Estes días pasados, remexendo na miña hemeroteca persoal, atopei este pequeno relato que publiquei o xoves 15 de novembro de 1990 (¡hai 17 anos!) no Diario 16 de Galicia. Aínda que se publicou na sección de opinión, en realidade era unha pequena ficción. Ao relela, fíxome gracia e decidín darlle luz en Cabrafanada. Titulábase «Terá vostede un mal día»:
De volta do traballo, mentres abría o buzón da casa para recoller a correspondencia, pensaba que aquel día non podía acabar nada ben. Lérao no seu horóscopo: «será para vostede un día inseguro; a mala sorte haberá de acompañalo durante toda a xornada».
Había dúas cartas e abundante propaganda. Subiu no ascensor abrindo un sobre que contiña un recibo da Caixa de Aforros. Entre a propaganda, estaba o folleto dun curandeiro. Xosefo Pardo, máis coñecido por «o curandeiro de Madrigal de las Altas Torres», descendente da raza índia. Alta herboloxía, altos coñecementos, produtos naturais, plantas medicinais. Se cadra conviña gardalo; nunca se sabe, ás veces os médicos non dan coas doenzas que un ten.
Xa na casa, deixou o chaquetón no roupeiro e prendeu a radio. Estaban co «Consultorio cosmogónico de Andrea Carballeira». Apagouna. Marchou para a saliña, sentou no sofá e puxo a televisión. Ía empezar a serie UFO, un programa de ovnis e misterio.
Mentres o programa non comezaba abriu o outro sobre que collera no buzón. Era unha desas cartas anónimas que pretendían formar unha cadea: «Faga vinte copias desta carta e mándeas á dirección abaixo indicada e non lle pasará nada». Un calafrío percorreulle as costas. Lembráballe un conto que lera nun libro que lle deran no sindicato: «Patajorobí». Non esquecera o título. Co medo que lle metera no corpo!...
Comezou UFO e deixouse estar diante da pantalla, quediño. Cando o programa ía pola metade apagou o televisor. Sentíase cando. Se cadra non era mala idea a de ir ao curandeiro aquel. Tiña razón o seu horóscopo, era un mal día. Pensou que o mellor que podía facer era deitarse. Cando menos, descansaría. A ver se ao día seguinte pola mañá o horóscopo lle presentaba un panorama máis esperanzador.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.