31.7.08

Hable bien



Reprodución do folleto Hable bien, impreso en 1942 na Coruña e distribuído para reprimir o uso da lingua galega durante o franquismo. Actual imaxe de cuberta do libro A represión lingüística en Galiza no século XX (Xerais, 2008)

27.7.08

GZ

Observo que, primeira vez, A Nosa Terra Diario (o dixital) decidiu incluír na súa web unha das miñas columnas de opinión do semanario en papel. Titúlase GZ.


24.7.08

A patrulla na estrada

Era xa noite pecha cando nos deron o alto. Empuñaban metralletas coas que facían sinais para que nos detivesemos. Botámonos a unha beira da estrada. Parecía unha patrulla militar, de cinco ou seis soldados moi noviños. Con aire autoritario, tres deles entraron no furgón pola porta lateral. Observáronnos detidamente e puxéronse a remexer ó tempo que nos facían preguntas. Estaban bébedos. Un deles, de ollos enroxecidos, revolvíao todo con violencia. Botounos fóra a berros e saíu detrás nosa. Os seus compañeiros miraron divertidos para nós. Empuxáronnos contra o lateral da furgoneta, de brazos e pernas abertas. Pensei na nena, que estaba completamente durmida na liteira superior. Colocáronnos as metralletas sobre o costado e logo de cachearnos deixáronnos estar. O máis bébedo, de cara triste, ollou con desprecio para nós e volveu entrar no furgón. Supuxen que os seus compañeiros, dentro, estarían roubando a pracer. Decidinme a entrar detrás del. Puxérano todo patas arriba. Cando lle indiquei, suplicante, que a nena durmía na liteira superior, bateu na madeira coa culata da metralleta, espertándoa. Logo dirixiuse á parte dianteira e remexeu entre as cintas de música. De súpeto brilláronlle os ollos e debuxóuselle un estraño sorriso nos beizos. Era unha vella casete de Julio Iglesias. Meteuna no peto e abandonou a furgona asubiando e fumando. Os outros seguírono. Da liteira chegaba a voz da nena: «Quero mexar».

20.7.08

Poetas galegas e irlandesas

En outubro intervirei,en calidade de editor, nun seminario internacional sobre creación, edición e crítica que reune a poetas galegas e irlandesas e que se celebrará en Santiago de Compostela. Esta é a documentación que recibín sobre o congreso:

Este seminario internacional reúne representantes do mundo editorial, da crítica e da creación poética tanto de Galicia como de Irlanda con obxecto de que poidan poñer en común as súas experiencias en relación ao fenómeno da recente emerxencia de mulleres poetas en ambas comunidades. Até a actualidade, foi frecuente realizar seminarios cunha presenza dominante de investigadoras e algún escritor convidado, pero coa ausencia do mundo editorial. No seminario que aquí presentamos, desexamos inverter esta práctica e darlles a palabra prioritariamente ás escritoras, que dialogarán con críticos e editores sobre as relacións entre a creación, a edición e a crítica.

Galicia e Irlanda comparten fortes lazos culturais e semellanzas sociais que foron obxecto de numerosas investigacións. Ademais de promover as relacións internacionais entre os ámbitos literarios galego e irlandés, este seminario profunda na transformación da tradición literaria provocada pola incorporación de numerosas escritoras aos seus sistemas literarios respectivos nos últimos trinta anos, co conseguinte impacto no mercado editorial e no sector da crítica. Convidouse a dúas poetas irlandesas e a catro poetas galegas, sendo un dos temas de interese o da elección lingüística en comunidades oficialmente bilingües.

17.7.08

Batuko Tabanka

Un dos discos que, desde hai tempo, espero con máis ansiedade, faise desexar. Até o mes de outubro non poderemos disfrutar del. Estou seguro de que vai ser un disco abraiante e que a intuición non me vai fallar. A verdade é que algo xa oín del.
Ademais, este disco vai ser especialmente emotivo para min, que hai algúns anos cabalguei a golpe de transporte público as illas de Cabo Verde.

14.7.08

A porenización dos textos

Agora que rematou a primavera (aínda que non o pareza), esa época en que porenizan os textos, espallándose co vento para reproducirse, gustaríame facer un comentario con respecto á capacidade de influencia que a estricta aplicación da norma ten sobre os/as redactores/as, os/as escritores/as, os/as correctores/as e, en xeral, sobre todas as persoas que empregamos a palabra escrita no noso oficio. Lembro épocas da nosa historia recente en que as series da TVG se enchían de repente, por exemplo, de «nonsis» que, logo de invadilo todo co seu manto primaveral, desaparecían radicalmente do planeta terra. Curiosamente, nos últimos tempos, observo unha chegada masiva de volvoretas porenizadoras, que se pousan sobre os textos e, estendendo as súas finas e longuísimas linguas, van deitando «poréns» aquí e alí, inzándoo todo coa súa limpa e decidida porenización. Menos mal que a primavera, como todas as estacións, tamén rematou.

10.7.08

De Ramón Piñeiro a Franco Grande

Pois non acabo eu de entender moi ben iso de que a Real Academia Galega recuperou o rumbo.

¿O rumbo é dedicarlle o Día das Letras Galegas a un «escritor» que non ten obra literaria? ¿Esa é a imaxe que queremos dar da literatura galega? Non cuestiono a súa proxección como figura central do galeguismo cultural durante o franquismo, pero ¿ula a súa obra literaria?

Polo demais, xa lle gustaría a máis de un ser autor dun poemario da fondura e da intensidade que teñen os da «analfabeta de Noia».

6.7.08

Relaxarse

Algunhas veces, no meu escaso tempo libro, intentei relaxarme cun pincel, facendo este tipo de parvadas. Nin me relaxa nin teño man para a pintura. Está claro. En cambio, o que si me relaxa é coller a bicicleta e saír a facer quilómetros, sobre todo pola beira do mar.

3.7.08

José Antonio Marina

¿Como se pode afirmar nun libro que "en la India hay 1652 lenguas, mientras que en Europa sólo se mantienen unas 70. Como no hay razón para admitir una peculiar falta de inventiva lingüística europea, podemos suponer que fueron causas políticas las que provocaron la supervivencia de unas pocas y la desparición del resto. Los estados muy centralizados suelen considerar engorrosa la proliferación lingüística" e a agora asinar un Manifiesto en defensa del castellano onde se din cousas como: "Hay crecientes razones para preocuparse en nuestro país por la situación institucional de la lengua castellana"; ou cousas como: "las lenguas no tienen el derecho de conseguir coactivamente hablantes ni a imponerse como prioritarias en educación, información, rotulación, instituciones, etc... en detrimento del castellano (y mucho menos se puede llamar a semejante atropello "normalización lingüística").
As primeiras son palabras de José Antonio Marina. As segundas, algunhas citas do manifesto promovido por Rosa Díez no Parlamento Español, que el asinou.