18.10.21

Praia América, o topónimo denostado

Estou un pouco canso de escoitar como se denigra o topónimo Praia América. Si, o nome orixinal da praia era Lourido, seino. De feito, consérvase no Monte Lourido, lugar en que a praia comeza. E os topónimos «reflicten mil veces –dicía Álvaro Cunqueiro–, tanto como unha determinación significativa, un grao de amor e de amizade, e incluso de nostalxia, e sobre todo de posesión; é dicir, de cultura e de historia». Ben o sei, sinto paixón pola toponimia e, como escritor, aliméntome dela. Precisamente por iso, porque os topónimos reflicten tamén ese grao de cultura e de historia, gústame o topónimo Praia América. E non é un criterio gratuito. Argúese que que o nome foi inventado polo emigrante filántropo Manuel Lemos a finais dos anos 20 do pasado século. Probablemente Manuel Lemos, no seu proxecto empresarial de converter Lourido nunha praia atractiva para o turismo, propulsou definitivamente o cambio sen ningún tipo de intención cultural senón máis ben comercial. Pero, sen dúbida, non inventou nada. O lugar era coñecido xa entre os veciños como Praia América. A denominación, Praia América, estaba –ignoro en que grao– asentada na boca da xente de Nigrán. Por que? Porque cando a emigración castigou duramente o Val Miñor, como o fixo con tantas comarcas de Galicia, nas herdanzas deixábanselle as terras que estaban perto da praia –que eran areais improdutivos– aos fillos emigrados a América porque, loxicamente, non ían traballalas e as terras máis afastadas dos areais, moito máis ricas e produtivas, quedaban para os que non emigraran e continuaban a romper o lombo co traballo da terra. Daquela era o campo o o que daba o sustento e, en consecuencia, as terras máis fértiles eran as máis aprezadas. Logo, chegou o boom urbanístico e o declive da cultura rural e todo cambiou, perdendo valor as terras fértiles e disparándose os prezos das herdades lindantes coa praia. De aí que popularmente se lle chamase Praia América, pois as terras estaban en mans dos americanos, é dicir, dos galegos emigrados ás américas. 
Xa que logo, o topónimo Praia América terá apenas un século pero arrastra canda si unha enorme carga sociolóxica ligada á historia máis dolorosa e identitaria de Galicia e denostalo supón, en moi boa media, un terrible acto de desmemoria.