Esta é a cronoloxía que elaborei para o final do libro Folerpas de Novoneyra, unha biografía sobre o poeta do Courel publicada na colección Merlín (Xerais). Os enlaces de maior interese sobre Novoneyera na rede, están tamén aquí.
CRONOLOXÍA DE UXÍO NOVONEYRA
1930: Uxío Novoneyra nace o 19 de xaneiro en Parada do Courel no seo dunha familia labrega acomodada.
1936: Prodúcese o levantamento militar contra a República que provoca a Guerra Civil española. O tío de Novoneyra, Manuel Novo, que era alcalde de O Courel pola Fronte Popular, vese obrigado a agacharse na casa familiar de Novoneyra durante tres anos.
1945: Aos quince anos, Uxío trasládase a Lugo durante o período escolar para estudar o bacharelato.
1948: Comeza a escribir por esta época. No instituto, coincide con Manuel María. En Parada instálase María Mariño, que intima coa familia de Novoneyra.
1949: Uxío remata o bacharelato en Lugo e marcha a Madrid, onde se matricula como oínte en Filosofía e Letras.
1950: Novoneyra vive en Madrid, cidade moi marcada pola dureza do ambiente de posguerra. Etapa de lecturas e aprendizaxe autodidacta; faise usuario asiduo da Biblioteca Nacional. Uxío dá o seu primeiro recital na universidade e publica algúns poemas en revistas literarias.
1952: Volve a Galicia para facer o servizo militar, onde volve coincidir con Manuel María. Grazas a el, Novoneyra entra en contacto co galeguismo e coñece a intelectuais como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, García Sabell, Fermín Bouza-Brey e Carlos Maside.
1953: Debido a unha pleurite, vese obrigado a regresar ao Courel, onde permanecerá ata 1962. Novoneyra escribe Os Eidos entre 1952 e 1954.
1955: Publícase Os Eidos na editorial Galaxia, cun prólogo de Ramón Piñeiro. O libro está dedicado ao pintor Carlos Maside, co que o poeta mantén unha forte amizade.
1957: Uxío Novoneyra atrévese a falar en galego nun recital poético no Círculo Mercantil de Compostela, ante a sorpresa do público.
1958: Morre en Lugo o poeta Luís Pimentel, ao que Novoneyra se sentía unido. Ese mesmo ano morre outro amigo: o pintor Carlos Maside.
1960: Uxío Novoneyra envíalle varias cartas a Ramón Otero Pedrayo falándolle de María Mariño e solicitándolle un prólogo para Palabra no tempo.
1962: Novoneyra marcha novamente para Madrid e, durante estes anos, traballa colaborando na radio e na televisión, en programas literarios. Comeza a súa intensa relación con membros do grupo Brais Pinto, fundado en 1958. En Madrid vive a experiencia dunha cidade marcada pola loita antifranquista e o activismo estudantil. A cidade revive un clima de rebeldía. Novoneyra mantén unha amizade moi fonda co pintor Reimundo Patiño e os dous permanecen atentos aos movementos culturais máis renovadores.
1964: Fúndase a UPG en Compostela.
1966: Novoneyra publica Elexías do Courel e outros poemas (1966, E. Rialp, Madrid), editado en versión bilingüe galego-castelán. Retorna ao Courel debido á enfermidade dos pais.
1968: Escribe os poemas «Letanía de Galicia» e «Vietnam Canto».
1971: Morre o pai de Uxío Novoneyra, José de Parada.
1973: Casa con Elba Rei. Ese mesmo ano morre a nai de Novoneyra.
1974: Publica Os Eidos 2. Letanía de Galicia e otros poemas, na editorial Galaxia, ilustrado con debuxos de Laxeiro.
1976: Nace a súa primeira filla, Branca Petra.
1979: Publica en Brais Pinto os Poemas caligráficos, prologados por Reimundo Patiño. Novoneyra é un mito entre os escritores novos.
1981: Nace o seu fillo Uxío. Publica en Xerais Os Eidos. Libro do Courel, revisado, recompilado e depurado. Novoneyra xa é considerado un clásico.
1982: É nomeado presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
1983: Nace o seu fillo Arturo. Trasládase de xeito definitivo a Santiago de Compostela, onde vivirá o resto da súa vida. Ferrín publica De Pondal a Novoneyra.
1985: Reedítase, ampliada e completa, a edición de Os Eidos. Libro do Courel (Xerais, 1985).
1986: Publícase, a cargo da Deputación de Lugo, o poemario Muller pra lonxe, de temática amorosa.
1987: Tradúcese Os Eidos ao éuscaro, que se publica en versión bilingue, (Bazterrak Os Eidos, editorial Pamiela), traducido por Koldo Izaguirre.
1988: Ve a luz Do Courel a Compostela (1956-1986), na editorial Sotelo Blanco.
1990: Sae do prelo Os Eidos na colección Biblioteca das Letras Galegas, de Xerais, en edición anotada e comentada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
1991: Publícase Tempo de elexía na editorial Vía Láctea, que é unha reedición revisada de Elexías do Courel e outros poemas. Ese mesmo ano, sae tamén o seu primeiro libro destinado ao público infantil: O cubil do Xabarín (Edelvives).
1992: Dá á luz o segundo libro infantil, Gorgorín e Cabezón, ilustrado por Quintana Martelo e Vázquez.
1994: Publica Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras en Espiral Maior, con gravados de Carlos Crego.
1995: Dáse a coñecer o libro Camelio xaponés (Consorcio da Cidade de Santiago), no que participa.
1996: Ten lugar o Encontro de Escritores Novos en Compostela, convocado pola AELG. Algunhas desa intervencións e a posterior de Novoneyra dan lugar a un vivo conflito xeracional que marcará a poesía desa década.
1998: Publica o poemario Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (Concello de Betanzos). Tamén sae en Noitarenga Dos soños teimosos e en Edelvives o seu terceiro libro infantil: Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín.
1999: Uxío Novoneyra falece o 30 de outubro en Compostela. Publícase o libro Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas (Hércules).
Ningún comentario:
Publicar un comentario