A Feira do Libro de Braga, que se celebra estes días na Avenida Central, quedou absolutamente deserta esta tarde, minutos antes de comezar o partido Francia-Portugal. Desde había xa horas, a inmensa maioría das persoas que paseaban polas rúas ou mesmo as que entraban nas casetas da Feira, a follear ou curiosear nos libros, acudían enfundadas nas cores da bandeira portuguesa ou co rostro pintado de verde e vermello.
De tal xeito, a Feira, que pecha habitualmente ás 23 horas (cunha franxa horaria xenerosísima que procura o encontro cos lectores e lectoras) detivo completamente a súa actividade, deixándoa en suspenso. As casetas pecharon, a programación anulouse e todas as persoas marcharon a ver o partido. Co país paralizado ante os televisores, coma noutras cidades, a cidadanía de Braga citouse na Praça do Conde Agrolongo, lugar onde o Concello instalou unha pantalla xigante para o visionado do encontro. Portugueses residentes e portugueses emigrantes en Francia, retornados para disfrutar das súas vacacións, compartían, con sensacións diferentes pero o mesmo desexo, o seguimento do partido desde unha praza absolutamente ateigada. O aire vibrou cunha forza tan enérxica que foi quen, mesmo, de facer sucumbir a maxia dos libros. Á miña beira, os músicos de Bomboémia, aos que lles susperanderan o concerto programado para a mesma hora na Feira do Libro, ollaban, perplexos, para toda aquela masa posuída pola bola. Así é o fútbol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario