29.10.07

Rosa Aneiros e Cartas de amor

Por casualidade, navegando pola rede, nas páxinas da AELG descubrín este vídeo de Rosa Aneiros lendo Cartas de amor. Non o coñecía. Grazas, Rosa.
Por certo, a Rosa Aneiros teño que agradecerlle tamén a dedicatoria do seu próximo libro, Ao pé do abismo, que reune a súa excelente literatura xornalística.


20.10.07

Política lingüística

Estes son os datos:

1992: o galego é a lingua inicial do 60,3 % da poboación (lingua maioritaria de adquisición primaria).

2004: o galego é a lingua inicial do 35,7 % da poboación (lingua en que o individuo aprendeu a falar).

Desa porcentaxe do 35,7% do ano 2004, un 20,6% aprendeu a falar "só en galego" e un 15,1% aprendeu a falar "máis en galego que en castelán". Pola contra, o 62,1% dos galegos aprendeu a falar única ou preferentemente en castelán.

¡Só doce anos despois!

¿Que pasará co galego dentro doutros doce?

Procedencia dos datos: Mapa sociolingüístico de Galicia 2004. Vol. I: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. A Coruña : RAG, 2007. Recén publicado.


19.10.07

O activismo que move muíños

A miña crónica cultural no suplemento Luces de El País de hoxe titúlase "O activismo que move muíños" e céntrase no arqueólogo e activista Xosé Lois Vilar e tamén no proxectado Parque eólico da Serra da Groba.

María Lado, videocreadora

Moi recomendable é a nova exploración poético-tecnolóxica de María Lado na videocreación. En Cabrafanada xa anunciei o seu poemario Berlín en MP3. Agora, María volve coa súa sorprendente capacidade creativa para ofrecernos un poema de Nove, o libro aínda inédito co que gañou o Premio de Poesía Avelina Valladares. O videopoema «Percebes» está feito coa colaboración de Mig Seone. Adiante.


17.10.07

Comezou o Contomar

O pasado luns comezou o Contomar. Todos os luns ás 18 horas na Biblioteca Pública de Gondomar, organizado por un grupo de nais e pais. Co éxito de público habitual, o que demostra a demanda deste tipo de actos, fundamentais para a animación á lectura.


16.10.07

14.10.07

Os teletubis en polaco

Onte, a miña filla pequena estivo vendo os teletubis en polaco. Pode parecer exótico, pero gústalles ver os debuxos animados en distintos idiomas porque así as afixemos desde cativas. O dvd dos teletubis tróuxeno eu de Polonia, como outros en diversas linguas que fomos carrexando para á casa. É un xeito sensacional de educalas no plurilingüismo e de que afagan os seus oídos ás linguas máis variadas. Curiosamente, desde o pasado mes de maio, ver os teletubis e Polonia ten algo de acto subversivo, pois estes monequiños quedaron baixo sospeita de ser homosexuais. O peor de todos, Tinki Winki. A campaña do goberno polaco, presidido polos xemelgos Kaczynski, dous irmáns de extrema dereita, contra a homosexualidade é dura. Con todo, ao final, a representante do goberno abrandouse. Enternecedora, a señora.
En fin, que a miña filla estivo vendo un dvd supostamente perigoso e se cadra moralmente reprobable. O peor é que no último entroido ¡disfrazouse de teletubi! Non hai dúbida, son un pai profundamente inmoral. Alguén debería retirarme o carné.



12.10.07

Gremlins

O deserto é enorme. Descomunal. Ten o corpo oco da soidade. Todo igual, pero fermoso. Claro que é un lugar demasiado duro para vivir. Estabamos de viaxe polo deserto e aquel día percorreramos os Chotts, grandes chairas de area e sal onde se producen espellismos con facilidade. Ao anoitecer chegamos esgotados a un hotel e, coma adoitaba acontecer a esas horas, facía moita máis calor dentro da edificación que ao aire libre. Ademais, o chan do hotel, de cemento, estaba ateigado de centos de cascudas que aparecían por todas partes debido á calor.
Xa que logo, sacamos os metálicos das camas para o exterior e decidimos pasar a noite ao raso, baixo as estrelas. A verdade é que poucas veces durmín mellor na miña vida. Pero a sorpresa levámola cando espertamos coa primeira luz, que batía forte sobre nós, ás seis da mañá. Alí estaban, arredor das nosas camas improvisadas, espreitándonos cos seus ollos brillantes e as súas orellas diminutas e puntiagudas. Parecían gremlins, tan pequenos e divertidos, con aquel rostro extremadamente simpático. Eran os raposos do deserto. Aquela foi a primeira e a última vez que os vin.

10.10.07

Terá vostede un mal día

Estes días pasados, remexendo na miña hemeroteca persoal, atopei este pequeno relato que publiquei o xoves 15 de novembro de 1990 (¡hai 17 anos!) no Diario 16 de Galicia. Aínda que se publicou na sección de opinión, en realidade era unha pequena ficción. Ao relela, fíxome gracia e decidín darlle luz en Cabrafanada. Titulábase «Terá vostede un mal día»:

De volta do traballo, mentres abría o buzón da casa para recoller a correspondencia, pensaba que aquel día non podía acabar nada ben. Lérao no seu horóscopo: «será para vostede un día inseguro; a mala sorte haberá de acompañalo durante toda a xornada».
Había dúas cartas e abundante propaganda. Subiu no ascensor abrindo un sobre que contiña un recibo da Caixa de Aforros. Entre a propaganda, estaba o folleto dun curandeiro. Xosefo Pardo, máis coñecido por «o curandeiro de Madrigal de las Altas Torres», descendente da raza índia. Alta herboloxía, altos coñecementos, produtos naturais, plantas medicinais. Se cadra conviña gardalo; nunca se sabe, ás veces os médicos non dan coas doenzas que un ten.
Xa na casa, deixou o chaquetón no roupeiro e prendeu a radio. Estaban co «Consultorio cosmogónico de Andrea Carballeira». Apagouna. Marchou para a saliña, sentou no sofá e puxo a televisión. Ía empezar a serie UFO, un programa de ovnis e misterio.
Mentres o programa non comezaba abriu o outro sobre que collera no buzón. Era unha desas cartas anónimas que pretendían formar unha cadea: «Faga vinte copias desta carta e mándeas á dirección abaixo indicada e non lle pasará nada». Un calafrío percorreulle as costas. Lembráballe un conto que lera nun libro que lle deran no sindicato: «Patajorobí». Non esquecera o título. Co medo que lle metera no corpo!...
Comezou UFO e deixouse estar diante da pantalla, quediño. Cando o programa ía pola metade apagou o televisor. Sentíase cando. Se cadra non era mala idea a de ir ao curandeiro aquel. Tiña razón o seu horóscopo, era un mal día. Pensou que o mellor que podía facer era deitarse. Cando menos, descansaría. A ver se ao día seguinte pola mañá o horóscopo lle presentaba un panorama máis esperanzador.

8.10.07

Literatura móbil

Cada día resulta máis difícil para os lectores discernir onde está a literatura. Isto só é posible porque o mercado se apropia de todo, converténdoo en vanalidade. Pero tamén porque nalgures (en Galicia, non) existe un mercado lector para este tipo de literatura. ¿Ou non? En todo caso, sorprendente, esta literatura xaponesa.

7.10.07

Entrevista

Hoxe, na edición viguesa da Voz aparece unha entrevista avec moi.


Un libro vigués

Xa durante o verán, a xornalista Mar Pichel me chamara para facer algo sobre o meu libro máis vigués. Aí está, no arquivo do Maré, as páxinas de cultura do Galicia Hoxe dirixidas por Antón Lopo.



© Manuel G. Vicente

4.10.07

Corrector

Hai uns días, eu estaba revisando a tradución final de Cartas de amor ao castelán, que vai ser publicada no 2008 en Algar. Repasando as últimas dúbidas, decateime de que o corrector ortográfico do word non recoñecía a palabra «galleguista» e suxeríame que a cambiase pola palabra «galleguita».
E é que no imaxinario da lingua castelán a ficción abrangue un espazo ideolóxico moito maior que no do galego, aínda que, para algunhas cousas, sexa unha lingua moito máis conservadora ca nosa.