4.2.10

55 mentiras sobre a lingua galega

MULTIPRESENTACIÓN MAÑÁ VENRES DA PRIMEIRA PUBLICACIÓN DE PROLINGUA EN 66 LOCALIDADES DE TODO O MUNDO

Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma

En Baiona terá lugar na Biblioteca Municipal ás 20,30 h.
(Presentan: Rosana Estévez, Concha Costas e Anxo Ratel)

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua, presentada publicamente o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, ofrece á sociedade a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega. Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, dirixida polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, coa colaboración de varios membros de ProLingua: Agustín Fernández Paz, Ana Mª Outón Barral, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Luís Regueira Fernández, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal Fustes, Xosé Mª Lema Suárez, Mercedes Queixas Zas, Suso Fernández Acevedo, Alejandro Tobar Salazar e Xabier P. DoCampo.
Este volume pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas, que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar, unha por unha, as principais falacias que no decorrer da historia se veñen vertendo sobre e contra a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade: a imposición do galego fai sufrir aos nenos e aos inmigrantes; os nenos e as nenas que proceden de familias castelanfalantes non poden recibir ensino en galego; a maioría do ensino está en galego e por iso é inevitábel someterse a unha inmersión lingüística neste idioma; o castelán está desaparecido de moitos colexios e institutos; os nenos e nenas galegofalantes non teñen competencia en lingua castelá; na Administración ten que estar todo en galego e castelán; o castelán está desaparacendo de case todos os ámbitos; se o interlocutor (galego) fala en castelán, o galegofalante debe mudar tamén para o castelán por cortesía e educación; o galego impide un maior desenvolvemento turístico do país, así como a contratación de bos profesionais foráneos; o galego normativo e, polo tanto, culto, é artificial, inventado e non recolle a lingua do pobo; o galego non é útil porque non serve para falar fóra do país...
Mais se o contido e o enfoque deste manual é novidoso, sorprendentemente pioneira será a súa presentación social, pois esta celebrarase simultanemente en 66 localidades de diferentes partes do mundo o vindeiro venres 5 de febreiro ás 20:30.
Máis de 175 persoas partillarán mesa de presentación nas 66 localidades confirmadas a día de hoxe que, previsibelmente, se acrecentarán nas próximas horas -capitais de Estado, cidades, vilas, cabeceiras de comarca e grandes urbes internacionais como Londres, Lisboa, Bos Aires, Tübingen, París, Nova York, Copenhague, Bruxelas ou Bethelem- co obxectivo de divulgar simultaneamente este primeiro volume nado en ProLingua, como primeira concreción dunha reacción social apartidaria, organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego. Con este breve ensaio, de doada lectura, preténdese acoutar a enrevesada e maliciosa arañeira tecida ao redor das falacias subrepticiamente divulgadas na sociedade, descubrir a verdadeira cara da mentira que Agostiño de Hipona definiu como «a expresión de algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar» é o obxectivo desta iniciativa.
Porque fica máis evidente que nunca que a lingua e o pobo camiñan xuntos e o seu futuro xógase tamén conxuntamente.
Asemade, ProLingua agradece a Edicións Laiovento a plena receptividade deste manual e a total predisposición para a súa publicación inmediata.

Toda a información completa referida ás localidades e mais a ubicación exacta das presentacións confirmadas pode visitarse en: www.prolinguagalega.org

PROLINGUA agradece a difusión desta importante noticia de apoio social á lingua galega

Ningún comentario:

Publicar un comentario