Amosando publicacións coa etiqueta lingua galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lingua galega. Amosar todas as publicacións

19.9.11

Conversa cun ordenador

A finais de agosto acudín con catro nenas a visitar o Verbum, ou Casa das Palabras. Durante a visita, mantiven unha conversa cun ordenador, que me interrogaba sobre a miña visita ao museo. A conversa, moi breve, derivou, inesperadamente, ao ámbito da reivindicación lingüística. Ao final non puiden resistirme a sacarlle unha foto á conversa. Chegado ao punto candente, o ordenador fíxose o sueco.

28.3.11

Contra o galego

Estou convencido que a mellor estratexia ante ese pequeno grupúsculo que, non obstante, atopa amplo eco na prensa, e tenta crear estado de opinión contrario á lingua galega, é non darlle pé ás polémicas que promoven. Porque iso é, precisamente, a polémica, o que buscan. E protagonismo. Pola miña parte, nin me digno a escribir o nome desa escura asociación nin moito menos o da súa pobre líder. Pero por esta vez, no seguinte post, que publicarei deseguido, farei unha excepción.

29.11.10

O galego na prensa

Isto dicía eu en 1993 nunha intervención pública sobre o galego na prensa:

A situación da lingua galega na prensa cómpre enmarcala no contexto de desgaleguización que padece a nosa prensa, sempre máis atenta á realidade cultural de fóra que á nosa propia. De feito, a cultura galega poucas veces é referencia para os xornalistas, que á hora de citar exemplos prefiren facelo a través da peneira cultural madrileña (cando se citan pintores, sociólogos, médicos, escritores, libros determinados, ou mesmo ambientes ou institucións os xornalistas galegos amárranse ós mesmos exemplos ós que acode un xornalista madrileño, sen botar man case nunca das nosas propias referencias culturais) ás veces intencionadamente e ás veces por descoñecemento ou falta de concienciación.


¿Que cambiou hoxe, en 2010?
A actitude dos xornalistas é moito máis positiva que en 1993. En cambio, a utilización ou non da lingua galega converteuse nunha cuestión estratéxica para os medios, con moito máis peso político do que tiña. O seu uso depende moito menos dos xornalistas e moito máis do poder que os controla.

17.5.10

Os bufóns celebrando o etnocidio

Ninguén dubida xa da nosa identidade, nin os inimigos da Lingua propia, que anque non a queiran nin a falen será sempre o galego. Repito: hai cousas que non as escolle un, escolleunas a historia.

Uxío Novoneyra, Os soños teimosos



O coitelo afundido na lingua
e os bufóns celebrando o etnocidio.

Paco Souto, As árvores do incesto

4.2.10

55 mentiras sobre a lingua galega

MULTIPRESENTACIÓN MAÑÁ VENRES DA PRIMEIRA PUBLICACIÓN DE PROLINGUA EN 66 LOCALIDADES DE TODO O MUNDO

Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma

En Baiona terá lugar na Biblioteca Municipal ás 20,30 h.
(Presentan: Rosana Estévez, Concha Costas e Anxo Ratel)

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua, presentada publicamente o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, ofrece á sociedade a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega. Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, dirixida polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, coa colaboración de varios membros de ProLingua: Agustín Fernández Paz, Ana Mª Outón Barral, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Luís Regueira Fernández, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal Fustes, Xosé Mª Lema Suárez, Mercedes Queixas Zas, Suso Fernández Acevedo, Alejandro Tobar Salazar e Xabier P. DoCampo.
Este volume pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas, que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar, unha por unha, as principais falacias que no decorrer da historia se veñen vertendo sobre e contra a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade: a imposición do galego fai sufrir aos nenos e aos inmigrantes; os nenos e as nenas que proceden de familias castelanfalantes non poden recibir ensino en galego; a maioría do ensino está en galego e por iso é inevitábel someterse a unha inmersión lingüística neste idioma; o castelán está desaparecido de moitos colexios e institutos; os nenos e nenas galegofalantes non teñen competencia en lingua castelá; na Administración ten que estar todo en galego e castelán; o castelán está desaparacendo de case todos os ámbitos; se o interlocutor (galego) fala en castelán, o galegofalante debe mudar tamén para o castelán por cortesía e educación; o galego impide un maior desenvolvemento turístico do país, así como a contratación de bos profesionais foráneos; o galego normativo e, polo tanto, culto, é artificial, inventado e non recolle a lingua do pobo; o galego non é útil porque non serve para falar fóra do país...
Mais se o contido e o enfoque deste manual é novidoso, sorprendentemente pioneira será a súa presentación social, pois esta celebrarase simultanemente en 66 localidades de diferentes partes do mundo o vindeiro venres 5 de febreiro ás 20:30.
Máis de 175 persoas partillarán mesa de presentación nas 66 localidades confirmadas a día de hoxe que, previsibelmente, se acrecentarán nas próximas horas -capitais de Estado, cidades, vilas, cabeceiras de comarca e grandes urbes internacionais como Londres, Lisboa, Bos Aires, Tübingen, París, Nova York, Copenhague, Bruxelas ou Bethelem- co obxectivo de divulgar simultaneamente este primeiro volume nado en ProLingua, como primeira concreción dunha reacción social apartidaria, organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego. Con este breve ensaio, de doada lectura, preténdese acoutar a enrevesada e maliciosa arañeira tecida ao redor das falacias subrepticiamente divulgadas na sociedade, descubrir a verdadeira cara da mentira que Agostiño de Hipona definiu como «a expresión de algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar» é o obxectivo desta iniciativa.
Porque fica máis evidente que nunca que a lingua e o pobo camiñan xuntos e o seu futuro xógase tamén conxuntamente.
Asemade, ProLingua agradece a Edicións Laiovento a plena receptividade deste manual e a total predisposición para a súa publicación inmediata.

Toda a información completa referida ás localidades e mais a ubicación exacta das presentacións confirmadas pode visitarse en: www.prolinguagalega.org

PROLINGUA agradece a difusión desta importante noticia de apoio social á lingua galega

29.8.09

La gallina azul



Extraído de Falantes.

13.8.09

O futuro da lingua

Este é un artigo meu publicado en La Voz de Galicia, en maio de 2002. ¿Que cambiou nestes máis de sete anos? Que unha corrente minoritaria, moi rancia pero con moito poder político e económico, tratou de vehiculizar estas circunstancias en contra da lingua galega.

O futuro da lingua

Sexamos francos; a sociedade galega non se preocupa demasiado polo futuro da súa lingua. O da lingua, nin é un tema socialmente importante nin está nas cavilacións da maior parte dos cidadáns. E, á marxe dos pronunciamentos politicamente correctos, os últimos traballos de investigación (e, sobre todo, unha simple ollada á sociedade) demostran esa apatía dos galegos e galegas con respecto á sorte da súa lingua. Corenta anos despois de que Celso Emilio Ferreiro definise o galego como «lingua proletaria do meu pobo», e a pesar dos innegables avances, penden sobre ela case os mesmos prexuízos que daquela. Hoxe, e coa complicidade dunha TVG folclorizante, o galego segue estando maioritariamente asociado ás clases sociais máis desfavorecidas, ou aos perseverantes nacionalistas e aos profesores de galego. Ademais, a presión desgaleguizadora da escola resulta esmagadora. De feito, é extraño o neno ou nena que, logo de ser educado en galego, non sufra o abandono da súa lingua ao ser escolarizado: para non sentirse «distinto» acaba falando exclusivamente en castelán, mesmo cos seus pais.
Se algo se desprende de todo isto é que logo de vinte anos da posta en marcha da Lei de Normalización Lingüística, o balance non pode ser positivo. Ademais, no ámbito político prodúcese un feito dobremente perverso. Por unha banda, os partidos de configuración estatal autoexclúense da promoción e defensa da lingua galega, e déixanlle ao nacionalismo o campo libre. Por outra, e en consecuencia, o nacionalismo tende a unha perigosa patrimonialización do galego. Nestas circunstancias, os cidadáns acaban por asumir que hoxe a lingua, que pertence á identidade cultural de todos os galegos e galegas e non ten ideoloxía (as linguas non a teñen), é unha cuestión que só lle afecta ás persoas que se identifican politicamente co nacionalismo.
A pesar de todo, é certo que a nosa lingua ten vida para moitos anos. Pero unha cousa é a vida e outra a vitalidade. Por iso, para vitalizar e restituír socialmente o galego no lugar que lle corresponde é necesario un apoio participativo das e dos cidadáns e unha nova e decidida política lingüística, que implique a todos os sectores sociais, que teña obxectivos e seguimento e que neutralice os principais prexuízos da poboación. Mentres tanto, en torno ao 17 de maio, o Día das Letras Galegas, teremos que seguir falando da lingua en vez de facelo de literatura.

FRAN ALONSO

19.7.09

Nace Falantes

Nace FALANTES, Movemento polos dereitos lingüísticos. Longa vida e moitas iniciativas coma estas.
Por certo, alguén debería organizarse para inundar os medios de cartas a o director, como fan os que están contra o galego.
¿E non hai ninguén que se anime a facer camisetas con este texto?:
¿Ti tamén estás contra o galego?

Directas e con denuncia implícita.
Por certo, de que o manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade volveu a duplicar os seus apoios esta semana, informa Brétemas. Os que están contra o galego, en cambio, só son catro, aínda que subvencionados polo Club Financiero e as FAES.

12.7.09

Linguas amables

O 18 de outubro de 2004 (Goberno Fraga) publiquei a seguinte columna de opinión en La Voz de Galicia, titulada "Linguas amables":

Os responsables políticos do novo Plan de Normalización Lingüística insisten reiteradamente en que o galego ten que ser unha lingua “amable”. Nesa “amabilidade” teiman tamén algunhas voces de comentaristas que se expresan sempre en castelán. Eu, por suposto, estou convencido de que ningunha política lingüística pode ser nunca plantexada en termos de confrontación; e tamén sei, como filólogo, que as linguas, salvando os tópicos, non poden ser “amables”, pois esa é unha cualidade humana da que as linguas carecen. Potencialmente, todas as linguas son exactamente iguais e somos as persoas as que lles imprimimos os nosos valores e as nosa ideoloxía. Pero xa que se insiste tanto na necesidade desa “amabilidade” do galego, quixera dicir que a min, como galego-falante, me gustaría observar tamén a personificación da amabilidade na outra lingua, o castelán, coa que convivimos día a día, por veces invandínonos espacios aos galego-falantes que non existen para a lingua galega. Esa sensación de invasión, francamente, eu nunca a sentín ao revés, é dicir, cando era castelán-falante, lingua na que fun educado.
Así que, se puidese sumarme a esa equivocación de atribuirlle cualidades humanas a unha lingua, diría que me gustaría que o castelán fose máis amable comigo, por exemplo, no ámbito da banca; ou no ámbito xudicial; ou no ámbito da informática; ou cando a publicidade me apabulla en castelán, incluso na TVG; ou cando vexo que ninguén se atreve a presentar o seu currículo vitae en galego por medo a ser rexeitado no mercado laboral; ou cando só atopo vídeos e DVDs en castelán pero non en galego para as miñas fillas; ou cando, e isto é moitísimo máis grave, me vexo na obriga, como me sucedeu, de cambiar a miña filla, galegofalante, de centro escolar, porque lle tocou unha profesora galegofóbica, que incumpre as súas obrigas docentes sen que a Consellería de Educación, compracida no marco desta escola desgaleguizadora, faga nada por evitalo.
E gustaríame que o castelán fose máis amable comigo cando cos seus sons se afirma, a estas alturas da historia, que o galego non é válido como lingua de cultura nin como lingua de valor universal. E é que, como dicía Octavio Paz, hai quen é cosmopolita vivindo nunha aldea dos Andes e hai quen é un perfecto provinciano vivindo no corazón de Nova York.


O artigo publicouse integramente pero sen o derradeiro parágrafo. Todo sigue igual. Seica non pasan os anos.

9.7.09

Abre a fiestra e déixate mollar

Fermosos vídeos a favor do galego en Balbordo, o blog do Equipo de Normalización Lingüística do IES Auga da Laxe de Gondomar.


Abre a fiestra


Déixate mollar

21.6.09

Iniciativa a prol do galego

Acabo de recibir este correo electrónico de María Reimóndez, baixo o asunto de "As ameazas son oportunidades":

Amigas e amigos:

Creo que a ninguén lle fai falta explicar a situación de gravidade extrema na que nos atopamos con respecto ao noso idioma e a nosa cultura. As persoas que me coñecedes sabedes que son pouco tendente a agoniar e moito máis tendente a actuar. Por iso creo que, despois de escoitar e observar tanto despropósito debemos deixar de agardar que outr@s fagan por nós e tomar a iniciativa. De aí a razón deste correo.

Hai xa días que veño escoitando voces que pensan o mesmo ca min (Rivas, Cordal, Fernández Paz, entre outr@s) e é que cómpre mobilizar á sociedade, sobre todo aquela galegofalante que mantivo ata o de agora a lingua viva pero que segue participando dos prexuízos que se instalaron con desprezo e co mecanismo terrible de facer sentir vergonza permanente do propio. É tempo de mobilizar ese grandísimo sector da poboación para calar mentiras e para desbloquear esta situación na que nos atopamos de agresión á lingua sen precedentes na democracia.

As ideas poderían ser moitas, envíovos a miña agardando que deste xermolo poidamos tirar os primeiros pasos para este grande movemento que precisamos. A miña idea (obviamente gandhiana) é que baixemos a pé de obra facer o que ninguén fixo: debater, falar, cambiar mentalidades. Así, gustaríame poder organizar convosco unha grande MARCHA POLA LINGUA que percorrese a partir de agosto, pouco a pouco, con accións de diversa índole, as aldeas e vilas de Galicia. O obxectivo da marcha sería establecer un diálogo verdadeiro, sen partidismos nin mediacións da prensa, coa cidadanía. Escoitando e tamén falando, desfacendo preconceptos e tentando reinstaurar o orgullo do propio dun/has galegofalantes longo tempo desprezad@s por parte de certos colectivos urbanos que agora toman a palabra. Concibo a marcha como un acto en positivo, no que debe de primar sobre todo o AGRADECEMENTO a todas as persoas que conservaron e conservan a lingua dunha forma anónima e sen as cales non poderiamos cantar, nin escribir, nin facer teatro, cine... Esas persoas se cadra precisan un recoñecemento para moverse, para sentir orgullo, para non asumir como sempre se nos dixo, que o galego é cousa “de pailáns”. Iso que tan ben saben repetir e amplificar con novos discursos dende as instancias de poder actual.

É hora de facernos valer tamén como xente que traballamos coa lingua dende diversas facetas. Todo o mundo é benvido e por iso me gustaría contar con vós, coas vosas ideas e arte para fomentar a conciencia crítica. Podemos utilizar centos de recursos que combinados poden cambiar este país, dende compartir e recoller música (mesturar cos novos estilos, co popular...) ou léxico ata facer da retranca o noso estandarte (podemos facer un enterro da lingua retranqueiro, publicar o seu obituario nos xornais que tanto fan por esmagala, contar contos), dar a coñecer á cidadanía os moitos logros que se fan dende o galego e que non se visibilizan. Xunt@s podemos chegar realmente á cidadanía, axitar a prensa que por unha vez se interesa desgraciadamente por este tema e falar coa nosa voz alta e clara.

Para comezar a cohesionar esta idea gustaríame que nos vísemos en Compostela o día 2 de xullo para comezar a andar, e debater as ideas base que queremos defender e como imos facelo. Dende o meu punto de vista, os obxectivos deberían centrarse en temas como:
-galegofalantes non somos minoría
-a democracia non é impoñer o que queren os colectivos con poder (sexan por razón de lingua, sexo, orientación sexual, relixión, clase, etc) senón crear un lugar onde todas as persoas poidan desenvolverse en igualdade
-a defensa do idioma galego non é unha imposición senón un dereito, sobre todo na educación e na administración.
-a única lingua que se impuxo e impón é o castelán
-o galego é riqueza, é pensar en diversidade fronte a un pensamento único que está directamente vinculado ao fascismo
-o galego únenos a miles de pobos dado que somos unha maioría a nivel mundial as persoas que vivimos en entornos plurilingües, por moito que pareza o contrario (de feito tende a dicirse que Portugal é o único país monolingüe polo menos de Europa e nós sabemos que nin iso é certo).

Gustaríame aclarar finalmente tamén que o meu papel en todo isto non é máis que o de tentar catalizar o que todas e todos nós queremos e podemos sen dúbida conseguir e o de se cadra dar os primeiros pasos no camiño. A miña experiencia no traballo en cooperación dime que esta é a vía do cambio, a que temos que seguir. E se non funciona prefiro polo menos dicir que o intentamos.

Se estades minimamente de acordo con todo isto e queredes dar as vosas ideas, participar, sacar a rabia que levamos dentro de xeito creativo, por favor contestade e espallade este correo. Contestade dicindo a que hora poderiades quedar o día 2 a ser posible antes do día 28 de xeito que poidamos buscar un lugar axeitado para vernos dependendo de canta xente sexamos. Porque as ameazas son tamén oportunidades, comecemos a andar o camiño da esperanza.

M

17.6.09

Represión contra os centros que informan

Acabo de recibir vía mail esta información, que reproduzo. Aproveito para animar e felicitar a todo o profesorado de Galicia por ser Fuenteovejuna.

Ás compañeiras e compañeiros traballadores do ensino en Galicia.

No centro no que son director, CEIP Isaac Peral de Ferrol, o equipo de Normalización e Dinamización Lingüística decidiu enviar ás nais e pais de alumnas e alumnos (a respecto da consulta sobre a utilización das linguas por parte da Consellería de Educación), a información do tríptico: AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente e doutro documento, asinado entre outros por A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora de Equipas de normalizacióon Lingüística de Ferrolterra, Coordindora de Equipas Normalización Lingüística de Compostela, Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato das traballadoras e traballadores do ensino de Galiza). Sinaladas en negriña ás que directamente están relacionadas xeográficamente co CEIP Isaac Peral de Ferrol.
Nestes días tivemos coñecemento directo e indirecto de muitos centros de ensino de toda Galicia que remitiron aos pais do alumnado a mesma ou similar información, sen que iso deba alterar “ o proceso ” de enquisa antedito. Persoalmente non creo que dar información, da que teñen capacidade de ofrecela os equipos de NeDL segundo o ROC (Regulamento Orgánico de Centros, artigo 68) supoña un problema para que como cidadáns libres teñamos unha maior óptica dos temas e logo cadaquen coa súa idea…
Por todo elo e sendo denunciada a dirección do meu centro polo “senador del Partido Popular Juan Juncal”, é polo que a aqueles que queiran e que o estimen oportuno, manifesten o seu apoio cunha forma moi sinxela, se é do voso agrado:
suscribir enviando un correo ao meu enderezo particular (luisdocampo@edu.xunta.es) co texto que segue a continuación, na páxina 2 (enviade só a páx. 2). É interesante que vaia neste formato porque a mellor opción para non malgastar papel será para mín incluir eu persoalmennte, un tras outro, os escritos de apoio, para enviarllos á Consellería se fora o caso ou a D. Juan Juncal, ou a quen corresponda, por esa vía tan moderna e democrática que é o correo electrónico que ata ten validez sen levar sinatura manifesta (caso de case toda a documentación que nos chegou sobre “el proceso de consulta”

Adxúntovos a nota de denuncia e unha posible resposta persoal a el ou aos medios.
Juncal, 16-06-09 / 16:37 h
(Galicia) POLITICA,PARTIDOS
PP denuncia colegio Ferrol reparte tríptico de A Mesa junto con encuesta(curiosamente desapareceu o enlace ás 11.50 h. do 16 de xuño)
J. Luis Docampo Amoedo, director do CEIP Isaac Peral de Ferrol

Eu ………..…………………………………………………………..………, …………………… (profesor/a, membro dun equipo directivo, claustro, ...) quero manifestar o meu apoio e solidaridade ao equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Isaac Peral de Ferrol, e ao seu director, ante a denuncia feita polo senador do PP de Ferrol, D. Juan Juncal, por facilitar no seu centro a información do tríptico (que non promoveu nin elaborou A Mesa):
- AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente
- - doutro documento, asinado entre outros pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra,


Asdo:

15.6.09

10.6.09

En galego, por que non

Aínda non está na web da editorial Galaxia (non o podo enlazar), pero o pasado domingo tiven ocasión de devorar enteiriño este libro –estratéxico, sen dúbida– que acaba de publicar Manuel Núñez Singala na editorial que dirixe Víctor Freixanes: En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega. Un libro fresco, útil, necesario, ameno e ben escrito. Sen dúbida, será un libro fundamental para contrarrestar os moitos prexuízos aínda vivos sobre a lingua galega e que algúns, interesadamente, teiman en perpetuar. Non cabe máis que darlle moitos, moitos parabéns ao seu autor.

Recoméndoo vivamente, para todos os públicos e idades, aínda que está dirixido especialmente a combatir os prexuízos sobre o galego entre a mocidade. O capítulo sobre a imposición do galego debería ser de lectura obrigatoria para os conselleiros do PP (moi especialmente para o de Educación).

O libro de Singala sae nunha nova colección que a Galaxia dedica á Intervención social e á didáctica e dentro da campaña Bocaberta que a editorial fai en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cando aínda estaba en Presidencia. Este é o texto da súa contraportada:

"En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte á lingua de Nós. A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego (por que non?) non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social".

5.6.09

24.5.09

19.5.09