13.12.14

«O principiño», unha película á altura dun libro de culto?

A través da revista portuguesa Fábulas, que sigo desde hai tempo, descubro que un libro tan emblemático e simbólico como O principiño foi levado ao cine en Francia. Non debe ser un reto doado, desde logo. En Fábulas adiántannos o tráiler dunha película (de animación) que non se estreará ata o 7 outubro do 2015 (en Francia). Así que, malia boa pinta que ten, haberá que esperar.



1.11.14

Sobre os booktráilers e a literatura transmedia

Malia as voces que falan da morte do booktráiler, cuestión que é moi discutible, moi especialmente nun momento en que emerxe a narrativa transmedia con toda a enerxía que lle inxecta o futuro dixital, con Silencio decidinme, por primeira vez, a facer un booktráiler. Refírome, claro, a un booktráiler ficcionado, pois un bo booktráiler, entendo eu, ten que manexar os mesmos plantexamentos narrativos que unha novela. Con todo, eu xa fixera un booktráiler con Un país a medio facer, pero realizado dentro dos parámetros dunha peza xornalística (reprodúzoo máis abaixo).

Aínda que non lle quito algunhas razóns ao artigo citado, creo que nada ten que ver a morte do booktráiler coa súa popularización, que foi impulsada grazas á versatilidade e simplificación das ferramentas de edición de video. Sen dúbida, ese tamén é un dos motivos polos que eu mesmo puiden realizar o meu propio booktráiler. E, aínda que puidese parecer sorprendente que eu diga iso, o coñecemento e manexo das ferramentas multimedia son unha necesidade para o escritor do futuro –case do presente– ante os novos retos da literatura transmedia. Eu xa estou a traballar nese camiño e espero poder ofrecerllo aos meus lectores e lectoras axiña, dando un paso moito máis avanzado e decidido que o modelo de edición estendida que empreguei en O meu gato é un poeta.

Entendo que o meu booktráiler de Silencio adoece de dificultades e descoñecemento técnico pero en cambio exhibe as armas de quen ten a experiencia de saber construír unha historia. Ora ben, tanto un coma outro, serán factores decisivos no futuro. Teño o convencemento de que os escritores e escritoras teremos que posuír tamén certo espírito de tecnólogos/as. E iso non significa, en absoluto, renunciar á palabra, que continuará a ser o elemento imprescindible do noso traballo. Pero só apostar por esa liña significará facer noso o futuro.


Silencio (Xerais, 2014)

Un país a medio facer (Xerais,2008)



25.10.14

Entrevista con Suso de Toro en Ara.cat

O xornal catalán Ara.cat publicou unha longa e interesante entrevista con Suso de Toro feita por Carles Capdevila na que fala de política e de literatura. O escritor –que nunca abandounou o ámbito da intervención– acaba de volver á actualidade coa publicación de Somnámbulos, e advirte que deu por rematada unha carreira literaria pero non a súa relación coa literatura. O regreso do escritor máis iconoclasta e inconformista da literatura galega é unha boa noticia.



8.10.14

«Biblioferit», unha canción de amor ás bibliotecas

O Servei de Biblioteques da Generalitat de Catalunya encargoulle a La Tresca i la Verdesca, un grupo de música infantil, que compuxese unha canción sobre as bibliotecas coa vocación de animar os pequenos lectores e lectoras ao seu uso e, ao tempo, que servise de seu como elemento de animación lectora. Os membros de La Tresca i la Verdesca crearon unha fermosa canción de amor á biblioteca, titulada Biblioferit, emulando o conto da Ratiña presumida. O resultado final é este magnífico vídeo musical, tan emotivo para as persoas que traballamos na animación á lectura e facemos nosas as imaxes que aparecen na pantalla.
Observando unha sociedade coa madurez cultural da catalana, tan capaz de xerar ilusión e de apoiar a cidadanía no recoñecemento da súa propia cultura, non debería estrañarlle a ninguén que desexen ser unha nación independente. Con esa capacidade xigantesca de soñar e crear referentes (que contrasta tanto coa miseria cultural da Consellería de Cultura), o Estado catalán (que chegará algún día, sen dúbida, pois os cataláns así o desexan) será un dos estados máis avanzados de Europa en políticas educativas e culturais.




Biblioferit from suvata produccions on Vimeo.


«El grup d'animació infantil i familiar de La Tresca i la Verdesca han rebut l'encàrrec de fer una cançó per a tots aquells que ens agrada passar hores i hores en la biblioteca. El cas és que hi ha algú que s'hi ha passat tantes, que hi està enamorat. És el "Biblioferit", un malalt d'amor per una biblioteca» (Catalunya Radio).

25.9.14

Celso Emilio Ferreiro e Os Diplomáticos de Monte Alto

Este ano, o Festival Revenidas e a Asociación Cultural Liviao de Marrao, que organizou Por parroquias, celebraron os 20 anos do Bravú. No Culturgal inaugurarase unha exposición do significado deses 20 anos e Os Diplomáticos de Monte Alto volveron a subir aos escenarios para conmemorar ese movemento do que foron humus. Tamén realizaron un videoclip, xa ben coñecido, que aínda non reproducín en Cabrafanada e para o que tiven a fortuna de colaborar. Os Diplomáticos de Monte Alto e Celso Emilo Ferreiro, dous enormes motores da cultura galega, están xuntos nesta versión de «Deitado frente ao mar»

22.7.14

A fenda que nos fende

Reproduzo un artigo da miña autoría, centrado na creación literaria, que me foi solicitado desde a AELG para a súa publicación no semanario Sermos Galiza.


A fenda que nos fende 

Ás veces pregúntome por que escribo. Non é que me interrogue sobre os motivos que me levaron á escrita senón sobre os que me impulsan a seguir escribindo. Os primeiros, probablemente, son máis persoais. Escribir non deixa de ser unha procura de identidade que nos axuda a situarnos ante nós mesmos e ante o mundo. E, se cadra, un desexo de parar o tempo.
Os motivos que me impulsan a seguir escribindo son máis complexos. En Galicia adoitamos escribir desde as marxes, loitando contra a invisibilidade e contra a indiferenza da administración. Abordamos o proceso creativo cando remata a nosa xornada laboral, abrindo unha nova xornada centrada na escrita. Escribimos roubándolle o tempo ao lecer, ao descanso, ao sono, ás persoas ás que queremos, á amizade... Construímos a nosa obra literaria co vento en contra. Acudimos a numerosas citas e requerimentos de xeito voluntarista e ás veces nin sequera atopamos comprensión cando expresamos as dificultades. Tragamos a nosa decepción. E batemos cos nosos propios fracasos, que non adoitamos recoñecer. Afrontar a escrita nesas condicións resulta esgotador. Sen dúbida, a vocación é unha chamada profunda, abisal, que vén dalgún lugar remoto para aflorar cunha forza salvaxe. 
Pero o que máis me preocupa é esa fenda enorme que se abre entre nós e a sociedade. Esa fenda que non ten nada que ver coa calidade do que escribimos senón coa lingua en que escribimos. Esa fenda que nos dilúe e nos encolle día a día. Esa fenda que nos apodrece e nos devora. Esa fenda ante a que baixo ningún concepto podemos permanecer impasibles.





25.6.14

A teatralización de «O meu gato é un poeta»

Por fin, con máis vagar, teño un momento para agradecer publicamente o traballo da profesora e escritora Chus Pereiro, que levou a cabo un excelente e minucioso traballo de teatralización a partir do meu libro de poesía infantil O meu gato é un poeta para representalo nas V Xornadas Municipais de Teatro Escolar cos seus alumnos e alumnas de 1º ciclo de Primaria. Convidado pola propia Chus, no seu día tiven o pracer de asistir á representación, que se celebrou o pasado mes de maio no Auditorio do Concello de Vigo. O traballo da directora e dos rapaces e rapazas engaioloume desde a primeira escena e pareceume unha evocadora proposta plástica, que ten máis mérito de considerarmos as dificultades de trasladar a linguaxe poética ao teatro infantil. Días despois, visitei aos pequenos actores e actrices no seu centro escolar, o CEIP Canicouva, e puiden comprobar a intensidade coa que os nenos e nenas traballaran o libro, que sabían enteiro de memoria.

Aproveito esta anotación para agradecer tamén todo o traballo que moitos profesores e profesoras levaron a cabo con libros da miña autoría durante o curso escolar 2013/2014 en diversos centros de ensino, centros dos que visitei arredor dunha vintena.










27.3.14

«Lobos sucios», a memoria do volframio

A través de Luís Domínguez, descubrín hai xa algún tempo este fermoso vídeo sobre o volframio en Galicia, que relata a historia das minas de Casaio, na que se obrigaba aos presos políticos antifranquistas a extraer volfram para os nazis durante a II Guerra Mundial. Tamén acude a miña memoria unha dramática reportaxe que un compañeiro xornalista fixera no Diario 16 de Galicia sobre as condicións feudais que se lle aplicaba a principios dos 90 á man de obra precisa para a extracción de lousa.

17.1.14

A recuperación de Samil

A constante teimosía con que a area, temporal tras temporal, intenta recuperar o que era seu pon en evidencia a destrutiva e equivoca urbanización que se levou a cabo en moitas praias galegas. 

Estes días, o paseo de Samil apareceu invandido pola area. Durantes anos, iso sucedeu incansablemente en Praia América, ata que se iniciaron os tímidos traballos de recuperación que hoxe lle devolveron certa dignidade á praia. Con todo, as dunas de Gaifar nunca poderán xa ser recuperadas. Tampouco o Samil da miña infancia. Aqueles piñeirais aos que iamos merendar sentados sobre a area (e que permanecen vivos nos contos de X. L. Méndez Ferrín) desapareceron irremediablemente baixo a política irresponsable de urbanización dos espazos naturais que moitos concellos levaron a cabo (con algúns personaxes de lembranza tan nefasta como o vigués Agustín Arca). A praia da Ladeira, en Baiona mesmo se privatizou para construír un camping.

Afortunadamente, hai moitos anos recuperouse en Vigo a praia do Vao (a mellor da cidade, sen dúbida) grazas á inciativa do concelleiro Suso Costas, e hoxe é un exemplo dun espazo natural rexenerado, que equilibra razoablemente o uso para o esparcimento coa preservación da natureza.

Ás veces os intereses urbanísticos e ás veces unha errada e perigosa forma de entender o «embelecemento» dos espazos naturais levaron a estragar as praias nunha acción que se podería comparar, salvando as distancias, coa febre que escachizou o patrimonio arquitectónico vigués nos anos do «desarrollismo». Evidentemente os abusos acaban pagándose e o partido político que durante os anos 80 e 90 deu vía libre á urbanización desmedida quere agora dar pasos atrás.

En contraste, as autoridades en Europa non se preocupan de que a cidadanía poida aparcar os seus vehículos a pé de praia senón de que, aínda que deban camiñar para chegar a elas, os espazos preserven toda a súa beleza natural.
En Vigo xa vai sendo hora de que a area de Samil recupere o que sempre foi seu, o lugar onde estivo durante séculos. A cidade merece unha praia rexenerada e repectuosa, con area e piñeirais, á altura da fermosura da paisaxe que a ría ofrece. Unha praia como a que eu puiden gozar na miña infancia.