Amosando publicacións coa etiqueta Escritores/as. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escritores/as. Amosar todas as publicacións

14.11.25

A palabra como fogar: na casa de Xela Arias


 

Alegreime inmensamente de que se propuxese escribir o texto e poñer a miña voz para este vídeo sobre Xela Arias da serie «Na casa delas». Agradecidíisimo. Reproduzo tamén o texto orixinal, que tiven que resumir un chisquiño para axustalo ao tempo do vídeo.



XELA ARIAS

LUGAR: GRANXA ESCOLA BARREIROS (SARRIA)

Outro espazo: Casa familiar da Vilerma.

 

As persoas habitamos espazos e tempos. Espazos que sempre están en relación cun tempo. E ese tempo, o tempo de Xela Arias na Granxa Barreiros, en Sarria, foi o de apalpar a vida; o de tenteala e facela súa, apropiarse dela.

«Tiña eu antes de ti dúas mans para apaña-lo mundo» diralle Xela moitos anos despois ao seu fillo no poemario Darío a diario.

O 4 de marzo de 1962 Xela Arias naceu para apañar o mundo brincando entre as hortas e as aulas da Granxa Escola Barreiros, onde o seu pai, Valentín Arias, impartía  clases e a súa nai, Amparo Castaño, se ocupaba do servizo de comedor. A institución fora fundada en 1948, baixo agochados principios galeguistas e republicanos, por Antonio Fernández.

No espazo daquela insólita escola unitaria, tan insual en tempos complicados do franquismo, Xela pasou os seus tres primeiros anos de vida nun ambiente de liberdade. Era esa liberdade inaugural e inconsciente que logo lle ditou os referentes da súa maternidade cando se dirixía ao seu fillo:

 

«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuíres».

 

Que queda en nós, persoas adultas, deses tres primeiros anos de vida? Lembranzas, apenas. Pouso, moito. Determinación? Se cadra.

Cando Xela contaba con tres anos, o seu pai aceptou un novo traballo en Lugo, e cando aínda tiña sete outro traslado levouna a Vigo, a cidade coa que empatizou e que acabou por configurar a súa obra literaria.

Pero aquela Xela Arias urbana, autora de Denuncia do equilibrio e das letras das cancións do grupo rock Os Desertores, que se identificaba moito máis con Lou Reed que cos poetas galegos do seu tempo, mantiña nos seus versos malia todo, como indicou a poeta Olga Novo, a memoria dos bóvidos que fixera seus na parroquia de Ortoá, onde se ubicaba a Granxa Escola Barreiros:

«Vencen cabalos alaranxados os rebumbios das frases / cortadas», sentenciou nun dos poemas.

Esas referencias á animalidade acomodáronse tamén no título do seu poemario Tigres coma cabalos, urbano e intenso.

Non se pode negar que a traxectoria de Xela Arias é indisociable da cidade de Vigo: «Desde os 7 anos vivo en Vigo e a miña cultura é urbana», escribiu; aínda que tamén puntualizou: «O urbano non é parte de min senón unha circunstancia da vida».

E, ás veces, as circunstancias da vida determinan a través dos espazos, como a determinou tamén a Granxa Escola. «O medio fórmanos», asegurou tamén Xela Arias.

De feito, ata a súa primeira adolescencia retornaba coa familia nas vacacións, non xa a Barreiros senón á casa da Vilerma, a escasa distancia de alí, onde nacera Valentín Arias. A aquel espazo de liberdade onde aprendera a andar, aprendera a apañar o mundo, e quen sabe!, se cadra aprendera tamén, inconscientemente, a definir o poema.

Porque ao final, as palabras foron para ela un espazo, un espazo de definición, de autoafirmación, de rebeldía e de procura que aprendeu a pronunciar, por vez primeira, nos silencios e nas paisaxes natais.

Era ese espazo iniciático que a devolvía aos afectos, igual que a palabra, igual que o verso, igual que o poema derradeiro do seu libro derradeiro, Intempériome:

 

Incéndiate

         á calor da observación.

 

E repasa logo a ollada

no pouso

dos afectos.

13.3.12

Neruda

Hai bastantes anos tradución este poema de Neruda, a petición da revista Terra sen amos. Neruda, o inmortal Neruda. Aproveito para reproducilo en Cabrafanada.


As satrapias

Nixón, Frei e Pinochet
ata hoxe, ata este amargo
mes de setembro
do ano 1973,
con Bordaberry, Garrastazú e Banzer,
hienas voraces
da nosa historia, roedores
das bandeiras conquistadas
con tanto sangue e tanto lume,
enchoupados nas súas herdades,
depredadores infernais,
sátrapas mil veces vendidos
e vendedores, acirrados
polos lobos de Nova York,
máquinas famentas de dores
lixadas no sacrificio
dos seus pobos martirizados,
prostituídos tratantes
do pan e do aire americano,

lameiras, verdugos, fato
de prostibularios caciques,
sen outra lei que a tortura.
E a fame zorregada do pobo.



Santiago de Chile,
15 de setembro de 1973

8.10.11

O loisismo dos Tres Trebóns e Os Homes sen medo

Lois Pereiro foi neste ano das letras 2011, o autor máis vivo, dinamizador e provocador que nunca tivo esta celebración. Non podía se doutro xeito. Agora, Os Tres Trebóns fan público o vídeo da súa versión do poema «Declaración», de Lois Pereiro, na voz de Xurxo Souto.
Avante loisistas!

4.10.10

O Cairo en Taxi

Hai pouco lin Taxi, de Khaled Al Khamissi. Un libro distinto dentro da tradición árabe, que se converteu nun éxito en Exipto. A súa lectura é como percorrer O Cairo en taxi. Moi recomendable para os afeccionados ás literaturas periféricas, ás lecturas sociolóxicas ou aos que vaian viaxar a Exipto.

21.6.10

Cama e conto

A verdade é que nunca me considerei tradutor. Tal e como, por vocación e por oficio, me teño situado no xornalismo (a pesar de que a miña titulación universitaria é en Filoloxía), dado que comecei traballado nos medios e que nunca abandonei a práctica do xornalismo (aínda que fose con fins literarios), o certo é que nunca me considerei tradutor. Tanto é así que algunhas institucións, como a FGSR, me mandaron reiteradamente unha ficha de datos para que a cubrise como tradutor e nunca o fixen. Con todo, síntome especialmente satisfeito dos libros que traducín e dese traballo aprendín moito. O primeiro, o Polgariño, feito a catro mans. O segundo, A aventura sorprendente dun homiño moi valente, un traballo que foi unha auténtica tortura para que a rima, o texto e as imaxes casasen. E o terceiro, Cama e conto, de Gonzalo Moure, que foi un verdadeiro pracer. Sobre todo porque é un libro excelente, que mesmo me gustaría ter escrito a min. Xa que logo, recoméndoo encarecidamente. Cama e conto é un libro dun dos autores de literatura infantil e xuvenil que máis valoro e ademais trata sobre a lectura. E trata sobre un momento crucial para a instalación da infancia na lectura, tal e como nos revelou tamén Daniel Pennac. Con libros así, un sería tradutor a todas horas.

7.6.10

Nos Diálogos Literarios de Mariñán

A pasada semana participei na sétima edición dos Diálogos Literarios que convoca a Fundación Carlos Casares no Pazo de Mariñán, como moderador dunha mesa redonda sobre "As fronteiras ambiguas. Prosa e Poesía". Na mesa interviron o escritor vasco Harkaitz Cano e o poeta José Luis García Martín, profesor da Universidade de Oviedo. O debate resultou moi interesante e, para min, amais de coñecer a José Luis, foi unha alegría poder reencontrarme con Harkaitz, a quen coñecía desde hai bastantes anos, e de quen sigo con moito interese a súa traxectoria literaria. No seu libro Telefono kaiolatua, do ano 1997, incluira unha cita de Persianas, pedramol e outros nervios. Eu nunca o puiden ler, pois ao contrario das súas obras seguintes, non se chegou a traducir. Hoxe é un dos narradores vascos máis coñecidos e destacados.
Outro dos acontecementos felices dos diálogos foi coñecer a Antonio Altarriba, autor de El arte de volar, un título en torno ao que Félix, sempre tan acertado, xa chamara a nosa atención.
Pola tarde aínda asistín á intervención de Francesc Parcerisas e Miguel Anxo Fernán Vello sobre palabra lida, palabra recitada.
No ano 2006 xa participara no Pazo de Mariñán nuns encontros literarios, organizados por Luciano Rodríguez, baixo o tema "Literatura e cidade".

24.5.10

Xabier P. DoCampo anuncia unha autobiografía

Xabier P. DoCampo está a publicar unha serie de cinco post no seu blog de carácter autobiográvico de "cousas que nunca contara". Todo apunta a que vai ser o inicio dun proxecto de escrita sobre a súa propia vida. Segundo as súas propias palabras: "Nunha serie de cinco post sucesivos que vou publicar no meu blog, propóñome contar un anaquiño da miña vida que, sen telo oculto nunca, non contara até agora. Isto só é un ensaio para facer desta legua do meu camiño da vida mateira literarria que acabará por saír por algures un día ou outro". Moitos parabéns por abordar ese xénero tan escaso na nosa literatura e adiante.

5.4.10

Uxío Novoneyra: cronoloxía

Esta é a cronoloxía que elaborei para o final do libro Folerpas de Novoneyra, unha biografía sobre o poeta do Courel publicada na colección Merlín (Xerais). Os enlaces de maior interese sobre Novoneyera na rede, están tamén aquí.


CRONOLOXÍA DE UXÍO NOVONEYRA

1930: Uxío Novoneyra nace o 19 de xaneiro en Parada do Courel no seo dunha familia labrega acomodada.

1936: Prodúcese o levantamento militar contra a Re­pública que provoca a Guerra Civil española. O tío de Novoneyra, Manuel Novo, que era alcalde de O Cou­rel pola Fronte Popular, vese obrigado a agacharse na casa familiar de Novoneyra durante tres anos.

1945: Aos quince anos, Uxío trasládase a Lugo durante o período escolar para estudar o bacharelato.

1948: Comeza a escribir por esta época. No instituto, coincide con Manuel María. En Parada instálase María Mariño, que intima coa familia de Novoneyra.

1949: Uxío remata o bacharelato en Lugo e marcha a Madrid, onde se matricula como oínte en Filosofía e Letras.

1950: Novoneyra vive en Madrid, cidade moi marcada pola dureza do ambiente de posguerra. Etapa de lecturas e aprendizaxe autodidacta; faise usuario asiduo da Biblioteca Nacional. Uxío dá o seu primeiro recital na universidade e publica algúns poemas en revistas literarias.
1952: Volve a Galicia para facer o servizo militar, on­de volve coincidir con Manuel María. Grazas a el, No­voneyra entra en contacto co galeguismo e coñece a intelectuais como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, García Sabell, Fermín Bouza-Brey e Carlos Maside.

1953: Debido a unha pleurite, vese obrigado a regresar ao Courel, onde permanecerá ata 1962. Novoneyra es­cribe Os Eidos entre 1952 e 1954.

1955: Publícase Os Eidos na editorial Galaxia, cun prólogo de Ramón Piñeiro. O libro está dedicado ao pintor Carlos Maside, co que o poeta mantén unha forte amizade.

1957: Uxío Novoneyra atrévese a falar en galego nun recital poético no Círculo Mercantil de Compostela, ante a sorpresa do público.

1958: Morre en Lugo o poeta Luís Pimentel, ao que Novoneyra se sentía unido. Ese mesmo ano morre outro amigo: o pintor Carlos Maside.

1960: Uxío Novoneyra envíalle varias cartas a Ramón Otero Pedrayo falándolle de María Mariño e solicitándolle un prólogo para Palabra no tempo.

1962: Novoneyra marcha novamente para Madrid e, durante estes anos, traballa colaborando na radio e na televisión, en programas literarios. Comeza a súa in­tensa relación con membros do grupo Brais Pinto, fundado en 1958. En Madrid vive a experiencia dunha cidade marcada pola loita antifranquista e o activismo estudantil. A cidade revive un clima de rebeldía. Novoneyra mantén unha amizade moi fonda co pintor Reimundo Patiño e os dous permanecen atentos aos movementos culturais máis renovadores.

1964: Fúndase a UPG en Compostela.

1966: Novoneyra publica Elexías do Courel e outros poemas (1966, E. Rialp, Madrid), editado en versión bilingüe galego-castelán. Retorna ao Courel debido á enfermidade dos pais.

1968: Escribe os poemas «Letanía de Galicia» e «Vietnam Canto».

1971: Morre o pai de Uxío Novoneyra, José de Parada.

1973: Casa con Elba Rei. Ese mesmo ano morre a nai de Novoneyra.

1974: Publica Os Eidos 2. Letanía de Galicia e otros poemas, na editorial Galaxia, ilustrado con debuxos de Laxeiro.

1976: Nace a súa primeira filla, Branca Petra.

1979
: Publica en Brais Pinto os Poemas caligráficos, pro­logados por Reimundo Patiño. Novoneyra é un mi­to entre os escritores novos.
1981: Nace o seu fillo Uxío. Publica en Xerais Os Ei­dos. Libro do Courel, revisado, recompilado e depurado. Novoneyra xa é considerado un clásico.

1982
: É nomeado presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

1983
: Nace o seu fillo Arturo. Trasládase de xeito definitivo a Santiago de Compostela, onde vivirá o resto da súa vida. Ferrín publica De Pondal a Novoneyra.

1985: Reedítase, ampliada e completa, a edición de Os Eidos. Libro do Courel (Xerais, 1985).

1986: Publícase, a cargo da Deputación de Lugo, o poe­mario Muller pra lonxe, de temática amorosa.

1987: Tradúcese Os Eidos ao éuscaro, que se publica en versión bilingue, (Bazterrak Os Eidos, editorial Pamiela), traducido por Koldo Izaguirre.

1988: Ve a luz Do Courel a Compostela (1956-1986), na editorial Sotelo Blanco.

1990
: Sae do prelo Os Eidos na colección Biblioteca das Letras Galegas, de Xerais, en edición anotada e comentada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.

1991: Publícase Tempo de elexía na editorial Vía Láctea, que é unha reedición revisada de Elexías do Courel e outros poemas. Ese mesmo ano, sae tamén o seu primeiro libro destinado ao público infantil: O cubil do Xabarín (Edelvives).

1992
: Dá á luz o segundo libro infantil, Gorgorín e Cabezón, ilustrado por Quintana Martelo e Vázquez.

1994: Publica Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras en Espiral Maior, con gravados de Carlos Crego.

1995: Dáse a coñecer o libro Camelio xaponés (Consorcio da Cidade de Santiago), no que participa.

1996: Ten lugar o Encontro de Escritores Novos en Compostela, convocado pola AELG. Algunhas desa intervencións e a posterior de Novoneyra dan lugar a un vivo conflito xeracional que marcará a poesía desa década.

1998: Publica o poemario Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (Concello de Betanzos). Tamén sae en Noitarenga Dos soños teimosos e en Edelvives o seu terceiro libro infantil: Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín.

1999
: Uxío Novoneyra falece o 30 de outubro en Compostela. Publícase o libro Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas (Hércules).

11.1.10

Gustaríame ser lesbiana

Saray Pavón é unha das videoblogueiras e videopoetas máis seguidas do territorio español. Utilizando case todas as redes sociais e, sobre todo, botando man de youtube, está a configurar un curiosa poética virtual. Pertence ao grupo CreAccion Poética, con sede en Sevilla.


1.11.09

Os restos de Lorca

Recibín por correo electrónico, dun amigo poeta, esta carta para asinar, sobre a exhumación dos restos de Lorca. Decidín non asinala, en primeiro lugar porque me identifico máis con esta versión. E en segundo lugar, sobre todo, porque non é unha carta razonada nin argumentada senón unha carta retórica fundamentada nun victimismo pouco racional.


CARTA A FEDERICO GARCÍA LORCA
BARRANCO DE VIZNAR, S/N
GRANADA
26 de octubre de 2009

Estimado Federico:


Te escribimos para avisarte pues se comenta en la plaza que esta noche vuelven a por tí. Lo harán como aquel día, sin juicio, sin jueces, aprovechando las tinieblas de la impunidad. Hemos levantado la voz para avisarte pero sus aullidos de lobos sedientos de fama han amordazado nuestro grito de justicia. Disfrazados de sabios y de filántropos oirás como sus pasos quiebran los huesos de los que te acompañan. Han pisado otras tumbas y llevan en sus bolsillos las balas que te mataron. Se lo dijimos al juez pero el juez no encontró motivos. Se lo dijimos al gobernador pero el gobernador no lo consideró oportuno. Lloran las hijas y los hermanos y ahora, Federico, lloramos los nietos.

Escapa, Federico: vuelven a por tí y nos obligarán a tragar de nuevo la amargura de tu última noche. Escapa, Federico, hacia las estrellas y si encuentras a Temis cuéntale lo que está pasando. Quizás ella pueda ayudarnos.

Tuyos para siempre

Liles García
Fermín Sánchez
Dolores Cabra
Amparo Panabiere
Adelina Kondratieva
Elvira Godás

URGENTE. CARTA A FEDERICO GARCÍA LORCA. FIRMAR Y REENVIAR.

16.10.09

Kirmen Uribe

Un día miña nai
levoume ao mercado.
Aló mercoume un pitiño.
Estaba dentro
dunha caixa de cartón
(....)
Un libro é iso:
Unha caixa de cartón
Con algo vivo dentro.

Kirmen Uribe

29.12.08

Alda Merini





O fragmento dun poema de Alda Merini abre Cartas de amor.

4.9.08

Crise poética, na miña hemeroteca

Acababan os 80 e comezaban os 90

A poesía... ¿en crise?

«Iso da crise da poesía xa se dicía en Roma na época de Catulo e Ovidio», di Xosé Luís Méndez Ferrín, «son alarmismos, pero a poesía é eterna». A poesía é eterna, perenne, pero ¿cal é a situación da poesía nos nosos días? ¿Que pasa en Galicia nese difícil terreo da literatura?



Pero para falarmos de crise, palabra que a maior parte dos poetas rexeitan, hai que distinguir, se cadra, entre crise de mercado, crise de lectores, crise de creatividade, crise editorial ou crise intelectual. Demasiada crise para un xénero tan desprotexido pero tan visceral, tan falto de lectores coma posuidos dos adictos máis fieis. Para Román Raña está en crise a propia linguaxe poética: «antes, os movementos estéticos sucedíanse uns ós outros, pero a partir das avangardas os movementos poéticos estancáronse e non atopan o camiño renovador. Neste sentido, no século XIX o poeta era un guía, e cumpría un certo papel romántico. No século XX esa función desaparece, e a propia dificultade da linguaxe poética fai que os lectores deserten. É certo que a poesía nunca poderá ser un xénero maioritario, pero os poetas temos parte de culpa», confesa Román.
Claudio Rodríguez Fer asegura que non existe crise desde un punto de vista literario, pero si existe desde o punto de vista social ou sociolóxico porque hoxe a comunicación non pasa pola poesía de maneira masiva. Isto non quere dicir que a poesía actual sexa de inferior calidade. «Somos nós os que estamos en crise», di Xosé Vázquez Pintor, «nós e os lectores, sobre todo os lectores de poesía. Só unhas cantas persoas cun maior grao de sensibilidade do normal len hoxe poesía. Isto é un reflexo da nosa sociedade actual, triste e noxenta, falta de sensibilidade». Para Ramiro Fonte o concepto de crise arrinca da Revolución Francesa e do romantismo: neste tempo as grandes verdades póñense en entredito. Desde ese punto de vista teorizouse a crise do poético, pero o poético segue a ser posible. Ruptura e avangardismo compráceronse nese concepto de crise, pero a poesía segue adiante».
Para Manuel Rivas, hoxe fálase de crise ou de certa sequía porque anteriormente se pensou que estabamos nunha «década prodixiosa». Para o autor de «Ningún cisne», está claro que é un espellismo tanto falar de Idade de Ouro coma de crise. «Se cadra», di Manolo Rivas, «o maior gancho que a narrativa ten fai que a poesía quede un pouco escurecida, pero se cadra tamén lle vén ben o feito de que a poesía teña que tirarse un pouco ó monte e volverse clandestina. De tódolos xeitos, a poesía sempre foi unha flor prohibida e non podemos manexar criterios de éxito ó falarmos dela».
Xesús Rábade cre que a poesía goza de boa saúde, con excelentes perspectivas en toda Europa, gracias á súa novidade e forza comunicativa nunha pluralidade de rexistros varios e contrastados, e todos eles son válidos. Luís Rei Núñez di que é certo que hai menos poemarios nas librerías, en parte porque a maioría dos poetas cultivan con éxito a narrativa, pero aínda que a poesía é un xénero minoritario sempre ten a posibilidade de romper barreiras. «En Portugal, Eugenio Antonio de Andrade leva máis de 20 poemarios publicados con tiradas de 20.000 exemplares, e en España hai xente coma Rafael Alberti, que tamén é un poeta moi lido. Nese sentido, en Galicia tivemos un auténtico fito poético que foi Celso Emilio Ferreiro. Hai outras presencias que puideron ter recollido ese eco –Manuel María ou Uxío Novoneyra– pero non o fixeron. Estamos nun momento de transición e a poesía galega debe decantarse». Miguel Sande, que acaba de publicar o libro de poemas «A traxectoria caótica do péndulo» na colección Dombate declara: «...non sei exactamente se crise, pero entendo que a nova poesía galega, a que se está a editar agora, é unha poesía moi intimista e moi esteticista. Ese é o seu pecado. Eu, co meu libro tratei de me apartar desa expresión. Se cadra hai demasiada xente que fai uso do intimismo nuns tempos moi pouco propicios para esa expresión».
O editor Olegario Sotelo Blanco, que mantén na súa editorial a colección de poesía galega máis prestixiosa, Leliadoura, di que «me preocupa, desde unha posición de defensa da poesía galega, que os poetas deixen a poesía e pasen á narrativa, con resultados mediocres». Sotelo Blanco fala de certo estancamento da poesía e denuncia a falla de interese dos poetas por promocionar ese xénero: «nós tivemos problemas cando os libreiros organizaron varios recitais e de 14 poetas só apareceu un. E nós, desde o Premio Leliadoura e a colección de poesía, facemos un esforzo por sacar adiante este xénero. Nese sentido, quérolles facer unha chamada de atención ós poetas».
E a maior parte dos poetas falan de crise editorial: «o único lugar onde existe crise é nas editoriais, que por cuestións de marketing deixaron de publicar poesía», di o crítico Luciano Rodríguez, «pero trátase dunha falla de planificación editorial, porque a poesía nunca foi rendable e sempre foi editada. Hai editoriais que levan dous anos sen publicar ningún libro de poesía. Hai textos que os poetas teñen inéditos que son tan bos ou mellores cós publicados. Coido que asistiremos pronto a un rearme, vaise retomar a etiqueta de a onda da “nova poesía galega” porque os propios poetas están moi interesados en publicar».
¿Crise da poesía? Non, di rotundamente Lino Braxe. O que existe é unha falla de sensibilidade das persoas que levan as editoriais para facer que a poesía teña forza. Galicia. literariamente, sempre foi un país cunha grande capacidade para a poesía. A poesía nunca foi negocio, e as editoriais prefiren non publicala. O que existe é unha crise de valores que afecta á poesía. Na sociedade actual non hai solidariedade, non hai conceptos revolucionarios, sen embargo todos sabemos calar moi ben. Existe unha perda dos valores humanísticos e o sentido positivo da poesía está relacionado con todo iso. Hoxe prima o sentido negativo. A crise está no home e na sociedade, non na poesía. «Non coñezo ningún periodo histórico en que houbo crise na poesía», resalta Chus Pato, e en base á producción poética non se ve a crise por ningures».
Para Bernardino Graña tampouco existe crise, o que existe é un grande baleiro e desinterese nas editoriais. «Hai poemarios bos que non teñen saída, e iso é horrible. En Galicia sempre houbo moitos poetas, e nese sentido non temos nada que envexarlles ós poetas do resto do mundo, e se non comparamos cos portugueses, que fan un poemiña sen forza ningunha, ou cos españois, levamos ventaxa.
Paco Souto, un dos nosos poetas novos máis activos, promotor de numerosas iniciativas alternativas, di que «mercantilmente é un xénero pouco competitivo, especialmente nun país onde hai que buscar os lectores baixo as pedras», e engade que «a poesía é un virus do que a sociedade actual e a galega en particular parecen estar vacinadas».
Falar a partir da tradicional diferenciación por xéneros é difícil para a rupturista Margarita Ledo. «A linguaxe poética dáse tamén cando consigues outros niveis da linguaxe. Nese aspecto, como medio creativo non existe a crise. Hai crise como xénero comercial, pero daquela habería que falar de crise da literatura». Tampouco existe crise para Miguel Anxo Fernán-Vello, quen cre que «a poesía contemporánea é rica, viva e complexa». Para este autor a crise está, outra volta, na sociedade e no receptor: a poesía está separada do receptor por causas que teñen que ver coa sociedade: intereses económicos, ideolóxicos, etc.
En todo caso, e como Avilés de Taramancos di, a poesía sempre está en crise porque poesía, etimoloxicamente quere dicir agonía, loita para estar vivo e presente.


Fran Alonso, Diario 16 de Galicia, 31 de xaneiro de 1991

20.7.08

Poetas galegas e irlandesas

En outubro intervirei,en calidade de editor, nun seminario internacional sobre creación, edición e crítica que reune a poetas galegas e irlandesas e que se celebrará en Santiago de Compostela. Esta é a documentación que recibín sobre o congreso:

Este seminario internacional reúne representantes do mundo editorial, da crítica e da creación poética tanto de Galicia como de Irlanda con obxecto de que poidan poñer en común as súas experiencias en relación ao fenómeno da recente emerxencia de mulleres poetas en ambas comunidades. Até a actualidade, foi frecuente realizar seminarios cunha presenza dominante de investigadoras e algún escritor convidado, pero coa ausencia do mundo editorial. No seminario que aquí presentamos, desexamos inverter esta práctica e darlles a palabra prioritariamente ás escritoras, que dialogarán con críticos e editores sobre as relacións entre a creación, a edición e a crítica.

Galicia e Irlanda comparten fortes lazos culturais e semellanzas sociais que foron obxecto de numerosas investigacións. Ademais de promover as relacións internacionais entre os ámbitos literarios galego e irlandés, este seminario profunda na transformación da tradición literaria provocada pola incorporación de numerosas escritoras aos seus sistemas literarios respectivos nos últimos trinta anos, co conseguinte impacto no mercado editorial e no sector da crítica. Convidouse a dúas poetas irlandesas e a catro poetas galegas, sendo un dos temas de interese o da elección lingüística en comunidades oficialmente bilingües.

7.2.08

O anxo literario

Grazas a Ramón Nicolás, un dos máis entregados investigadores e críticos da literatura galega, coñezo este interesantísimo vídeo onde aparecen unha serie de creadores falando sobre a propia creación. O escritor e ex-publicista francés Frédéric Beigbeder, Fernando Arrabal, Christophe Ferré, o escultor Fernando Botero, Zoé Valdés, a nicaraguana Claribel Alegría, Igor Marojevic, Dimitri Savitski e Eduardo Manet explican os motivos polos que afrontan a escrita.


14.1.08

Ángel González

O sábado morreu en Madrid o poeta Ángel González, aos 82 anos de idade. Desde hai moitos anos, Ángel González (1925) é un dos meus poetas de referencia e, de feito, en Subversións quixen iniciar o libro cunha cita súa:

Esto es un poema.
Aquí está permitido
fijar carteles,
tirar escombros, hacer aguas
y escribir frases.

Desde que lin, cando tiña 20 anos, Palabra sobre palabra (nunha vella edición de 1972 de Barral Editores) non deixei de gozar coa poesía do autor de poemarios como Áspero mundo (1956), Tratado de urbanismo (1967), Procedimientos narrativos (1972) ou Otoños y otras luces (2001).
Ángel González era moi amigo do ilustrador e calígrafo cubano asentado en Vigo Lázaro Enríquez, que pouco antes da súa morte viaxou a Oviedo para ultimar unha exposición conxunta das súas caligrafías e dos poemas de Ángel González. Como xa contei en Cabrafanada, un dos cadros do meu estudio, que reproduzo abaixo, é precisamente un poema de Ángel González caligrafado por Lázaro.
Por certo, entre os microrrelatos que veño escribindo a modiño desde hai bastantes anos (algúns deles están a disposición dos lectores de Cabrafanada) hai un, até o de agora inédito, que acabo de publicar no post anterior, que é unha homenaxe a un dos poemas máis significativos de Ángel González.


6.12.07

Profesionais do equilibrio

Os escritores debaten sobre a súa profesionalidade

Algúns escritores son partidarios de exercer o seu oficio durante as 24 horas do día. Outros, sen embargo, prefiren non ser absorvidos pola palabra. A pregunta foi ¿é boa a profesionalidade do escritor? Cada quen a interpretou á súa maneira. Estas son as súas opinións.
Xelís de Toro:
Sería ideal non verse obrigado a facer outras cousas para sobrevivir.
Ana Romaní:
Eu persoalmente considero que non é boa pero cada un debería ter a posibilidade de escoller. Así e todo, eu prefiro non escoller esa opción.
Ramón Caride Ogando:
Redundaría en beneficio da calidade literaria.
Paco Martín:
Non teño posibilidade de sabelo. En Galicia hai escritores de fin de semana, xente que aproveita o tempo de vagar para escribir, e non debería ser así. O escritor ten que aproveitar máis o tempo. A cuestión está en conseguir un mínimo de profesionalidade no feito literario. Ademais, non estaría mal ter algunhas experiencias de escritores profesionais para ver como funciona o asunto.
Xesús Rábade:
Rotundamente, si. É un dos problemas do profesional da literatura en Galicia. Todos temos que nos adicar a buscar o modus vivendi, sobre todo se practicamos os temas e xéneros menos comerciais.
Xosé Vázquez Pintor:
É bo que o escritor teña tempo libre para escribir, pero non o é que viva da súa propia obra porque aparecen unha serie de condicionantes que o limitan. Habería que retribuir máis ó escritor.
Alfonso Álvarez Cáccamo:
Sería moi bo. Estaría ben que no DNI puxese «profesión: escritor». Ademais, tería que responder cara á sociedade coa súa obra literaria.
Camilo Gonsar:
O ideal sería que cada quen puidese vivir do que escribe. Agora ben, o feito de vivir da escritura pode impoñer certas limitacións, e o escritor pode acabar escribindo o que lle piden.
Lois Diéguez:
Non sería atinado. Véxoo moi difícil porque implica problemas a nivel político e editorial. Sen embargo, sería positivo que os escritores dispuxesen de máis tempo para escribir.
Manuel Rivas:
Hai que reivindicar a condición de escritor. Nese sentido o escritor debe arriscar na aposta. Se algo ten de oficio a palabra é que tes que correr o risco e non podes depender dun convenio: tes que ser un monxe-guerreiro. É un traballo enfebrecido: o escritor é coma o buscador de ouro coa diferencia de que non procura compensación material. Por iso paga a pena esa aposta.
Claudio Rodíguez Fer:
Ten ventaxas e inconvenientes. Nunha situacil ideal seríá extraordinariamente positivo. O ano pasado non dei clase e foi, para min, un ano moi intenso literariamente. Así e todo, na sociedade capitalista hai que comerciar e vivir do público e iso non me interesaría porque perdería liberdade creativa.
Ursula Heinze:
En Galicia, ese é o gran mal da literatura. Sen adicarse exclusivamente a ela non se fai unha literatura válida. Hai que ser profesional do que se fai. Eu só fago literatura pero non podo vivir diso. Facer mil cousas ó tempo non é posible. En Galicia escríbese nos ratos libres, como pasatempos, e iso é negativo.
Manuel Guede:
Sería un bo síntoma de sociedade normalizada, pero eu nunca considerei tal cousa. Non me interesa publicar un libro cada ano. Joyce malviviu 17 anos co Ulises. Se entras na dinámica do mercado estás hipotecado. O feito de profesionalizar o oficio non debería depender da lei da oferta e da demanda. Cela entrou nesa dinámica e está sendo devorado por ela. Non ten tempo para escribir nesa voráxine de premios, viaxes e conferencias.
Luis Rei Núñez:
Sería bo para a saúde física e mental do escritor. Aínda que un escritor sen apremio pode caer na preguiza.
Xaquín Agulla:
Nn é que sexa positivo, é que terá que ser obrigatorio. Debería estar recollido na constitución: todo escritor debe vivir da súa obra.

Fran Alonso, Diario 16 de Galicia, Sábado, 23 de febreiro de 1991

29.10.07

Rosa Aneiros e Cartas de amor

Por casualidade, navegando pola rede, nas páxinas da AELG descubrín este vídeo de Rosa Aneiros lendo Cartas de amor. Non o coñecía. Grazas, Rosa.
Por certo, a Rosa Aneiros teño que agradecerlle tamén a dedicatoria do seu próximo libro, Ao pé do abismo, que reune a súa excelente literatura xornalística.


24.6.07

Marti i Pol

Fina Iglesias, tradutora ao catalán de Mals de cap (Males de cabeza), que sairá publicado cara fin de ano na colección Desabafo da editorial El Cep i la Nansa, que dirixe Francesc Mestres, envíame un poema de Martí i Pol, autor dunha obra poética que sempre me encandilou. Era un poema para celebrar o San Xoán, la nit del foc.