Amosando publicacións coa etiqueta O meu gato é un poeta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O meu gato é un poeta. Amosar todas as publicacións

1.11.14

Sobre os booktráilers e a literatura transmedia

Malia as voces que falan da morte do booktráiler, cuestión que é moi discutible, moi especialmente nun momento en que emerxe a narrativa transmedia con toda a enerxía que lle inxecta o futuro dixital, con Silencio decidinme, por primeira vez, a facer un booktráiler. Refírome, claro, a un booktráiler ficcionado, pois un bo booktráiler, entendo eu, ten que manexar os mesmos plantexamentos narrativos que unha novela. Con todo, eu xa fixera un booktráiler con Un país a medio facer, pero realizado dentro dos parámetros dunha peza xornalística (reprodúzoo máis abaixo).

Aínda que non lle quito algunhas razóns ao artigo citado, creo que nada ten que ver a morte do booktráiler coa súa popularización, que foi impulsada grazas á versatilidade e simplificación das ferramentas de edición de video. Sen dúbida, ese tamén é un dos motivos polos que eu mesmo puiden realizar o meu propio booktráiler. E, aínda que puidese parecer sorprendente que eu diga iso, o coñecemento e manexo das ferramentas multimedia son unha necesidade para o escritor do futuro –case do presente– ante os novos retos da literatura transmedia. Eu xa estou a traballar nese camiño e espero poder ofrecerllo aos meus lectores e lectoras axiña, dando un paso moito máis avanzado e decidido que o modelo de edición estendida que empreguei en O meu gato é un poeta.

Entendo que o meu booktráiler de Silencio adoece de dificultades e descoñecemento técnico pero en cambio exhibe as armas de quen ten a experiencia de saber construír unha historia. Ora ben, tanto un coma outro, serán factores decisivos no futuro. Teño o convencemento de que os escritores e escritoras teremos que posuír tamén certo espírito de tecnólogos/as. E iso non significa, en absoluto, renunciar á palabra, que continuará a ser o elemento imprescindible do noso traballo. Pero só apostar por esa liña significará facer noso o futuro.


Silencio (Xerais, 2014)

Un país a medio facer (Xerais,2008)



26.3.12

«A poesía abre o apetito». Vídeos e recursos sobre «O meu gato é un poeta»

Unha das cuestións que me máis me están a sorprender sobre O meu gato é un poeta é a súa enorme flexibilidade para adaptarse a distintos niveis educativos. Desde Educación Infantil ata 1º da ESO, visitei numerosos centros nos que o libro encaixou en niveis moi diferentes ou distantes.
Aínda que eu poida entender que os destinatarios ideais do libro son os de 3º, 4ª ou 5ª de Primaria, non é menos certo que funciona moi ben en Infantil (os proxectos que levou adiante @MestraPrimaria, e que reproduzo a continuación, demóstrano), pero tampouco é menos certo que funciona moi ben en 6ª de Primaria ou mesmo en 1º da ESO (de feito, visitei alumnado deste curso que o leron e sintonizaron con el nos IES de Valadares, Colexio Mariano, IES de Teis, etc).

«A poesía abre o apetito», vídeo sobre O meu gato é un poeta elaborado por alumnos de 3º de Primaria do CPI Virxe da Saleta en marzo de 2012 (César A., César B., Adrián, Clara, Gabriel, Sara, Alicia, José Manuel, Rocí­o, Belén e Xiana), co profesor Martiño Ramos.


A Poesía abre o apetito para comer from cpivirxedasaleta on Vimeo.


En calquera caso, eu non podo máis que estar agradecido aos fermosos materiais e recursos didácticos que o profesorado está a crear, cos rapaces e rapazas, a partir de O meu gato é un poeta. Un deses recursos é a ficha didáctica elaborada polo Club de Lectura Compatida do CPI do Rosal (descargar) onde estiven de visita esta semana pasada.
Outro recurso co que tamén me agasallaron esta semana foi o vídeo que elaboraron no CPI Virxe da Saleta de Cea (os mesmos que fixeron aquel fermoso vídeo de «A lingua sabe a pan»). E, moi nomeadamente, os traballos que está a levar a cabo a profesora Ana Mariño (@MestraPrimaria), que o ano pasado traballou en Educación Infantil co poema MIAU de «O meu gato é un poeta» e mesmo elaborou unha páxina para presentar no Encuentro de Buenas Prácticas TIC, celebrado no CITA da Fundación Germán Sánchez Ruipérez; e este ano traballa co libro cos seus alumnos de Primaria en Salvaterra de Miño.


Os trabalinguas de O meu gato é un poeta nun vídeo elaborado polo alumnado do C.E.P. Sequelo de Marín durante o curso 2011-2012, co profesor Xosé Pazos.




Vídeo sobre o poema «Miau» de O meu gato é un poeta, elaborado polo alumnado de infantil do CEIP Infante Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño) durante o curso 2010-2011, coa profesora Ana Mariño (@MestraPrimaria).




MANUAL PARA SER POETA, por @MestraPrimaria, on PhotoPeach



Vídeo de Duetto Buffo Di Due Gatti, con Montserrat Caballé e Montserrat Martí, empregado no Club de Lectura do CPI do Rosal como apoio para a lectura de O meu gato é un poeta en 2, 3 e 4º de Primaria no Club Lecturas Compartidas. 





Traballando poesías de Fran Alonso, por @MestraPrimaria, on PhotoPeach


Traballando O meu gato é un poeta por @MestraPrimaria, on PhotoPeach


Traballos sobre O meu gato é un poeta, por @MestraPrimaria, on PhotoPeach


30.5.11

Vídeo do poema Miau, de «O meu gato é un poeta», feito por rapaces de infantil

Vídeo do poema «Miau», de O meu gato é un poeta, feito polos alumnos de 4º de infantil do CEIP Felipe de Borbón (Salvaterra de Miño).

17.5.11

Espectáculo poético-musical «O meu gato é un poeta» na Coruña este venres 20, con Fran Alonso e Xurxo Souto

Este venres 20 de maio, ás 18,30 h da tarde, na Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto (Campo de Marte s/n) da Coruña terá lugar o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta dirixido a nenos e nenas de 4 anos en diante e tamén a adultos, no que participarán o escritor Fran Alonso e o músico Xurxo Souto. O acto está organizado por Xerais e pola Librería Sisargas da Coruña. Durante a sesión, a poesía convertirase en máxia, convertirase en música, convertirase en xogo e soará o acordeón.

Grazas aos versos malbaristas do gato poeta, que inspirou o libro escrito por Fran Alonso e o disco composto por Xurxo Souto, poderemos visitar o mar, coñecer o amor, adentrarnos na noite, xogar coa lingua e ver como a poesía se converte nun globo.

Pase de diapositivas do Especátulo poético-musical «O meu gato é un poeta»

10.5.11

Espectáculo poético-musical «O meu gato é un poeta» en Vigo este venres, comigo e con Xurxo Souto

Este venres 13 de maio, ás 18,30 h. da tarde, a librería Libros para Soñar (Rúa Triunfo 1, Casco Vello) de Vigo acollerá o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta dirixido a nenos e nenas de 4 anos en diante e tamén a adultos, no que participaremos eu e o músico Xurxo Souto. Durante a sesión, a poesía convertirase en máxia, convertirase en música, convertirase en xogo e soará o acordeón.
Grazas aos versos malbaristas do gato poeta, que inspirou o libro escrito por min e o disco composto por Xurxo Souto, poderemos visitar o mar, coñecer o amor, adentrarnos na noite, xogar coa lingua e ver como a poesía se converte nun globo.

2.5.11

Especátulo poético-musical de «O meu gato é un poeta»: Santiago, Gondomar, Vigo e A Coruña

O escritor Fran Alonso e o músico Xurxo Souto presentaran o espectáculo poético musical «O meu gato é un poeta», dirixido a ennos en nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante as sesións, a poesía convertirase en maxia, en música, en xogo e soará o acordeón.

CALENDARIO

Martes 3 en SANTIAGO: Ás 18,30 h. na Feira do Libro
Sábado 7 en GONDOMAR: Librería Libraida ás 12 horas da mañá.
Venres 13 en VIGO: ás 18,30 na librería Libros para soñar (casco vello)
Venres 20 en A CORUÑA: ás 18,30 h. na Biblioteca da AAVV de Monte Alto.


18.4.11

«A serenidade vixiante», a entrevista que me fixo Lupe Gómez

O sábado publicóuse nas páxinas do Galicia Hoxe unha longa e fermosa entrevista que me fixo a xornalista e escritora Lupe Gómez. Grazas, Lupe.

«A SERENIDADE VIXIANTE»

O escritor Fran Alonso publica en Xerais o libro O meu gato é un poeta, que inclúe CD e clave de acceso a web, para darlle un novo enfoque á poesía infantoxuvenil

É autor de libros como O brillo dos elefantes ou Males de cabeza. A súa escrita sempre está alerta ante a realidade, como se Fran Alonso fose un gato de mirada magnética. El cre que a poesía debería estar en todas as partes: nos autobuses, nos supermercados, nos bocadillos de papel, nos globos azuis que ascenden no aire... Con O meu gato é un poeta consegue chegar aos rapaces e rapazas cun enfoque divertido, ameno, interactivo. El pensa que "a poesía acompaña o ser humano dende as cavernas, e seguirá acompañándoo porque é consubstancial a el. Outra cousa é que as súas formas vaian cambiando e, nese sentido, eu intúo os cambios máis radicais nun futuro próximo." Fran Alonso é un xardineiro que coida moi ben do xardín das palabras, con serenidadade vixiante.


















De onde veñen o teu nome e os teus apelidos? Por que te chamas Fran Alonso? Que importancia cres que teñen os nomes? Daríache igual chamarte doutra maneira?

Evidentemente, as persoas non escollemos o noso nome. Pero afacémonos a como nos chaman na casa, a como nos chaman familiarmente. A min sempre me chamaron Fran, desde neno. É curioso, porque cando publiquei os meus primeiros libros había xente á que lle daba por chamarme Paco, en vez de Fran. É un apócope coma outro calquera, pero eu nunca me identifiquei con el; soábame estraño, alleo a min. Foi daquela cando decidín empregar Fran Alonso como nome literario. Ademais, singualizaba a miña identidade pública. Se cadra, se chego a facer esa reflexión antes de publicar, optaba por un nome literario moi diferente. Entre outras cousas, porque me gusta separar a miña vida privada da pública. Nese sentido, son pudoroso.

Como recordas aquel Vigo da túa infancia? A que xogabas cando eras un neno? Lembras os teus compañeiros e compañeiras de xogos?

A miña primeira infancia non transcorreu en Vigo senón na aldea de meu pai, que era en Crecente. Leváronme para Vigo para escolarizarme definitivamente, aos seis anos, e lémbroo como un choque asfixiante, de falta de espazo, de aire, de liberdade. Estaba afeito a saír da casa e desaparecer, sen renderlle contas a ninguén. En Vigo iso non era posible. O primeiro día de clase, miña nai dixérame que non cruzase a rúa se non era da man dalgún profesor. Á saída, o autobús estaba do outro lado da rúa, e como ninguén me deu a man, non crucei. Quedei alí, vendo marchar o autobús, ata que, varias horas despois, deron comigo. Claro que lembro, e moito, os meus compañeiros de xogos. Os xogos aínda eran estacionais, e iso era fantástico. Todo tiña o seu tempo, desde xogar ó trompo.

Ti realmente tes ou tiveches algunha vez un gato? Era un animal poeta con ollos bonitos e moita imaxinación? Por que os ollos dos gatos nos dan un pouco de medo pero ao mesmo tempo resultan máxicos?

A miña casa é unha especie de cruce de camiños de todos os gatos do barrio, que entran e saen sixiliosamente, ao seu xeito. Entre eles, hai varios gatos poetas, pero especialmente un, de ollos brillantes e imantados. Ese é o que me dita os versos. Os gatos son animais máxicos, enigmáticos, con moita tradición literaria. Eu mesmo, xa botei man deles en Males de cabeza e A casa da duna. Gústame deles a súa radical independencia e a súa serenidade vixiante.

O traballo de editar libros é bonito e interesante como facer traxes para as palabras? Un editor é dalgun xeito un costureiro?

O editor ten moito de costureiro ou, se cadra, de xardineiro. Coida as árbores máis fermosas do xardín para que luzan e arrecendan. O editor tamén é un mediador, pero un mediador que intervén sobre o libro, sobre o seu resultado final, e sobre a creación dun estandar socioliterario. Creo que o do editor é un papel fundamental, que hoxe por hoxe está en perigo debido á voracidade do mercado, e que debe ser reforzado máis ca nunca. Ademais, esa revolución fabulosa que supón a rede e o libro electrónico tamén supón, por desgraza, unha desvalorización do seu rol. Se queremos apostar por unha literatura de calidade, é necesario reivindicalo.

O libro "O meu gato é un poeta" lévanos a unha páxina web. Esa é a mellor forma de achegarse aos rapaces e rapazas de hoxe en día? É como se o libro tivese distintos camiños, e así resulta máis dinámico e está "máis vivo". Resulta interactivo, e o lector-a tamén participa no libro.

Non sei se é a mellor, pero si unha forma moi próxima á súa sensibilidade e ás súas inquedanzas. A web de O meu gato é un poeta posibilita que os nenos participen activamente: poden opinar, poden votar, pode escoitar os poemas en mp3, poden navegar ao seu xeito. Paréceme importante darlle un papel preponderante ao lector. Eu non quería que o libro rematase no papel; quería que continuase máis alá, para sentir a poesía a través doutras propostas, ben sexa na web ou no disco, e que os nenos puidesen percibir os poemas a través de todos os sentidos posibles. Ademais, no futuro a poesía acabará trasladándose á web, e non tardará moito.

Como definirías a sensibilidade? Ti dis que a escrita é unha forma de estar no mundo, moi ligada á infancia. A sensibilidade é un valor precioso e ás veces non lle damos toda a importancia que ten?

Eu creo que a sensibilidade é unha actitude, en boa medida connatural, de apertura fronte ao mundo, fronte aos demais e fronte á creación artística. A min paréceme fundamental á hora de enfrontarme ao papel en branco.

É certo que a poesía ten propiedades terapéuticas e diuréticas? Non debemos perder de vista a capacidade subversiva da literatura?

Eu creo que a poesía ten propiedades terapéuticas porque permite recoñecernos nela, salvarnos a través dela ou compartir, tamén a través dela, a nosa soidade. E, se cadra por iso, tamén é subversiva, porque converte o individual en colectivo, o persoal en social. E potencia o poder da palabra. E é diurética porque a súa lectura alivia profundamente.

Xurxo Souto acompaña coa súa música o teu recitado de poemas no CD que acompaña ao teu libro. Resultouche fácil entenderte e traballar con el? A súa música anima extraordinariamente os teus poemas.

Desde que coñezo a Xurxo Souto, hai moitos anos, sei que é moi doado entenderse con el. Xurxo é unha persoa con talento e moi xenerosa.
Evidentemente, nos ensaios el podía máis ca min, porque ten esa insuperable resistencia dos músicos enriba do escenario. A música que compuxo para o disco de O meu gato é un poeta é sensacional e deume a oportunidade de poder levar o libro a unha nova dimensión, fascinante, excitante, na que eu me recoñezo grazas ao traballo de Xurxo. E aos nenos encántanlles os poemas con música!

Por que comparas a poesía cun globo azul que incha e voa e desaparece no aire?

Poucas cousas hai máis fermosas para un cativo que ver como un globo desaparece no aire, sempre que non sexa o seu, claro. Para falar da poesía, no libro eu comparo as palabras cun globo, porque na poesía as palabras hai que inchalas moito, para que signifiquen moitas cousas, máis do que significan normalmente. Así constrúense os poemas: hai que soprar moito para inchar as palabras, que son como globos, e logo esas palabras son libres para expresar o que precisen expresar. Desa imaxe da poesía como un globo tamén procede un recital-espectáculo de poesía infantil galega que levo varios anos facendo en centros de ensino e bibliotecas e aos nenos encántalles. Esa experiencia foi fundamental para min á hora de escribir O meu gato é un poeta.

Cres que debemos reivindicar que os políticos lean poesía? Se lesen poesía, os seus discursos serían máis intelixentes, máis divertidos e máis profundos?

A política, hoxe por hoxe, está deteriorada, ensimesmada, cegada, lixada, endeusada. A súa práctica necesita ser destruída para reinventala, porque as reformas xa non valen. Precisa do poder da imaxinación, da liberdade. O exercicio da política, que ten que garantir as liberdades, non é libre. A lectura de poesía por parte dos políticos axudaría a reinventala, a devolverlle a capacidade creativa, a entrega, a intelixencia, a profundidade, o matiz, liberdade, a oportunidade da discrepancia. Sería facela máis crible, máis digna, máis orixinal e divertida. Que os políticos lean poesía non debe ser un consello, debería ser unha esixencia da cidadanía, o lema dunha pancarta: esiximos que os políticos lean poesía.

Por que escribir un poema de amor é tan difícil?


Escribir un bo poema de amor é dificilísimo porque o amor é o sentimento máis universal e ten tanta forza que cega o poema.Unha das maiores virtudes da poesía é que a súa palabra é a liberdade absoluta. Pero hai que transmitirlle á xente esa verdade, de xeito que a sintan próxima. É necesario que os nenos saiban que a poesía vale para todo: para namorar, para merendala nun bocadillo de papel, e parar berrar a palabra liberdade.

Lupe Gómez

29.3.11

Vídeo do Making-of de «O meu gato é un poeta», con Xurxo Souto e Fran Alonso

Makin-of dos ensaios do CD de O meu gato é un poeta. Xurxo Souto e Fran Alonso ensaiando o tema «O amor».

28.3.11

«O meu gato é un poeta», nun programa feito por rapaces en Radio Tui

Hai uns días acudín ao CEIP Pazos de Reis, en Tui, onde leron O meu gato é un poeta. Os alumnos dese centro, agora conxuntamente con outros centros, fan un programa de fomento da lectura en Radio Tui que, nesta ocasión lle dedicaron ao meu libro. O fermoso programa elaborado polos rapaces pode escoitarse aquí.

24.3.11

Poesía félida

Armando Requeixo fixo no seu blog unha crítica sobre O meu gato é un poeta que se titula «Poesía félida». Dada a corrente de simpatía que o meu gato está recibindo, e tendo en conta o moito que traballou comigo no libro, vou ter que mercarlle, a partir de agora, alimento de primeirísima calidade, por caro que sexa. Aproveito para reproducir un fragmento da crítica de Armando:

Fran Alonso acaba de dar ao prelo O meu gato é un poeta, ao meu ver un dos máis orixinais poemarios infantoxuvenís da Galicia dos últimos anos.
Poemario polimorfo e lúdico, quen visite as súas félidas páxinas gozará de todo un festival creativo: suxestivos poemas visuais, caligramas, acrósticos, anagramas, palíndromos, bifrontes, ciclogramas, paronomasias, poemas en prosa, haikus, cantigas, poemas decálogo, poemas fonosimbólicos, poemas de especialísima disposición tipográfica e pictográfica, blacks pages, poemas anuncio, textos invertidos, poemas horóscopo, composicións en eco, poemas menú…

23.3.11

Longa entrevista sobre «O meu gato poeta» en Radiofusión con temas do disco


Onte fixéronme unha longa entrevista en Radiofusión (Emisoras Municipais Galegas) sobre O meu gato é un poeta. A maiores de falar do libro, do disco e da web, así como de explicar a xénese do libro e o traballo conxunto con Xurxo Souto, a entrevista inclúe a emisión dun par de temas do disco: inclúe o primeiro, titulado «O meu gato é un poeta», e inclúe o titulado «O amor». A entrevista enteira pódese descargar en mp3 da páxina de Radiofusión.

A entrevista pode escoitarse ou descargarse aquí.

21.3.11

As fotos dun gato que non é poeta pero é lector de gatos poetas

Maribel Serantes colgou na súa páxina de facebook unhas sensacionais fotos do seu gato Veli Evil, que non é poeta, pero le O meu gato é un poeta. Sen dúbida, a amizade de Veli Evil co meu gato poeta está garantida. Vaia por diante o meu agradecemento para Maribel por tan estupenda sesión fotográfica e e para Veli Evil pola devoción coa que le as páxinas do libro que me dictou o meu gato poeta. Eu creo que é empatía da amizade felina.














7.3.11

«Escribir desde unha actitude atenta ao que é contemporáneo obriga a repensar moitas cousas»

Reproduzo neste post a entrevista comigo sobre O meu gato é un poeta que se inclúe no final do libro, característica de todos os títulos da colección Sopa de Libros. A entrevista tamén se pode descargar en versión de pdf.


—¿Como descubriu vostede que o seu gato é poeta?

Decateime porque vin que miañaba dun xeito moi especial, porque xogaba coas palabras, porque lle gustaba divertirse coa lingua, porque descubriu que coa poesía podía dicir as cousas doutro xeito, menos convencional, máis persoal, moito máis profundo.

—Este é un libro de poesía, pero un libro distinto ¿non?
Simplemente se trata dun libro que pretende trans­­mitir a poesía dun xeito lúdico, divertido e, sobre todo, accesible para os lectores e lectoras. Está ideado coma se fose un xogo ou un obradoiro. Trata o feito poético como algo próximo, persoal e, sobre todo, desmitificado. O meu gato é un poeta bota man da fusión de xéneros literario a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir unha proposta poética fresca e divertida.
Quería escribir algo distinto de Cidades, o meu anterior libro de poesía infantil.

—¿Cre que falla o xeito de transmitirmos a poesía?

Estou convencido de que desde a escrita e desde a escola debemos mudar o noso xeito de nos achegar ao feito poético.

—¿Que teñen que ver os globos coa poesía?

Para os nenos, un globo voando no ceo é unha fer­mosa imaxe poética. Esa imaxe ten un enorme poder comparativo, como metáfora para entender a propia poesía, se equiparamos os globos e as pa­la­bras.

—O meu gato é un poeta é un libro que se prolonga en internet ¿Por que?
Porque escribir desde unha actitude atenta ao que é contemporáneo obriga a repensar moitas cousas e unha delas é o propio papel que teñen as novas tec­noloxías e o seu posible aproveitamento no rol tradi­cional que xoga o libro diante do lector. E moito máis cando estamos a falar das xeracións máis novas. Trátase tamén de redefinir novos espazos para a creación literaria que van máis aló do propio papel.

—¿Por que o libro vai acompañado dun disco?

O disco penseino como unha parte do libro capaz de enri­quecer o texto. Trátase dun recurso que mes­tura distintas artes e amplía ante os lectores a súa visión da poesía, permitíndolles abor­­­dar novas di­men­sións e agrandando a súa percep­ción sensorial. A música compúxoa Xurxo Souto, a quen lle estou moi agradecido polo seu traballo e a súa enorme con­tri­bución. Sen el, o disco non sería posi­ble.

—As ilustracións deste libro tampouco son habi­tuais: están feitas con tipografías polo propio autor. ¿Tamén é vostede ilustrador?
Non, desde logo que non. Por desgraza, a de ilus­trar é unha capacidade da que carezo. A miña inter­vención neste libro é total porque é un libro concibido globalmente, e abrangue tamén as ilustracións, é cer­to, pero son ilustración tipográficas, feitas con pic­togramas tipográficos. Nese sentido, o meu é máis un traballo de deseño que de ilustración. Claro, hai tamén algunhas ilustracións (nos caligramas ou nal­gunhas páxinas) elaboradas por min no ordenador a partir das ferramentas de QuarkXpress, que é o pro­grama co que maquetei o libro.

—¿Que sentido teñen as ilustracións deste libro?
Pois responden precisamente a esa necesaria con­cepción global e constitúen unha pro­longación do poema ou mesmo son unha parte do propio poema. Na poesía visual, na poesía gráfica ou experimental, a ilustración forma parte irrenunciable do poema e eu emprego moitos deses recursos no libro.

28.2.11

Un gato que escribe e recita poemas


Un gato cun aquel de toleirán, apaixonado pola poesía, foi, aínda que pareza incrible, quen me axudou a escribir o meu novo libro O meu gato é un poeta.
Debo confesalo porque non todo o mérito é meu. Miaña como un auténtico vate, e, coma todos os gatos, enreda e xoga, pero coas palabras. É un malabarista, un equilibrista das palabras, e sabe facer versos divertidos coma ninguén. Así naceu, hai xa varios anos, O meu gato é un poeta, que esta semana ve a luz nas librerías, nun parto un tanto animal e, desde logo, profundamente felino.
E, para seguir confesando as axudas que as persoas (ou animais) xenerosas me prestaron, debo dicir que Xurxo Souto me acompañou no delirio, ensinándome a miañar de verdade, e poñéndolle música aos poemas do gato, o que fixo posible que gravásemos un disco, tamén moi felino, en Casa de Tolos.
Polo demais, o gato ten unha web na que, dalgunha maneira, o libro continúa, porque moitas das páxinas dos poemas que escribiu o meu gato remiten a esa web. Pero só se pode entrar cun contrasinal que vén no libro. É cousa do meu gato, é que moi reservado. E eu, con cara de mico.