
—¿Como descubriu vostede que o seu gato é poeta?
Decateime porque vin que miañaba dun xeito moi especial, porque xogaba coas palabras, porque lle gustaba divertirse coa lingua, porque descubriu que coa poesía podía dicir as cousas doutro xeito, menos convencional, máis persoal, moito máis profundo.
—Este é un libro de poesía, pero un libro distinto ¿non?
Simplemente se trata dun libro que pretende transmitir a poesía dun xeito lúdico, divertido e, sobre todo, accesible para os lectores e lectoras. Está ideado coma se fose un xogo ou un obradoiro. Trata o feito poético como algo próximo, persoal e, sobre todo, desmitificado. O meu gato é un poeta bota man da fusión de xéneros literario a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir unha proposta poética fresca e divertida.
Quería escribir algo distinto de Cidades, o meu anterior libro de poesía infantil.
—¿Cre que falla o xeito de transmitirmos a poesía?
Estou convencido de que desde a escrita e desde a escola debemos mudar o noso xeito de nos achegar ao feito poético.
—¿Que teñen que ver os globos coa poesía?
Para os nenos, un globo voando no ceo é unha fermosa imaxe poética. Esa imaxe ten un enorme poder comparativo, como metáfora para entender a propia poesía, se equiparamos os globos e as palabras.
—O meu gato é un poeta é un libro que se prolonga en internet ¿Por que?
Porque escribir desde unha actitude atenta ao que é contemporáneo obriga a repensar moitas cousas e unha delas é o propio papel que teñen as novas tecnoloxías e o seu posible aproveitamento no rol tradicional que xoga o libro diante do lector. E moito máis cando estamos a falar das xeracións máis novas. Trátase tamén de redefinir novos espazos para a creación literaria que van máis aló do propio papel.
—¿Por que o libro vai acompañado dun disco?
O disco penseino como unha parte do libro capaz de enriquecer o texto. Trátase dun recurso que mestura distintas artes e amplía ante os lectores a súa visión da poesía, permitíndolles abordar novas dimensións e agrandando a súa percepción sensorial. A música compúxoa Xurxo Souto, a quen lle estou moi agradecido polo seu traballo e a súa enorme contribución. Sen el, o disco non sería posible.
—As ilustracións deste libro tampouco son habituais: están feitas con tipografías polo propio autor. ¿Tamén é vostede ilustrador?
Non, desde logo que non. Por desgraza, a de ilustrar é unha capacidade da que carezo. A miña intervención neste libro é total porque é un libro concibido globalmente, e abrangue tamén as ilustracións, é certo, pero son ilustración tipográficas, feitas con pictogramas tipográficos. Nese sentido, o meu é máis un traballo de deseño que de ilustración. Claro, hai tamén algunhas ilustracións (nos caligramas ou nalgunhas páxinas) elaboradas por min no ordenador a partir das ferramentas de QuarkXpress, que é o programa co que maquetei o libro.
—¿Que sentido teñen as ilustracións deste libro?
Pois responden precisamente a esa necesaria concepción global e constitúen unha prolongación do poema ou mesmo son unha parte do propio poema. Na poesía visual, na poesía gráfica ou experimental, a ilustración forma parte irrenunciable do poema e eu emprego moitos deses recursos no libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario