Amosando publicacións coa etiqueta Os meus libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Os meus libros. Amosar todas as publicacións

24.6.26

«Cáncara», a novela sobre a detención da vaca Pinta; con Sara Vila e Xosé Lois Vilar

 

 

Reproduzo o vídeo da presentación da miña novela «Cáncara», que conta a detención da vaca Pinta en Baiona en 1983 por orde do alcalde da vila, Benigno Rodríguez Quintas. A presentación tivo lugar na libraría Cartabón o 22 de maio, con Sara Vila e Xosé Lois Vilar. O vídeo foi gravado polo fotógrafo José Gorís. 

5.5.26


Reproduzo aquí a entrevista que me fixeron en Nós TV sobre a miña novela Cáncara, que parte do suceso real acontecido en outubro de 1983 cando o alcalde dunha vila mariñeira ordena apresar e deter unha vaca por pastar herba pública e a Policía Municipal condúcea ao calabozo do Concello. 

A noticia da detención da vaca, que logo pasou a ser coñecida como vaca Pinta, percorre o mundo, e publícase no «New York Times» e no «Washington Post». 

A partir deste feito insólito, escribín unha novela sobre o poder, ateigada de humor, que reconstrúe os feitos reais. «Cáncara» é unha novela que serpea entre a fábula, a crónica, a lenda, a sátira, a memoria e a narrativa contemporánea, converténdose nunha historia que afunde as súas raíces na crítica social e que se conforma como unha radiografía das transformacións sociopolíticas actuais

8.5.17

As razóns polas que solicitei a retirada de concurso de «Poétic@», finalista na II Gala do Libro Galego

A semana pasada enviei un correo electrónico á organización da II Gala do Libro Galego solicitando a retirada de concurso de Poétic@, que figuraba entre os finalistas na categoría de Mellor Proxecto Literario en Internet.  Entendo que é coherente e honesto dar explicacións públicas das razóns da miña solicitude, polo que reproduzo o correo enviado á organización, en resposta ao correo en que se me citaba para que acudise como finalista o vindeiro 20 de maio en Compostela:




Da miña consideración:
Recibín estes días o convite para asistir á Gala do Libro Galego en calidade de finalista co meu libro de poesía electrónica e crossmedia Poétic@ (2015). Debo dicir, antes de nada, que agradezo profundamente a confianza que moitas persoas depositaron, novamente, no meu libro e o meu profundo respecto e gratitude a quen votou por Poétic@, de xeito que hoxe volve estar finalista.
Unha vez dito isto, e dado que Poétic@ xa foi o libro gañador na mesma categoría o pasado ano 2016, gustaríame puntualizar que non me parece oportuno, tanto para min como para o premio, que un titulo xa premiado nunha edición anterior poida volver a ser galardoado. Nese sentido, quero facer constar que Poétic@ non é un blog que se actualice diaria, semanal ou mensualmente de xeito que se renoven os seus contidos, senón unha obra literaria en soporte dixital, pechada e rematada en 2015 que o xurado da I Gala do Libro Galego tivo a ben recoñecer o pasado ano como mellor proxecto literario en Internet, tal e como xa consta na portada da propia obra: http://poetica.gal. Entendo que o feito de que volva estar finalista supón un novo recoñecemento para o meu libro, que sen dúbida valoro e agradezo, pero tamén debo confesar que me produce certo rubor e desconcerto volver a estar de novo entre os finalistas pois non lle atopo ningún sentido nin á posibilidade de que se volva premiar co mesmo galardón e na mesma categoría unha obra xa premiada, como tampouco a que quede finalista unha obra que xa foi recoñecida o ano anterior. Paréceme que non é bo nin para o premio nin para min.
Por estes motivos solicito encarecidamente a retirada de concurso de Poétic@ como obra finalista. Sen dúbida, acudirei á II Gala do Libro Galego, pero na miña calidade de editor e non na miña calidade de autor.
Moitas grazas e un afectuoso saúdo,
Fran Alonso


2.12.16

Poetic@, na corda frouxa. En... 2ª edición?

Hai mes e medio, parte da programación de Poétic@ deixou de funcionar debido a unha actualización automática do software. Ese feito obrigoume a revisalo e actualizalo, un proceso, por certo, con custes que se cadra sitúa unha obra dixital de ciberpoesía coma esta nunha... 2ª edición? Probablemente se poida considerar así. Entre outros motivos porque, ademais de actualizar a programación, aproveitei para facer pequenos cambios. Algúns son pouco relevantes, como o de incorporar á portada a información do galardón que recibiu (Premio Gala do Libro Galego ao Mellor Proxecto Literario en Internet). Pero algún outro foi relevante e afecta á navegación, que agora é moito máis áxil: fixen desaparecer a miña longa introdución, é dicir, o limiar, ao que agora só se pode acceder a través dunha ligazón, pero non a través da navegación páxina a páxina.
Entretanto, publicouse unha recensión relevante sobre o libro, relevante porque aparece nun ámbito especializado en Literatura Electrónica: Proxecto Le, recensión que agradezo desde aquí.
No pasado mes de xuño publicouse un artigo meu sobre Poétic@ no semanario Sermos Galiza; unha valoración persoal sobre a súa recepción pública e crítica que partiu dunha iniciativa da AELG. Aproveito este momento para ofrecer en Cabrafanada unha versión que actualicei lixeiramente xa no mes de setembro, que tamén se pode descargar en pdf nesta ligazón.



Poétic@, na corda frouxa

Pasou máis dun ano desque publiquei Poétic@ na web, unha forte aposta persoal, de literatura electrónica, tan novidosa como arriscada. Así que agradezo este oportuno convite que se me fai desde a AELG e Sermos Galiza para falar do libro. Poétic@ é un libro de poesía electrónica e transmedia, de acceso libre (www.poetica.gal) que foi concibido e escrito desde a curiosidade, a intuición e a experimentación. Conduciume ata ela o meu interese por investigar, innovar, e un certo gusto por escribir desde a corda frouxa, posición na que tamén, certo, sinto inseguridade. 

Nunca un libro de poemas (Poétic@ é, en definitiva, un libro de poemas) me roubou tantas horas, esforzo e dedicación. A cambio, agasalloume unha prolongada conxuntivite a causa do exceso de horas diante pantalla, transgredindo os lindes razoables do descanso. E deixoume a boa experiencia de traballar con Kris Darias, programadora imprescindible para resolver cuestións técnicas.
A recepción crítica de Poétic@ apenas xerou debate literario, se ben a concesión do Premio ao Mellor Proxecto Literario na Rede que se lle outorgou hai un mes na Gala do Libro Galego reavivou a súa actualidade. E aínda que facer visible Poétic@ resultoume bastante máis difícil do que contaba, recoñezo que xoga ao meu favor, fronte a outros creadores que se desenvolven exclusivamente no ámbito da literatura electrónica, o feito de ter ás miñas costas un aval de 25 anos de traxectoria literaria e, sobre todo, moitos títulos publicados en papel. Ora ben, en strictus sensus, chama a atención que Poétic@ fose recibido unicamente con dúas recensións críticas –á que en outubro de 2016 se lle suma a publicada en Proxecto.le) e non atopase oco en ningún suplemento literario de revistas ou xornais. É dicir, que foi menos recensionado que a reedición do meu libro Silencio e moito menos que os meus recentes Contos nerviosos. Tamén é significativo que Poétic@ non fose citado en case ningunha das panorámicas críticas que revisaron o pasado ano literario 2015. A miña proposta para presentalo no Culturgal, por primeira vez de forma física, a través dun recital multimedia tampouco foi aceptado pola organización.
 Un ano despois, pregúntome, intrigado, como tería sido a recepción do libro se o publicase exclusivamente en papel. E digo isto porque entendo que este comportamento está estreitamente ligado ao que sucede coas publicacións que empregan soportes alternativos e ao lóxico desconcerto que provoca Poétic@ con respecto ao tratamento que se lle debe outorgar.
Probablemente cabe dentro desa interpretación o feito de que só 36,65% das visitas a Poétic@ procedan do Estado español e que un 15,79% procedan dos Estados Unidos, así como que o 61% das visitas pertenzan a menores de 34 anos, o 15,50 % teñan entre 35 e 44 anos e a franxa de idade á que eu mesmo pertenzo supoña unicamente o 12,50% das visitas.
Malia existiren traballos pioneiros anteriores, o certo é que a nosa literatura apenas dera pasos significativos nese sentido. A literatura electrónica aséntase e procede das literaturas anglófonas (as que teñen o poder de irradiar a cultura cara ao resto do mundo) e de sociedades tecnoloxicamente innovadoras. Nas linguas peninsulares, a súa existencia é tímida. E, con todo, intúo que a nosa concepción da literatura vai mudar no futuro próximo. A realidade é que a Internet das Cousas comeza a acompañarnos na nosa vida diaria, os aparellos intelixentes modifican os nosos xeitos de ocio, a narración multimedia apoderouse das formas de contar actuais, a robótica e a biotecnoloxía teñen a forza dunha bola de neve e a intelixencia artificial cambiará, probablemente, a nosa relación co feito literario. Booktubers, redes sociais e plataformas de lectura nos teléfonos móbiles están xa a mudar radicalmente os hábitos de lectura dos nosos adolescentes. E se a sociedade está a transformarse tan vertixinosa, sen apenas darnos tempo a que nos decatemos, a literatura non vai saír indemne de todo isto.


19.10.15

As claves do Vigo portuario en intersección cos meus propios libros. Paseo o sábado 24 de outubro

O vindeiro sábado 24 de outubro ás 11,30 h. da mañá terá lugar un paseo literario pola cidade de Vigo que eu mesmo guiarei. O paseo está organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e, aínda que é gratuíto, é preciso inscribirse previamente. Ao longo do traxecto, tratarei de ir desentrañando diversas claves do Vigo portuario en intersección cos meus propios libros, acompañándoo de diversas lecturas de textos nos que vida, cidade e literatura se entrecruzan. Percorreremos a paisaxe do Vigo portuario, ese no que o mar, a pesca, a industria, a marxinación e o futuro se dan a man intimamente e fan da nosa cidade un lugar do mundo.
Tomando como punto de partida a rúa García Barbón e rematando no barrio de San Francisco, exploraremos o Vigo portuario guiados polos personaxes e localizacións dos meus libros, tanto de narrativa como de poesía. O percorrido guiaranos polos escenarios, reais e literarios, que conectan á cidade coa ría e co atlántico, nese microespazo tan singular que define o perfil dunha cidade que naceu e medrou grazas ao mar e á actividade económica que se desenvolveu a partir del. Será un cóctel de cidade, vida e literatura aprehendida cos ollos dalgúns personaxes como a Señora Lola, que traballa facendo tortillas para os obreiros logo de cruzar a ría a diario.
Anímate a acompañarnos!

Día: Sábado 24 de outubro
Hora: 11,30 horas
Saída: Rúa García Borbón (ao pé das escaleiras que soben a Alfonso XIII)
Prazas: 50 persoas
Prezo: gratuíto
Inscrición:  actividades.snl@vigo.org

As persoas que desexen incribirse deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org a partir do día 10 de outubro até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.

5.1.15

Señora Carme: a voz que retorna á terra

Aos 82 anos, cando eu a coñecín, a súa voz soaba envolvente, vigorosa e arrastrada como a de Édith Piaf: «Ai alá na flor dos meus anos / Ai fun anos sacrificada / Ai sufrín penas, sufrín males /Ai ai o que eu teño pasado». Na flor dos meus anos, ademais do título do seu único disco en solitario (unha verdadeira alfaia da música tradicional galega) constituíu o seu tema central, co que ela se sentía máis identificada. Como todo o que cantou, era unha melodía tradicional.
Onte a mediodía, Uxía deume a triste noticia de que a voz da Señora Carmen acababa de se apagar para sempre. Foi precisamente Uxía a que en 2007 me convidou a facerlle unha longa entrevista a esta muller inesquecible (entrevista que se recolle no DVD no disco) así como a escribir a súa biografía, que titulei A voz que vén da seitura.
A Señora Carmen era unha muller reservada, discreta e humilde, que desde moza viviu apañando coas cordas vocais as melodías da música tradicional galega para agochalas en cada poro e en cada enruga da súa pel. A música foi a apócema que sempre a fixo saír adiante. A pesar de que non comezou a cantar en público ata os 70 anos (da man de Malvela), nos carreiros da súa vida privada a música foi a imprescindible corrente que a empurraba, unha fonte de enerxía íntima, creativa, vital. Xa na súa adolescencia e mocidade cantaba mentres traballaba o campo a golpe de legón, cantaba cando camiñaba co fouciño e a gadaña ao lombo, cantaba mentres botaba o millo, mentres o apañaba, mentres sementaba a herba. Cantaba ao sachar, cantaba ao fregar a casa, cantaba no muíño, cantaba botando os feixóns, cantaba o prezo da froita que vendía no mercado do Porriño, cantaba cando viña da seitura, cantaba cando viña da segada. E as súas veciñas agachábanse detrás do millo para deleitarse en segredo co encontro daquela voz marabillosa. Cantaba con voz anónima e prodixiosa, esa que inundou durante toda a vida o acontecer cotián dos que a rodearon sen que o resto do mundo puidesemos aínda, lamentablemente, descubrila.
Pero ela nunca se considerou a si mesma unha voz en solitario. Sentía e reivindicaba con intensidade a súa pertenza a Malvela, o grupo de música tradicional de Mos –formado por mulleres e impulsado por Uxía– co que a súa voz renaceu para a canción.
Agora, esa voz retorna á terra que lle prestou o humus que a fixo intensa, telúrica e desgarrada, campesiña, vigorosa, nutritiva e identitaria. A min non me queda máis que mandarlle un aturuxo de vida e recoñecemento por aqueles fermosos días que me permitiu compartir con ela. E polo exemplo e o inesquecible galano que lle deixa á nosa cultura.


1.11.14

Sobre os booktráilers e a literatura transmedia

Malia as voces que falan da morte do booktráiler, cuestión que é moi discutible, moi especialmente nun momento en que emerxe a narrativa transmedia con toda a enerxía que lle inxecta o futuro dixital, con Silencio decidinme, por primeira vez, a facer un booktráiler. Refírome, claro, a un booktráiler ficcionado, pois un bo booktráiler, entendo eu, ten que manexar os mesmos plantexamentos narrativos que unha novela. Con todo, eu xa fixera un booktráiler con Un país a medio facer, pero realizado dentro dos parámetros dunha peza xornalística (reprodúzoo máis abaixo).

Aínda que non lle quito algunhas razóns ao artigo citado, creo que nada ten que ver a morte do booktráiler coa súa popularización, que foi impulsada grazas á versatilidade e simplificación das ferramentas de edición de video. Sen dúbida, ese tamén é un dos motivos polos que eu mesmo puiden realizar o meu propio booktráiler. E, aínda que puidese parecer sorprendente que eu diga iso, o coñecemento e manexo das ferramentas multimedia son unha necesidade para o escritor do futuro –case do presente– ante os novos retos da literatura transmedia. Eu xa estou a traballar nese camiño e espero poder ofrecerllo aos meus lectores e lectoras axiña, dando un paso moito máis avanzado e decidido que o modelo de edición estendida que empreguei en O meu gato é un poeta.

Entendo que o meu booktráiler de Silencio adoece de dificultades e descoñecemento técnico pero en cambio exhibe as armas de quen ten a experiencia de saber construír unha historia. Ora ben, tanto un coma outro, serán factores decisivos no futuro. Teño o convencemento de que os escritores e escritoras teremos que posuír tamén certo espírito de tecnólogos/as. E iso non significa, en absoluto, renunciar á palabra, que continuará a ser o elemento imprescindible do noso traballo. Pero só apostar por esa liña significará facer noso o futuro.


Silencio (Xerais, 2014)

Un país a medio facer (Xerais,2008)



17.3.13

Guía didáctica de «Cartas de amor»

Guía didáctica de Cartas de amor elaborada polo IES Pino Manso (O Porriño).






21.11.12

Debate sobre «Ninguén» no Club de Lectura o IES de Poio


No club de lectura do IES de Poio mantiveron un debate, que gravaron e publicaron en mp3 arredor do meu libro Ninguén. Reproduzo a anotación do seu blog ao respecto.

NINGUÉN de FRAN ALONSO: Primeira sesión en audio

Esta mañá tivemos a primeira posta en común sobre Ninguén de Fran Alonso, no grupo 1 do club de lectura de 2º de bacharelato.
Tralo "ruído" inicial, a conversa foinos levando cara adiante e dun "non entendo nada" chegamos a extraer conclusións e compartimos puntos de vista:



O autor envíanos o seguinte enlace para comprender mellor a súa obra, sera convinte que lle botemos unha ollada.

31.10.12

Unha novela inspirada nun feito real

«Algúns sucesos denotan unha carga tráxica tan forte que en apariencia resultan cómicos. Cando menos, esa é a impresión que produce a acción levada a cabo por unha parella que secuestrou os seus dous fillos a punta de pistola no punto de encontro dun centro de acollida en Vigo».
Estas palabras non as escribín agora. Escribinas nun artigo de opinión publicado en outubro de 2006. A continuación engadía na miña columna: «Porque a realidade, cando quere, pode ser máis inverosímil que a ficción». Seis anos despois, asumín o reto de converter aquel suceso nun asunto literariamente coherente. Tratábase de converter un feito real pero aparemente inverosímil nunha novela de ficción aparentemente verosímil.
De aí naceu esta novela. De aí e do interese pola vida dunha muller real, Celia Rivas, a primeira camioneira galega e española, unha pioneira que, en 1932, puxo as súas mans femininas ao volante dun camión.
Así que máis de vinte anos despois de aparcar un Tráiler no primeiro garaxe da miña escrita pública, aquela novela coa que gañei o Premio Blanco Amor, volvín outra vez ao volante, desta vez da man dunha camioneira, que me conduciu ao Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas.
Como adoito, a miña aposta centrouse nunha novela na que se cruzan camiños, que procura o coloquio co seu tempo, que interpreta a sociedade actual a través dunha ollada interrogativa sobre o que está a suceder ao noso redor. E é así sen querer desprezar ningún dos atributos cos que a literatura pode arrogarse: arte, diversión, construción lingüística, entretemento, identidade, xogo, ocio, denuncia, creación, terapia, investigación, etc, etc.
A punta de pistola naceu de todo iso, coa vocación primorial de enganchar aos lectores dunha novela por entregas, partindo dun ritmo trepidante, e sen renunciar a un xeito contemporáneo de entender a literatura. A punta de pistola é, se cadra, unha road movie que convida reflexionar sobre a desestruturación social, sobre a familia e a educación, sobre a innovación e a comunicación, e sobre a infancia.

2.8.11

A miña novela «Silencio», a próxima fin de semana co Xornal de Galicia

A miña novela Silencio, venderase a próxima fin de semana (sábado 6 e domingo 7) co Xornal de Galicia ao prezo de 1 euro e vinte céntimos, dentro da promoción «A nosa literatura ao alcance do teu peto con Xornal».

Silencio é unha novela de intriga na que o protagonista, un xornalista galego represaliado, ten que marchar a Madrid, onde se ve enfrontado, case sen pretendelo a unha situación límite. A novela explora as relacións de vecindade e os comportamentos ligados ao fanatismo en ámbitos urbanos. En boa medida, Silencio é un precedente de Ninguén, o libro de narrativa que publicarei no mes de setembro.


Sobre Silencio, Antón Reixa escribira o seguinte en La Voz de Galicia:
«Fran Alonso volve á narrativa coa contundencia da brevidade e eficacia dun estilo directo e preciso. Intriga e desacougo urbano. Estouno devorando: escribo en pleno acto (hai media hora que comecei o libro e non podo parar). O protagonista de Fran Alonso sente os ruídos do seu fracaso vital: a súa soidade sonora. Pero do piso do lado veñen non só os ruídos do silencio. Son os ruídos da barbarie doméstica. Do pánico cotián. O escritor galego, como moitos narradores sabios e humildes de todo o mundo, segue o legado de Kafka».

11.7.11

무엇을 닮았을까? «A araña e mais eu» en coreano

Chegoume 무엇을 닮았을까?: A araña e mais eu en coreano e recibino francamente sorprendido. Confeso quea nunca imaxinei estar traducido a unha lingua tan distante. Resulta moi estraño ver un libro teu escrito en caracteres dos que non entendes absolutamente nada, nin sequera o meu nome. Tanto é así, que non son capaz de atopar o libro na páxina da editorial que a publicou. En calquera caso, os símbolos son verdadeiramente fermosos e, para alguén que os descoñece, como é o meu caso, engaden ás páxinas unha beleza plástica especial. Pero tanto como o libro, sorprendeume ver aos nenos coreanos que aparecen nas fotografías de abaixo, lendo, folleando, pasando as páxinas e facendo traballos a partir de A araña e mais eu. Paréceme sensancional esa foto do neno que bica a fotografía da miña filla. É unha emoción estraña e curiosa. Paréceme coma se non fose un libro meu.




27.6.11

Descarga de balde «Contesta ou disparo», un e-book meu en formatos pdf e epub

Tal e como informara en Cabrafanada a principios de ano, é a miña intención celebrar estes 20 anos de escrita pública, que cumpro entre a publicación de Tráiler (1991) e a de Ninguén (que sairá en setembro 2011), coa publicación de varios e-books da miña autoría para ofrecer de balde aos meus lectores e lectoras. Xa que logo, aí vai o primeiro: Contesta ou disparo, que se pode descargar en formado pdf ou en formato epub:

Contesta ou disparo en pdf

Contesta ou disparo en epub

Contesta ou disparo é un libro que contén 34 entrevistas breves, rápidas e de aire frívolo, feitas por min en 1991, desde o Diario 16 de Galicia, a 34 persoas da cultura e da política galega: Isaac Díaz Pardo, O Mago Antón, Mariano Abalo, Julián Hernández, Justo Beramendi, Chano Piñeiro, Manuel Forcadela, Miguelanxo Prado, Alberto González Alegre, Xosé Luís Blanco Campaña, Couceiro, Carlos Casares, Os Diplomáticos de Monte Alto, Alfonso Eiré, Manuel Moldes, Roberto Vidal Bolaño, Luís Mariño, Carlos Mella, Antón Baamonde, Roberto Cordovani, Atilano, Xaquín Marín, Ramón Villares, Xosé Luís Suárez Canal, Margarita Ledo, Manuel Guede, Miguel Cancio, Valentín Carrera, Pemón Bouzas, Suso Costas, Miguel de Lira, Carlos Blanco, Luma Gómez e Laxeiro.

Contesta ou disparo está editado baixo licencia Creative Commons e acceso libre e é un libro de xornalismo, humilde pero simpático; lixeiro pero que, ao tempo, recupera a memoria de noso; fugaz pero tamén significativo.
Dado que, precisamente hoxe, tamén me fago un ano máis vello, velaí o meu agasallo, para quen desexe lelo.


Descarga aquí Contesta ou disparo en pdf
Descarga aquí Contesta ou disparo en epub

18.4.11

«A serenidade vixiante», a entrevista que me fixo Lupe Gómez

O sábado publicóuse nas páxinas do Galicia Hoxe unha longa e fermosa entrevista que me fixo a xornalista e escritora Lupe Gómez. Grazas, Lupe.

«A SERENIDADE VIXIANTE»

O escritor Fran Alonso publica en Xerais o libro O meu gato é un poeta, que inclúe CD e clave de acceso a web, para darlle un novo enfoque á poesía infantoxuvenil

É autor de libros como O brillo dos elefantes ou Males de cabeza. A súa escrita sempre está alerta ante a realidade, como se Fran Alonso fose un gato de mirada magnética. El cre que a poesía debería estar en todas as partes: nos autobuses, nos supermercados, nos bocadillos de papel, nos globos azuis que ascenden no aire... Con O meu gato é un poeta consegue chegar aos rapaces e rapazas cun enfoque divertido, ameno, interactivo. El pensa que "a poesía acompaña o ser humano dende as cavernas, e seguirá acompañándoo porque é consubstancial a el. Outra cousa é que as súas formas vaian cambiando e, nese sentido, eu intúo os cambios máis radicais nun futuro próximo." Fran Alonso é un xardineiro que coida moi ben do xardín das palabras, con serenidadade vixiante.


















De onde veñen o teu nome e os teus apelidos? Por que te chamas Fran Alonso? Que importancia cres que teñen os nomes? Daríache igual chamarte doutra maneira?

Evidentemente, as persoas non escollemos o noso nome. Pero afacémonos a como nos chaman na casa, a como nos chaman familiarmente. A min sempre me chamaron Fran, desde neno. É curioso, porque cando publiquei os meus primeiros libros había xente á que lle daba por chamarme Paco, en vez de Fran. É un apócope coma outro calquera, pero eu nunca me identifiquei con el; soábame estraño, alleo a min. Foi daquela cando decidín empregar Fran Alonso como nome literario. Ademais, singualizaba a miña identidade pública. Se cadra, se chego a facer esa reflexión antes de publicar, optaba por un nome literario moi diferente. Entre outras cousas, porque me gusta separar a miña vida privada da pública. Nese sentido, son pudoroso.

Como recordas aquel Vigo da túa infancia? A que xogabas cando eras un neno? Lembras os teus compañeiros e compañeiras de xogos?

A miña primeira infancia non transcorreu en Vigo senón na aldea de meu pai, que era en Crecente. Leváronme para Vigo para escolarizarme definitivamente, aos seis anos, e lémbroo como un choque asfixiante, de falta de espazo, de aire, de liberdade. Estaba afeito a saír da casa e desaparecer, sen renderlle contas a ninguén. En Vigo iso non era posible. O primeiro día de clase, miña nai dixérame que non cruzase a rúa se non era da man dalgún profesor. Á saída, o autobús estaba do outro lado da rúa, e como ninguén me deu a man, non crucei. Quedei alí, vendo marchar o autobús, ata que, varias horas despois, deron comigo. Claro que lembro, e moito, os meus compañeiros de xogos. Os xogos aínda eran estacionais, e iso era fantástico. Todo tiña o seu tempo, desde xogar ó trompo.

Ti realmente tes ou tiveches algunha vez un gato? Era un animal poeta con ollos bonitos e moita imaxinación? Por que os ollos dos gatos nos dan un pouco de medo pero ao mesmo tempo resultan máxicos?

A miña casa é unha especie de cruce de camiños de todos os gatos do barrio, que entran e saen sixiliosamente, ao seu xeito. Entre eles, hai varios gatos poetas, pero especialmente un, de ollos brillantes e imantados. Ese é o que me dita os versos. Os gatos son animais máxicos, enigmáticos, con moita tradición literaria. Eu mesmo, xa botei man deles en Males de cabeza e A casa da duna. Gústame deles a súa radical independencia e a súa serenidade vixiante.

O traballo de editar libros é bonito e interesante como facer traxes para as palabras? Un editor é dalgun xeito un costureiro?

O editor ten moito de costureiro ou, se cadra, de xardineiro. Coida as árbores máis fermosas do xardín para que luzan e arrecendan. O editor tamén é un mediador, pero un mediador que intervén sobre o libro, sobre o seu resultado final, e sobre a creación dun estandar socioliterario. Creo que o do editor é un papel fundamental, que hoxe por hoxe está en perigo debido á voracidade do mercado, e que debe ser reforzado máis ca nunca. Ademais, esa revolución fabulosa que supón a rede e o libro electrónico tamén supón, por desgraza, unha desvalorización do seu rol. Se queremos apostar por unha literatura de calidade, é necesario reivindicalo.

O libro "O meu gato é un poeta" lévanos a unha páxina web. Esa é a mellor forma de achegarse aos rapaces e rapazas de hoxe en día? É como se o libro tivese distintos camiños, e así resulta máis dinámico e está "máis vivo". Resulta interactivo, e o lector-a tamén participa no libro.

Non sei se é a mellor, pero si unha forma moi próxima á súa sensibilidade e ás súas inquedanzas. A web de O meu gato é un poeta posibilita que os nenos participen activamente: poden opinar, poden votar, pode escoitar os poemas en mp3, poden navegar ao seu xeito. Paréceme importante darlle un papel preponderante ao lector. Eu non quería que o libro rematase no papel; quería que continuase máis alá, para sentir a poesía a través doutras propostas, ben sexa na web ou no disco, e que os nenos puidesen percibir os poemas a través de todos os sentidos posibles. Ademais, no futuro a poesía acabará trasladándose á web, e non tardará moito.

Como definirías a sensibilidade? Ti dis que a escrita é unha forma de estar no mundo, moi ligada á infancia. A sensibilidade é un valor precioso e ás veces non lle damos toda a importancia que ten?

Eu creo que a sensibilidade é unha actitude, en boa medida connatural, de apertura fronte ao mundo, fronte aos demais e fronte á creación artística. A min paréceme fundamental á hora de enfrontarme ao papel en branco.

É certo que a poesía ten propiedades terapéuticas e diuréticas? Non debemos perder de vista a capacidade subversiva da literatura?

Eu creo que a poesía ten propiedades terapéuticas porque permite recoñecernos nela, salvarnos a través dela ou compartir, tamén a través dela, a nosa soidade. E, se cadra por iso, tamén é subversiva, porque converte o individual en colectivo, o persoal en social. E potencia o poder da palabra. E é diurética porque a súa lectura alivia profundamente.

Xurxo Souto acompaña coa súa música o teu recitado de poemas no CD que acompaña ao teu libro. Resultouche fácil entenderte e traballar con el? A súa música anima extraordinariamente os teus poemas.

Desde que coñezo a Xurxo Souto, hai moitos anos, sei que é moi doado entenderse con el. Xurxo é unha persoa con talento e moi xenerosa.
Evidentemente, nos ensaios el podía máis ca min, porque ten esa insuperable resistencia dos músicos enriba do escenario. A música que compuxo para o disco de O meu gato é un poeta é sensacional e deume a oportunidade de poder levar o libro a unha nova dimensión, fascinante, excitante, na que eu me recoñezo grazas ao traballo de Xurxo. E aos nenos encántanlles os poemas con música!

Por que comparas a poesía cun globo azul que incha e voa e desaparece no aire?

Poucas cousas hai máis fermosas para un cativo que ver como un globo desaparece no aire, sempre que non sexa o seu, claro. Para falar da poesía, no libro eu comparo as palabras cun globo, porque na poesía as palabras hai que inchalas moito, para que signifiquen moitas cousas, máis do que significan normalmente. Así constrúense os poemas: hai que soprar moito para inchar as palabras, que son como globos, e logo esas palabras son libres para expresar o que precisen expresar. Desa imaxe da poesía como un globo tamén procede un recital-espectáculo de poesía infantil galega que levo varios anos facendo en centros de ensino e bibliotecas e aos nenos encántalles. Esa experiencia foi fundamental para min á hora de escribir O meu gato é un poeta.

Cres que debemos reivindicar que os políticos lean poesía? Se lesen poesía, os seus discursos serían máis intelixentes, máis divertidos e máis profundos?

A política, hoxe por hoxe, está deteriorada, ensimesmada, cegada, lixada, endeusada. A súa práctica necesita ser destruída para reinventala, porque as reformas xa non valen. Precisa do poder da imaxinación, da liberdade. O exercicio da política, que ten que garantir as liberdades, non é libre. A lectura de poesía por parte dos políticos axudaría a reinventala, a devolverlle a capacidade creativa, a entrega, a intelixencia, a profundidade, o matiz, liberdade, a oportunidade da discrepancia. Sería facela máis crible, máis digna, máis orixinal e divertida. Que os políticos lean poesía non debe ser un consello, debería ser unha esixencia da cidadanía, o lema dunha pancarta: esiximos que os políticos lean poesía.

Por que escribir un poema de amor é tan difícil?


Escribir un bo poema de amor é dificilísimo porque o amor é o sentimento máis universal e ten tanta forza que cega o poema.Unha das maiores virtudes da poesía é que a súa palabra é a liberdade absoluta. Pero hai que transmitirlle á xente esa verdade, de xeito que a sintan próxima. É necesario que os nenos saiban que a poesía vale para todo: para namorar, para merendala nun bocadillo de papel, e parar berrar a palabra liberdade.

Lupe Gómez

13.3.11

Dúas curtametraxes dos meus relatos

A pesada semana asinei un contrato de cesión de dereitos para a realización dunha curtametraxe sobre "Carapuchiña e o pobo feroz", un relato de Males de cabeza, que será rodado en maio na comarca do Morrazo por estudantes de Audivisual.

Nestes momento, teño sobre a mesa outro contrato e un guión que estou a ler cunha outra proposta parecida, que fará outro grupo de estudantes a partir do meu relato 01 AM, de Cemiterio de elefantes.

A miña experiencia anterior nese sentido foi Ollos da cidade, un bo documental realizado por Lara Bacelos a partir da miña poesía e a de Kiko Neves.

Se volvo os ollos ao pasado, tiven dúas propostas de levar libros meus ao cine (longametraxes) que non proposperaron. Unha fíxoma Antón Reixa para Tráiler, ao pouco de gañar o Premio Blanco Amor. A outra fíxoma Yeyo Romero Suárez Llanos (quen no verán estreará unha película cunha pinta excelente, rodada na India) sobre Cemiterio de elefantes, que tampouco prosperou por falta de financiamento.

8.2.11

Sobre aquel ano en que publiquei «Tráiler»


A raíz da entrevista comigo que publicaba onte o Xornal de Galicia gustaríame facer algunhas reflexións sobre a miña visión de Tráiler vinte anos despois da súa publicación, que foi unha das preguntas desa entrevista feita por Héctor J. Pena. E tamén puntualizar algunhas cuestións que se cadra non fun quen de explicar con suficiente claridade e vagar. É un tema sobre o que xa tiña pensado reflexionar neste blog (xa o fixen publicamente noutras ocasións) porque me interesa moito, non tanto polo que ten de debate egocéntrico arredor da obra literaria propia senón, sobre todo, polo interese que ten o discurso literario do escritor e a súa evolución e como ese discurso é percibido polo sistema literario. Porque aí está a clave do que eu pretendía dicir.

Ademais, sinto a necesidade de matizar algunhas cuestións que teñen que ver con todo isto. Pero, ¿por que me interesa a min falar de Tráiler vinte anos despois? Basicamente, porque, neste caso, o tema implícito e determinante na miña percepción de Tráiler vinte anos despois é o do discurso, o dicurso literario, que eu reivindico como o nervio central de calquera poética dun escritor. Sempre afirmei que un escritor sen discurso é un escritor sen proxecto literario.

Cando publiquei Tráiler, en 1991, o meu discurso era, evidentemente, diferente ao que é hoxe, sobre todo na formas. Era un discurso moito menos elaborado, máis inmaduro e bastante sincero e espontáneo. E, sen dúbida, eu tiña unha certa actitude iconoclasta nun momento, é certo, en que reivindicar a Suso de Toro que despuntaba con Ambulancia e Manuel Rivas que acaba de publicar o seu primeiro libro de relatos (Un millón de vacas) marcaba literariamente como marca hoxe, por exemplo, o feito de falar galego en determinados contextos urbanos.

Eu tiña 28 anos, era a primeira vez que alguén tan novo gañaba o Premio Blanco Amor, e con Tráiler aterraba publicamente no ámbito literario. O impacto mediático do libro foi enorme para o que era habitual naquela época. Sen dúbida, a iso axudou moito o feito de que eu traballase nun medio e que nese medio se lle dese moita relevancia ao acontecemento. Pero non creo, baixo ningún concepto, como podería malinterpretarse da lectura da entrevista, que as críticas negativas da novela procedesen do seu eco nos medios de comunicación.

Pola contra (e á marxe das virtudes ou dos defectos que a novela poida ter) creo que o que causou unha predisposición negativa para algunha crítica foi o meu propio discurso (ese que, dicía antes, era moito menos elaborado, máis inocente e bastante sincero e espontáneo).

En primeiro lugar, declarei aberta e inocente e reiteradamente que a idea da novela ma dera Víctor Freixanes (é de benacido ser agradecido, pensaba eu), que naquel momento era director de Xerais, e que el quería publicala se o resultado final lle convencía. Naquel momento en que existía na cultura galega un intenso debate sobre a necesidade de cubrir ocos e baleiros, abrindo e encargando determinadas liñas desde as editoriais, fun acusado de facer «literatura de encargo». Naqueles días de, visto desde hoxe, apaixonante debate, mesmo houbo quen insinuou publicamente que a novela non a escribira eu.

En segundo lugar, nas entrevistas contei publica e abertamente o xeito en como me preparei e documentei para escribir a novela (que hoxe pode parecer inocente e literariamente inocuo): viaxei durante seis meses acompañando a camioneiros galegos nos seus tráilers. Naquel naquel momento esa «confesión» creou receos, aínda que xa existía o precedente de Valentín Carrera con Riosil. Sen dúbida, esa liña do meu discurso tamén influíu negativamente. De feito, a novela foi duramente criticada en actos públicos antes de que saíse publicada, é dicir, antes de que as persoas que a criticaban tivesen ocasión de lela. Alegábase que demostraba moi pouca «imaxinación» ter que viaxar con camioneiros para escribir unha novela.

En terceiro lugar, ese elemento novidoso no perfil do escritor (un escritor que non procedía da docencia, que non reivindicaba un discurso intelectual elaborado, que quería conectar co público na liña en que o facían os escritores aos que aplaudía) creou ao tempo moito interese nos medios de comunicación (moito máis do que era habitual naquela época) e a desconfianza dos sectores máis conservadores do sistema literario.

En cuarto lugar, o escritor que era eu, novato, recén chegado e ao tempo iconoclasta, irreverente e inocente, non era quen de medir a forza do seu propio discurso, lección que aprendeu de súpeto e de por vida. Daqueles días lembro algunhas entrevistas nas que me chamaban para falar da novela e nas que me me facían moitas preguntas polas miñas viaxes en camión pero ningunha sobre literatura. E eu non me decatei da forza envelenada que aquilo conlevaba consigo ao publicarse: o que non fala de literatura non é escritor. A maiores, etiquetas empregadas no ámbito cinematográfico como «docudrama» ou outras como «literatura costumista», que comezaron a aplicarse á literatura, levaban, moitas veces, intención de minusvalorar. Tráiler foi etiquetada nesa dirección.

Evidentemente, era 1991; estaba a comezar a década dos 90, a literatura galega estaba moi ideoloxizada (Tráiler tamén foi acusada de ser unha «novela non comprometida») e os xornalistas, por esa actitude defensiva que caraterizou historicamente ao nacionalismo galego, ás veces podían ser vistos como transmisores dun discurso centralista. Xa que logo, outra das patas do meu discurso (a reivindicación do novo xornalismo americano como motor da miña novela) caía no ámbito do que podía ser cuestionado. E, no que á ideoloxía respecta, lembro que nos actos públicos eu non paraba de repetir algo que, aínda daquela, sementaba receos: eu non era escritor por compromiso, nin coa lingua nin co país. Eu era un escritor vocacional: se tivese nacido en Sevilla ou en París tamén sería escritor.

Máis alá das súas virtudes e defectos (que por suposto os ten, porque ademais é unha novela primeiriza), a recepción de Tráiler foi un exemplo paradigmático de anormalidade (do que eu teño chamado «a anormal normalidade da literatura galega»), e a novela vogou nun sistema literario pouco estable, sufrindo ao tempo as defensas máis apaixonadas (como esaxeradas) e as denostacións máis duras (como inxustas). Sen dúbida, Tráiler supuxo, para min, unha aterraxe abrupta no ámbito público da literatura.

Nunca tanto do seu propio entorno aprendeu aquel escritor novo, de 28 anos, que era eu e que, ademais, non acaba de comprender como era posible que unha novela que levara o premio máis importante que se concedía daquela en Galicia recibise, ao mesmo tempo, críticas tan duras. Parecíalle unha contradición na medida en que entendía, vítima da súa propia inxenuidade, que a concesión dun premio desa envergadura supuña unha certa salvagarda non ás críticas negativas senón á dureza desas críticas negativas.

A medida que un vai modelando e madurando o seu discurso literario, sen dúbida, tamén é moito máis capaz de modelar e madurar o discurso público, que se fai máis mediatizado, máis controlado, menos inocente e, con todo, máis capaz. Así é a vida e eu alégrome desa oportunidade que Tráiler me deu de vivila.

19.4.10

Folerpas de Novoneyra: propostas didácticas

Aquí están, na páxina de Xerais, as propóstas didácticas de Folerpas de Novonerya, feitas por Pilar Sampedro e Maruxa Caamaño. Para ambas as dúas, o meu agradecemento.

11.3.10

Folerpas de Novoneyra

Quedan poucos días para que chegue da imprenta Folerpas de Novoneyra, a terceira biografía que escribo, logo de A vida secreta de María Mariño (Xerais, 2007) e Señora Carmen, a voz que vén da seitura (PAI Música, 2007).


15.3.09

Unha entrevista e catro recensións críticas

En Praza das Letras aparece unha entrevista comigo centrada, especialmente, en Un país a medio facer, pero tamén no futuro da cultura galega e no novo contexto político. Precisamente, sobre Un país a medio facer publicáronse recentemente catro recensións críticas: unha no Cartafol de libros, realizada por Manuel Rodríguez Alonso; outra no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia (con entrevista), realizada por Ramón Nicolás; a terceira, no Faro da Cultura (Faro de Vigo), publicada por Pilar Ponte; e a cuarta, no Protexta, o suplemento de Cultura de Tempos Novos, feita por Xosé Carlos Hidalgo. A tod@s el@s, grazas polo seu labor.

3.3.09

Eleccións 2009, aproximación poética

Poema "Galicia", do meu libro Subversións (Edicións Xerais de Galicia, 2001). Vídeo gravado en novembro de 2008.