Amosando publicacións coa etiqueta Fomento da lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fomento da lectura. Amosar todas as publicacións

8.10.14

«Biblioferit», unha canción de amor ás bibliotecas

O Servei de Biblioteques da Generalitat de Catalunya encargoulle a La Tresca i la Verdesca, un grupo de música infantil, que compuxese unha canción sobre as bibliotecas coa vocación de animar os pequenos lectores e lectoras ao seu uso e, ao tempo, que servise de seu como elemento de animación lectora. Os membros de La Tresca i la Verdesca crearon unha fermosa canción de amor á biblioteca, titulada Biblioferit, emulando o conto da Ratiña presumida. O resultado final é este magnífico vídeo musical, tan emotivo para as persoas que traballamos na animación á lectura e facemos nosas as imaxes que aparecen na pantalla.
Observando unha sociedade coa madurez cultural da catalana, tan capaz de xerar ilusión e de apoiar a cidadanía no recoñecemento da súa propia cultura, non debería estrañarlle a ninguén que desexen ser unha nación independente. Con esa capacidade xigantesca de soñar e crear referentes (que contrasta tanto coa miseria cultural da Consellería de Cultura), o Estado catalán (que chegará algún día, sen dúbida, pois os cataláns así o desexan) será un dos estados máis avanzados de Europa en políticas educativas e culturais.




Biblioferit from suvata produccions on Vimeo.


«El grup d'animació infantil i familiar de La Tresca i la Verdesca han rebut l'encàrrec de fer una cançó per a tots aquells que ens agrada passar hores i hores en la biblioteca. El cas és que hi ha algú que s'hi ha passat tantes, que hi està enamorat. És el "Biblioferit", un malalt d'amor per una biblioteca» (Catalunya Radio).

11.4.11

Corea do Norte

O mes pasado non puiden asistir á sesión do Club de Lecturas Debuxadas, de Espazo Lectura, que coordina Félix, aínda que, con todo, tiven oportunidade de ler a novela gráfica en cuestión, titulada Pyongyang, a crónica demoledora dunha estancia do seu autor, o artista plástico Guy Delisle, en Corea do Norte. Hai pouco, outro membro do devandito club enviounos un enlace a este documental de TVE, que tampouco dá tregua, feito por Rosa María Calaf.

13.12.10

A Casa da Lectura, unha experiencia abraiante

O que está a suceder na Casa da Lectura todos o mércores é realmente fermoso e singular, algo que nos enche de orgullo a todas as persoas (moitas, afortunadamente), que participamos nese proxecto. A Casa da Lectura transfórmase cada semana de xeito incrible, cunha asombrosa versatilidade (como se pode ver nesta relación fotográfica), para acoller todo tipo de actividades baseadas nos libros e na lectura, actividades, na súa práctica totalidade, realizadas por voluntarios vencellados a Espazo Lectura.
¿Que é a Casa da Lectura? Pois é unha biblioteca e un centro de actividades en torno ao libro e á lectura xestionado por Espazo Lectura, situado no ámbito rural, que se converteu nun espazo de encontro co libro, coa lectura e coa promoción dos hábitos lectores. A Casa da Lectura construíuse a partir da recuperación dunha antiga escola rural en desuso (a transformación está nestas imaxes), integramente rehabilitada por voluntarios, logo dun acordo co centro escolar ao que pertencía (CEIP Souto-Donas) e co Concello de Gondomar. A partir de aí transformámolo en biblioteca e centro de dinamización lectora.

A min, que o vivo, francamente, o que sucede na Casa da Lectura (á marxe do que sucede tamén no resto de actividades da asociación, que supoñen 12 días fixos ao mes ás que se lle suman as actividades non estables), dicía, o que sucede na Casa da Lectura paréceme un milagre que só é posible grazas ao entusiasmo, á entrega e ao volutarismo das persoas que participan. Non hai máis que ver nas fotos que reproduzo abaixo a complexidade das propostas plásticas que se levan a cabo cada semana. Un grupo amplo e diverso de persoas, coordinadas por Bea Pereiro, e coa frecuente colaboración plástica de Irene Silva e Beatriz Núñez, logran que ese miragre sexa posible, ao que se suma o apoio especial de todos os socios protectores e dos socios numerarios. A todo o equipo, os meus parabéns. Para tod@s nós é un orgullo pertencer a este proxecto.

Todas as persoas que compoñemos o equipo de Espazo Lectura (comentámolo con frecuencia) sentimos a emoción e o entusiasmo que supón ser parte dunha iniciativa intensamente gratificante e participativa, a pesar do inxente traballo que conleva para cada un de nós. Desde logo, nin a Casa da Lectura nin todo o proxecto de Espazo Lectura sería posible sen o apoio das numerosas persoas que enchen día a día as actividades que se organizan, o que demostra que os libros e a lectura tamén poden constituír un ámbito fundamental de encontro e relación social.





9.4.10

Lonxa literaria

Hai bastantes días que tiña pendente facer un comentario sobre a ridícula subvención concedida á Lonxa Literaria de Moaña, unha asociación pioneira na creación de clubs de lectura en Galicia. Curiosamente fun eu, con Males de cabeza, o primeiro escritor en abrir a súa liña de sesións dos clubs de lectura con presenza dos autores, hai nove ou dez anos. Posteriormente tamén participei na súa tertulia xuvenil, con O brillo dos elefantes, se non lembro mal. E mesmo colaborei na fermosa actividade ¨O conto viaxeiro¨, a través da que implican a todos os escolares do concello. A concesión dunha subvención de 83 euros a unha asociación cunha traxectoria coma esa constitúe unha feísima desconsideración a un traballo cidadán exemplar.
E, desde logo, non ten ningunha lóxica alegar que non se axustou ás bases da convocatoria, pois a concepción das subvencións de diñeiro público para estas iniciativas debe estar sempre ao servizo do traballo e das ideas pioineiras da sociedade civil e non ao revés. As que están a crear dinámicas interesantes e imitables son este tipo de iniciativas e suponse que as subvencións se convocan para poñerse ao seu servizo. En caso contrario, ¿que sentido teñen? De feito, a traxectoria da Lonxa Literaria de Moaña é amplísima, impecable, pioneira, e ten o mérito e a lexitimidade de ser a responsable de prender o lume dos clubs de lectura en Galicia, o que debería ser moi de agradecer, especialmente para unha institución pública. Aquí pode lerse unha descrición do seu labor. Se non se apoia institucionalmente este tipo de iniciativas, ¿como esperamos conseguir unha sociedade lectora?

26.6.09

Volve outra noite inesquecible



Toda a información, aquí.


Vídeo da Noite na biblioteca no 2008 (a primeira que se fixo en Galicia):

23.6.08

Unha noite entre libros

A noite na biblioteca resultou fantástica. Non hai máis que ver no blog de Espazo Lectura o que recolleron os informativos da TVG. Gondomar fixo dos libros e da biblioteca unha casa íntima, entanto as nenas e nenos durmían entre libros que lles acomodaban os soños.

19.6.08

Durmir na biblioteca

¿A quen non lle apetecería pasar unha noite na biblioteca? Espazo Lectura faino posible, cun programa de actividades atractivo e entretido. Haberá que facer un seguimento, a ver como vai a noite dos libros.

15.6.08

Sanxenxo

Estes días recibín os enlaces ao blog Bibliomanía, da biblioteca do IES Sanxenxo, que é a que organiza un certame literio moi orixinal. No certame participan os centros de ensino da comarca e consta de dúas fases: a primeira é de selección e realízase en cada centro de ensino; a segunda é a definitiva e nela, previamente citados, todos os rapaces e rapazas concursantes teñen que escribir un relato nun prazo de tempo de dúas horas a partir dun texto previo que se lles entrega. Este ano, os textos entregados foron un fragmento dun conto meu e outro dun texto de Elvira Pérez, que presidiu o xurado nesta edición.
Posteriormente ao fallo en cada unha das categorías, realízase un acto de entrega dos premios, nesta ocasión conducido por Pista Catro, que estiveron magníficos. Previamente á entrega, dei unha pequena conferencia no auditorio de Miraflores. A librería Nós, de Xaime Corral, é unha fiel colaboradora na organización deste orixinal certame. Os textos premiados serán editados nun volume pola Biblioteca do IES de Sanxenxo.




14.2.08

Publicitar a lectura

O blog de Espazo Lectura publica, entre outras cousas, un curioso e interesante anuncio publicitario sobre o fomento da lectura rescatado de Youtube, cun enfoque moi diferente ao habitual. De Espazo Lectura xa enlazamos en Cabrafanada, en ocasións anteriores, o blog do Contomar.

23.11.07

Berrobambán teatro, no Contomar

O Contomar continúa coas actividades de fomento da lectura que vén ofrecendo desde hai dous anos, esta vez coa programación dun espectáculo de Berrobambán Teatro titulado «Un conto que nin pintado» e baseado na animación lectora. Como di o blog do Contomar, «neste espectáculo Berrobambán emprega o teatro como medio de achega á animación á lectura, pois a lectura enriquece o imaxinario do público infantil e crea unha ponte coa ficción indispensable para a creación artística. O libro está presente non só na propia historia, senón tamén de forma físca nos obxectos, converténdose así no único e real protagonista do espectáculo». Será o Luns, 26 de novembro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Lástima que eu non poida asistir.

17.10.07

Comezou o Contomar

O pasado luns comezou o Contomar. Todos os luns ás 18 horas na Biblioteca Pública de Gondomar, organizado por un grupo de nais e pais. Co éxito de público habitual, o que demostra a demanda deste tipo de actos, fundamentais para a animación á lectura.


12.6.07

O mundo nos libros

O mundo enteiro nos libros. Esa é a nova idea viaxeira en Bibliolaxe.