21.4.08

Blogpoemas (1): Audre Lorde

Entre a miña viaxe a Londres da semana pasada e o mal tempo que castigou o meu adsl non me foi posible asomar por Cabrafanada. Hoxe inauguro unha nova sección aquí: blogpoemas. A partir de agora, de cando en cando, irei publicando no blog algúns poemas, até o de agora non traducidos ao galego, que eu mesmo verquerei en versión persoais. Non procuredes, daquela, a calidade da tradución (que ás veces farei desde o apoio de varias linguas) senón a súa novidade e, en todo caso, a subxectividade da miña versión. Xa que logo, aquí vai o primeiro, que debín traducir xa hai case tres anos: "Quen dixo que era sinxelo", de Audre Lorde.




AUDRE LORDE
(1) Quen dixo que era sinxelo

Ten tantas raigames a árbore da ira
que por veces as pólas tronzan
antes de dar froitos.
Sentadas no Nedicks
as mulleres reúnense antes de marchar
falando das problemáticas rapazas
que alugan para facerse libres.
Un empregado case branco posterga
a un irmán que espera para atendelas primeiro
e as señoras non se decatan nin rexeitan
os praceres máis sutís da súa escravitude.
Pero eu, que estou limitada polo meu espello
amais de pola miña cama,
vexo as causas na cor
tanto como no sexo
e sento aquí a preguntarme
cal dos meus «eus» sobrevivirá
todas estas liberacións.


The black unicorn (1978)

6.4.08

Lamatumbá e Xan da Coba

Volve Lamatumbá, co seu poder licoroso, a prendernos un novo lume para o verán. Os músicos de Lamatumbá retornan máis ourensáns ca nunca, cun novo disco titulado Paraugas universal, que se poñerá á venda logo do 18 de abril.
Con este disco homenaxean a Xan da Coba (1829-1899), personaxe real da cidade das Burgas que inventou o paraugas universal; o pirandárgallo (un globo para viaxar sen moverse, aproveitando o movento de rotación da terra); o idioma trampitán; o xornal El gracioso, do que era director e do que unicamente publicaba un exemplar (o seu), entre outras cousas.
Curros Enríquez cítao en O divino sainete. Tamén foi autor teatral e escultor. Hai anos fíxenlles unha extensa entrevista a Xesús Alonso Montero e Carlos Casares sobre este libro que cita Marcos Valcárcel. Agora, cando menos desde o título, os Lamatumbá recuperan a excéntrica e conmovedora figura de Xan da Coba, un auténtico xenio do disparate, como o definiou Casares.
Por certo, no videoclip de Lamatumbá sae Santiago Pemán. E a canción do videoclip, inconfundiblemente lamatumbá, a pesar dos cambios de formación na banda.


3.4.08

Escritoras na Real Academia Galega

O ingreso de Margarita Ledo na Real Academia Galega é unha boa nova que repara –aínda que moi parcialmente– o histórico perfil marcadamente patriarcal da Academia.
A corrección dese feito deber ser un obxectivo inexcusable. A partir deste momento –e mesmo desde moito antes–, a Academia debería facer fronte a unha das grandes débedas que mantén coa sociedade do seu tempo –e tamén co feminismo– nomeando académica á que hoxe por hoxe é a escritora coa obra literaria (narrativa, teatral, poética, ensaística) máis ampla, máis intensa e de maior envergadura na Galicia contemporánea: María Xosé Queizán (1939).
A autora de Amor de tango ou Recuperemos as mans dirixe con xenerosidade desde os anos 80 a revista Festa da Palabra Silenciada, impulsando incansablemente desde entón a literatura escrita por mulleres. Ademais de escritora e animadora, militou en ámbitos como a política, o feminismo, o xornalismo de opinión, o asociacionismo, o teatro, a tradución, a animación editorial, o ensino, a renovación do pensamento, etc.
A Academia non pode perder a oportunidade reparadora de incorporala ao seu plenario con toda a urxencia.