Amosando publicacións coa etiqueta Literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura. Amosar todas as publicacións

5.5.26


Reproduzo aquí a entrevista que me fixeron en Nós TV sobre a miña novela Cáncara, que parte do suceso real acontecido en outubro de 1983 cando o alcalde dunha vila mariñeira ordena apresar e deter unha vaca por pastar herba pública e a Policía Municipal condúcea ao calabozo do Concello. 

A noticia da detención da vaca, que logo pasou a ser coñecida como vaca Pinta, percorre o mundo, e publícase no «New York Times» e no «Washington Post». 

A partir deste feito insólito, escribín unha novela sobre o poder, ateigada de humor, que reconstrúe os feitos reais. «Cáncara» é unha novela que serpea entre a fábula, a crónica, a lenda, a sátira, a memoria e a narrativa contemporánea, converténdose nunha historia que afunde as súas raíces na crítica social e que se conforma como unha radiografía das transformacións sociopolíticas actuais

14.11.25

A palabra como fogar: na casa de Xela Arias


 

Alegreime inmensamente de que se propuxese escribir o texto e poñer a miña voz para este vídeo sobre Xela Arias da serie «Na casa delas». Agradecidíisimo. Reproduzo tamén o texto orixinal, que tiven que resumir un chisquiño para axustalo ao tempo do vídeo.



XELA ARIAS

LUGAR: GRANXA ESCOLA BARREIROS (SARRIA)

Outro espazo: Casa familiar da Vilerma.

 

As persoas habitamos espazos e tempos. Espazos que sempre están en relación cun tempo. E ese tempo, o tempo de Xela Arias na Granxa Barreiros, en Sarria, foi o de apalpar a vida; o de tenteala e facela súa, apropiarse dela.

«Tiña eu antes de ti dúas mans para apaña-lo mundo» diralle Xela moitos anos despois ao seu fillo no poemario Darío a diario.

O 4 de marzo de 1962 Xela Arias naceu para apañar o mundo brincando entre as hortas e as aulas da Granxa Escola Barreiros, onde o seu pai, Valentín Arias, impartía  clases e a súa nai, Amparo Castaño, se ocupaba do servizo de comedor. A institución fora fundada en 1948, baixo agochados principios galeguistas e republicanos, por Antonio Fernández.

No espazo daquela insólita escola unitaria, tan insual en tempos complicados do franquismo, Xela pasou os seus tres primeiros anos de vida nun ambiente de liberdade. Era esa liberdade inaugural e inconsciente que logo lle ditou os referentes da súa maternidade cando se dirixía ao seu fillo:

 

«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuíres».

 

Que queda en nós, persoas adultas, deses tres primeiros anos de vida? Lembranzas, apenas. Pouso, moito. Determinación? Se cadra.

Cando Xela contaba con tres anos, o seu pai aceptou un novo traballo en Lugo, e cando aínda tiña sete outro traslado levouna a Vigo, a cidade coa que empatizou e que acabou por configurar a súa obra literaria.

Pero aquela Xela Arias urbana, autora de Denuncia do equilibrio e das letras das cancións do grupo rock Os Desertores, que se identificaba moito máis con Lou Reed que cos poetas galegos do seu tempo, mantiña nos seus versos malia todo, como indicou a poeta Olga Novo, a memoria dos bóvidos que fixera seus na parroquia de Ortoá, onde se ubicaba a Granxa Escola Barreiros:

«Vencen cabalos alaranxados os rebumbios das frases / cortadas», sentenciou nun dos poemas.

Esas referencias á animalidade acomodáronse tamén no título do seu poemario Tigres coma cabalos, urbano e intenso.

Non se pode negar que a traxectoria de Xela Arias é indisociable da cidade de Vigo: «Desde os 7 anos vivo en Vigo e a miña cultura é urbana», escribiu; aínda que tamén puntualizou: «O urbano non é parte de min senón unha circunstancia da vida».

E, ás veces, as circunstancias da vida determinan a través dos espazos, como a determinou tamén a Granxa Escola. «O medio fórmanos», asegurou tamén Xela Arias.

De feito, ata a súa primeira adolescencia retornaba coa familia nas vacacións, non xa a Barreiros senón á casa da Vilerma, a escasa distancia de alí, onde nacera Valentín Arias. A aquel espazo de liberdade onde aprendera a andar, aprendera a apañar o mundo, e quen sabe!, se cadra aprendera tamén, inconscientemente, a definir o poema.

Porque ao final, as palabras foron para ela un espazo, un espazo de definición, de autoafirmación, de rebeldía e de procura que aprendeu a pronunciar, por vez primeira, nos silencios e nas paisaxes natais.

Era ese espazo iniciático que a devolvía aos afectos, igual que a palabra, igual que o verso, igual que o poema derradeiro do seu libro derradeiro, Intempériome:

 

Incéndiate

         á calor da observación.

 

E repasa logo a ollada

no pouso

dos afectos.

18.10.25

Discurso Premios Xerais 2025

 


DISCURSO DE APERTURA DOS PREMIOS XERAIS 2025

Museo do Mar de Galicia

11 de outubro de 2025

 

FRAN ALONSO

DIRECTOR DE XERAIS

Bo día:

Benvidas, benvidos, benvides. Moitas grazas por acompañarnos. Celebramos hoxe unha nova edición dos Premios Xerais. Pero hoxe, sobre todo, celebramos o 40 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil. Seguramente non me equivoco se digo: o aniversario dun premio que ao longo destes 40 anos se converteu na espiña dorsal da nosa literatura infantil. Foron 40 anos de esforzo colectivo e mancomunado; 40 anos de arelas; 40 anos de ilusión; 40 anos de expectativas. Son 40 anos alentando a literatura infantil e xuvenil galega; 40 anos facendo historia, facendo historias; 40 anos de acompañamento, acaroado ao pé dunha literatura infantil e xuvenil en estado de abrente, que daquela, e ao longo de toda a década dos 80, cando se creou o premio Merlín, librara unicamente 101 títulos, como refiro con máis detalle nese artigo titulado “40 anos de camiño” que tedes na revista conmemorativa depositada sobre as vosas cadeiras.

O veredicto do Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil naquela primeira edición de 1986 enchía de esperanza o camiño, sementábao para que abrise, sachando nas estremas a cada nova edición, para ensanchalo e que medrase coa forza dun proxecto editorial anovador e impetuoso e dun tempo desexoso de cambios. A gañadora da edición inaugural foi unha muller: a escritora Úrsula Heinze, coa novela titulada A casa abandonada, un libro que vendeu case 9.000 exemplares.

Desde aquela, o Premio Merlín, como a colección que o abeiraba, filtrouse entre as mesas das aulas e as mochilas dos estudantes, filtrouse entre os andeis das bibliotecas, filtrouse por debaixo da portas das librarías, filtrouse por debaixo das portas das casas e das familias e, sobre todo, filtrouse, coma ese sol discreto que racha a néboa, nos soños dun país capaz de erguer unha cultura de seu, imaxinativa e poderosa, crucial na construción dunha sociedade lectora. E esa capacidade para filtrarse, para enchoupar unha sociedade, quedou rexistrado coma unha radiografía, e continúa a facelo, nas faíscas que prenden na ollada dunha nena ou neno que remata e pecha un libro, nese sorriso cómplice e imperceptible da lectura que aniña para sempre, e coma un faro invisible, dentro dunha cabeciña cativa e mol, balizando os marcos que guiarán o seu futuro.

Por certo, algunhas desas cabeciñas que no seu día leron na escola os libros premiados nas primeiras convocatorias do Merlín, fosen da autoría de Úrsula Heinze, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, ou outra, tamén foron quen, anos despois e tecido parte do periplo da vida, de gañar o Premio Merlín, respondan aos nomes de Érica Esmorís, Andrea Maceiras, Antonio Manuel Fraga, María Canosa, Ledicia Costas ou a outros.

Xa que logo, o círculo está completo… pero nunca… pechado.

O círculo continúa aberto porque en Xerais traballamos desde o agarimo á literatura infantil e xuvenil, desde a reivindicación da súa dignidade, da súa dimensión… xigantesca.

Estabamos en 1986, e dez anos despois da súa creación, en 2006, o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil desprendeuse do segundo apelido para se converter nunha cita unicamente para a literatura infantil. En realidade non se trataba dun divorcio, senón dunha rica convivencia de feito. A traxectoria do galardón bifurcábase, creándose tamén o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

En Xerais non dubidamos de que tanto a literatura infantil como a xuvenil serven para facernos máis felices e tamén, tamén, máis conscientes. E, por suposto, máis dialogantes. Porque como dixo Bernardo Atxaga citando a Salinger no seu Alfabeto sobre a LIX, os nenos e nenas nunca falan cos adultos do que verdadeiramente lles importa.

A literatura infantil e xuvenil serve, por exemplo, para compartir as preocupacións universais de Samira e sentir tenrura por ela; por Samira, unha nena palestina que naceu nun libro infantil do escritor Ghazi Adebl-Qadir e que hoxe, probablemente, estará morta; estará, con bastante certeza, abrasada entre as cinzas do que noutrora foi un libro e hoxe son borralla que conforma a pegada brutal do xenocidio que Israel comete impunemente en Palestina, ese xenocidio que devolve o ser humano aos trazos máis primitivos e feroces da animalidade, onde a lectura e o respecto nin sequera teñen cabida.

Pero, para a sorte do coñecemento humano, Samira resucita en cada biblioteca que alberga o libro de Ghazi Adebl-Qadir, en cada páxina en que latexa o seu corazón, en cada lectora ou lector que a revive. Ese tamén é o milagre da literatura, ese que, por fortuna, non se pode borrar.

En fin, regresemos ao Premio Merlín, porque non quixera deixar de atribuírlle outro mérito, non menos importante: o de facer posible que as nenas e nenos galegos puidesen ler, fabular e soñar na súa propia lingua logo do ermo da longa noite de pedra. E, sobre todo, medrar cos sons, coas palabras e cos referentes que esa lingua lles proporcionaba.

Si. Ao longo de todos estes anos, o Premio Merlín creou lectoras e lectores, creou ilusión e tamén creou na infancia ese vencello imprescindible... co idioma que nos define e identifica, creou ese veludo agarimoso, esa alfombra máxica que nos permite voar.

Non cabe dúbida de que o Premio Merlín deu, deunos, dá moitas alegrías, pero tamén bateu con adversidades. Unha das adversidades coas que tristemente bateu a literatura infantil e xuvenil galega foi a dos prexuízos pola lingua en que se expresa.

 Como editoras e editores sabemos que precisamente por iso, a súa defensa require un esforzo maior. E require a complicidade do profesorado, das bibliotecarias e bibliotecarios, das lectoras e lectores… e a complicidade das librarías.

Desde Xerais só concibimos as librarías como aliadas. E, ademais, queremos crer que aliadas… do libro galego. As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros (e digo tratar no sentido tradicional, que outra cousa non é a venda senón un trato: de concordancia e conformidade, entre a libreira/o e a lectora ou lector)… das persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros, repito, agárdase esa sensibilidade especial que provoca a empatía do que é xusto (esa empatía que tamén provoca, por certo, a venda). As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros precisan esa luz na conciencia que os leva a defender o que é propio, o que é de todos. Ese ben sobre o que temos unha responsabilidade compartida.

O pasado ano, desde Xerais, propuxemos na Asociación Galega de Editoras que se trasladase ás administracións públicas e tamén á Federación de Librarías de Galicia a necesidade de crear unha nova liña de axudas ou subvencións. Unha nova e, estamos seguros, nestes momentos estratéxica liña de subvencións por parte da Xunta de Galicia. Pero, atención, non solicitamos que esa liña de axudas fose para as editoras. Tampouco para a escritoras e escritores. Solicitamos que esa nova liña de subvencións beneficie ás librarías e que se faga en función da súa facturación sobre a venda de libros en lingua galega. A maior venda de libros en lingua galega, maior contía na axuda pública. Non temos ningunha dúbida de que é unha medida xusta, necesaria e crucial nun momento en que o libro galego factura unicamente o 8% do total dos libros vendidos en Galicia.

A día de hoxe temos coñecemento de que esa medida xa forma parte de propostas e negociacións e temos a confianza de que ninguén se vai opoñer a unha medida coma esa. Quen podería opoñerse a unha subvención que unicamente suma e non resta? Non si?

Ás veces pode semellar anacrónico falar de xustiza ou de conciencia en tempos en que os mercados son os únicos actores que impoñen o ritmo ao que respira o planeta. Pero… que sería da literatura sen conciencia? Que sería de Palestina sen conciencia? Que sería dos perseguidos e marxinados sen conciencia? Que sería da democracia… se non a defendemos desde a conciencia?  E… que sería do libro galego se non partimos da conciencia de unir as nosas voces e as nosas demandas?

O ano pasado, co Premio Nacional de Poesía que recibiu Materia, de Yolanda Castaño, editado por Xerais, salientabamos a excelencia da poesía galega, con catro Premios Nacionais gañados nos últimos seis anos. Esta semana, a alegría acaba de dárnola Samuel Merino, elixido como gañador do Premio Nacional de Poesía Viva entre máis de 500 candidatos, un autor que onte recitou Manual de camuflaxe en galego no Thyssen.

Pero este ano é obrigatorio salientar a excelencia da literatura infantil e xuvenil galega. No Premio Lazarillo, convocado pola OEPLI para obras de literatura infantil e xuvenil nas catro linguas do Estado, foron premiadas 11 obras en lingua galega durante os últimos 25 anos. A proporción é abraiante para unha poboación tan pequena coma a nosa.

Editamos historia, editamos historias, editamos boas historias. Grazas por escribilas. Grazas por recomendalas. Grazas por prescribilas. Grazas por vendelas.

Editamos porque cremos na empatía, cremos no diálogo, cremos no futuro. Aínda que ás veces editemos libros que nos gustaría non ter que editar, como Lume. Análise social dos incendios forestais, escrito polas investigadoras Elvira Santiago, Carmen Rodríguez e Ariadna Rodríguez, que chegou ás librarías o mes pasado. Sen dúbida, é un libro que queima na pel, pero que supón unha reflexión necesaria que achega solucións a ese esquecemento ao que está sometido o rural, onde o lume prende con tanta voracidade.

Ás veces, as apostas editoriais son necesarias, como a que fixemos coa serie Heartstopper, traducida ao galego por Nee Barros, dentro desa liña de visibilización que mantén Xerais a prol dos contidos LGTBIQA+. É unha sorte que o Premio Xerais de Novela 2025 camiñe nesa mesma dirección. As de Heartstopper son historias que conquistaron e conquistan a ilusión de moitos adolescentes de todo o planeta que non queren un mundo monolítico e reivindican o dereito á súa orientación sexual e identidade de xénero.

Este ano temos un Premio Merlín extraordinario: Erin e o lobo, de Érica Esmorís. Unha novela simbólica, que provoca unha lectura enfeitizada, durante a que as palabras cobran valor ao seren pronunciadas en comunidade. Por fortuna, tamén temos un extraordinario Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras. E celebramos que ela non estea hoxe aquí. Celebrámolo porque está no respouso imprescindible para afrontar esa experiencia extraordinaria que debe ser traer un novo lector ao mundo: o seu primeiro fillo, que se chamará Alén. O corvo sobre a neve é unha novela fantástica na que a aventura e a literatura se dan a man nun mundo dominado pola Intelixencia Artificial.

O Premio Xerais de Novela 2025 chega da man de Abril Camino, que se estrea na nosa lingua -na súa lingua- (benvida!) baixo o título Mulleres que viven xuntas, unha novela marcada pola paixón amorosa entre dúas mulleres nos difíciles tempos do franquismo e a represión.

Aínda que non o dixen ata o de agora, elas tres son hoxe as protagonistas; elas tres centran hoxe a nosa atención; elas tres son hoxe o presente e o futuro da literatura galega. Xa que logo, para as tres, moitas grazas.

Por fortuna, a literatura renóvase en cada lectura e xa agora intuímos que Alén quere vir ao mundo, cando menos, para desfrutala. A vida non deixa de ser unha ousadía, ás veces cruel, coma este ano cando abandonou ao escritor Carlos Taboada, tan prematuramente. Carlos acababa de publicar connosco O caderno de Roque no mes de xaneiro. Nos últimos meses tamén faleceron o escritor Bernardino Graña (os seus libros de poemas sementaron as raizames fundacionais da editorial) e o dramaturgo Manuel Lourenzo, a quen acollemos na colección de Clásicos.

É xa o intre de darlles voz ás protagonistas deste ano. Pero antes, queremos compartir os nosos agradecementos. Por suposto, ao xurado, pola súa xenerosidade e por asumir un papel tan comprometido. E tamén, para comezar debemos agradecer o importante apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, así como a cesión que nos fai deste espazo: grazas a ese apoio podemos poñer nas vosas mans estes exemplares de agasallo dos tres libros gañadores dos Premios Xerais 2025. Hoxe, en representación da Xunta de Galicia acompáñanos Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, a quen lle agradecemos a súa presenza e o seu interese.

Tamén queremos agradecerlles a súa presenza á presidenta de GALIX, Irene Penas; á representante da Federación de Librarías de Galicia, Celia Fernández; así como á representante da Real Academia Galega, Ana Boullón. Comprácenos o seu acompañamento institucional, igual que nos comprace o de Alicia Soria, responsable da área Infantil e Xuvenil do Grupo Anaya.

E non debemos dar por rematada esta intervención de apertura sen o recoñecemento a todas as persoas que fan posible este acto: a Sara Vila pola coordinación dos Premios Xerais; a todo o equipo da editorial pola súa sensibilidade e a súa entrega; á nosa rede comercial e de promoción, que lles dá vida aos libros levándoos ás mans das lectoras, lectores e aos centros de ensino; ao estudio de gravación de Casa de Tolos que está a retransmitir en directo este acto; a Manuel G. Vicente, que leva moitos anos fotografando estes premios; á empresa AT SERVICIOS, que nos acompaña cada ano nas montaxes dos Premios Xerais e do Culturgal; ao persoal de Albarín Catering, e á dirección e todo o equipo do Museo do Mar pola hospitalidade e atención.  

Coa proximidade do ano 2026, que festexará con xustiza a obra de Begoña Caamaño, neste 2025, a celebración das Letras Galegas ten un significado moi especial: aquel que recoñece o papel e o valor das mulleres na poesía oral popular, a figura das cantareiras e, claro, das pandeireteiras.

Precisamente por iso, ao remate do acto teremos unha actuación ben asisada: a de Adonairare, un grupo de música tradicional galega, no que as cantareiras e pandeireteiras nos ofrecen o mellor da nosa tradición oral. A elas, moitas grazas por acompañarnos nesta festa, a festa da palabra, a que pode ser escrita nun papel pero que, moito antes, naceu elaborada e pronunciada desde a oralidade. Música e poesía, da man. Moitas grazas.

Agora si, por fin, cédolle a palabra á xornalista Susana Pedreira, que temos a fortuna de que nos acompañe poñendo a súa valiosa profesionalidade ao servizo destes Premios, conducindo novamente este acto.

Moitas grazas.

21.5.23

«Aí fóra», unha historia de ficción escrita en Instagram ao longo de 4 anos


O 9 de febreiro de 2019 comecei a escribir unha historia en Instagram. Fíxeno nunha conta privada, con moi poucos seguidores e sen darlle ningún tipo de difusión. Quería escribir con acougo, unicamente cando me apetecese e sen ningún obxectivo premeditado. Xa escribira Estado de malestar en Twitter e non quería volver a sentir ningún tipo de presión.

Baixo o título de Aí fóra, o relato está construído a partir dos monólogos que describen a evolución do estado de ánimo dunha muller confinada, afogada, pechada tras unha velux. As fotos a partir das que escribín a historia son todas reais, responden a unha sucesión cronolóxica, non teñen ningún tipo de filtro e están feitas desde o cuarto de baño da miña casa.

En marzo de 2020, sen pretendelo, o sentido da miña historia mudou radicalmente. A chegada da pandemia fixo que relatar a situación e o estado de ánimo dunha muller confinada se puidese interpretar doutro xeito, non só por parte das poucas lectoras e lectores que me seguían, senón tamén por min mesmo, como escritor, porque me rodeada unha realidade incerta na que o mundo enteiro estaba confinado. Non teño ningunha dúbida de que a partir dese momento a realidade cambiou o meu xeito de relacionarme coa historia e co personaxe. Creo que non me equivoco se digo que a realidade empequeneceu a ficción. E, desde logo, mudouna. Ignoro se para ben ou para mal.

 En todo caso, seguín escribindo, aos poucos, sen présas, ata o día exacto en que se cumpriron catro anos do incio da historia: o 9 de febreiro de 2023. En determindado momento do derradeiro ano de escrita, decidín facer pública a conta, que anteriormente era privada. Pero o máis importante é aclarar que en 2022 sucedeu algo que me obrigou a poñerlle fin á historia, que precipitou o remate. En ningún momento revelei na historia o que sucedera, pero quedaba patente tanto nas fotografías (de xeito moi evidente) como no texto (onde apenas estaba suxerido). O que aconteceu foi que se produciu a corta da árbore que estaba fronte á miña casa e que eu fotografaba desde a velux do cuarto de baño: un fermoso carballo.

Nas seis derradeiras imaxes, a árbore xa non existía. En total, relatei a historia ao longo de catro anos e de 60 post de Instagram coa súas respectivas imaxes. Desde o principio, a realidade actuou de xeito que condicionaba a ficción, aínda que, envidentemente, non tanto como nos últimos meses, cando a poda do carballo marcou completamente a historia e precipitou o final. Nese intre foi cando decidín poñerlle fin ao relato en canto se cumprisen os catro anos, porque a ausencia da árbore e baleiro do ceo non me permitían unha establecer relación lóxica e anímica entre o texto e a imaxe, é dicir, entre a protagonista e o castiñeiro.

En todo caso, foi unha experiencia de escrita francamente interesante, natural, moi pouco planificada, na que a realidade marcou o ritmo da ficción e na que o diálogo literario se estableceu sempre en función das imaxes.

3.9.21

Ler, escribir

Sorpréndenme as escritoras e escritores capaces de escribir en calquera momento. Véxoo tan admirable como envexable. Por desgraza, eu non son quen. Resúltame imposible, mal que me pese. Cando escribo, escribo. Quero dicir que cando escribo, non podo dedicarlle a miña atención a practicamente nada máis. A escrita requíreme unha concentración enorme, fidelizada, que desbota calquera outra actividade principal. Evidentemente, non todos os rexistros, xéneros ou formatos precisan da mesma intensidade tensional. Pero resúltame moi díficil crear literatura sen dedicarlle unha entrega case íntegra. Cando o fago, dilúome na escrita e, nese proceso, calquera cousa me molesta. En Douche a miña palabra non falei diso, aínda que é un libro sobre a escrita e sobre a lectura. Sobre a palabra, claro. Ignoro por que non falei diso. Se cadra non me pareceu importante contalo, que máis ten! Pero foi escrito dese xeito, tiránico, absorbente. Escribino nas miñas vacacións do mes de agosto, o único momento do ano en que na actualidade podo conquistar ese tipo de liberdade. Ora ben, teño que puntualizar algo moi importante: Douche a miña palabra era un libro que tiña xestante, na miña cabeza, coma se fose un longo embarazo, un embarazo que durou varios anos, pois hai moito tempo que desexaba escribilo. O desexo de escribir algo tamén é un instrumento relevante, que actúa coma un cronómetro, desencadea a paixón da escrita e faina fluír coma a frenética corrente dunha freixa. Aí é onde eu me atopo coa escrita. Nesa caída, vertixinosa, abouxante, case cega. Había moito tempo que todas as palabras que lles ofrezo ás lectoras e lectores neste libro empurraban dentro de min para saír. Madureceran e fervían. Se cadra, por iso fun quen de escribilo. Por iso, e porque supuña unha reflexión que me parecía importante: abordar, desde o ensaio e para o público infantil e xuvenil –pero non só–, o significado da palabra, da lectura, da poesía, da literatura, da lingua, da creación literaria. Pero, probablemente, de todos os significados, aglutinados por ese concepto enorme que é a palabra, o máis urxente para min era o da lectura. Porque, a estas alturas das nosas vidas, creo que todos os lectores e lectoras nos facemos unha pregunta crucial: como sería eu se non fose lector? Que tipo de persoa sería? Os escritores e escritoras temos a tendencia a pensar que a animación lectora non é un asunto que nos competa, na medida en que somos creadores, inventoras e inventores, artistas –no sentido máis puro do termo– e, daquela, a responsabilidade de que os nosos textos sexan lidos compételles a outras persoas, a outro tipo de profesionais. Pode ser, pero que sería dos nosos textos se non houbese lectores e lectoras? Existiriamos? Mesmo diría máis... escribiriamos? Porque, sen dúbida, o baleiro é moi doloroso, e diso sabemos moito quen escribimos en linguas minorizadas. Seguro que tivemos moitas veces a tentación de abandonar. Eu tívena, confésoo. Mesmo aínda que ás veces crea que non sería capaz. Ou si, quen sabe. Pero chegado a este punto pregúntome como canalizaría todas esas palabras que bailan alegres, organizándose, dentro da miña cabeza. Como lles daría saída. Se cadra, eliminándoas, sen máis. Pero ignoro se sería factible. Un non sempre domina o que ten dentro da cabeza. Agora son consciente de que o meu futuro literario consiste en abrirlle as portas a unha importante cantidade de proxectos creativos que, ao longo dos anos, teceron infatigablemente as miñas neuronas e que, por diversos motivos, nunca puideron atopar a liberdade que procuraban. Se cadra, logo de tanto tempo presos, vailles faltar a frescura dunha infancia e adolescencia que xa esqueceron e chegarán cun certo resaibo a cebola rustrida, pero, quen sabe, probablemente ofrezan máis enerxía calórica cando xa soltaron tanto zume. Ao longo de toda a miña vida creativa sentín unha estraña impotencia de non ser quen de contar todo o que desexo contar. Ora ben, o que un desexa contar non sempre é o que hai que contar. Así que se cadra debo aceptar que o tempo é o mellor editor que existe. E, no fondo, un bo aliado.  


7.4.20

O ilusionismo da literatura

A ficción ten unha capacidade extraordinaria para axudarnos a entender o mundo. Non só nos traslada vivencialmente, coma nun truco de ilusionismo, a calquera lugar ou circunstancia do pasado ou nos fascina coa súa facultade de servirnos diante dos nosos ollos  que non somos capaces de ver do presente, senón que, ademais, atesoura o vigor imprescindible para presentar situacións ou circunstancias que poden ter unha enorme proxección de futuro. E iso non quere dicir que as escritoras ou escritores sexamos visionarios nin teñamos unha maior capacidade que o resto dos humanos para intuír ou adiviñar un tempo que aínda non chegou, senón que a forza da creatividade reside en que a palabra nos dota de ferramentas extraordinarias para recrear situación que, en moitos casos, poderían ser consideradas anticipatorias.

Estes días, eu mesmo, non deixo de sorprenderme do que escribía en Instagram en marzo do ano pasado. En febreiro de 2019 iniciei, en absoluto e consciente silencio, desde unha conta de Instagram, un proxecto literario en rede (tal e como fixera anteriormente con Poétic@ ou con Estado de malestar) titulado Aí fóra no que unha voz feminina vai dando conta do seu estado de ánimo durante un encerro, prolongado e enigmático e bastante distópico. Hai un ano, eu publicaba en Instagram textos coma este, do 21 de marzo de 2019:

«Se cambio de posición, semella que a árbore medra e, aínda que pareza ridículo, éncheme de esperanza. Confío en que o tempo me rescate desta prisión na que confundo o paso dos días. Confío en que a primavera faga agromar esta árbore chamada carballo. Carballo. Que palabra tan ateigada de sabores. Carballo. Lamentablemente, o encerro fai que xa me custe pronunciar e mesmo recoñecer as palabras, pero esta é a única á que me aferro hoxe na miña realidade, e tamén a única, tanxible, que designa a vida»

ou coma este, do 31 de marzo de 2019:

«Estaba no certo! Nas pólas da árbore agroma a miña esperanza. Hoxe o ceo está azul e sinto dentro unha forza que pensei que perdera. Abráiame que a luz de aí fóra teña aínda esa enerxía para alimentarme a alma. Do outro lado desta Velux ronda ameaza e a morte pero tamén reside o único chaleco salvavidas ao que me podo asir. Aquí dentro, neste esquecido refuxio, non fago máis que consumirme»

ou coma este, do 14 de abril de 2019:

«Estes días fantasmagóricos lémbrame o cheiro dos hospitais, eses lugares onde a realidade se desdebuxa baixo a bandeira da indefensión. E hoxe devecería por pisar cos meus propios pés o chan dun deses lugares onde a loita contra a morte me faría sentirme viva e onde cada minuto sería unha enorme conquista. O tempo dicta titánicamente a perspectiva dos nosos desexos, das nosas expectativas»

Escribín sobre esta historia ata o 22 de agosto do ano pasado e logo non volvín sobre o proxecto, por falta de tempo e, sobre todo, por falta de capacidade para concentrarme no que estaba a facer. O pasado 22 de marzo, logo de reler –abraiado, confésoo– o que escribira daquela, retomeino, interpretando, eu mesmo con outros ollos, o sentido dese labor literario. Como dixen antes, os escritores e escritoras non temos ningún tipo de potestade nin autoridade sobre os demais para debuxar o futuro, pero a creación literaria ten esa grandeza incógnita de rachar fronteiras, de crear contextos e situacións que, ás veces, poden semellarnos inimaxinables.

23.2.17

A literatura infantil de Carlos Casares

No ano 2002 solicitáronme da revista do Instituto de Estudos Miñoranos un colaboración sobre a obra infantil de Carlos Casares. Daquela, púxenme mans a obra e entreguei un longo artigo que saíu publica na primavera de 2003 na revista Monografías REM (Revista de Estudos Miñoranos), dedicado naquel número á figura de Casares, que acababa de falecer.
Dado que este é o ano de Carlos Casares, autor ao que se lle dedican as Letras Galegas 2017, pareceume oportuno recuperar aquel artigo (aínda que en certa medida poida estar superado, non deixa de ser unha análise que percorre todos os seus títulos de literatura infantil) e poñelo a disposición dos lectores e lectoras.
Non o reproduzo íntegro nesta anotación porque é demasiado longo (9 páxinas), pero pode ser lido ou descargado en pdf nesta ligazón. Aquí reproduzo unicamente as primeiras liñas.








A OBRA INFANTIL DE CARLOS CASARES

Carlos Casares pertence a unha xeración (a da Nova Narrativa
Galega) da que, sen lugar a dúbidas, se pode dicir que abriu as portas da literatura infantil e xuvenil galega. Os textos de Casares (
A galiña azul, 1968), pero tamén os de Xohana Torres (Polo mar van as sardiñas, 1967), os de Manuel María (Os soños na gaiola, 1968), os de Bernardino Graña (O león e paxaro rebelde, 1969) e, incorporados xa moito máis serodiamente
tamén os de X.L. Méndez Ferrín (
Arnoia Arnoia, 1987) e os de María Xosé Queizán (O segredo da Pedra Figueira, 1989), son hoxe non só clásicos da nosa LIX senón, sobre todo, auténticos textos fundacionais. O crítico Miguel Vázquez Freire así o recoñece implicitamente con respecto a Carlos Casares cando titula un traballo da súa autoría sobre a literatura infantil galega De A galiña azul a Matapitos.com1. Aínda que existía o antecedente de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, libro editado en 19612 (que inicialmente, segundo o autor, non foi creado para o público infantil pero que pertence á literatura infantil por apropiación), seguramente a responsabilidade da motivación que os membros desta xeración sentiron ante a necesidade de crear unha literatura infantil galega foron posiblemente as coleccións que a editorial Galaxia abriu uns anos antes, publicando traduccións de libros de literatura infantil en coedición coa catalana La Galera, para as que a propia Xohana Torres traduciu varios títulos a partir de 1966.  

31.12.16

Tres películas literarias

Nas últimas semanas circularon polas salas de cine, de xeito case simultaneo, tres películas literarias, tres películas que abordan a literatura como tema.

Teño a impresión, polo que puiden ler, de que a máis valorada pola crítica foi Paterson, curiosamente a que a min menos me gustou. Dirixida por Jim Jarmusch, Paterson conta a historia dun condutor de autobús que escribe poesía e faino nunha cidade, Paterson (New Yersey, USA), que foi berce de Allen Ginsberg e residencia literaria de parte da obra de William Carlos Williams, o poeta ao que o condutor do bus máis admira. A película, que se fai extremadamente aburrida, vai narrando o proceso de escrita do protagonista e a súa relación coa contorna. É, precisamente, a mirada poética que lanza sobre o seu redor en torno ao cotián o máis interesante dunha película que, lamentablemente, non consigue atrapar o interese do espectador ou espectadora e, nin tan siquera, espertar o interese pola poesía. A escasa consistencia do argumento non se contrarresta con ningún outro mecanismo que a faga atractiva e apetecible. Teño que dicir que me defraudou enormemente, cando menos con respecto ás expectativas creadas. Se do que se trata é de ver a linguaxe cinematográfica imbuída da linguaxe poética, hai películas que son verdadeiros referentes, como Bestias del sur salvaje ou Léolo. Se do que se trata é de levar a poesía ao cine como tema, sería conveniente facelo de xeito bastante máis atractivo, sen abandonar a propia linguaxe cinematográfica, porque a palabra espida, no cine, esixe que se combine coas regras propias da pantalla.

A segunda película literaria foi El editor de libros, dirixida polo británico Michael Grandage (por certo, titulada Genius na versión orixinal). Conta a relación entre o escritor Thomas Wolfe e o seu editor e descubridor Max E. Perkins (editor de Hemingway e Scott Fiztgerald) nun tempo en que a edición era ben diferente a hoxe e os editores aínda mandaban nos mercados. A película reflicte bastante ben a obsesión creativa de Thomas Wolfe e os seus excesos coa palabra, excesos que axiña corrixe o seu editor, entregado a el e os seus libros en corpo e alma. Unha das cuestións que se abordan con máis acerto son as dúbidas que asolan ao editor á hora de intervir decididamente no texto do escritor e as preguntas –que quedan no aire– de cales deben ser os límites, onde está a fronteira entre a colaboración e o desvirtuamento, entre a suxestión e a imposición; ata onde pode chegar a diferenza entre a obra orixinal e a obra publicada. Eu creo que o teño bastante claro, pero, como na película, tampouco o vou desvelar.
Unha reflexión literaria desde o cine que se deixa ver con gusto e interese. Por certo, salvando as distancias esta película ten ese aquel de ficcionar os propios escritores que me lembrou unha novela en torno á... literatura? que lin este ano, e que espero ter tempo para comentar algún día en Cabrafanada.

E a terceira película literaria destas últimas semanas foi para min, sen dúbida, a mellor das tres: El ciudadano ilustre, dirixida por Mariano Cohn e Gastón Duprat. Trátase dunha proposta arxentina que relata a historia dun recoñecido escritor (ficticio) que gaña o Premio Nobel e case inmediatamente é convidado polo alcalde da súa vila natal a unha serie de actos na súa honra. O escritor, que vive en Europa e abandonou o lugar onde naceu cando era moi novo, hai máis de 40 anos, e nunca regresou, decide cancelar todos os seus compromisos e aceptar o convite. Máis que unha película sobre a literatura, é unha película que nos obriga a reflexinar, desde a súa ironía e sarcasmo devastadores, en torno a como a literatura e a figura do escritor/a son vistos pola sociedade e como a dimensión mediática do escritor/a interfire na súa relación cos demais. Pero o debate céntrase, moi especialmente, nos convencionalismos da arte en relación co seu entorno, na súa proxección mediática, na capacidade ou disposición do escritor de compracer o poder cando todos esperan que o faga e na incomodidade e os problemas que provoca o feito de que o escritor/a non acepte esas convencións e reivindique a dimensión irreductible e insubornable da literatura como arte, como rebeldía. Cunha trama magnificamente ben construída e moi ben dosificada, a narración fílmica consegue envolvernos nunha atmosfera que chega a ser terriblemente inquedante.
Que sexa benvido o cine que aborda a literatura desde a gran pantalla, pero se tivese que elixir unha destas tres películas, sen dúbida ningunha, quedaría con esta última.


21.12.16

O relato mordaz de Yolanda Reyes: «El terror de Sexto B»

El terror de Sexto "B", de Yolanda Reyes. Un libro excepcional. A escritora Yolanda Reyes é unha das miñas debilidades literarias no ámbito infantil e xuvenil. Directa, mordaz, cunha abraiante forza narrativa e unha inusitada capacidade para meterse na pel dos seus personaxes, en El terror de sexto B, a escritora colombiana aborda os conflitos da infancia e adolescencia no ámbito escolar a través de diversos relatos eficaces, divertidos, cheos de gracia e gran altura narrativa.

8.11.16

Un sopro de aire fresco en portugués slam: «Nómada», de Joana Cabral

Hai bastantes anos descubrín e merquei Nómada, de Joana Cabral, nalgunha libraría portuguesa. Lina de inmediato. Lamentablemente, nunca poiden localizar a segunda e, que eu saiba, derradeira novela desta autora, A cabra urbana. Publicada en 2007, está descatalogada desde hai tempo e non volveu publicar ningunha outra. Tampouco ela, Joana Cabral, deixou demasiada pegada da súa prensenza en ámbitos literarios, apenas unhas migallas de Polgariña perdida na fraga escura. Ás veces teño a intuición de que podería ser unha escritora espectral vencida polas brétemas da decepción.

Nómada (2004) é un desas novelas tan desenfadadas e tan afastadas do canon da literatura portuguesa que, se callar, naceu condenada a pasar desapercibida nun país con tendencia ao academizante. Fresca, escrita nun portugués slam (do que aprendín moito vocabulario da rúa) nace coa vocación de reflectir o fastío e a estupidez das clases acomodadas en Lisboa desde a visión dunha rapariga rebelde e desencantada que decide fuxir da rutina nunha aventura á beira da ilegalidade. Unha especie de Thelma e Louise, pero menos efectista e máis apegada á terra. Gostei moito.

7.9.16

Raduan Nassar: sensualidade, cólera, dominación e masculinidade


Aproveitando a concesión do Premio Camões 2016 ao escritor brasileiro Raduan Nassar, que provocou a reedición da súa escasa obra por parte da editora Companhia das Letras, merquei na libraría Bertrand un exemplar da súa novela de culto Un copo de cólera. Escrita en 1970 e publicada oito anos despois, ten as características que en principio máis me interesan a min dunha boa novela: brevidade e intensidade.
Desde logo, é breve e intensa, como tamén é densa, delicada, rica, complexa, sorprendente, demorada e sutíl e supón un desafío constante para o lector ou lectora, que debe soster, para desfrutar, os constantes embates do narrador. Estamos ante un narrador en primeira persoa, masculino (agás no derradeiro capítulo, cando se pecha a estrutura a xeito de círculo, no que é a muller a que fala), que narra unha historia de posesión e dominación construída a partir dun «xogo» de seducción extraordinariamente sensual.
Ten toda a carga e a potencia da mellor literatura brasileira, forte, decidida, contundente, implacable nos seus plantexamentos literarios e na forma de narrar. Un copo de cólera é un exercicio de estilo esixente, que nos obriga a dar todo de nós, que prescinde completamente de puntuar pois cada capítulo (e hai seis en toda a novela) constitúe unha única e longüísima oración. Através da novela, asistimos a ese xogo de dominación e tamén ao enorme e sutil combate dialéctico da parella protagonista (aínda que só cando chega o «copo de cólera»), tan matizado, tan cargado de ironía, de viveza, de profundidade e, ao tempo, de banalidade (algo que ocorre con frecuencia nas discusións de parella).
O problema, que se percibe con claridade case cincuenta anos despois de ser escrita, é que a dominación é exclusivamente masculina («sabendo que ela arrebatada pelo meu avesso haveria sempre de gritar é este canalha que eu amo» ) e a sumisión e o sometemento é exclusivamente feminino («magnífico, você é especial»). Esa dominación non se precibe tanto na discusión, no combate dialéctico, onde a muller conserva toda a súa destreza e capacidade, como no acordo, na sedución (patrón da masculinidade tradicional) e na iniciativa permanente e abouxante do home. E a dominación..., domina. Tamén no final. Ora ben, é unha novela que non se esquece, especilmente recomendada para lectores e lectoras que gozan co vigor da palabra; a palabra dun escritor que foxe dos medios de comunicación e das entrevistas e que apoiou abertamente a Dilma Rousseff durante toda a operación política que acabou apartándoa do poder.


25.10.14

Entrevista con Suso de Toro en Ara.cat

O xornal catalán Ara.cat publicou unha longa e interesante entrevista con Suso de Toro feita por Carles Capdevila na que fala de política e de literatura. O escritor –que nunca abandounou o ámbito da intervención– acaba de volver á actualidade coa publicación de Somnámbulos, e advirte que deu por rematada unha carreira literaria pero non a súa relación coa literatura. O regreso do escritor máis iconoclasta e inconformista da literatura galega é unha boa noticia.



22.7.14

A fenda que nos fende

Reproduzo un artigo da miña autoría, centrado na creación literaria, que me foi solicitado desde a AELG para a súa publicación no semanario Sermos Galiza.


A fenda que nos fende 

Ás veces pregúntome por que escribo. Non é que me interrogue sobre os motivos que me levaron á escrita senón sobre os que me impulsan a seguir escribindo. Os primeiros, probablemente, son máis persoais. Escribir non deixa de ser unha procura de identidade que nos axuda a situarnos ante nós mesmos e ante o mundo. E, se cadra, un desexo de parar o tempo.
Os motivos que me impulsan a seguir escribindo son máis complexos. En Galicia adoitamos escribir desde as marxes, loitando contra a invisibilidade e contra a indiferenza da administración. Abordamos o proceso creativo cando remata a nosa xornada laboral, abrindo unha nova xornada centrada na escrita. Escribimos roubándolle o tempo ao lecer, ao descanso, ao sono, ás persoas ás que queremos, á amizade... Construímos a nosa obra literaria co vento en contra. Acudimos a numerosas citas e requerimentos de xeito voluntarista e ás veces nin sequera atopamos comprensión cando expresamos as dificultades. Tragamos a nosa decepción. E batemos cos nosos propios fracasos, que non adoitamos recoñecer. Afrontar a escrita nesas condicións resulta esgotador. Sen dúbida, a vocación é unha chamada profunda, abisal, que vén dalgún lugar remoto para aflorar cunha forza salvaxe. 
Pero o que máis me preocupa é esa fenda enorme que se abre entre nós e a sociedade. Esa fenda que non ten nada que ver coa calidade do que escribimos senón coa lingua en que escribimos. Esa fenda que nos dilúe e nos encolle día a día. Esa fenda que nos apodrece e nos devora. Esa fenda ante a que baixo ningún concepto podemos permanecer impasibles.





18.7.11

Hiromi Kawakami

Acabo de rematar Algo que brilla como o mar, a segunda novela que leo de Hiromi Kawakami. Interésame moito a narrativa xaponesa e cada vez léoa con máis curiosidade. Creo que ten unha vocación moito máis contemporánea (cando menos o que chega a nós) que a europea e, nun país en que a tradición pesa tanto, os escritores xa teñen moi pouco que ver co potente Yukio Mishima. Ora, esta novela tamén contén algo frecuente na literatura dese país: unha viaxe que funciona a xeito de catarse para o protagonista. Seguramente, iso ten moito que ver con esa (estupenda) obsesión dos mozos e mozas xaponesas de dedicarse a viaxar durante un ano da súa vida, algo que fan habitualmente logo de rematar os estudos e antes de poñérense a traballar.

9.5.11

Literatura e tolemia: Entre líneas TV

Entre líneas TV. Un interesante programa literario en México. Este programa, dedicado á relación entre literatura e tolemia, un tema que me interesa moito e que explorei en Males de cabeza.

5.1.09

Janet Frame



Agachadas tras moitas palabras de Males de cabeza está a película, o libro e ela.

21.12.08

Un país que é unha potenzia

¿Quen é Carlos Blanco? ¿Quen é ese individuo que o pasado ano presentou na TVG o programa Somos unha potenzia e hai bastantes máis era unha voz entusiasta que vibraba cos partidos de fútbol no programa Galicia en goles da Radio Galega?

Conversa con Carlos Blanco, 2007 (De Un país a medio facer)


Cando eu entrei nisto de escribir, aos 27 anos, había que se poñer á cola e esperar a que morresen todos os demais ou colocarse baixooapadriñamento dos escritores xa establecidos para que me prologasen, me presentasen, me animasen e me desen as cuartillas para poder ir avanzando nun sistema literario de funcionarios. Eu tiven que manexar unha ética e unha moral distintas para conseguir que a miña obra estea onde está hoxe.

Suso de Toro, 1990 (De Un país a medio facer)

14.12.08

Un país na Gran Enciclopedia Gallega

Saír na Gran Enciclopedia Gallega é ben fácil. Os Resentidos levamos nela varios anos e non ten mérito especial. O que non é tan fácil é a batalla que sostemos para defender o galego como soporte lingüístico.

Antón Reixa, 1990 (De Un país a medio facer)


É certo que existe un escoramento cara a unha tradición de novela culta, pero é que o lector adulto en galego é un home que vén da cultura, e iso produce un tipo de literatura. Na medida en que o libro se popularice haberá cada vez máis temas. De feito agora está saíndo a novela negra, a novela light ecousas que antes eran impensables porque non existía ese público.

Víctor Freixanes, 1989 (De Un país a medio facer)


8.12.08

Un país que se renova

“Eu sempre tiven o afán de coñecer outras músicas, e ademais quedei farta do boom da música celta.
(...)
Coido que falta seiva nova, creatividade, xente que veña con forza e sen prexuízos a facer música en galego, creando algo propio, recoñecible como galego, que non ten por que ser gaita”.

Uxía, 1991 (De Un país a medio facer)


“Ramón Piñeiro, que era un paisano terrible, acolleume un libro de poemas en Galaxia que se chamaba Seiva nova. E un día en que a policía nos mallou a paos en Madrid, nunha manifestación, refuxiámonos nun portal e alí convenceume de que eu non era poeta. El daquela xa tiña na man o primeiro capítulo do que logo ía ser A nosa cinza”.

Xavier Alcalá, 1992 (De Un país a medio facer)