A semana pasada despedimos a Lázaro Enríquez no cemiterio vigués de Pereiró, onde foi incinerado. Lázaro, amais dun calígrafo excepcional e un magnífico pintor e ilustrador era, sobre todo, unha desas persoas cuxa xigantesca dimensión humana fai que o mundo sexa máis entrañable. Ola poeta, dicíame sempre que nos viamos ou cando me chamaba por teléfono. Ese era tamén o encabezamento dos correos electrónicos que me dirixía. Ola maestro, adoitaba dicirlles a algúns amigos cando se dirixía a eles. Con Lázaro, compartín o gusto pola boa poesía, como a de Ángel González, de quen el era íntimo amigo. Un dos cadros que da luz ás paredes do meu estudio é precisamente un poema de Ángel González caligrafado por Lázaro. En 2002, xusto o día en que Manolo Barreiro e mais eu, afogados por unha náusea de chapapote, presentabamos conxuntamente Area Maior e A casa da duna en Vigo, dous libros casualmente premonitorios, Lázaro Enríquez inauguraba, exactamente á mesma hora, unha exposición nun café cercano ao Paseo de Alfonso. A coincidencia impediume acudir á inauguración da súa exposición. E deume moita rabia, entre outros motivos, porque se exhibían poemas que el caligrafara, arte na que era un auténtico experto e na que tiña obtivera considerables éxitos internacionais. Entre os poemas, había un meu, que Lázaro escollera de Subversións. Evidentemente, eu tiña moito interese en mercarlle aquel cadro. Moi ao meu pesar, cando acudín ao día seguinte a ver a exposición, o cadro coa caligrafía do meu poema xa estaba vendido. Comprouno un locutor da SER, díxome alguén por alí. A cuestión é que, ante o meu disgusto, Lázaro, sempre disposto, comprometeuse a facer unha nova pero distinta versión do meu poema, que desde entón loce nas paredes do meu estudio. Pero a súa xenerosidade sorprendeume, ademais, cun agasallo excepcional. Elixiu cinco poemas meus e, con eles, sobre cartulina negra e encadernado con espiral, construíu un fermosísimo caderno de vinte páxinas, marcadamente erótico e brillantemente ilustrado, que gardo nas entrañas da miña librería coma se fose o máis prezado tesouro do mundo. E, no salón da miña casa, outro íntimo tesouro: o caligrama, tan plástico e deslumbrante, que fixo co meu poema sobre o xe, posteriormente publicado en Espazo para un signo, esa brillante idea do ilustrador cubano que Xerais asumiu entre os libros do seu XXV aniversario. E, como consecuencia dun agasallo das miñas compañeiras e compañeiros de Xerais á miña filla maior, nas estancias que habito respiran dúas das ilustracións de Paxaros de papel, o álbum que Lázaro lle propuxo a Marilar Aleixandre.
Lázaro, Lázaro. Adeus, Lázaro. Nos últimos meses, andaba se cadra un chisco desanimado; faltáballe a saiba da papaia, o rumor do seu mar no Malecón. Por desgraza, en Xerais non volveremos escoitar a Helena Pérez emulando o seu acento cubano cando falaba con el. E a min quédame a pena e a rabia de non ter levado a cabo un proxecto común que tantas veces nos prometemos: un poemario escrito por min e ilustrado por el. Non puido ser. A súa obra, sen dúbida, é excepcional pero, para min, o seu maior legado foi a súa amizade e a súa inusitada bondade.
24.12.05
7.12.05
Manipulación
Esta noite chamáronme por teléfono para avisarme de que na segunda cadea da TVE había un documental sobre o conflicto do Sáhara. Prendín o meu enferruxado televisor e senteime fronte a pantalla. Cando rematou, descubrín que se trataba do programa En portada, e debo confesar que quedei espantado co enfoque promarroquí da reportaxe. Os espectadores puidemos ver imaxes do Aaiún ocupado (cousa case inédita, que me satisfizo ver) que, con seguridade, lles permitiron gravar aos xornalistas porque o programa gozaba das simpatías das autoridades marroquís. Só así se explica que se entrevistasen a tantos cargos intitucionais alauís partidarios da integración do Sáhara e non se entrevistase a ningún membro da resistencia saharauí e nin sequera se falase da intifada e da durísima represión. ¿Esa é a imparcialidade de TVE? Como dicía Rafaela Carrá, bravísimo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)