13.2.12

As marabillas dunha tablet

A través de Mica Bigotes recibo este vídeo sobre as marabillas que fai unha tablet.

8.2.12

Poemas a viva voz

Este venres, María Lado e mais eu, acompañados por Manuel Ángel García, editor de Franouren, presentaremos Transición en Librouro cun recital poético a dúas voces.
Leremos diversos poemas que están incluídos no CD e outros que non o están. Do CD leremos, por exemplo, «Abismo Vigo», un collage sobre a cidade. Se cadra, tamén lemos «Ninguén», un poema que ten moito que ver co meu último libro de narrativa (comezando polo título). Esforzarémonos en lle poñer voz ao cortante «Vivo non vivo», un poema sobre a violencia de xénero. E daremos conta, por exemplo, de «Terrae», que non está incluído no CD.
En calquera caso, aproveito para darlle as grazas a María, que xenerosamente me acompaña, como me acompañou no CD e no limiar do libro.

Mentres tanto, neste enlace poden escoitarse os seguintes poemas de Transición (ou poden descargarse aquí):

Rap sucio de chapapote


Ninguén


Abismo Vigo



Vivo non vivo


O Xe












&, por Antía Otero e Toño Chouza


& from Antía Otero on Vimeo.

7.2.12

Transición, descacougo, bomba cultural e presentación

Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog a primeirísima impresión que lle produciu a lectura de Transición, o libro que presento, este venres en Vigo, acompañado de María Lado, cun recital poético este venres na librería Librouro (20 h.).




O desacougo de Fran e a bomba cultural


(...) Que foi rematar a crítica e  poñerme a petiscar no Transición de Fran Alonso. Só lin petiscos, o suficiente para que non me descanse o corpo até lelo enteiro. Lelo e escoitalo, pois canda o poemario vén un cd.
Anuncia Fran que este é un poemario de transición, na súa particular persecución por atopar novos vieiros a súa expresión literaria. Todavía descoñezo até que extremo os atopou ou simplemente até que extremo este Transición, no que se recolle o que habitualmente se denomina poesía dispersa ( por publicacións e foros de varia índole), até que extremo é camiño nesa procura.
En todo caso reconfórtame esa procura de Fran, ese desacougo sinónimo de vida, de vida intelixente fronte á despersonalización, fronte á banalización impulsada desde o poder, desde o poder da Xunta ( de Galicia cada vez menos ) (...)

O himno galego a ritmo de rap. De Pondal ao Puto Coke


Hai un par de días escoitei unha entrevista, que difundín a través de Twitter, con El puto Coke na que dicía que «o himno galego comparte métrica coa última xeración do rap». O himno galego rapeado é un dos temas que inclúe o seu último disco, Coke Céspedes. Agora, novamente a través de Twitter (de @magago e @cokecespedes), descubro o vídeo o «Hino de Galiza». Xenial!

5.2.12

O meu agradecemento a lectores/as e internautas

Hai algún tempo que teño pendentes varios agradecementos a internautas e lectores/as. En primeiro lugar, e malia que mandei un correo persoal, quero darlles as grazas publicamente ás persoas que participaron na campaña viral de Ninguén. En segundo lugar, o meu agradecemento a todos os usuarios de Fervenzas Literarias que votaron a favor de O meu gato é un poeta como mellor libro infantil e xuvenil de 2011. E, en terceiro lugar, a todos os lectores e lectoras que debateron comigo sobre o libro a través da rede, tanto no foro de Fervenzas Literarias como no intenso debate que mantiven no blog de Falemos de lecturas.

4.2.12

Os meus personaxes son un espello de min?


Foro de Fervenzas Literarias (4)
Escollo hoxe a derradeira reflexión para Cabrafanada do encontro que mantiven en decembro con lectores e lectoras de Ninguén, respondendo ás preguntas que me facían. En xaneiro, mantiven outro intenso debate virtual cos lectores do meu libro no Club de Lectura Virtual «Falemos de Lecturas».


—Pois eu creo que ainda que teñamos o "noso" móvil, o "noso" ipod ou o "meu" portátil nunca houbo ata o de agora tanta comunicación entre as persoas. Eu podo contactar hoxe en día con amig@s no estranxeiro que antes seguramente non podería polo costo da telefonía fixa, por poñer un exemplo.
Non queres facer xuizos de valor sobre isto pero creo que en Ninguén si que hai unha certa desafección sobre todos estes aparellos, ainda que seguro ti tamén os utilizas.  Selena


—Intentarei explicarme mellor, porque é certo que é contraditorio (a nosa sociedade é así) e pode parecer confuso. Claro que é verdade que estamos mellor comunicados que nunca. Iso é innegable e, desde o meu punto de vista, constitúe unha bendición. Sempre e cando, claro, que o uso que se lle dea sexa o apropiado. Se todo isto serve para que a cidadanía poida expresarse, relacionarse e comunicarse con liberdade e fluidez, excelente. Se serve para que o poder ou os chamados «mercados» (eufemismo dos multimillonarios do mundo) exerzan un control feudal sobre a cidadanía con novas formas e xeitos tan invisibles que apenas nos decatamos, entón debemos ser extremadamente cautos e poñelo ao descuberto. Eu estou a favor das novas tecnoloxías. Sempre o estiven. Creo profundamente no progreso, pero con ollos críticos. Loxicamente, non se trata de adorar o progreso de seu, senón de que se convertelo nun ben social común con carácter nivelador.

A tecnoloxía facilítanos a vida, que hoxe xa sería impensable sen correo electrónico; sen internet. O meu propio traballo como escritor sería moi fatigoso sen google, recoñézoo. E eu tamén me comunico frecuentamente con persoas que están fisicamente lonxe cunha fluidez impensable hai 15 anos. É unha verdadeira sorte.
Pero, ao mesmo tempo que iso sucede, a sociedade, que é contradictoria, faise moito máis individualista. Eu non teño claro se é bo ou malo, porque tamén estou moldeado así como persoa. Daquela, non podo xulgalo. Estaríame xulgando a min mesmo. Pero creo que é o meu deber como escritor falar diso. Poñelo sobre a mesa. A radical independencia persoal que tod@s reivindicamos tamén trae consigo que cada vez nos custe máis a relación comunitaria, o asociacionismo, o traballo compartido ou comunal. Xa non somos afectos a iso. E cada vez menos. Ademais, as novas tecnoloxías (e os intereses do mercado tamén) inciden en darlle relevancia a ese individualismo. Ese é un debate que, desde a ficción, quero poñer sobre a mesa. Porque é unha circunstancia do meu tempo. E cando escribo, diríxome aos meus contemporáneos. Só intento que a xente o pase ben lendo, que goce e, ademais, provocar a reflexión. Non pretendo que ninguén comparta os meus puntos de vista. Pero si que a xente pense a partir dos debates que propoño, das miradas que lanzo.

Ora, non sei se hai desafección deses aparellos no libro. Se a percibes, é que a hai. Seguro. Pero se a hai, non é miña. É do narrador, que son somos a mesma persoa.

Entón, a ver, que isto é difícil de expresar: a miña visión do mundo está en «Ninguén», sen dúbida. E a miña visión é política, porque calquera visión do mundo o é. Ademais, a miña visión é moi política porque eu lle dou unha importancia crucial á ideoloxía. E iso é inevitable en min. Ora ben, cando digo que eu non quero «facer xuízos de valor» o que quero dicir é que parto sempre dunha actitude de respecto pol@s lector@s. Eu creo profundamente no papel do lector ou lectora para interpretar, analizar, xulgar e sacar as súas propias conclusións, que non teñen por que coincidir coas miñas. En resumo, que non me gusta adoutrinar. Se no libro está a miña ideoloxía presente, non quero impoñerlla a ninguén. E cando escribo, evito iso. Esa non é a miña misión como escritor. Tal e como concibo eu a literatura, eu quero provocar inquedanza, comellón, reflexión, sorrisos, rexeitamento ou identificación. Pero non quero transmitir dogmas de fe. Só historias humanas, quentes, maleables, tan humanas que se sintan na pel. Estou convencido de que as persoas que len o agradecen. Eu nunca digo cal é o camiño. Só ensino o/s camiño/s que vexo.  Eu mesmo, na miña vida cotián, son pouco doutrinario. Ou, cando menos, trato de non selo. Ora, nunca renuncio a unha visión política do mundo, que está conformada por moitas miradas; iso si, ás veces diverxentes, ás veces contraditorias (eu tamén son contraditorio), ás veces interferidas e, case sempre, tanxenciais.

Por outra banda, cando escribo, eu non son Sara. Só trato de poñerme na pel de Sara. Eu non son S. Lonely, pero coñezo xente que se parece moito e intento caracterizar a esas persoas. Eu non son Alone, pero, cando escribo, intento vivir e sufrir coma ela. Tampouco me parezo ao personaxe de Veciños, pero coñezo xente que si se parece e ás veces, en conversas persoais, transmítenme como se sinten. Eu, como escritor, procuro ter bos oídos. Para escoitar o mellor que poida. Se cadra parézome un pouco máis ao escritor do derradeiro relato, pero nin sequera son eu. Só me parezo algo. O narrador que emprego en cada caso (que son moi distintos entre si), e que sempre tenta mergullarse na pel dos distintos personaxes, é o que pode sentir esa certa desafección da que falas. Eu, creo que non.
Espero que che aclarase algo.
Grazas e un saúdo
Fran Alonso

3.2.12

Conducen as novas tecnoloxías ao individualismo?


Foro de Fervenzas Literarias (3)
Aínda tiña pendente reproducidr en Cabrafanada as dúas últimas reflexións que escollín sobre o encontro que mantiven durante uns días con lectores e lectoras de Ninguén, no mes de decembro, na web de Fervenzas Literarias. Vai a penúltima.



—Eu quería preguntarche polo tema da soidade en Ninguén, que é un tema moi frecuente ao longo do libro. Ademais é paradóxico que apareza o tema da soidade nunha contorna urbana, polo contraditorio que poida parecer. Unha soidade que incluso vai ser kafkiana, como sucede no relato Ninguén, para min o mellor conto de todos. 
Moitas grazas.  

—Ola Carme:
Antes de nada, grazas; é un pracer que che gustase «Ninguén».
Eu, con «Ninguén», pretendía espir as contradicións da sociedade urbana contemporánea e tamén, xa o dis ti, os seus paradoxos. Non se trataba tanto de explorar a soidade dos individuos, como un concepto global, puro, e o que iso provoca na nosa personalidade (isto é algo que está máis presente en «Males de cabeza«), senón, sobre todo, en poñer de relevo como as sociedades post-industriais e a irrupción das novas tecnoloxías nas nosas vidas supoñen un camiño acelerado cara unha sociedade onde o individualismo, que xa era un valor en alza, se ve moi reforzado polos cambios. Quero dicir, que a soidade non responde tanto a que as persoas nos sintamos soas fronte ao mundo senón, sobre todo, a que no tipo de sociedade que estamos a construír a soidade é unha circunstancia inevitable que hai que pagar a favor do individualismo.

O cambio nas relacións humanas, que xa non se realiza necesariamente nun ámbito de inmediatez ou proximidade xeográfica (na sociedades precedentes as persoas relacionábanse en primeira instancia cos seus veciños e agora xa non), a introdución do uso xeralizado do ordenador e da rede como tecnoloxía da comunicación (eu fronte á pantalla), e o destino individualizado e persoal que teñen os aparellos tecnolóxicos (o teléfono móbil xa non é o da casa: é o meu; a música xa non é a do equipo: é a do meu mp3 que escoito con cascos; a biblioteca xa non vai ser á da casa: vai ser a do meu ebook; a pantalla principal xa non é o do televisor: é a do meu portátil...) son elementos que definen unha produción tecnolóxica que fomenta aínda máis o individualismo e, daquela, tamén a soidade, na medida en que cada vez compartimos menos co noso entorno e somos máis «eu» e menos «nós». Sen dúbida, todo isto está a mudar, case sen que nos decatemos, os nosos hábitos e estilos de vida.

En calquera caso, eu trato de non facer xuízos ao respecto, deixando que as lectoras e lectores fagan as súas propias valoracións. Para min é moi importante respectar a autonomía de quen está lendo o que escribes. Eu só trato de provocar a reflexión en torno ao que observo, que é o cultivo biolóxico da miña ficción. Por outra parte, «Ninguén» aborda tamén esa circunstancia da veciñanza como un corpo estraño, descoñecido, moitas veces tamén agresivo, sentido como alleo, e no libro emprego a Comunidade de Veciños e o edificio como metáfora dese «novo mundo» no que a práctica e o coñecemento da relación comunal está en vías de extinción. Evidentemente, nun contexto así estamos, inevitablemente, máis sós.
O paradoxo está precisamente en que en entornos superpoboados (os urbanos) e con tecnoloxías da comunicación fascinantes (a rede, os móbiles, etc) a soidade teña maior presenza ca nunca na sociedade.

Espero terche contestado.

2.2.12

Un lector de «Ninguén escribe un «hoax» que continúa o libro

Anxo, un dos lectores que participaron no activo debate sobre Ninguén no Club de Lectura Virtual «Falemos de lecturas», ocorréuselle continuar unha das historias, a de «Esperando», escribindo un hoax que prolonga o libro. Reprodúzoo a continuación. Grazas, Anxo.







De: enola@gmail.com
Asunto: gasolineiras sen cobertura
Data: 24 de decembro do 2012
Para: slonely@gmail.com
GASOLINEIRAS SEN COBERTURA
Danse casos en que clientes queren pagar nas gasolineiras con tarxeta e por distintos motivos (beneficiarse de descontos, acadar agasallos, non dispoñer de diñeiro en efectivo,…) e por distintos motivos (fallo na lina telefónica, fallo na conexión a internet, tarxeteira defectuosa, …) os clientes non consiguen realizar o pago.
Ante eso a OCG presentou unha queixa ante as empresas con gasolineiras en Galicia (Repsol, Cepsa, Shell,…) que foi tida en conta.
A OCG e as GG (gasolineiras galegas) acordan encher o depósito gratuitamente aos clientes que non poidan pagar con tarxeta nas gasolineiras (DOG 10.10.2010).
Para que a gasolineira encha gratuitamente o depósito os clientes afectados deberán presentar impreso este email acompañado dunha fotografía tomada o día no que se produxo a incidencia tomada nos arredores da gasolineira dalgún elemento salientable da arquitectura desa zona (horreo, cruceiro, campanario, …).
Somos conscientes de que hai moitos clientes afectados por non poder pagar con tarxeta que poden facer valer os seus dereitos se este email chega a eles.
POR FAVOR, DIFUNDE ESTA MENSAXE ENTRE OS TEUS CONTACTOS

1.2.12

Vídeo de denuncia da violencia cotiá en México

A través do facebook da escritora catalá Lolita Bosch, coñezo este vídeo de denuncia da insoportable violencia que varre México.  Pertence á campaña «En los zapatos del otro» organizada polo «Colectivo el grito mas fuerte» en colaboración co "Movimiento por la paz con justicia y dignidad.