un enlace a Cabrafanada no seu blo Beco das Imagens, que eu non coñecía pero que é realmente interesante. Ela é lisboeta, fai crítica literaria en diversas publicacións portuguesas e é unha auténtica embaixadora da cultura galega en Portugal. Tamén colabora na web CanaldeLivros.com

10.1.04

Centralismo

Esta mañá achegueime a correos a mandar un paquete certificado para Porto. Só se trataba de envialo a 150 km de Vigo, o lugar desde onde fixen o envío. Con todo, a funcionaria de correos informoume de que o paquete tiña que ir vía Madrid; quer dicir, que o paquete viaxaría de Vigo a Madrid, de Madrid a Lisboa e de Lisboa ao Porto. Quedei impresionado. Toda esa danza capitalina faise para cubrir os 150 km que separan Vigo do Porto, comunicados a só hora e media de autoestrada. Sen dúbida, este é un magnífico exemplo de centralismo postal. Viva a eficacia.